A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 23 de septiembre de 2017

CATALUNYA E A PERSPECTIVA SOCIALISTA




Roberto Laxe

Que sucede en Catalunya, posto que a árbore da súa xudicialización -demasiados avogados hai no Estado Español, e poucos políticos, non xestores- impídenos ver o que realmente sucede. En Catalunya está a se producir unha revolución democrática, unha transformación radical da vida política do Estado Español, non só Catalunya.


Unha revolución, en principio, non ten porque adoptar formas violentas; depende sempre da fortaleza ou debilidade do opresor. O 25 de abril de 1974 en Portugal foi a mellor demostración; a violencia xurdiu cando os antigos salazaristas, como o xeneral Spinola, organizaron contragolpes, que foron derrotados coa vontade das masas.

É a maioría do pobo catalán, o que máis aló dos panfletos do estado, quere votar; si ou non, ... pero quere votar. E isto, nunha democracia tan vixiada, tan paternalista (ata sendo maiores de idade, temos que soportar os consellos dun sr que ninguén voto), é toda unha revolución... Por iso están tan asustados e nerviosos -o balbuceo da vicepresidenta o outro día foi ridículo-; porque se abriu a porta para que o réxime do 78 sexa posto en cuestión. Este é, xunto o argumento económico (Catalunya é a que máis achega ao PIB estatal, e a súa independencia reduciría o papel da "España" restante no "concerto" da UE), o motivo da súa histeria antidemocrática.

Por iso, o papelón das "izqueirdas" oficiais é de época: Están a facer o ridículo cos seus apelativos á "legalidade", ás "garantias", e demais formalidades xurídicas que non son tales, posto que o Estado Español asumiu Tratados Internacionais onde se recoñece o dereito á autodeterminación, que a mesma lei española recoñece que son parte do noso Ordenamento xurídico.

Se ata malos avogados son, que non coñecen a súa propia lexislación.

non nos confundamos

Como boa revolución democrática, a ela sóbense todos e todas, desde os que en votacións parlamentarias negan o dereito aos kurdos, palestinos ou saharauís o mesmo dereito que eles van exercer, que son os mesmos que cobran o 3% ou levan anos recortando en dereitos sociais, en sanidade e educación.

Que a pequena e mediana burguesía catalá fíxose agora independentista (a gran burguesía catalá, representada en Foment e a Caixa, xa dixeron que de independencia, nada), é só conxuntural; foi a negativa á reforma do Estatut o que lles empuxou por esta vía: os que sucesivamente apoiaran a González, Aznar e ZP (CiU e ERC), non son garantía de nada, posto que como bos burgueses, rapidamente tentarán volver á orde social, á tranquilidade, a sacar á poboación das rúas, para poder volver aos seus negocios, que desde hai anos teñen desatendidos.

Alén máis, o seu gran obxectivo é negociar a Catalunya como un estado máis da Unión Europea; a UE de Merkel, Macron, ... e Rajoy (porque non esquezamos que o Estado Español é UE), a que arruinou a Grecia, a que impuxo os recortes e a austeridade, aplicados polo goberno da Generalitat. Os nosos independentistas burgueses e pequenos burgueses, sacan pola porta, o goberno español, o que lles entraría pola xanela da UE.

Por iso, non son garantía dunha verdadeira soberanía. Os únicos interesados en ir ata o final na soberanía nacional, son a clase traballadora e os oprimidos; aqueles que como os traballadores / as españolas, galegas, vascas, gregas, italianas, irlandesas, francesas... mesmo alemás, sofren os recortes das Merkel/Macron/Rajoy... e Mas/Puigdemont.

E isto saca a fronte de batalla de Catalunya e trasládao á imprescindible unidade entre a clase traballadora de todas as nacións e pobos do Estado Español e a UE, contra todos eles. A clase obreira catalá ten os seus propios intereses na loita pola soberanía, e por iso debe manter a independencia absoluta dos que hoxe din ser independentistas, pero que mañá venderían a soberanía de Catalunya á sra Merkel.

O programa de independencia política da clase obreira catalá respecto dos actuais dirixentes do "process" é o que conduce á expropiación da burguesía, e este camiño de soberanía social, de transformación social da sociedade, non é o que queren transitar.

Chégalles coa soberanía política, nacional, para poder negociar con Merkel e demais. Pero a clase traballadora non lle basta con esta soberanía política, para despois seguir sufrindo as políticas froito da sociedade capitalista, as únicas posibles baixo a crise global actual de capitalismo; sexa a súa versión neoliberal salvaxe, sexa a súa versión neokeynesiana e "progresista". A soberanía política é un paso, pero non é a superación da explotación e a opresión.

Neste camiño, os aliados da clase obreira catalá, das mulleres, dos inmigrantes, dos mozos que viven en Catalunya non son os que agora dirixen o "process"; estes son e serán os seus inimigos encarnizados (como xa o foron, cando foron eles os que comezaron cos recortes). Os aliados, os únicos cos que a poboación traballadora catalá poden contar é coa clase obreira do resto do Estado e de Europa.

esta transformación ten un nome: socialismo

A soberanía política é nada, é un cambio formal de opresor, sen a soberanía social, sen a transformación socialista da sociedade. Un cambio de este calibre excede as forzas da clase obreira catalá, pois enfronte non só ten un goberno casposo e estúpido, que só sabe balbucir insultos, senón a toda unha clase, a burguesa, e non só os que rexeitan o referendo como a gran burguesía catalá (Foment, a Caixa, o Sabadell), que, non o dubidemos, como visen en perigo os seus intereses, non dubidarían en apoiarse nas mesmas institucións que hoxe din rexeitar, para reprimir a esa clase obreira.

Por iso, a independencia política da clase obreira catalá supón afianzar os lazos de unidade co resto dos seus compañeiros e compañeiras de clase, do resto do estado e de Europa; son os únicos interesados en levar ata o final o mesmo programa de transformación socialista da sociedade que eles.

Non sexamos inxenuos, estes traballadores / as están influídos pola conciencia "nacional" dominante, e en moitas ocasións, con bo instinto de clase, non senten identificados as intencións dos burgueses e pequeno burgueses que hoxe dirixen o "process". Esta desconfianza cambiaría se fose a clase obreira catalá a que co seu programa anticapitalista, encabezase a loita. Dentro do "process" ten que manifestarse a loita de clases, a loita entre os que recortaron e agora son independentistas, e os que sufriron os recortes acordados pola UE, o goberno central e a Generalitat.

En Galiza no mes de setembro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario