A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 11 de septiembre de 2017

LENIN, A SÚA IMPORTANTE CONTRIBUCIÓN Ó PENSAMENTO REVOLUCIONARIO(III)


Carlos Dafonte.
Non fai falla ser un grande observador para decatarse que a crise económica deixou en evidencia unha realidade que en momentos de “normalidade social”, se podemos dicir que aconteza unha situación que podamos denominar así no capitalismo, non é fácil constatar: que no sistema capitalista o Estado no permanece neutral no proceso de loita de clases, que sempre con maior ou menor violencia se está a desenvolver na sociedade. Para a maioría nestes anos de crise, conxelación das pensións, reforma laboral, modificación art 135 da constitución no senso de pagar antes a débeda que non se coñece moi ben como se acumula que facer fronte a gastos sociais...para os poderosos non paga-lo rescate bancario e as grandes empresas pagando un imposto de sociedades moi baixo cando teñen importantes beneficios. Para a grande maioría postos de traballo con salarios moi baixos e o número de multimillonarios e ricos medrando.
Os que defendían unha posición contraria, aínda que moitas veces non sexan proclives a acepta-la realidade, terán que asumi-lo trabucado da súa posición e recoñecer despois de anos de crise, que na UE, os estados actuaron en defensa dos intereses da oligarquía, pois como acontece en toda crise da características da que asola as nosas sociedades, esta serve, ademais de disciplinar á clase traballadora e transvasar rendas do tráballo ás rendas do capital, para remodelar mercados, expulsar dos mesmos ós máis febles e consolidar ós máis poderosos. E nesa remodelación sectores da pequena e media burguesía tamén se viron afectados.

Ademais a crise deixou moi claro a inexistencia dunha alternativa desde os partidos que se consideran socialdemócratas, que no caso do estado español confluíron, como dato máis salientable cos conservadores na modificación constitucional do artigo 135. Ese día “non tocaba” defende-la Constitución.
A cuestión do Estado
Polo tanto considero de interese recordar o que os marxistas, os seus principais teóricos formularon sobre o estado e neste caso, no 100 aniversario da Revolución bolxevique en Rusia, as apreciacións do seu principal dirixente sobre este tema.
No mes de agosto de hai cen anos, Lenin redactou un texto fundamental sobre a cuestión do Estado, “O Estado e a revolución”, nunhas difíciles condicións políticas e persoais, despois dos acontecementos de xullo que levaron ó seu partido á clandestinidade e a ter que abandonar o seu país.
Lenin deixa claro desde as primeiras liñas do devandito texto, que a súa misión consiste “en restaura-la verdadeira doutrina de Marx acerca do Estado”. Pero tamén hai que entendelo como un texto que precede á toma do poder, posibilidade que a pesares das dificultades do momento, Lenin percibe como cada vez máis cercana e polo tanto a cuestión do Estado burgués e a súa substitución polo estado proletario, a considera fundamental. E como non podía ser doutro xeito, a súa análise comporta unha crítica á interpretación que da revolución e da cuestión do estado tiñan a socialdemocracia e a II Internacional en bancarrota, que consideraban que a primeira consistía en desprazar á burguesía das institucións por ela creadas, e a utilización das mesmas por parte dos traballadores.
A catástrofe que significou a I Guerra Mundial, e a proposta formulada por Lenin nas conferencias de Zimmerwald e Kiental, que xuntaron @s pouc@s socialdemócratas que desde o primeiro momento se opuñan á guerra, de converte-la guerra intercapitalista polo dominio dos mercados e materias primas, nunha guerra civil pola toma do poder por parte d@s traballador@s, lle levan a unha nova lectura de Marx e a tomar unha posición clara sobre o estado e o significado da “ditadura do proletariado”.
Para Lenin o Estado non é un poder imposto á sociedade, nin como dicía Hegel, “a imaxe da realidade na razón”, senón “o produto da sociedade nun estadio determinado do seu desenvolvemento” e “expresa o feito de que as contradicións de clase non son conciliables”; é dicir o estado sempre é organizado pola clase hexemónica neste caso a burguesía e para defensa dos seus intereses de clase; non é un instrumento que exista ó marxe das clases en loita. E chega á conclusión, nunha interpretación de Marx máis acorde que a aceptada pola maioría da socialdemocracia alemá, guía neste campo para o resto da II Internacional, de que “a liberación da clase oprimida é imposible sen unha revolución violenta, senón tamén sen a supresión do aparato do estado creado pola clase dominante” á que se quere expulsar do poder.
E deixa moi claro desde o principio que a terxiversación do marxismo nesta cuestión segue dúas direccións fundamentais. “Dunha parte os ideólogos burgueses e especialmente os pequenoburgueses, obrigados pola presión dos feitos históricos indiscutibles a recoñecer que o Estado só existe alí onde existen as contradicións de clase e a loita de clases, corrixen a Marx de tal maneira que o Estado resulta se-lo órgano de conciliación das clases”.
E a segunda dirección di, “a terxiversación “kautskiana” do marxismo é bastante máis sutil. Teoricamente non se nega nin que o estado sexa o órgano de dominación de clase, nin que as contradicións de clase sexan irreconciliables”; pero esta forza que se atopa por enriba da sociedade e que como dixo Marx “se divorcia máis e máis da sociedade” a socialdemocracia alemá oculta a necesidade da destrución do Estado creado pola burguesía, para que se poda levar a cabo a liberación da clase traballadora.
Cita nesta obra a célebre carta de Marx a Weydemeyer de 1852 que se considera unha importante contribución ó pensamento revolucionario, pero descoñezo cal foi a súa posición cando Pannekoek en 1912 polemizou cos líderes da Internacional, e lembroulles que segundo Marx, non habería que apoderarse do Estado construído pola burguesía e poñelo ó servizo d@s traballador@s, senón que a misión do proletariado era destruílo; Pannekoek foi acusado de anarquista pola Internacional.
Hai a posibilidade de que Lenin lembrando esa polémica e as acusacións vertida contra Pannekoek, polemice agora cos anarquistas ós que acusa de eludir “as formas políticas do poder revolucionario”, o tempo que acusa ós dirixentes da Internacional de “haber aceptado as formas burguesas do estado democrático parlamentar”. Unha cuestión é a abolición do estado que é o que os anarquistas queren facer segundo se toma o poder, e outra distinta e a formulación marxista da extinción do estado a traveso da ditadura do proletariado e da exacerbación da loita de clases.
O novo estado será a expresión do “proletariado organizado en clase dominante” e insiste en que cando Marx polemiza cos anarquistas non o fai reprochándolles que queiran aboli-lo estado, senón a súa negativa a utilizar a “violencia coercitiva organizada” na defensa dos intereses de clase e contra unha minoría; “é dicir un estado”, aínda que non sexa, como afirmaba Engels, “un estado en sentido propio”.
En calquera caso, hoxe como no ano 1917, atopámonos nunha fonda crise de réxime e a loita teórica contra a ideoloxía reformista e burguesa do estado se converte nunha necesidade e “O estado e a revolución” nos vai axudar a reflexionar sobre temas fundamentais.
En primeiro lugar, sobre o contido de clase da democracia na que nos movemos, en tanto forma política da ditadura de clase do capital; o poder político é sempre o poder político dunha soa clase ou dunha fracción da mesma, que o detenta en canto clase dominante na sociedade. Marx e Lenin expresan esta situación dicindo que todo poder do Estado expresa “a ditadura dunha clase” e a democracia burguesa edificada pola minoría para explota-la maioría é unha ditadura, e a democracia proletaria tamén se debe expresar por medio dunha ditadura, a da maioría sobre a minoría explotadora.
Ademais a burguesía ou a fracción da mesma que sexa hexemónica e detente o poder do Estado, o fai sempre dun xeito absoluto, non o comparte nunca con outra clase ou fracción da mesma; do mesmo xeito a clase traballadora tampouco o debe facer na súa marcha a traveso do socialismo cara á sociedade comunista.
En segundo, o tema da ditadura do proletariado como unha “ampliación sen precedentes da democracia” e como xeito de contrarrestar a oposición que a minoría explotadora vai exercer utilizando todos os medios ó seu alcance, ata os máis violentos, para recuperar de novo a hexemonía. O poder de calquera clase dominante non pode materializarse sen o desenvolvemento e funcionamento do Estado por ela creado. E o núcleo fundamental desa estrutura que denominamos Estado o constitúen os aparellos represivos. Por iso só o poder dos traballadores se pode materializar destruíndo o Estado creado pola burguesía, tarefa que pode resultar moi difícil e longa, pero que de non levarse a cabo, a clase traballadora nunca será hexemónica e as relacións de produción seguirán a ser relacións de explotación. Polo tanto poder do Estado e ditadura do proletariado son dúas cuestións indisociables.
Como dicía Lenin “a cuestión fundamental da revolución e a cuestión do poder”; polo tanto ter o poder de Estado é a premisa fundamental da ditadura do proletariado. E neste aspecto Lenin se atopaba cun problema, as posicións de Kautski e a II Internacional que formulaba a idea de que unha clase non pode gobernar, só os individuos e os partidos o poden facer. Xa en 1903 no artigo “Ós campesiños pobres”, Lenin demostra que non é o Tsar nin a súa familia, nin os funcionarios os que detentan o poder de Estado, senón a clase dos grandes terratenentes. Pero que estas ideas cheguen con claridade ás masas dos explotados, na actualidade por exemplo, ten obstáculos moi importantes como é o de enfrontarse á ideoloxía xurídica burguesa do Estado que a clase dominante tenta prevaleza sobre calquera outra idea e polo tanto se inocula desde os aparellos ideolóxicos do Estado burgués, escola, medios de comunicación, etc. E ten varias cuestións que establece como fundamentais, en primeiro lugar a iñorancia para o dereito e as leis da existencia das clases sociais, a sociedade, afirma a burguesía, non repousa sobre clases senón sobre individuos, “libres” e “iguais” e polo tanto o Estado só se atopa por enriba non das clases, só ten que ver cos individuos e si estes son desiguais, como son iguais en dereito, trae consigo que un Estado que se considere cumpre cas súas funcións, debe adicarse a combate-las desigualdades e polo tanto non se atopa ó servizo dunha clase senón que a súa misión é “organiza-lo público”, por enriba dos intereses privados. O Estado é pois, segundo a burguesía, un órgano de “conciliación” dos diferentes intereses que se atopan enfrontados. Para ter enganada a xente, referíndose ó Estado fálase sempre do “público”, administración pública, orden público, servizos públicos cando a realidade ë que sempre serve a intereses privados moi minoritarios.
En terceiro o tema da extinción do Estado en tanto se avance cara a unha sociedade comunista, onde teñan desaparecido as clases sociais antagónicas. Ditadura do proletariado non é unha etapa de transición do capitalismo ó socialismo, a ditadura do proletariado é a etapa socialista que debe culminar no comunismo, a sociedade sen clases e polo tanto onde o Estado se extingue. Neste senso Lenin recolle unha longa cita de Engels do “Anti-Dühring ou a subversión da ciencia polo señor Uxio Dühring” para establece-la posición marxista sobre o tema do que expurgo algúns subpárrafos do mesmo: “Cando o Estado se converta finalmente en representante efectivo de toda a sociedade, será por si mesmo superfluo. Cando xa non exista ningunha clase social á que haxa que manter na opresión; cando desaparezan xunto ca dominación de clase, xunto ca loita pola existencia individual, nada da actual anarquía da produción, os choques e os excesos resultantes desta loita, non haberá xa nada que reprimir nin fará falla, por tanto, esa forza especial de represión, o Estado.(...) O goberno sobre as persoas será substituído pola administración das cousas e pola dirección dos procesos de produción. O Estado non será abolido: se extinguirá”.
E Lenin ten moito interese en remachar que o que se extingue é o estado proletario, que o estado burgués con anterioridade, foi destruído. “O Estado burgués só pode ser destruído pola revolución. O Estado en xeral, é dicir, a máis completa democracia, só pode extinguirse”.


En Galicia no mes de setembro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario