A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 9 de diciembre de 2013

MANDELA


Carlos Dafonte

Ca morte do político surafricano, asisto atónito, a unha enorme onda de eloxios que se levantou na case totalidade dos medios de comunicación e entre todos os políticos entrevistados estes días. Dada a unanimidade dentro da disparidade dos personaxes e medios que opinan, tentarei  como o meu homenaxe póstumo a Nelson Mandela, sinalar algunhas cuestións sobre a súa figura que penso é necesario coñecer e que é máis real que a que se está a dar que deturpa a imaxe do falecido.

Unha primeira cuestión que sorprende é como poden eloxia-la súa figura personaxes tan dispares como Bush e Fidel Castro, cando a casta gobernante do país do primeiro axudou á Suráfrica do apartheid e o segundo, en verbas do propio Mandela a Clinton, presidente dos EEUU, con motivo da  visita á cela da prisión onde Mandela pasou tantos anos, díxolle que xunto con Gadafi foran os dous dirixentes que máis os axudaran na súa loita contra a segregación racial xenocida. Non esquezamos tampouco o apoio dos cubanos á derrota das tropas surafricanas no sur de Angola e a queda de Namibia, por non afirmar tan rotundamente que foi o exército cubano quen as derrotou, o que significou  unha importante axuda á queda do réxime racista de Pretoria. Despois da retirada entrou en crise a doutrina de “estratexia total” de P.W.Botha e os círculos reformistas afrikaners fóronse impoñendo o que trouxo consigo o trunfo do reformismo con F. W. De Klerk a liberación de Mandela e a apertura de negociacións.
Tampouco debemos esquecer o apoio do sionismo israelí ós gobernos xenocidas do apartheid, con Simón Péres á cabeza, que facían “campañas de imaxe” a nivel mundial, do réxime surafricano, ademais do subministrarlle apoio loxístico e en armamento. Agora Simón Péres eloxia a Mandela e ata é posible que participe nos actos na súa memoria.
Cando observo como os imperialistas o eloxian e o poñen de exemplo, penso que algo tivo que facer mal Mandela, en algo os beneficiou para que se comporten así.
En segundo lugar hai un intento, supoño que relacionado ca crise e o comportamento das masas traballadoras na resposta á mesma, de poñer como exemplo a un Mandela “pacifista”, que rexeita a violencia das masas, que logra con esa postura consegui-los seus obxectivos. E nesa conversión ó pacifismo de Mandela, non se elude ningún argumento, ata chegar, supoño que por falla de coñecemento dos que así actúan, a comparar ó dirixente surafricano con Gandhi.
Este loitou en Suráfrica contra a segregación dos hindús, pero non contra a dos negros ós que, hai numerosos escritos que o confirman, trataba dun xeito vexatorio, pois no fondo Gandhi era un racista que pensaba que a súa raza era superior, o que explica o seu apoio á colonización británica no continente africano e as barbaridades por eles cometidas.
Gandhi era ademais, un pacifista un pouco raro, que fixo campaña para que os hindús participaran nos exércitos británicos na primeira guerra mundial.
E por último, para non seguir con este tema, Gandhi era un machista confeso que pensaba, e o expresou en numerosas ocasións, que a muller non debía xogar papel algún na sociedade hindú, como non fora o de estar sometida ó home.
Mandela non era un pacifista e a mellor demostración de que non o era, é que foi un dos dirixentes do grupo armado do Congreso Nacional Africano (CNA), Umkhonto we Sizwe. No xuízo do ano 1962 no que o condenaron a cadea perpetua explicou que fora un dos que axudaran a forma-lo Umkhonto e que planificara diferentes sabotaxes e deu as razón da súa actuación diferenciando moi ben entre o que era o terrorismo e o que eran os sabotaxes e a función que tiñan: “En primeiro lugar, críamos que como resultado da política gobernamental, a violencia por parte do pobo africano volvérase inevitable e que, senón se controlaba os sentimentos do noso pobo, produciríanse brotes de terrorismo que intensificaría o rancor e a hostilidade entre as diversas razas do país, que nin unha guerra podería provocar.
En segundo lugar, consideramos que sen a sabotaxe non existiría xeito de que o pobo africano tivera éxito na loita contra o principio de supremacía branca. Todos os xeitos legais de expresar oposición a este principio quedaran anulados pola lexislación e atopámonos nunha situación na que tiñamos que aceptar un estado permanente de inferioridade ou desafía-lo goberno. (…) cando o goberno recorreu á demostración de forza para aplasta-la oposición a súa política, só entón, decidimos responder á violencia ca violencia”.
 E sábese que grupos como Umkhonto, non foron disoltos ata que se celebraron as primeiras eleccións democráticas que deron o trunfo ó Congreso.
Comparar a Mandela, un home situado claramente na esquerda ideolóxica, con Gandhi, un home que polo seu xeito de pensar pódese considerar da extrema dereita, paréceme un insulto para o primeiro.
Tamén se ten especulado moito estes días sobre si Mandela era comunista. Non teño datos sobre si pertencía ou non ó Partido Comunista; se pode ser sen pertence-lo Partido, pero o que podo afirmar é que non era inimigo; Mandela defendeunos en numerosas ocasións dos “africanistas”, que rexeitaban a presencia de brancos no CNA, e no PC había brancos pois baseábase na pertenza a unha clase e non a unha raza; que o PC traballaba dentro do Congreso, que era un dos piares fundamentais do mesmo e que Mandela recoñeceulle a súa actividade, firmeza, os seus sacrificios e vítimas, no acto comunista celebrado nun estadio de fútbol nos arrabaldes de Soweto, o día 29 de xuño de 1991, recen saíu do cárcere. Falou xunto o secretario xeral do partido Joe Slovo, condenando o intento do goberno de dividir ás forzas en loita, co chamado “complot vermello”. Mandela traballou toda a súa vida, con eles; ata o avogado que o defendeu o era. Utilizando unha expresión do réxime franquista para os que colaboraban estreitamente cos comunistas, foi un “compañeiro de viaxe” dos mesmos.
Toda negociación que abre paso a unha transición política, e no estado español coñecemos bastante ben esa cuestión, é difícil, e as veces cédese demasiado ás forzas que controlan o poder. A visión que teño é a de que Suráfrica era unha polvoreira e para evitar unha explosión, que podía levar a unha guerra civil de incalculable final, o CNA, e Mandela fixo valer o seu “capital moral”, cederon en demasía nas cuestións económicas para avanzar nas políticas, un home unha muller un voto, o que permitiu á maioría negra facerse cargo das institucións do estado, pero non do verdadeiro poder. A economía seguiu en mans da minoría branca e das multinacionais. A democracia non entrou na mesma.
Os negros en Suráfrica seguen a estar discriminados, a súa media salarial anual non supera os 6.000 $ mentres a dos brancos está por enriba dos 36.000 $; hai rexións en que esta diferenza é maior; o paro dos primeiros está por enriba do 31 %, o dos brancos un 8 %; os arrabaldes negros, onde vive a maioría da poboación, atópanse nunha grande parte sen asfaltar, con servizos moi precarios e a escola e sanidade públicas, da que se serven os negros, sofre constantes recortes. Estes días cúmprese o primeiro ano da matanza de 38 mineiros negros cando se manifestaban pola mellora de salarios e condicións no traballo. Aplicóuselles unha lei do apartheid que os facía responsables das súas propias mortes.
Mandela faleceu, a loita dos explotados de Suráfrica pola súa liberación continúa.


En Galicia no mes de decembro de 2013



No hay comentarios:

Publicar un comentario