A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 7 de noviembre de 2016

ALGUNHAS REFLEXIÓNS SOBRE A INVESTIDURA DE RAJOY




 Carlos Dafonte

Non vou a cualificar con verbas grosas o feito de que o Psoe, ca súa abstención facilitase a investidura de Rajoy. Era o esperado. Hai moitos anos, en 1993, nos estertores do “felipismo” afogado pola corrupción, as políticas contra os traballadores, o terrorismo de estado, a desindustrialización do territorio, a permanencia na OTAN, e algunha miseria máis, cando perdeu a maioría absoluta, rexeitou a proposta de 18 puntos de IU, que non eran máis que un reducido programa socialdemócrata, que lle brindaba colaboración para ter un goberno estable e escolleu o apoio da CiU de Pujol. A partires daquel momento comecei a considera-lo Psoe como un partido ó marxe do concepto de esquerda; con anterioridade, despois de renuncia-lo marxismo, sempre considerei, e o paso dos anos e as actividades dese partido o confirmaron, que se situaba nunha perspectiva de non enfrontamento co capitalismo, que é o campo que verdadeiramente define, por moito traballo que realicen os voceiros e plumíferos do mesmo para convencernos do contrario,  se te sitúas na dereita ou na esquerda.

A etapa de Rodriguez Z. como secretario xeral e como presidente do goberno, caracterízase polo intento de rachar dalgún modo ca etapa “felipista” e todo o grupo de dirección que se formara nos 14 anos do primeiros gobernos do Psoe, e vai tomar medidas que rachan co pacto tácito que permite o bipartidismo e sobre o que se asenta o réxime, cunha das súas premisas fundamentais o apoio ó goberno nas aventuras exteriores, o que leva, unha vez gañadas as eleccións a propicia-la saída das tropas da guerra de Iraq. A mobilización contra a guerra e o repudio dos traballadores e outros sectores da sociedade a Aznar e o seu goberno, lle permitiron gaña-las eleccións no ano 2004. Non esquezamos que se hai algunha actividade que é inherente o capitalismo e o imperialismo é a guerra, o método idóneo para levar a cabo a política de rapina sobre os pobos que, polas razóns que sexan, non se someten ós ditados das “forzas imperiais”.
Pero amais desa cuestión, dende a cúpula do partido formuláronse sen que tiveran moito contido práctico e as veces cheas de contradicións respecto do levado a cabo, toda unha serie de propostas como a de avanzar na laicidade do estado, rachando co pacto que tiña ca Igrexa e que xunto co dos poderes económicos e o exército, permitiron o apoio para chega-lo goberno en 1982; e dicía contradicións xa que foi a época na que a Igrexa recibiu máis prebendas. Falouse tamén dun novo concepto de nación, a “nación de nacións” ou a “España plural”, que se enfrontaba co estado unitario e parecía se quería avanzar cara a un estado federal o que levaría á modificación da Constitución; neste senso tampouco hai que esquecer as verbas de Rodríguez Z dirixidas ós catalás de que o que aprobase o seu Parlamento sería aprobado nas Cortes, cousa que non fixo. Levouse a cabo unha certa crítica á “sacrosanta transición española” e aprobouse, aínda que sen chegar ó fondo da cuestión, unha Lei da Memoria Histórica. Aprobáronse tamén as leis que permitían as vodas de gays e lesbianas e modificacións sobre a do aborto. En momentos de avance do islamismo radical, como consecuencia das intervencións imperialistas en Oriente Medio e Próximo e o Plano dos EEUU de reorganización de todo o territorio, formulouse a necesidade dunha Alianza de Civilizacións. E un cambio de estratexia comunicacional, o grupo de comunicación que apoiou ó Psoe durante toda a democracia, Prisa ou o que quedaba del, comprobaba como dende o goberno se apoiaba a creación de outro para que o Psoe non dependera só do de sempre; o primeiro en reaccionar foi Felipe González nunha conferencia pronunciada no Círculo de Bellas Artes de Madrid, onde criticou a actitude que se tiña cos “grupos mediáticos amigos”.
Unha grande parte destas propostas foron respondidas con mobilizacións por parte do PP que contou co apoio de poderes fácticos como a Igrexa, nunha campaña desmedida de oposición que más parecía un axuste de contas pola levada a cabo contra a guerra de Iraq. Hai que dicir que Rodríguez Z retirou as tropas de Iraq e levounas a Afganistán e a outros países e participou activamente da destrución de Libia permitindo que o Estado Islámico se asentase na nosa “fronteira sur”.

As contradicións da etapa de Rodríguez Zapatero.
Á xeración “felipista” lles entrou pavor a perde-lo control do partido e como recordaba un antigo dirixente do Psoe pertencente á corrente interna denominada “esquerda socialista” nun coloquio, un deles escribiu na terceira páxina do ABC algo tan definitivo como “que nos devolvan o partido”, o que explica a fugaz aparición de Rubalcava após a renuncia de Rodríguez Z ó cargo de secretario xeral, intento que os malos resultados electorais non permitiron consolidar.
Os devanditos debates que na etapa de Rodríguez Z, sen moitos contidos, se abriron na sociedade, aínda que posiblemente o tentase, non configuraron ó Psoe na conciencia colectiva, como un partido de esquerdas, acentuaron si, o seu carácter de progresista. A nivel económico seguiu a ser un partido neoliberal, implacable contra @s traballador@s, cas reformas de 2006 e as de 2010, o apoio á frustrada aprobación da Constitución Europea e a modificación do art 135 da Constitución do estado. E tivo que sufrir dúas folgas xerais.
Aquelas engaiolantes verbas por el pronunciadas de “nunca os traizoarei” e “sempre me teredes ó voso lado” dirixidas @s traballador@s, convertéronse en “augas de fregar” e levou ó Psoe ós peores resultados da súa historia no ano 2011.
O 15 M veu a afondar aínda máis na súa crise, aparecía Podemos tan progresista como eles e aínda que dicían que non eran de esquerdas nin de dereitas, senón que estaban para defender ós de abaixo fronte a minoría que se atopaba arriba, a casta, co seu discurso, ca confusión ideolóxica introducida no estado sobre o que é un partido de esquerdas, moit@s traballador@s os identificaban como unha forza de esquerdas, a esquerda do Psoe e tamén de IU.
A elección de Pedro Sánchez non podía modificar as perspectivas electorais do partido, non é cuestión de imaxe, un home máis novo, máis alto, que Rubalcaba e os resultados electorais, foron empeorando e no longo espazo no que o goberno estivo en funcións, que se produciron novas eleccións xerais e autonómicas en Galicia e o País Vasco, presionado por Podemos e os que querían recupera-lo partido para a fidelidade ó réxime, transitou por unha senda chea de contradicións e posturas improvisadas que para moit@s votantes é indicativo de non saber cal é a saída do labirinto no que se atopa atrapado. Deu a impresión de que os resultados electorais que en condicións normais, creación dun goberno estable, levarían a dar por terminada a carreira política do secretario xeral, na situación dun goberno en funcións, lle permitiu toda unha serie de manobras que alongou a súa permanencia no posto e xogar a ser un “camaleón”.

O réxime necesita de todos os seus alicerces.
Nas circunstancias actuais, a pregunta que debémonos facer é a seguinte: o réxime, comprendido este como algo máis que un sistema político, necesita do Psoe para súa estabilidade política? Eu considero que si, necesita do Psoe, pero dun Psoe en mans dos que fixeron que Pedro Sánchez fora descabalgado, moitos que se atopan en consellos de administración de grandes empresas e no propio El País, e moit@s outr@s que foron importantes dirixentes, que teñen predicamento entre unha parte da militancia  e pensan, xa que eles foron protagonistas,  que calquera tempo pasado foi mellor e aínda que non ocupen cargos, consideran que polo seu pasado as súas opinións e directrices deben ser seguidas por quen os ocupa. González, penso, e o El País, non houberan xogado tan forte de non ser así.
Creo pois, que o réxime sigue a necesitar tanto do PP como do Psoe; Unidos Podemos non é fiable e polo de agora, veremos como evoluciona nos próximos meses, para a clase hexemónica, imprevisible. O réxime segue a necesita-lo bipartidismo para que cumpran co seu papel, un o de dereitas e outro o de esquerdas, como ó longo de todo este período de democracia;  para que a dicotomía non sexa continuidade fronte a cambio. Pero para que sexa así, tanto o PP como o Psoe necesitan unha certa estabilidade; o primeiro para consolida-lo seu goberno, o segundo para atopar unha saída para a actual situación de debilidade orgánica, ideolóxica e electoral do partido e iso significa tempo, en que os dous, sen formar a grande coalición, se teñen que apoiar.
Necesítanse para que cada un leve os seus obxectivos a bo porto. Polo tanto o apoio ó PP  por parte do Psoe, vai sobrepasa-la investidura e a abstención vai ser con toda probabilidade unha postura moi recorrente. De ser así, Rajoy non disolverá as Cortes e esperará a que o Psoe recupere musculatura.
Estabilidade no goberno a necesita para aplica-los recortes que a UE exixe, pero os apoios do Psoe ós mesmos, non van a axudar moito a este partido a que se estabilice internamente após a crise na que vive.
En calquera caso só a mobilización popular, ter ós traballadores informados de todo canto acontece e a necesidade de actuar contra as medidas que previsiblemente se van tomar, pode rachar con este intento de estabiliza-lo réxime en medio da súa crise máis fonda e prolongada. Pero sempre para poder avanzar por este camiño, no horizonte, atópase a necesidade de reconstruír un movemento obreiro combativo nos dous aspectos fundamentais, no sindical e no político.

En Galicia no mes de novembro de 2016.

No hay comentarios:

Publicar un comentario