A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 16 de octubre de 2016

QUE É O RÉXIME DO 78?



Roberto Laxe
 Desde o 15M tomou carta de natureza en amplos sectores da esquerda e o progresismo democrático, a denuncia do "réxime do 78", uns para rexeneralo, outros para levalo até o final, e os menos aínda, para romper con el. Pero, falamos do mesmo cando nos referimos ao "réxime do 78"?
 Caste e clase, como definir un estado
 Un estado é a forma histórica que ten unha clase social de se organizar para defender os seus intereses. O imperio romano era un estado escravista, que tivo diversos réximes (a monarquía, a república, o imperio), a Francia prerevolucionaria era un estado feudal, cun réxime absolutista, a Francia actual é unha democracia burguesa, un estado burgués, con formas democráticas.


O réxime é a maneira concreta da clase dominante para organizar as institucións do estado burgués, ligada á correlación de forzas entre as clases sociais e as fraccións da clase dominante. O estado, como forma de exercer o poder dunha clase sobre outra, ten como institucións fundamentais aquelas con as que se exerce, o exército e o poder xudicial. Un réxime ditatorial apóiase centralmente nestas dúas, e é a forza das armas a que lexitima a súa dominación; mentres que un réxime democrático introduce un elemento subxectivo, a lexitimación dese poder ante e entre a sociedade. Para iso precisa de institucións que se liguen á capacidade de decisión individual a través do voto.

As formas do estado están directamente relacionadas coas relacións sociais de produción, coas formas que asumen a propiedade privada e a acumulación de riqueza, e que se manifesta nunha organización institucional, da “caste”, concreta. A “caste” non son os propietarios deses medios de produción e distribución, senón os seus “xestores”. No escravismo, como no feudalismo, sexa o réxime que domine -é neste caso no que a utilización do termo “caste” adquire todo o seu sentido-, esas formas de acumulación de riqueza baséanse na expansión militar “en nome do deus de quenda”; son formas de explotación e opresión “manu militari”, polo que as castes militares ou relixiosas son as que teñen preeminencia no Estado e na mesma propiedade, confundíndose en moitas ocasións.

Pola súa banda, no capitalismo a acumulación de riqueza realízase de maneira directamente económica; baséanse no contrato de traballo, no asalariado / a “libre”, o que fortalece a necesidade de que as formas estatais, a través das “castes” políticas, lexitimen a explotación, pola contra, as explosións sociais sucederíanse constantemente. Por todo iso non podemos esquecer nunca, so pena de perdernos nas manobras da clase burguesa para lexitimar o seu dominio a través de recambios na “caste”, é que o estado actual, como o réxime, ten apelido; é burgués, construído para a defensa dos intereses da clase propietaria dos medios de produción, distribución e financeiros, e facilitar a acumulación de capital.

No Estado Español a caste, que si existe, é a capa dominante nese estado e nese réxime, e como tal, adquire o seu apelido. Non existe a “caste” en abstracto, é a caste dun estado burgués, e un réxime herdado do franquismo. Neste sentido poderiamos dicir que ten “dous apelidos”… e non vascos: é unha caste burguesa neofranquista. Á que por mor dun histórico pacto en 1978, súmaselle unha “caste” burguesa non franquista, o PSOE, e a “caste” sindical, máis coñecida como a cúpula dos sindicatos maioritarios.

A esencia continuísta do réxime do 78
 Historicamente o "réxime do 78" fai referencia á Constitución na que cristalizou todo o longo proceso da Transición, que comezase en 1970 cos procesos de Burgos, cando a mobilización social derrota por primeira vez á ditadura impóndolle a conmutación das penas de morte contra os condenados, por penas de prisión; e terminaría o 23 F do 81 coa lexitimación como "demócrata" do novo Xefe do Estado, o rei Juan Carlos. Non foi un proceso lineal, na que algúns franquistas se converten en "demócratas", agrupándose ao redor da figura de Suárez e a UCD, mentres outros se encastelan no bunker franquista, con Fraga e os seus como referentes; senón que foi un período de duras, durísimas loitas obreiras, estudantís e populares, con decenas de mortos, feridos, detidos, etc. como as folgas de Ferrol, Vitoria,…

Foi un período de aguda da loita de clases, resultado da crise dunha das ditaduras máis salvaxes do século XX, equiparable á nazi. A forza do movemento abriu gretas en entre a burguesía, que se dividiu en varios bandos sobre a política de como enfrontar e derrotar ao movemento obreiro e popular. A UCD representaba ao sector "negociador", maioritario a partir do 76, tras a morte do ditador e as grandes folgas de comezos dese ano, que tomban ao primeiro goberno da monarquía, o Arias-Fraga. Pola súa banda, Alianza Popular recollía os sectores duros que negaban calquera negociación cos representantes do movemento obreiro e o que se deu en chamar a "oposición" democrática, agrupada na PlataJunta.

A fortaleza do movemento antifranquista, animado polas revolucións portuguesas e gregas que derrubaran ás súas ditaduras, fixo que as forzas democráticas entrasen a negociar coa UCD unha saída a unha crise que ameazaba con desbordar os marcos do sistema capitalista; cousa que puntualmente sucedera (as mencionadas folgas de Ferrol ou Vitoria, por exemplo). Pola súa banda, as burguesías vascas e catalás facía tempo que romperan as pontes co réxime franquista, eran parte desa oposición democrática, e coa súa mera presenza cuestionaban unha das patas do poder do Estado Español, a súa unidade centralista.

Nestas condicións de conflito de clases e entre as mesmas fraccións da clase burguesa empantanado, era necesario un árbitro que, aparentemente por encima das clases e os seus diferentes sectores, cumprise un papel de intermediario "neutral", ou de “Bonaparte” no sentido que Trotski dálle ao termo, recolleito do 18 de Brumario de Marx, cando analiza o ascenso de Luís Bonaparte ao goberno de Francia. O bonapartismo prodúcese cando a clase burguesa, polas súas divisións internas, é incapaz de impor á clase obreira e o pobo unha vitoria, e delega nunha figura, normalmente unha persoa que polas súas características pode aparecer como "intermediaria" nos conflitos sociais. O rei cumpría este papel entre os sectores da burguesía franquista posto que fora posto polo propio Franco. Non así, respecto da burguesía vasca e catalá, nin moito menos respecto ao movemento obreiro.

Ao longo dos anos posteriores á morte de Franco prodúcese unha negociación entre os diferentes sectores sociais en conflito, sexan burgueses ou non, que culminan nos acordos asumidos por todos, desde o PCE até a UCD ou AP, menos polo PNV, nos pactos constitucionais; na Constitución que dá nome ao Réxime, a do 78. O rei é admitido como o árbitro dos distintos conflitos sociais. Desde a dereita non houbo ningún problema, era un dos seus... Os problemas xurdiron desde a clase obreira e o pobo, ante os que tiveron que lexitimalo como "demócrata".

A Transición, coa súa Lei de Amnistía, foi o punto e final da ditadura, liberando aos responsables dos crimes do franquismo das súas responsabilidades. O Réxime do 78 foi como as institucións fundamentais do franquismo, a xudicatura (a Audiencia Nacional herdeira do Tribunal de Orde Publico), o exército e o rei, convenientemente adornadas, pasaban de ser criminais a ser "democráticas”. Ningún deles tivo nunca que responder os seus crimes, mesmo agora, 40 anos despois, hai que aguantar ao ministro de Gobernación/Interior do PP dicir que "eles gañaron a guerra".

Pero esta Transición tivo outro efecto, non por menos visible, máis demoledor para a sociedade española. O continuísmo institucional con adornos democráticos supuxo que o chamado franquismo sociolóxico mantivese intacta a súa conciencia de "vencedores" da guerra, e os privilexios que iso levaba. Non existiu ningunha “reconciliación nacional” como preconizaba o PCE, posto que esa "reconciliación" só significou que con ela, a esquerda, a clase obreira esquecía os crimes dos represores, mentres estes, e a base social na que se apoiaba (e apoian) seguían (e seguen) considerándose os "vencedores" da guerra.

Porque este é un dos elementos decisivos de toda a historia. O franquismo ao longo de 40 anos creou unha ampla base social, o chamado "franquismo sociolóxico", sobre as prebendas a ex soldados e militares falanxistas, franquistas, requetés, tradicionalistas, carlistas, opus deístas e demais familias "ideolóxicas" que apoiaron o golpe e viviron, como dixo Mayor Oreja, baixo a "placidez" da ditadura. Tras a figura de Franco, e baixo o réxime corrupto que dirixiu, creceron fortunas sobre a base do roubo das propiedades de todo aquel que fose acusado de "vermello" ou "republicano", o estraperlo, a construción de obras publicas a base de subvencións do estado (encoros, estradas,...) e a mesma reconstrución dun territorio devastado por tres anos de guerra civil.

O franquismo deu prebendas aos "cabaleiros mutilados", como se chamaba aos feridos da guerra, até nos asentos do transporte publico, ás viúvas dos militares franquistas en forma de estancos ou expendedores de lotaría. E co desenvolvemento dos 60, á calor dos "30 gloriosos" europeos, que xerou un turismo que, hoxe como onte, convertíase na única industria puxante dun capitalismo anémico e corrupto, callou unha conciencia en sectores dos asalariados / as, fillos da xeración derrotada da guerra civil, de "con Franco vivíase mellor".

Esta base social, os fillos deses sectores que seguen vivindo do enriquecemento dos seus pais e avós, e sentan en consellos de administración de pequenas, medianas e grandes empresas; é o franquismo sociolóxico que dá ao PP esa aparencia de fortaleza social e mantén intactas estruturas ideolóxicas impensables en estados como en Alemaña ou Italia: admitirían como normal que o estado financiase a "fundación Adolf Hitler" ou a "Benito Mussolini" como no Estado Español se fai coa “Francisco Franco”. Como o franquismo nunca foi derrotado, senón que foi "adornado" con formas democráticas, a súa base social segue vendo nel un réxime de "placidez" que se traslada agora á "estabilidade" das maiorías absolutas do PP. Como non vai gobernar o PP, se "gañou" as eleccións, en base a unha lexislación electoral creada para garantir esa estabilidade, como "gañou" a guerra, e deulle todos os dereitos a facer o que lles viñese en gana. Para un "franquista sociolóxico" é impensable outra opción.

En conclusión, o réxime do 78 é a cristalización dunha correlación de forzas moi precisa, nun momento histórico concreto, no que a burguesía, polas súas divisións internas, e a clase obreira e o pobo polos seus dirixentes, que preconizaron unha "reconciliación" que nunca existiu, buscaron un "home bo", neutral, un "bonaparte" que como un "pai" evitase os conflitos entre os seus fillos: unha concepción paternalista da política, dunha clase que foi incapaz de facer a súa revolución burguesa. A case 40 anos desa Constitución, o franquismo sociolóxico segue existindo e ten unha marca política, o PP e un xefe do estado que sen dubidas reivindica ese pasado neofranquista; mentres a clase obreira vese sumida nun sempiterno proceso de reorganización.

O elo débil



A crise do PSOE e da esquerda hai que vela, xusto neste marco. A cadea sempre rompe polo elo máis débil, e a que sostén o réxime rompeu pola chamada “esquerda”; a que se sitúa na súa á esquerda. Porque se a Constitución do 78 foi a cristalización legal dunha correlación de forzas, os case 40 anos que transcorreron romperon esta correlación de forzas. Mentres a burguesía, á calor da crise tende a unha maior centralización do poder en mans do Estado central, o que lle xera problemas cos “periféricos”, pero mantén máis ou menos intactas, as superestructuras políticas coas que entrou no Réxime do 78 (a monarquía, o exercito e a xudicatura), a clase obreira e os pobos viron como as súas organizacións, ou ben han ir desaparecendo unha tras outra (as organizacións da extrema esquerda), ou se instalaron no “á esquerda” do réxime. O PSOE é a última vítima deste cambio na realidade social.

A esquerda que apoiou e integrouse plenamente no réxime, chamando a votar si á constitución que lle pon nome, está hoxe practicamente desaparecida, e as novas xeracións de traballadores e traballadoras viron como o fío vermello que une as súas loitas coas dos anos 60 e 70 desapareceu, obrigando a un constante “renacer”.

Entender o verdadeiro carácter do réxime do 78, como o conxunto de institucións que co aval da esquerda que daquela chamaba-se reformista, conseguiu, primeiro conxelar, e despois derrotar ao movemento obreiro e popular. Un conxunto de institucións que teñen unha clave de bóveda na institución monárquica que lles dá coherencia e continuidade, de aí o seu carácter inviolable e o pacto de silencio que hai ao seu ao redor.

Os problemas para este réxime é que a crise detonada no 2007 puxo de manifesto, de novo, o carácter anémico do capitalismo español, baseado como sempre no turismo e a construción, ademais do saqueo das contas publicas a través da corrupción galopante; e agora non teñen ningún PCE ou PSOE, coa autoridade que estes tiñan na Transición, un por ser a vangarda na loita antifranquista e os outros pola súa historia, que poidan reconducir as inevitables loitas obreiras e populares que se van a dar; senón que a nova clase obreira, aínda que teña que aprender case da nada, terá que construír novas organizacións políticas, sindicais e sociais, tal e como a clase obreira fixo, e en condicións mil veces peores (o cárcere ou a morte era o que esperaba a calquera activista), nos anos 60 e 70.

O 15M puxo sobre a mesa o feito de que a cadea do réxime do 78 rompeu polo elo máis débil, era a base social do  PSOE a que o protagonizou, pero porque a clase obreira non foi a protagonista, senón as clases medias empobrecidas pola crise, non sacou todas as conclusións que desa crise débense extraer: o réxime bonapartista do 78 é a única maneira que ten o capitalismo español de organizar a sociedade. Acabar co réxime do 78 significa golpear no corazón do capitalismo, por iso, mesmo cando outro sector burgués, o catalán agora, pon en cuestión unha das patas do réxime, a súa estrutura centralista, os berros da burguesía centralista escóitanse en todo o mundo. Non poden admitir tocar nin unha soa coma da Constitución, salvo para endurecela (articulo 135): os gobernos pasan, o réxime persiste e iso é o que dá estabilidade ao capitalismo español.

En Galiza no mes de outubro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario