A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 2 de octubre de 2016

É NECESARIO O PSOE?

Carlos Dafonte

Diante da crise de todo tipo, política, electoral, de estruturas internas, que podíamos cualificar de estrutural, na que se atopa o Psoe, numerosos comentaristas que son convocados nos medios de comunicación hexemónicos de todo tipo, TV's, diários, radios, periodistas dos mesmos, líderes políticos e sindicais e xentes a quen se lles pregunta polas rúas, contestan case unanimemente, que o Psoe “é un partido necesario” para a estabilidade do réxime, do sistema e toda outra serie de consideracións cas que non estou de acordo.

Creo que os partidos políticos, nunha democracia burguesa ou noutro tipo de democracia máis avanzada, xogan papeis importantes; e son necesarios ou non, segundo as políticas, sobre todo económicas e sociais que levan adiante e o punto de vista de quen conteste a esa pregunta, cuxa resposta sempre ten que ver ca consideración que teña de a que clase pertence.
Que contestarían á pregunta sobre se Podemos ou IU son necesarios, a maioría dos militantes do Psoe? Afirmarían que a democracia necesita estabilidade e que o que máis estabilidade produce nun sistema “político moderno” é o bipartidismo forte de corte anglosaxón. Afirmación que se leva machaconamente repetindo dende hai trinta anos, que é unha falacia, unha estulticia, pero que a base de repetila, unha parte maioritaria da sociedade acepta como unha máis das convencións que a clase dominante ten metido na conciencia, como parte do sentido común no eido da política.
Nin os partidos políticos nin os dirixentes son imprescindibles e en política non existe o baleiro, se algún deixa un espazo baleiro, axiña é ocupado por outro partido. No franquismo, o Psoe que era o grande partido da II República, case podíamos afirmar que eran tres partidos, o de Besteiro, o de Prieto e o de Largo Caballero, “o Lenin español”, (a quen se lle ocorreu estaba de broma?), desapareceu do panorama político, tomouse unhas vacacións de corenta anos, e o espazo da oposición á ditadura ocupouno o PCE.
Agora o Psoe declina, do mesmo xeito que o fai o réxime; moit@s das seus votantes o abandonan como o “partido da esquerda” que fabricaron poderes espurios; as etapas que foi superando para constituirse como tal, comezan a ser coñecidas; o congreso celebrado en Suresnes, onde o equipo de Felipe González se fixo co poder, para ir dende o estado español ata a localidade francesa, moitos deles utilizaron, segundo o libro de Grimaldos, os pasaportes que lles deron no Ministerio do Interior franquista ca condición de devolvelos; podíamos preguntarnos, a cambio de que?. Máis tarde polo que o presidente Suárez lle contou a Carrillo, esta nova dirección tan progresista, presionáballe para que se celebraran as primeiras eleccións xerais sen legalizar á esquerda; despois o militante socialista Juan Garcés, relatou noutro libro, como o seu partido, pactou cos poderes económicos, o exército e a igrexa para que lle permitiran chegar a domina-las institucións, cousa que conseguiron a partires do ano 82. Isto lle vai permitir gobernar durante 14 anos, unha grande parte dos mesmos con maioría absoluta, e foi o principal redactor das “leis fundamentais do reino” que foi aprobando nunha parte das mesmas, pactadas ca dereita liderada por Fraga; nunca o Psoe solicitou o consenso con quen se situaban a súa esquerda; é o pai do actual réxime na súa maior parte e quen nos condenou polo xeito como negociou a entrada na UE, a ser un país de servizos baratos, onde as grandes industrias aquí asentadas, as do automóbil por exemplo, son resultado da deslocalización e cuxos beneficios se levan ó exterior. Un partido que nos converteu nun peón subsidiario do imperialismo máis agresivo e cruento, modificando a súa posición sobre a nosa pertenza á OTAN; o partido da corrupción xeneralizada en numerosos instrumentos do estado e o que pulou o terrorismo dende as institucións buscando atallos para poñer fin á violencia de ETA e creou o Gal, bandas de asasinos a soldo pagados cos “fondos de reptís”, trama que levou a un ministro e altos cargos do ministerio á cárcere. Non esquezamos que foi un entusiasta da creación da fisonomía da actual UE, aprobando os tratados de Maastricht, Niza, Lisboa e aquela Constitución, xunto co PP, que foi rexeitada por varios países o que non permitiu que entrara en vigor; a UE, que impón á maioría da nosa sociedade recortes sen límite, para beneficiar fundamentalmente á banca. Pero o que considero máis grave é que ca súa imaxe de esquerdas, construída dende os medios de comunicación hexemónicos en poder da oligarquía financeira, convenceuse a unha parte en tempos maioritaria da sociedade, de que as políticas económicas neoliberais que aplicaban os seus gobernos eran “as únicas posibles e eran políticas de esquerda”. Tiveron que pasar moitos anos, ata que chegou a crise económica a partires de 2007, para que ese castelo de naipes comezara a caer ó que tamén axudaron as reformas laborais e fiscais de Rodríguez Zapatero, as medidas ditadas pola UE e aceptadas polo seu goberno en 2010 e o cambio do articulo 135 da constitución en alianza co PP.
O réxime atópase en crise, cada vez son máis electores os que consideran que o deterioro da vida da xente traballadora nos últimos anos ten moito que ver co mesmo, e o Psoe aparece como un dos culpables. Non podía ser doutro xeito. A súa crise vai en paralelo á crise do réxime e cando estala, como acontece estes días, vese que non é un partido de ideas, é un instrumento de poder, que cando discuten o fan de estatutos, de cuestións que a ninguén importa, non discuten de programas, de proxectos políticos, as súas discusións, cando as teñen, son sobre consignas, sen argumentación, elaboradas por “gabinetes especializados” que lles indican o que deben dicir e repetir ata a saciedade, segundo o que os futuros votantes pensan e que reflicten as enquisas. Os dirixentes discuten polos postos de saída e tanto estes como a maioría dos militantes, asumen como argumentario propio as editoriais de determinados diarios cando lles son favorables, escritas polos novos “intelectuais orgánicos” do réxime.
Algunhas reaccións de xente que considero válida, diante da dimisión de Sánchez, afirman trabucándose, que gañou o Ibex 35, e non podo eludir preguntarlles, cando se asinou o pacto Psoe-C’s, un pacto cun partido financiado polas grandes empresas, que permitiu abrir nos medios de comunicación pulada polo propio Psoe, unha campaña histérica contra Podemos, a quen se acusaba de estar ó servizo de Rajoy e o PP, quen gañaba?. Non creo que con ese pacto foran saír gañando @s traballador@s e demais sectores explotados da sociedade.
E a aqueles que consideran posible que os sectores de “esquerda” que apoian a Sánchez, podan entrar en Unidos Podemos se o Psoe creba, e fortalecer o bloque que se enfronta ó PP, había que preguntarlles sobre cantos destes militantes se enfrontaron ó pacto do seu partido con “Ciudadanos”, un pacto que os situaba máis na dereita do que xa normalmente se atopan.
Hai que analizar con calma a situación, non precipitarse nos análise. @s explota@s do estado español necesitan un partido de esquerdas situado na corrente anticapitalista herdeira do marxismo, non necesita para nada do Psoe, un sucedáneo que baixo esa etiqueta do grande partido da esquerda, esconde contradicións que o sitúan no campo da burguesía máis reaccionaria, dos grupos oligárquicos que sentan ós seus antigos dirixentes, que seguen a ter moito poder dentro do partido, nos consellos de administración de grandes empresas; grupos oligárquicos sempre presentes na nosa historia, sempre explotando dun xeito inmisericorde @s traballador@s, apropiándose da riqueza que producen, e sempre como non podía ser doutro xeito, baixo o amparo do estado que lles construíron.

En Galicia no mes de outono de 2016





No hay comentarios:

Publicar un comentario