A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 23 de octubre de 2023

ESTÁ A CHEGAR O SEGUNDO INTENTO DE INVESTIDURA. O TEMPO DO PSOE E SUMAR.

Carlos Dafonte

    O primeiro asalto para ter un goberno para os próximos anos finalizou sen que as perspectivas sociais, políticas, económicas, para os traballadores e traballadoras do país foran clarexadas. Coñecemos hoxe que o único que lle interesa a PP e VOX é a “unidade de España”, que segundo estes dous partidos atópase en grave perigo diante da ameaza dunha posible lei de amnistía, non para Puigdemont e algúns outros dirixentes do “process”, como sinalan eles, senón para centenares de persoas que participaron no referendo e que terán que ir aos xulgados para dar conta da súa actividade eses días. Tamén lles interesa moito se Bildu vai darlle a posibilidade de conseguir a investidura a Pedro Sánchez, pois “con terroristas e asasinos” non se pode ter pacto algún, agás si o beneficiado vai ser o PP, e sirva de exemplo os pactos coa forza independentista vasca no Concello de Vitoria cando o PP tiña a alcaldía.

Nas sociedades divididas en clases, cando os tempos de bonanza son lembranzas do pasado e os países do centro do sistema capitalista atópanse inmersos nunha fonda crise que non hai perspectivas de superar, PP e VOX preferiron que a sesión de investidura de Núñez Feijoo se convertera nun sainete, nunha “astrakanada”, nunha crítica constante ao goberno en funcións, antes que facer o que debe facer calquera candidato que enfronte un acto institucional da importancia do que Núñez Feijoo se enfrontou: crítica aos anos do anterior goberno esgrimindo datos obxectivos, e propostas de solucións aos problemas que resaltaches como as eivas máis importantes que ten a sociedade que queres gobernar.

Pero o candidato do PP e VOX non podía falar dos problemas que ten hoxe a sociedade do territorio do estado cando, en primeiro lugar eses mesmos problemas non foi capaz de, non digo solucionalos, senón nin de mitigalos na sociedade galega durante os anos da súa presidencia que foron moitos e con maiorías absolutas.

Como se ía atrever a falar da débeda pública, se cando entrou na presidencia de Galicia era de 2.400 millóns de euros e cando marchou deixouna en 11.000?. Polo tanto señor candidato derrotado, esta cuestión non se soluciona  tendo un goberno máis grande ou máis cativo, como a vostede gustáballe dicir, amosando a súa iñorancia no funcionamento do capitalismo, no funcionamento das súas cadeas imperialistas e as complexidades dunha economía desregularizada, que é a que vostedes lles gusta.

Como se ía atrever a falar dos problemas da mocidade se no tempo que estivo na Presidencia da Xunta, preto de 65.000 mozos e mozas abandonaron Galicia, diante da falta de perspectiva que significaba quedar na terra?.

Como ía falar da “España baleirada” se nos anos da súa Presidencia na Xunta, acentuouse dun xeito moi salientable as diferencias entre a Galicia costeira e a Galicia interior e en conxunto estamos a perder habitantes, pero sobre todo na Galicia interior cuxo despoboamento é unha realidade e un  problema?. Galicia interior que perdeu toda unha serie de servizos polas políticas de Feijoo dende a Xunta, que non axudaron a fixar poboación nin que veña outra nova.

Como ía falar dos problemas da industria se no tempo que foi presidente, ata os xornais que o apoiaron nesa etapa, publicaron reportaxes sobre as varias centenas de empresas galegas que marcharon para instalarse no norte de Portugal e preto de 4.000 preferiron pagar os seus impostos fora de Galicia?. Se por algo se distinguiu esta etapa, foi de carecer dunha política industrial.

Como ía falar Feijoo dos problemas da sanidade, se en Galicia un día si e outro tamén, hai mobilizacións contra as medidas da Xunta, pola deficiencia do servicio a consecuencias dos recortes, os peches de plantas hospitalarias, a escaseza de médicos e enfermeiras e a privatización?. Trazos todos eles característicos das políticas do PP e de Feijoo.

Como ía falar con vagar do que el chama  a “cohexistencia amable” entre o galego e o castellano, se todo indica que o galego leva tempo perdendo a batalla e cada vez fálase menos, sendo como é o elemento básico e fundamental que nos distingue como pobo?

Como ía falar do tema da dependencia, moi importante, coa actuación da Xunta nestes anos?

Ou do tema da vivenda, ou do cambio climático e non digamos dos temas internacionais, que todo candidato a presidir un goberno debe coñecer a fondo, nun planeta onde os cambios se están a producir dun xeito notorio e onde o enfrontamento entre as dúas cadeas imperialistas marca a axenda de calquera político. Pois ben de todo iso nada de nada, só algunha crítica sobre o caso dos saharauis, pero ningunha alternativa.

Por todos estes temas que non tiveron resposta clara e contundente no Congreso, botei en falla que a líder de Sumar, que debe coñecer ben a situación de Galicia, non interviñese no debate. Deixou, é a miña opinión, pasar a oportunidade de desenmascarar a Feijoo e capitalizar o debate. 

De nada falou Núñez Feijoo; só fixo “chascarrillos”, “gracietas” e o único que lle preocupou foi a “unidade de España” que Pedro Sánchez vai romper e que PP-VOX coa súa posición mentireira o único que fan é dividir á sociedade a redor dun problema que non vai existir. Triste bagaxe para un candidato que quixo ser presidente.

En segundo, quizais PP e VOX non tiñan un programa elaborado polos dous partidos e o PP preferiu non presentar programa, dedicarse a outras cousas antes que ficar sen os votos, dende hai uns anos aliado, o neo-franquismo máis rampante.

Agora ben, coñecendo como coñecía que non ía ser investido, ben podía presentarse no Congreso desprendéndose da alforxa de VOX e facéndoo cun programa, como lles gusta autodefinirse,  de centro-dereita, se é que esta posición política existe, iniciando así o camiño cara as próximas eleccións.

E para finalizar o seu discurso dixo unha trapallada máis, que renunciaba a ser presidente por non aceptar as condicións de Junts. Como se esta organización lle fora a votar mentres sexa aliado de VOX.


Aínda sen data, pero estamos no segundo asalto que debe resolverse antes do 27 de novembro.


Que poden esperar as traballadoras e traballadores dun posible goberno destas dúas forzas políticas? Entendo que pouco, pero en calquera caso algo máis axeitado aos tempos que corren, que o que podía facer PP-VOX.

Sei o que hai que esixirlle a Pedro Sánchez e ao seu aliado, en primeiro lugar, presentar un programa claro sobre os aspectos que máis arriba relatei e que Feijoo non se atreveu a presentar dende a súa óptica cada vez máis á dereita; agora trátase de presentar un programa de carácter reformista, que se vai desenrolar en momentos de crise, en momentos nos que a oligárquica UE, por seguir, entre outras circunstancias, por ser seguidista das políticas dos USA, atópase con dificultades e tenta volver á senda da austeridade, e nesa senda sempre os que máis sofren son as traballadoras e traballadores. A austeridade non é para todos, sempre para os de abaixo. E nestas circunstancias poucas reformas pódense levar adiante

Pero si son progresistas, como afirman e queren ter o apoio das maiorías sociais, hai que dicir a verdade, explicala, os límites que van ter dentro das políticas económico-sociais que a Unión Europea esixe e si queda algo do pensamento de esquerdas dentro da coalición Sumar, debe ter capacidade para aparecer nestes tempos e explicar tamén a súa posición.

En segundo lugar, ademais da UE e do neoliberalismo do Psoe, a posibilidade de facer  unha política económico-social progresista, tamén atopa dificultades ao tratar con algunhas forzas necesarias para acada-la investidura e configurar un goberno alternativo a PP-VOX, e de conseguir este obxectivo, gobernar despois; JUNTS e PNV, son forzas moi de dereitas que tentarán poñer todo tipo de atrancos a calquera programa de progreso.

Por iso, nestas circunstancias, vai a seguir aparecendo a posibilidade de celebrar unhas novas eleccións xerais, aínda que se configure un Goberno PSOE-SUMAR; a posibilidade de gobernar, é dicir aprobar leis, tomar medidas, étc van ser moi cativas. Polo tanto, se dentro de Sumar fica algo parecido á esquerda, debe manifestarse publicamente o antes posible e explicar con claridade a súa posición diante da complexa situación.

Non estaría de máis que o candidato, xa que estamos en guerra co estado ruso, non declarada, explicara o resultado da contraofensiva ucraína e os coste que representa para todas e todos nós, a axuda que prestamos


En Galicia no mes outubro 2023


No hay comentarios:

Publicar un comentario