A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 4 de octubre de 2017

SOBRE A INDEPENDENCIA DE CATALUÑA E OUTRAS CUESTIÓNS


Carlos Dafonte

Comezo a escribir esta valoración o día en que a maioría dos catalás, que están a favor do dereito a decidir, reflexionan sobre a xornada electoral de mañá día 1 de outubro, un día moi importante para Cataluña pero tamén para as nacións e autonomías do Estado Español e o seu réxime.
Si nas guerras a primeira derrotada é a verdade, nesta confrontación entre a Administración Central do Estado Español e unha das administracións periférica do mesmo, tamén a verdade sae derrotada cada día. Non é un conflito entre o Estado Español e Cataluña, é un conflito entre dúas administracións dun determinado estado; esa é a primeira realidade que debemos constatar.
Estes días sobre todo por parte do Goberno en mans do PP e os medios de comunicación que lle son afines, a grande maioría, se teñen dito numerosas medias verdades e tamén moitas falsidades; tanto a nivel histórico, como político esquecendo por exemplo, mellor dito ocultando, que a maioría do Parlament está inequivocamente a favor do dereito a decidir e a realidade é que dun xeito reiterado repiten ata a saciedade que os independentistas non teñen a maioría nese organismo, cousa que é certa pero esconden a realidade.

Tamén a nivel histórico terxiversase a historia do país indagando ata nas profundidades dos séculos XI ou XII, pero esquecendo a historia do século XIX cando o catalanismo toma corpo e forza, tanta que no goberno “rexeracionista” de Silvela que contaba ca participación do xeral Polavieja forma parte do mesmo un burgués catalá, Bertran i Musitu, como resposta a moitas das reivindicacións que sectores catalanistas levaran a cabo nos anos anteriores como foron as chamadas Bases de Manresa, unha verdadeira Constitución articulada que se considera que é a entrada en política do catalanismo conservador; o republicano e máis a esquerda estivo aglutinado arredor da figura de Almirall e do republicanismo federal. Polavieja dimitiu do goberno pois non se cumpriron o pactado cos catalás, como era por exemplo o tema dun concerto económico parecido o que naquel momento existía no País Vasco, maior independencia fiscal e respecto ás súas institucións. Destas cuestións históricas non se fala nada nos medios e que forman parte, xunto con outros moitos feitos, da memoria colectiva do pobo de Cataluña. Tampouco e é unha anécdota pero que se podía comentar xa que se critica a postura do FC Barcelona, que na época da ditadura de Primo de Rivera, pechouse o estadio do equipo.
Por outra banda o nacionalismo español, fai chamamentos á mesma “fibra sensible” da cidadanía que fai o outro nacionalismo, o catalá. Mentres o primeiro sitúa como fundamental a unidade da patria, entendendo pola mesma a todo o que se atopa dentro das fronteiras do Estado, e os males que a creba da mesma traería para todos nós, o segundo, fronte a agresión do primeiro chama tamén a unidade da patria catalá, a unidade de todas as clases, baixo a batuta da pequena e media burguesía neoliberal, fidel aliada ata hai moi pouco da oligarquía centralista española. E hai que dicir que neste enfrontamento, que desde o punto de vista de clase dun xeito sinxelo analicei no meu anterior artigo, quen vai saír derrotado é o pensamento da esquerda incapaz en todo este tempo de debate, longo debate de varios anos, incapaz repito, pola súa febleza orgánica e ideolóxica, como recordaba Ferrán Gallego, de facer unha proposta programática que estaba elaborada desde hai anos: a república federal, que de levarse adiante significaría que en certa medida, se quebrara a hexemonía da oligarquía e se abría camiño outra política económica e polo tanto @s traballador@s comezaban a xogar un papel importante na sociedade.
A tod@s @s que din que se vai “fracturar España”, pídolles unha reflexión sobre o que significa no actual contexto socio político e económico unha declaración de independencia unilateral, é dicir non negociada, sen ter “padriños” que te apoien e paguen a factura, como aconteceu no desmantelamento da antiga Iugoslavia, na que Alemaña e a OTAN foron os padriños do caos producido. Estes días o ex-xefe da organización militar imperialista, o español Javier Solana escribe nun diario estadounidense sobre os males da separación; el, a quen non lle tremou o pulso para destruír a Serbia, polo tema de Kosovo sobre o que Tribunal Internacional de La Haya ditou sentenza, que atopei en internet, non creo que sexa falsa, na que di que a liberdade dos pobos atópase por enriba da legalidade.
Por moita lei de transitoriedade que se teña aprobado, ó día seguinte da declaración, ou pouco tempo despois, a Administración Central do estado e a parte que se independiza se teñen que sentar a negociar, pois do contrario, se Cataluña non ten padriños que a avalen, ou si os ten?, a situación na que se vai atopar a súa economía en pouco tempo, pode ser un caos si a UE toma determinadas medidas.
O Reino Unido un Estado soberano aproba saír da UE e se ten que sentar a negociar como se leva a cabo, como se concreta a súa marcha; Cataluña por moitas bravatas que proclamen, uns e outros, sobre todo a Administración Central, se van ter que sentar tamén a negociar; estamos a falar do 18 % do PIB e a outra parte creo vai ter interese en facelo sobre o novo encaixe no Estado Español.
O que teño tamén claro e que é moi distinto negociar cunha Comunidade Autónoma exixente como é a catalá, sobre un novo financiamento e traspaso de novas competencias, que facelo cun territorio, que aínda que non teña moita efectividade, ten proclamado retoricamente a súa independencia. Coido que unha cuestión é proclama-la independencia e outra distinta e ser independente. Moitos territorios proclamaron a súa independencia, pero moi poucos conseguiron ser verdadeiramente independentes; non hai que esquecer que estamos a falar da pertenza á cadea imperialista na que os EEUU e a UE son a cabeza e hai na mesma, elos fortes e elos febles.

Por outra banda falar de soberanía e asegurar que despois da independencia, como fan quen dirixe o “procés”, os partidos da pequena e media burguesía, queren continuar dentro da UE, paréceme un oxímoron: dentro desta estrutura imperialista e neoliberal, dentro da moeda única, o euro, non hai soberanía posible nin capacidade para aplicar políticas alternativas ó neoliberalismo rampante. Que vaian a Grecia a preguntar sobre a experiencia de tentar levar unha política distinta; e PDCat e ERC non os considero que vaian ser, estarán nunha situación de debilidade política manifesta, capaces de impor políticas alternativas á que establecen os Tratados e a permanencia no euro, e estas políticas van dana-las economías da maioría dos seus habitantes, como xa aconteceu cos gobernos nacionalistas que seguiron as políticas de austeridade da UE

Hai saída a esta situación para os sectores da burguesía catalá que hoxe dirixe o “procés” e se declara independentista?
Síntomas hainos, de que se pode avanzar cara a unha saída negociada en Cataluña, chea de contradicións pero síntomas de que se pode estar avanzando, como non podía ser doutro xeito entre sectores burgueses, cara a un pacto no que haxa cesións tanto desde a administración central como da autonómica; o centro do debate poden ser novas transferencias e un novo financiamento, así como abrir un período de reflexión, que despois non se vai concretar en nada, sobre algunhas modificacións na Constitución.

Os síntomas poden ser a xuntanza secreta entre o PP e o PDCat; ó pouco tempo da mesma, a operación Anubis das forzas de seguridade e as xentes nas rúas: cada parte pon o seu, hai que escenificar ben o final: fronte a represión a mobilización. Uns o Goberno central escenifica firmeza e o Govern mobilización e apoio popular. Pero sitúanse nunha perspectiva na que non se pode saír con facilidade.
Ministros propoñendo diálogo e sobre a mesa máis cartos, máis competencia e ata reforma da intocable Constitución. Oriol Junqueras afirmando que despois da operación Anubis o referendo “era case imposible”; Tardá outro membro de ERC, dí o contrario; parece como si o problema agora é como continuar ca folla de rota de cada quen, pero non permitindo que as CUP e outros sectores máis radicais, capitalicen as mobilizacións. Que vai pasar se o Parlament non proclama a independencia? Cal vai ser a reacción da parte do pobo mobilizado que se está estruturar en Comités de Base por toda Cataluña?
A maioría dos voceiros do Procés, PDCat e ERC, poñendo a “practica do pacto” como a esencia da actividade política en Cataluña e a necesidade de que a Administración Central entre por ese aro; para pactar que?. Un referendo pola independencia? Que o Estado non se opoña á permanencia dentro da UE? Un novo ancoraxe de Cataluña no Estado?.Despois de escoitar ducias e ducias de intervencións ata as que se produciron despois do 1 de outubro, aínda non o teño claro. O que sei é que entre sectores da burguesía sempre hai tendencia ó acordo; é moito economicamente o que se xogan e sempre teñen presente o beneficio.

O día 1 de outubro debe ser unha fonte de ensinanzas.
En primeiro lugar, e segundo avanza o dominio neoliberal e dos mercados sobre os países, e o que se chamaba “estado de benestar” se vai deturpando, debilitando, o Estado aparece cada vez máis como o que Lenin denominaba a organización da violencia. Vendo as imaxes do día 1 de outubro, en que corpos policiais militarizados, verdadeiros “robocops”, o modelo israelí que se estende por todo o planeta nos países desenvolvidos, golpeando con saña a pacíficos manifestantes que defendían o seu dereito a opinar sobre cuestións que lles atinxen, temos claro que as funcións do Estado creado pola burguesía, na actualidade cada vez se van afastando máis dos intereses da sociedade e d@s traballador@s.
En segundo lugar que un pobo organizado, aínda que sexa só unha parte do mesmo, consciente de que debe defender unhas propostas determinadas, non entro se lles benefician ou non, e moi difícil de vencer si ademais conta co apoio de toda unha serie de institucións.
En terceiro, o acontecido o día 1 en Cataluña establece o inicio dun novo ciclo político dentro do desenvolvemento do actual réxime. Este “domingo tráxico”, como foi a “semana tráxica” de 1909, que puxo fin os gobernos de Maura e abriu as portas para a alianza do Psoe co republicanismo, a formación do Partido Reformista de Melquiades Álvarez nun intento de poñer fin ó bipartidismo, e o nacemento do maior sindicato, a CNT, espide ó réxime e o amosa como o que é no aspecto político, un aparello represivo incapaz de facer unha proposta política para o problema das nacións sen estado que configuran unha parte importante do Estado Español.
En cuarto lugar, o fracaso estrepitoso do PP e Ciudadanos, o seu fidel aliado, que lle incita a tomar medidas duras e o mantén no Goberno, pois dixeron aquí e na UE, que todo o tiñan controlado, que non habería nin urnas, nin papeletas, nin votacións e houbo, a pesares das dificultades, urnas, papeletas e a pesares de todos os desmáns do Ministerio do Interior, el é o culpable e quen se atopa a súa fronte debe dimitir, votouse. Pero este fracaso aquí, pode reabrir na UE procesos similares en diferentes países da mesma, polo que a incapacidade do PP para establecer solucións ó problema, pode recibir aínda que sexa internamente, críticas importantes e Rajoy pode deixar de ser o “home de confianza”.
En quinto lugar o escudarse por parte do Goberno detrás do argumentario de que son os xuíces os que deron as ordes, quedou en evidencia e non o pode seguir facendo, senón que expliquen o acontecido en Badalona, onde o PP xa tivo a alcaldía e a quere recuperar e, sendo unha grande cidade nin a Garda Civil nin a Policía Nacional, segundo un periodista dunha das numerosos faladoiros emitidas despois do día 1, actuaron. A xuíza deu unha orde, pero o Ministerio e o tte. coronel encargado da coordinación dos diferentes corpos represivos, entendo, actuaron e deron ordes segundo intereses moi determinados e partidistas.
En sexto, a posición da UE que cando se esperaba unha actitude acrítica co Goberno, lle recomenda negociar e lle avisa que nun sistema democrático non se pode empregar como se fixo, a violencia; pero ó Govern non lle da tampouco moitas esperanzas, non recoñece o referendo e lle exixe a necesidade de negociar. Se a esta posición lle engadimos as divisións dentro do bloque independentista entre como xogar ca vantaxe estratéxica que o día 1 lle reparou, que lles obriga a retrasa-la convocatoria do Parlament para declara-la independencia e esperar unha resposta pola outra parte.
En sétimo lugar, aínda non ten aparecido en todo o “procés” o programa social reivindicativo de millóns de traballador@s que traballan en Cataluña e durante estes anos de crise foron golpeados polas políticas de austeridade. Parece estraño que de ser un proceso onde organizacións de clase xogaran algún papel, non teña saído ás rúas, convoque debates e matice algúns aspectos do programa dos que dirixen o “procés”. Non ten aparecido a posición da clase traballadora. Como si o independentismo tivese “abducido” @s traballador@s polo que é necesario para que este importante movemento popular chegue a bo porto, que se lles dispute ós que o dirixen a súa dirección. A axenda social debe se-la argamasa da mobilización e supera-lo que ata o de agora parece se-la única, a independencia.
En octavo, onte o Xefe do Esto, apropiándose do discurso do PP, e poñendo barreira ó seu papel constitucional de moderador, do mesmo xeito que o PP foi unha fábrica de independentistas, a monarquía pegouse un “tiro no pe” e alentou a moit@s a pasarse ó campo do republicanismo. Benvidos.Pero o paso seguinte da posición do monarca, case con toda seguridade é a aplicación do art. 155 da Constitución.

En Galicia no mes de outubro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario