A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 23 de octubre de 2017

O PROCÉS CONTINÚA A SÚA MARCHA NUNHA NOVA ETAPA


Carlos Dafonte.
O conflito entre a Administración Central e a Comunidade Autónoma de Cataluña, que no fondo é un episodio do enfrontamento dunha parte da sociedade catalá e as súas institucións co réxime, ten unha característica que o fai singular e parece que o PP e outras forzas políticas actuantes no mesmo non teñen en conta, por ser cecais o PP a forza maioritaria nas Cortes, unha organización cuxas raíces ideolóxicas entroncan co franquismo: Cataluña é unha nación sen estado.
Quero dicir que non é o mesmo un conflito ca Rioxa, Cantabria ou Castela a Mancha que con aqueles territorios onde ó longo da súa historia, pero sobre todo nos séculos XIX e XX, forxouse un sentimento de ser unha nación, que percorreu a unha grande parte da súa sociedade, menor na clase traballadora, e que se pode atopar lendo e coñecendo a personaxes e historiadores como Almirall, Prat de la Riba, Cambó, Maragall, Rovira i Vigil, Soldevila, Vicens Vives, Jesús Pabón, Pierre Vilar e tantos outros que fixeron a historia dese país, chea de luces e sombras, e os que a narraron e interpretaron. Ademais, non é o mesmo onde non hai enfrontamento co réxime que onde o hai e unha parte da cidadanía de Cataluña e as institucións por ela elixidas, que representaban o Estado Español nese territorio, consideran desde hai anos, que hai que atopar outro encaixe distinto dentro do actual réxime; o Estatuto aprobado polo Parlament, as Cortes e o pobo en referendo tiña ise obxectivo, e grazas á incompetencia do PP e dun Tribunal Constitucional froito dos acordos dos partidos do bipartidismo, todo ficou en nada e hoxe as institucións de Cataluña e unha parte maioritaria da sociedade poñen en cuestión ó réxime actual, cando están pola proclamación dunha república.
Polo tanto o PP nunha interpretación particular do artigo 2 da Constitución, onde se establece a existencia de “nacionalidades e rexións”, fórmula esa de “nacionalidade” ca que se quixo evitar no ano 78 o concepto de “nación”, considera que as 17 autonomías do estado poden ser tratadas do mesmo xeito e erran e levan este conflito a unha calexa sen saída fácil.
E se ten que enfrontar a este conflito, sen estar preparado para elo ideolóxicamente e ter inoculado ós seus votantes un pensamento “nacionalista hispano” o que non permite ningunha concesión. As consecuencias de continuar no pasado, son que só se lle ocorre resolve-lo problema dicindo que hai que aplica-la lei e que os xuíces decidirán excluíndo facer política. Isto pode valer noutras circunstancias, pero non cunha nación na que unha parte da súa cidadanía, sería importante coñecer por medio dun referendo canta, ten un sentimento que non teñen as poboacións de rexións do estado e que polo tanto a súa resposta ó conflito vai ser tamén diferente. Neste caso a proclamación da independencia e a creación dunha república. Resposta que nunca se produciría noutras autonomías agás en Galicia e Euskadi.
E cando digo que non poden ser tratadas todas igual, non é que queira discriminar, a propia constitución o fai, establecendo ademais distintas vías para as autonomías segundo sexas unha rexión ou unha nacionalidade, os artigos 143 e 151; por este último a acadarían as nacionalidades, polo primeiro as rexións. Neste senso hai que destacar que a fortaleza electoral e orgánica do Psoe en Andalucía, e o interese por desgastar politicamente o goberno de Suárez, obriga e se produce a modificación da lei de referendo, creo lembrar que por dúas veces, para que Andalucía chegara a autonomía polo artigo 153, cando a realidade era que só se recoñecía como nacionalidades, é dicir nacións sen estado, aquelas que con anterioridade ó golpe faccioso de Franco, tiveran aprobados estatutos de autonomía, circunstancia que só se cumpría en Cataluña, Euskadi e Galicia.
A Constitución do ano 1978, certifica procesos anteriores que o franquismo afogou en sangue, pero a lexitimidade é anterior a aprobación da propia Constitución.
Nese senso, as xentes que militábamos no PCG na época da transición, tíñamos moito interese de poñer nun primeiro plano o Estatuto aprobado no ano 1936, pois o que nos daba máis lexitimidade era ir da “lei a lei”, é dicir do antigo Estatuto aprobado en referendo polo pobo galego, ó novo que se elaborou unha vez aprobada a Constitución; era un xeito de dicir que a Constitución certificaba pero non outorgaba, e menos a monarquía; que fora a república quen desatascara un problema que durante moitos séculos existía no estado español.

O inexplorado camiño do artigo 155
A negativa por parte do Goberno a permitir un referendo en Cataluña e a intención de levalo adiante por parte das institucións catalás ca axuda de numerosas organizacións sociais, produce unha escalada do conflito que espide ó réxime, aparece a súa faciana represiva, pero tamén pon en evidencia que é moi difícil loitar contra un pobo organizado que considera lle asiste a razón e defende as súas institucións por moito que desde o nó do réxime se fagan todos os intentos para poñer termo a esta resistencia, disposto sempre a evita-la negociación, o diálogo, que é o que se debe utilizar para solucionar os conflitos de carácter político en sociedades de democracia burguesa avanzada; o xeito de tentar darlle solución como aquí se esta a facer, indica que aínda non nos atopamos en ese estadio da democracia burguesa. O referendo do día 1 de outubro non é “homologable”, pero haberá algún día un referendo con garantías?. O réxime non o vai permitir; esa é a cuestión que indica a debilidade do mesmo fronte ás reivindicacións nacionais
Case con certeza, cando publique esta reflexión no “Blogue Alternativa” xa se teña aplicado o artigo 155 da Constitución, artigo non desenvolvido e que polo tanto vai crear ca súa aplicación zoas en branco, distorsións con solucións políticas difíciles e que haxa que inventar, todo dentro dun baleiro legal que non vai axudar. E a este panorama hai que engadir a actitude, posiblemente de desobediencia civil dun pobo organizado nunha grande parte, disposto a loitar por dereitos que todo pobo debe ter como é o dereito a decidir.
Convocar eleccións desde a Administración Central do Estado, quere dicir que o President foi dimitido e o Parlament disolto. Pois o President é segundo lei, quen pode disolve-lo Parlament e convocar novas eleccións. Iniciar este proceso, se sabe como comeza, pero non como chega ó seu fin. Pero tamén, no caso de que os independentistas se presenten ás convocadas desde Madrid, vai ser un aliciente para que xente non independentistas lles voten, diante do ataque que a aplicación do 155 significará para moit@s.
Pero Cataluña non só espide ó réxime, tamén ós piares sobre os que se asenta, a monarquía, a oligarquía e ó que polo común chamamos bipartidismo, os dous grandes partidos que constrúen o réxime actual durante estes corenta anos, responsables do todas as súas leis, da entrada na UE da oligarquía e do imperialismo e no brazo armado deste último, a OTAN.
Pois si o PP amosa a súa incapacidade para tentar soluciona-lo conflito, o Psoe, por moito que escriba nos seus carteis “somos a esquerda”, do mesmo xeito que denominarse “socialista e obreiro” debe levar a unha práctica cotiá moi afastada do seu actuar, unha organización de esquerdas tiña como mínimo, que actuar como un contrapeso ó neofranquismo do PP e nunca someterse ós intereses do que o PP representa.
Son consciente que a actuación das institucións de Cataluña en mans do PDCat e ERC, ca axuda das CUP, levan o problema a dificultades para solucionalo moi elevadas; seguro que de ser maioritaria unha organización da esquerda d@s traballador@s o percorrido do conflito no sería o efectuado, pero é nestas circunstancias cando se templan os partidos e os seus líderes. En momentos de paz social e bonanza económica é moi fácil tomar decisións.
Neste réxime a oligarquía española é a fracción da clase burguesa hexemónica no panorama político e económico; sempre se di “os que gobernan sen presentarse” ás eleccións, e a crise do réxime, e é unha crise ademais doutras cuestións que tod@s temos presentes, que nunha parte do territorio se poda proclamar unha república, lle afectaría grandemente, polo que a reacción das grandes empresas de Cataluña e as que sen ser catalás atopábanse en Cataluña, foi tan contundente, poñer fora do territorio as súas sés sociais e algunhas as fiscais; pechan filas arredor do réxime buscando que se poda chegar a un pacto onde o goberno do Estado derrote ós díscolos e as súas institución para que nada cambie; a oligarquía considera que de modificarse algúns aspectos do réxime actual, podía deixar de ser tan beneficiada polas políticas laborais, fiscais, de subvencións, de utiliza-la monarquía para conseguir bos negocios no exterior e toda outra serie de prebendas.
A monarquía tamén sae do conflito, independentemente de como se resolva, danada; non xogou un dos papeis que lle reserva a Constitución, o de moderadora e iso, a medio prazo vai ter repercusións.
Máis que a división entre quen apoia ós nacionalismos e quen atópase enfronte, a verdadeira división da sociedade no Estado é entre os que apoian a este réxime, cada vez máis oligárquico no económico, máís depredador c@s traballador@s, que retorce a democracia burguesa a favor de intereses que non son maioritarios na sociedade e que agora pensa que vai gobernar Cataluña desde Madrid, enviando un virrei con amplos poderes, e os que se enfrontan ó mesmo. Ata o de convocar eleccións, bálsamo de fierabrás dos ineptos, que consideran que a celebración das mesmas, independentemente do resultado, vai levar a Cataluña a unha etapa de paz social e desaparición de todas as tensións.


En Galicia no mes de outubro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario