A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 13 de marzo de 2022

A REVOLUCIÓN EN TEMPOS DE DESESPERANZA

Roberto Laxe

Di Enzo Traverso no seu libro “Melancolía de esquerda”, que tras o xiro histórico que deu a humanidade coa caída do Muro de Berlín, o descubrimento que tras ele non había socialismo, senón a restauración do capitalismo. O que queda do século XX, “de ceos tomados por asalto”, “é unha montaña de ruínas e non sabemos como comezar a reconstrución ou se vale sequera a pena facelo”.

Aínda que Traverso non o diga explicitamente, referímonos á reconstrución do proxecto socialista. E si!, merece a pena, porque a pesar do que digan os apoloxistas do sistema, os conscientes e os inconscientes en forma de pos modernos, a historia non se acabou; só deu un xiro tráxico que hai que comprender en toda a súa profundidade. A reconstrución ten que partir de recoñecer expresamente que os anos 90, a contrarrevolución neoliberal e a restauración do capitalismo, significaron unha derrota en toda regra e a todos os niveis da loita polo socialismo; que unicamente deixou “ruínas” e “melancolía” polo que puido ser e non foi.

O dramático resultado da loita de clases actuou como cando Pandora pechou a caixa deixando dentro o único ben que os deuses puxeran, a esperanza. A falta de esperanza dos seres humanos é un dos principais motivos para que se afundan na depresión que nunha sociedade maniféstase na impotencia para cambiala. Convértense todas as súas accións no que Walter Benjamín dixese, “medios sen fin”. Así, e alimentando esta desesperanza, hoxe é máis fácil imaxinar futuros apocalípticos parecidos aos “Xogos da Fame”, “Diverxente” ou as “Tribos de Europa”, que a caída do capitalismo e a construción do socialismo.

O camiño de saída desta espiral inversa non está exclusivamente en diagnosticar a crise social, a día de hoxe é fácil ser “anticapitalista”; até eles mesmos cando esplodiu a crise no 2007 falaron de “refundar o capitalismo”, como dixese o ex presidente francés, Nicolás Sarkozy. O quid da cuestión estriba en definir que alternativa social, e polo tanto, que suxeito social pode catalizar, e darlle un sentido á resposta social aos medios de loita que os pobos e a clase traballadora seguen desenvolvendo día a día con exemplos innumerables.

Un veo cubriu os ollos

Desde que os anos 90 visen a caída do Muro de Berlín e a restauración do capitalismo nos chamados “estados do socialismo realmente existente”, un veo cubriu os ollos da inmensa maioría da poboación mundial que os asociaban a que era posible unha sociedade non rexida polas leis do capitalismo.

Nun mundo en crise, a desesperanza e a falta de alternativas convértense non só nun lastre de moito calado, senón que achega “base social aos ricos”, como di un dos personaxes máis estúpidos de “Non mires arriba”, nas súas manobras políticas e xeo estratéxicas; os limítes na subxectividade, na conciencia de que é posible un cambio social, convértense nun problema obxectivo para que as loitas en curso apunten á transformación da sociedade e non ao fortalecemento das distintas fraccións do capital.

Wilhelm Reich en Sicoloxía de Masas do Fascismo fai unha afirmación que acho, é pertinente á hora de comprender as dificultades para a reconstrución.

Di Reich, "todas as vosas explicacións son incapaces de eliminar as derrotas", e aínda que non comparto moitas das súas conclusións, si o fago cunha central (que ademais é a central no Programa de Transición), a cuestión subxectiva. "A crise da humanidade redúcese, en última instancia, á crise da súa dirección revolucionaria", afirma Trotski correctamente, pero non profunda niso; nunca chegou a escribir o "que facer?" da fase de decadencia absoluta do capitalismo imperialista.

Reich (que foi militante da IVª unha tempada) si encara este problema (non o resolve, queda na caracterización) cun estudo sobre a ideoloxía "como poder material". Para Reich as falsas conciencias froito da ideoloxía pequeno burguesa son un poder material que dificulta o camiño do partido cara ás masas, e que cristalizan en organizacións políticas, xa sexa o nazismo e o seu "anticapitalismo", xa sexa a socialdemocracia ou posteriormente o estalinismo.

E se isto era certo nun momento histórico no que o socialismo aparecía como a alternativa natural á crise capitalista, cun movemento obreiro hexemonizado por propostas marxistas; que non será nunha época na que a campaña de “o socialismo e o marxismo morreron” equipáraos a nivel social co nazismo?.

Reich fai algo que deberiamos ter en conta sempre, analiza criticamente a Marx, e na liña de Lenin di que a clase obreira do século XIX é diferente da do século XX, pola existencia da "aristocracia obreira" e as "clases medias" e as organizacións nas que cristalizan, colchóns sociais e políticos que frean á clase obreira no camiño da revolución que en outubro do 17 eran moi débiles.

Alen máis as forzas motrices desa revolución foron, debido ao desenvolvemento desigual e combinado da sociedade rusa como analiza Trotski na Historia da Revolución Rusa, a resolución das tarefas democráticas no político (acabar coa autocracia zarista) e o social (reforma agraria ou industrialización e proletarización dunha sociedade eminentemente campesiña) que hoxe non se dan.

Na actualidade o planeta está baixo o dominio dun só modo de produción, o capitalismo, que ten proletarizado e industrializado até o seu último recuncho. Esta combinación especifica de Rusia entre tarefas democráticas e suxeito social da revolución, fai de Outubro do 17 algo irrepetible, máis aló da reivindicación das achegas como o partido de tipo bolxevique ou os organismos de poder obreiro (soviets/consellos) que desenvolveu.

A tarefa é analizar en profundidade a realidade do capitalismo actual, cales son as forzas motrices que impulsan ao mundo no camiño da transformación social, e as tarefas que diso se derivan.

Acto de fe ou política revolucionaria

A superación desta situación provocada pola falta de alternativas á gran crise social do capitalismo, é dicir, a recuperación da esperanza, non é un acto de fe, nin chega con reabrir a caixa de Pandora; só comprendendo as novas condicións nas que as loitas sociais danse, poderanse sentar as bases para reconstruír o proxecto da transformación socialista da sociedade que rompa o círculo vicioso dos “medios sen fin”.

Porque, a que vén tanta desesperanza no futuro?, reducido a unha confianza cega no desenvolvemento tecnolóxico e seudo científico (a estatística convertida na proba do algodón do pensamento científico). A burguesía no seu camiño cara á hexemonía absoluta do mundo atravesou derrotas e retrocesos, non foi un camiño lineal desde as repúblicas italianas, de mercadores e banqueiros, até o capitalismo imperialista; senón todo o contrario. O réxime feudal, baixo a súa forma absolutista, mantívose máis de 500 anos, até o século XX: a Iª guerra mundial foi o punto e final de dous dos imperios nos que se mantiña, o zarismo ruso e o austrohúngaro.

Neste camiño histórico cara ao dominio do mundo, a burguesía contou co crecente poder económico das cidades (os burgos), coas universidades e tras a Reforma protestante, coa relixión, é dicir, ao revés da clase obreira, a burguesía cando encara o tramo final do seu desenvolvemento, xa é a clase dominante de facto que só precisaba desfacerse do cascarón baleiro que era o estado feudal/absolutista e a propiedade da terra, e subrogarse como clase dominante.

Por contra, a clase obreira só ten as súas “cadeas”; doutra maneira, só ten a súa forza de traballo e o seu papel na produción e distribución de bens e servizos. Non lle esixamos a esta clase, o que á burguesía custoulle séculos facer!.

Como din o proprio E. Traverso na obra citada, resumindo o pensamento de Rosa Luxemburgo, “As derrotas non cuestionan nin a meta socialista nin a capacidade das forzas revolucionarias para acadalas. Estas só deben tirar as leccións estratéxicas e tácticas das caídas. Non existen derrotas finais; as derrotas son só batallas perdidas” (pax. 81).

A desesperanza creada pola falta de futuro e alternativa ao capitalismo vén dada, primeiro, por un motivo obxectivo, o “descubrimento” de que tras o Muro de Berlín non existía socialismo e, segundo, que apoiándose nesta evidencia a burguesía mundial leva lanzando a campaña do “socialismo morreu”, “non hai alternativa ao capitalismo”.

Como nestes máis de 30 anos desde a caída do Muro, xa moitos dos “comunistas” que defendían a URSS (ou China, ou Cuba) como “faros da revolución” pasáronse ao bando da ideoloxía burguesa, e desesperanzados convertéronse nos adaíles das novas “alternativas” pos modernas, que en ningún momento cuestionan a esencia do sistema capitalista.

A “nova política”, que non é outra cousa que a versión progresista do individualismo e o negacionismo da verdade obxectiva sobre a base das críticas a “os grandes relatos” herdeiros da Ilustración, alimentaron esa desesperanza.

O crecemento exponencial das políticas identitarias, instaladas na visión fragmentaria e individualista da sociedade, convértense nun verdadeiro freo obxectivo para reconstruír un proxecto social alternativo de maneira global ao capitalismo. Así, mentres este si aparece como un todo coherente, dentro das súas crises, ante a sociedade, esta non ten fronte a si unha forza igual e oposta que poida cuestionalo.

A desesperanza introducida polo descubrimento de que tras o Muro de Berlín non existía socialismo, senón sociedades non capitalistas totalitarias, atopa en todo isto un efecto multiplicador que só se pode combater desde o “análise concreta da realidade concreta” leninista. Como dicía Marx, “a burguesía ten economistas, a clase obreira comunistas”.

Galiza, marzo de 2022




No hay comentarios:

Publicar un comentario