Carlos Dafonte
É a miña opinión que non sei si vale moito ou
pouco, pero entendo que a partires da constitución do novo Parlamento en
Galicia, En Marea ten que afrontar varias tarefas dun xeito ineludible e aínda
que unhas as sitúe en primeiro lugar e as
outras vaian despois, non significa que sexan prioritarias, máis
importantes que as demais, todas creo, deben abordarse conxuntamente.
En primeiro lugar hai que facer un esforzo para que o proxecto de sociedade e o programa de En Marea sexa coñecido, que respondan os devezos manifestados por unha parte da sociedade galega que quere cambiar aspectos da sociedade e escolleu a En Marea como vehículo do cambio, aínda que non coñecera moi ben o propio programa; esa é unha realidade da que hai que partir. O voto manifestado a favor da formación podémolo considerar como un voto dado na confianza de que se van facer cousas das que na propia campaña nin se falaron, polo tanto é un voto feble, pouco consolidado que pode marchar cara a outras formacións ou á abstención se as expectativas cas que foi depositado se traizoan. Se o que digo é certo, o programa non pode ser elaborado nun “laboratorio”, debe selo a partires do contacto ca sociedade, dos seus diferentes sectores, o que significa un alto grao de organización.
Un segundo aspecto que ten moito que ver co
anterior é afrontar que a maioría absoluta do PP reflicte unha determinada
correlación de forzas existente na sociedade, onde maioritariamente o proxecto
que representa este partido, aínda que non satisfaga nin a unha parte dos
propios votantes é coñecido, “sábese o que hai” así como as limitacións de quen
o vai a seguir levando adiante. Que a maioría absoluta non se consigue senón é
cunha organización poderosa, ben asentada na sociedade e que moitos dos seus
afiliados, campesiños en difícil situación, xubilados con baixas pensións,
pequena burguesía en tránsito cara á proletarización, tamén xente en paro, etc,
xentes do pobo, votan ó PP e colaboran co mesmo, grazas a toda unha serie de
redes clientelares que é necesario estragar; e dicir hai que rachar ca
hexemonía político cultural que hoxe exerce este partido na sociedade para que
non se repitan as maiorías absolutas como aconteceu despois da etapa do goberno
bipartito.
A terceira cuestión moi atrelada cas outras
dúas, é algo que levamos moitos anos defendendo dende este blog, que a política
transformadora das estruturas actuais, tanto no eido institucional como no
social ou económico, non será eficaz por moito énfase e traballo que se poña,
si só se quere levar adiante dende as institucións. Que o PP teña maioría
absoluta dificulta ó labor institucional pero aínda que non fora así, só dende
as institucións que configuran o estado da burguesía é imposible levalas a cabo
senón se produce unha potente mobilización social. E mobilizar significa en
primeiro lugar informar, manter a unha parte da poboación, a maior que se poda,
con capacidade de entender as diferentes solucións ós problemas que están a
vivir e convencer de que as que son defendidas por En Marea, son as máis
efectivas para a defensa dos seus intereses; se iso se consigue o seguinte paso
é máis doado que se poida dar, que os afectados sexan capaces de expresar
publicamente a súa posición e facelo conxuntamente, pasar a un estadio
superior.
En Marea ten a, que chamaría dun xeito un
pouco bombastico, “misión histórica” de facer comprender dun xeito sinxelo á
maioría d@s traballador@s as razóns da necesidade de gaña-lo dereito de
autodeterminación, como solución ó problema nacional existente no estado,
compoñente esencial da loita de clases e aguzado na situación actual de
concentración e centralización do capital.
Pero nada do anterior se poderá acadar, se as
forzas políticas e as estruturas non partidarias que configuraron En Marea non
fan unha reflexión sobre o mellor instrumento para levar adiante as devanditas
tarefas. Hoxe é un xermolo dun poderoso movemento galego que por primeira vez
conta con forte arraigo nas institucións; pero é un movemento sen organizar, no
que existen numerosas forzas centrífugas que lle poden poñer atrancos
suficientes como para que non conte con capacidade eficaz de actuación;
comezando por intereses que teñen moito que ver cos obxectivos a curto prazo de
determinadas organizacións e concluíndo por remarcar máis, por parte de quen
sexa, o que desune que o que une.
Considero esencial abri-lo debate sobre si En
Marea vai ser como foi AGE, só un grupo parlamentar onde cada un dos seus
compoñentes teña independencia de movementos, ou se vai converter pola expresa
vontade dos mesmos, nun movemento político-social-cultural organizado artellado
a redor dun programo e dun proxecto de sociedade concreto. Dende o meu punto de
vista hai que supera-lo proxecto de AGE, que permitiu un avance importante a
sectores transformadores da sociedade galega, pero as novas condicións creadas
pola aparición de En Marea, exixe un paso adiante.
En Galicia no mes de outono de 2016
O mes de outono?
ResponderEliminarTes razón, creo que nos 10 anos que levo colgando artigos no blog, nunca cometín erro semellante, cecais funcionou en mín un reflexo do xeito en que antes de estar normativizado, como se lle denominaban falando coloquialmente ós meses, e marzo era marzal, outubro era outono e decembro era nadal
Eliminar