A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 11 de diciembre de 2023

ONU: UN ZOMBI.

Roberto Laxe

O enfrontamento entre o Secretario Xeral da ONU, Antonio Guterres e o Estado Sionista de Israel, por afirmar que as accións de Hamas non xorden da nada, senón son consecuencia de “56 anos de ocupación asfixiante”, así como a incapacidade das Nacións Unidas para frear o xenocidio dun pobo que está a ser transmitido polos medios de comunicación coma se un filme pos apocalíptico fóra, só demostra que o RIP dese organismo está preto.


Se é absolutamente inútil para pararlle os pés ao xenocidio palestino, para que serve?.


A ONU foi creada en 1945 polos vencedores da II Guerra Mundial, os EEUU e a URSS, á que engadiron a Gran Bretaña, Francia ao que sumaronse un total de 51 estados. A República Popular de China entra en 1971, en substitución da República de China, que foi expulsada.


No seu artigo 1 da Carta Fundacional dise: “Manter a paz e a seguridade internacionais, e con tal fin: tomar medidas colectivas eficaces para previr e eliminar ameazas á paz, e para suprimir actos de agresión ou outros quebrantamentos da paz; e lograr por medios pacíficos, e de conformidade cos principios da xustiza e do dereito internacional, o axuste ou arranxo de controversias ou situacións internacionais susceptibles de conducir a quebrantamentos da paz".


Aínda que desde a súa fundación a paz non se mantivo en ningún momento, o regueiro de guerras locais son parte da historia recente da humanidade (comezo da guerra árabe-israelí que continua ate do de agora, indo paquistaní, Corea, as dúas guerras do Vietnam, etc., etc.), o perigo da repetición dos dous grandes conflitos do século XX (a I e a II Guerra Mundial) afastouse do teatro europeo por un motivo que pouco tiña que ver coa lexislación da ONU, e moito coa realidade social sobre a que se construíu.


A II Guerra Mundial pechara un capítulo da historia, quen sucedía no “trono” do mercado mundial ás potencias europeas, especialmente Gran Bretaña e Francia (as grandes derrotadas: perderon os seus imperios coloniais); e a forza resolveu o conflito, os EEUU convertéronse no novo amo e señor ao destruír fisicamente aos seus grandes competidores, Alemaña e Xapón.


Pero abriron outro, a chamada “guerra fría”; que non é outra que a guerra entre o imperialismo capitalista e os estados que tras a II guerra expropian ás súas burguesías e establecen estados non capitalistas, que escapan do dominio directo burgués. Tras esa guerra, 1/3 da poboación mundial deixa de estar baixo as leis do capitalismo e réxense por criterios económicos (planificación da economía) e sociais (colectivización fronte a individualismo) opostos polo vértice aos defendidos polos EEUU.


Se foi “guerra fría” e non se transformou en “guerra quente” debeuse á política consciente das burocracias deses estados obreiros de “coexistencia pacífica”; a súa permanencia no poder estaba ligado ao mantemento da paz mundial capitalista, que é a “paz dos cemiterios”: mais de 100 millóns de mortos polas guerras por eles desatadas dan boa fe do “pacifismo” capitalista.


Esas burocracias non tiñan a menor intención de levar a revolución socialista até o final, senón de manterse no poder á conta do que fose baixo a falacia da “superación do capitalismo”. Tras esta frase sen sentido -o mercado mundial terminoullos comendo- ocultaban a súa renuncia á revolución; e como todo o que non avanza, retrocede, eses estados terminaron volvendo ao curro do capitalismo.


Pois ben, baixo esta correlación de forzas, que era un “empate” técnico, construíuse a ONU; era un edificio construído sobre a colaboración de clases e o pacto social. Por iso, o seu método funcionou ata que un dos “contratantes” do pacto desapareceu coa restauración do capitalismo nos Estados do chamado “do socialismo realmente existente”; rompeu o equilibrio entre os estados, unha ruptura que culminou a hexemonía dun só estado, os EEUU. A ONU deixou de ser un organismo de “pacto social” para ser unha institución que só servía para avalar as aventuras imperialistas dos vencedores da Guerra Fría e, se non, pasaba dela como na II Guerra de Iraq.


Pero a vida non se para; senón que esa mesma vitoria deixou ao mundo en mans do capitalismo como único modo de produción en todo o planeta: tras as loitas dos anos 90, todos os estados do mundo transformáronse en capitalistas, e se algo define ao capitalismo é a competencia e a guerra para resolver de últimas, o que non pode resolver pola vía xudicial: cando a xustiza falla, é precisa a guerra (ou a revolución). É innato a el, non pode sobrevivir sen ela.


Nos 80 foi Xapón, despois a Unión Europea, os que parecían cuestionar ese poder hexemónico; pero todos eles estaban atados ao xigante norteamericano por mil fíos económicos, políticos e militares: Xapón e Alemaña foron as potencias fisicamente destruídas nos anos 40 e no seu territorio sitúanse forzas de ocupación ianquis, como un recordatorio permanente da súa derrota.


A “sorpresa” non veu das vellas potencias europeas, nunha decadencia bárbara que fai que os seus intentos de unificación para situarse mellor na competencia interimperialista choque coa súa historia de conformación como estados. As burguesías europeas queren a cuadratura do círculo, unificarse para competir sen renunciar a competir entre elas; o resultado é ese procreo “medio estado/medio tratado internacional” que é a UE.


A “sorpresa” veu dos estados onde se restaurou o capitalismo e que os estados obreiros habían industrializado aceleradamente, Rusia e, sobre todos eles, China, que de ser a “fábrica do mundo” transformouse no “banqueiro do mundo”, e, por iso, nunha potencia imperialista que ameaza seriamente a hexemonía ianqui. Estes, por primeira vez desde 1945, ven en perigo o seu status como potencia hexemónica, coas consecuencias internas que isto supón: sería o fin do “american way of live”.


No camiño da defensa deste status non renuncian a nada, e como “entre dous dereitos iguais, a forza é a que decide” (Marx, Critica á Filosofía do Dereito de Hegel); cando a “guerra con palabras” (as leis nacionais e tratados internacionais) non basta, a guerra quente é a forma que os capitalistas, a través dos seus estados, teñen de imporse fronte aos seus competidores.


Para os EEUU, e os seus aliados, a ONU, as súas promesas de “Manter a paz e a seguridade internacionais”, que nunca serviron para moito, mas agora son un estorbo no camiño de conservar o papel hexemónico; precisan de reorganizar o mundo baixo os novos criterios, a “loita entre os estados imperialistas polo dominio do resto do mundo é (...) un factor básico para definir a natureza e o destino das organizacións internacionais correspondentes” (E B Pasukanis, Sobre o Dereito Internacional).


Esta nova realidade converte á ONU nun zombi que só serve para ratificar estatisticamente as carnicerías que os estados capitalistas levan a cabo e a través dos seus organismos (Banco Mundial, FMI, Unicef, e demais) garantir a pervivencia da orde mundial “realmente existente”, que non é outro que o dominio do eixo imperialista euro norteamericano, as suas semicolonias e enclaves como Israel, que gozan de patente de corso.


A ONU é un zombi ao servizo deste eixo imperialista que non serve para outra cousa que para demonizar aos que se saen dese eixo; a dobre moral entre Rusia e Israel nas súas guerras de ocupación é a mellor demostración deste papel que non “garante a paz” senón que a atiza. A Rusia, cando ocupa parte de Ucraína, expúlsaselle de todos os organismos menos da ONU e o Consello de Seguridade, a CPI (Corte Penal Internacional) emite unha orde de detención contra Putin, as sancións levan á Asemblea Xeral.


Israel leva, desde a súa fundación en 1947, incumprindo todas as resolucións da ONU, e agora, ante a “solución final” desatada contra Gaza polo estado sionista, limítanse a declaracións xenéricas e cando o seu Secretario Xeral sáese do guión lendo un comunicado con verdades como puños, permítense a chulería de vetar aos funcionarios da ONU e pedir a súa dimisión. O sionismo sabe que son a ferramenta privilexiada polo euro norteamericanos para manter “a sua” orde en Oriente Próximo e o mundo árabe.


Se un organismo que foi construído para "manter a paz", que era, en realidade, soster o capitalismo tras as dúas carnicerías que provocou do século XX (a I e II guerra mundial), e xa naquel momento foi ineficaz, salvo para sacar a guerra de Europa que se trasladou ao chamado “terceiro mundo”; que pode facer agora que o capitalismo é o único modo de produción existente no mundo, cando todos os estados móvense pola lei da selva do mercado?


A ONU é un zombi, porque as súas promesas de “manter a paz” chocaron coa realidade dun capitalismo en crise e decadente, que só coñece unha maneira de sobrevivir, a forza fronte aos seus pobos e fronte aos competidores, e debe desaparecer coas estruturas económicas e sociais que a deron orixe. Os pobos do mundo nada teñen que esperar dun organismo que agora ten exactamente o mesmo obxectivo, soster o capitalismo no marco dunha nova correlación de forzas entre as forzas imperialistas.


A solución non pasa por establecer regulamentos e lexislacións que só atenúen as contradicións, senón acabar coas relacións sociais de produción e as súas consecuencias de concentración e centralización do capital, e polo tanto, do poder; senon por reconstruír o mundo baixo uns criterios sociais, políticos e económicos opostos polo vértice á xerarquía capitalista, o socialismo; primeira fase cara á sociedade comunista, onde a defensa do ben común sexa o eixo ordenador da vida social.


É obvio que esa nova forma de orgaizar a sociedade exclúe calquera componenda institucional que, como a ONU, só serva para manter a orde capitalista á que temos que enfrentar como o que é, parte do problema e non da solución.

Galiza mes de decembro 2023








No hay comentarios:

Publicar un comentario