A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 27 de diciembre de 2023

GALICIA 2024: ELECCIÓNS AUTONÓMICAS E EUROPEAS


Carlos Dafonte


O ano que ven imos celebrar eleccións para renovar o Parlamento de Galicia e elixir unha nova Xunta. Após de 14 anos de control absoluto do PP das dúas institucións, agás os militantes máis sectarios do partido fundado por Manuel Fraga, unha grande parte da poboación galega, aínda que o seu voto concédanllo ao PP, están convencidos que non se pode seguir sen proxecto de país que é a realidade na que vivimos en todos estes anos de goberno conservador, e que hai unha necesidade urxente dun cambio de rumbo

E para o mes de xuño, anúncianse eleccións para renovar o Parlamento Europeo e elixir novos cargos que ata o de agora repartíanse entre “populares”, “socialdemócratas” e “liberais”.

As eleccións vanse dar, calquera dos dous procesos, en primeiro lugar nun contexto internacional e estatal complexo, con avances considerables nas eleccións realizadas en diferentes países da Unión Europea de organizacións políticas moi conservadoras e nalgúns por tod@s coñecidos, coa aparición con forza nas institucións, do neofascismo, o neofranquismo e o neonazismo. Crise económica, crise social e crise política do capitalismo, e a súa expansión por un mundo globalizado, son os alicerces destes avances.

En segundo, estar inmersos nun proceso de guerra entre a OTAN e Rusia, onde a primeira pon as armas e cartos e os ucraínos poñen o sangue e @s mort@s, nun intento por parte dos USA de romper, e o conseguiron, os acercamentos producidos nos últimos anos entre a U.E e Rusia, na estratexia de dominar o continente euroasiático; acercamento que en certa medida o impedía. Os avances da OTAN cara a fronteira de Rusia, o golpe en Ucraína, a privación de dereitos aos de cultura rusa e a guerra civil sen que a UE intervira, propiciou, era o desexado a intervención rusa coas consecuencias por todos coñecidas.

En terceiro lugar prodúcese outro feito que explica tamén acontecementos actuais, que vai ser determinante como xa o é agora, nos próximos anos; refírome á perda da hexemonía do bloque anglo-norteamericano no planeta e as súas derrotas militares en Iraq, Afganistán e Siria, a perda de certo control en América Latina e África. Bloque que segue a contar co apoio da UE, o que lle obriga a este conglomerado oligárquico a exixirlle enormes sacrificios a clase traballadora, que se non responde coa contundencia que unha posición de clase exixe, e a causa dos recortes que paseniñamente se foron introducindo no sistema democrático burgués, o papel dos grandes medios de comunicación en mans de esa oligarquía, pero sobre todo pola crise na dirección política do proletariado.

En cuarto, esta perda de hexemonía e o intento de mantela, leva aos actores  principais e subsidiarios, os USA e a UE, a unha completa perda de valores que sempre proclamaron, aínda que nunca cumpriran, que póñese de manifesto na incapacidade para intervir no xenocidio que levan a cabo os sionistas  sobre o pobo palestino na súa intervención tanto en Gaza, que é a zona que produce máis noticias, como no resto da Palestina ocupada. Os palestinos teñen dereito a defenderse, a loitar, e si tiveran tanques, avións e destrutores os utilizarían, pero como non os teñen utilizan os métodos que consideran máis apropiados para dar resposta a decenas de anos de matanzas, de roubo dos seus territorios, de desarticulación da súa economía, de limpeza étnica, diante dos ollos da “comunidade democrática”, que só acerta a balbucir durante esas décadas, que “Israel ten dereito a defenderse”. No fondo poderíamos aplicar aquí a frase do presidente Eisenhower referíndose a determinados ditadores criminais de América Latina, “os sionistas son uns fillos de puta, pero son os nosos fillos de puta”, ou aquelas outras que repitan constantemente,  “Israel é unha democracia” e “todo o que a rodea é un mar de extremismos”. Pregúntome, unha democracia pode ter fora do seu territorio actitudes comparables ao nazismo?.

En quinto lugar, a todo o anterior que crea confusión, incerteza, e un horizonte pouco claro, que conduce cara a actitudes conservadoras, únese a desaparición dunha alternativa dende a forza capaz de dar unha puñada na mesa, a clase traballadora, resultado, e o repito constantemente, da “derrota histórica” que significou a queda e o desmembramento da URSS, non porque fora un modelo a copiar, senón por ser un contrapeso á política imperialista, e a volta ao capitalismo naqueles países onde á burguesía se lle apartara do control dos medios de produción.


Coñecemos que as eleccións europeas van ser no mes de xuño e as galegas o 18 de febreiro, convocadas esperando que todas as campañas contra a amnistía,  e a “participación dos terroristas de Eta no Goberno”, manifestacións, discusións, discursos, toma de postura de sectores da maxistratura, teñan causado efecto sobre o electorado e podan manter en Galicia o voto ao PP. Convócanas cando máis lles convén, cando consideraron que é o momento no que vai conseguir maior número de votos e como acontece case sempre, cando as enquisas llo sinalan, pero deben ter en conta que as enquisas, como nas últimas eleccións xenerais, trabucáronse. Sobre as eleccións galegas tratarémolas máis adiante.

Un pequeno apunte sobre as próximas eleccións europeas.

Na UE as circunstancias socio-política son complexas, e é preciso non equivocarse. Aos dous grandes grupos europeos, os populares e os socialdemócratas, levan un tempo que non lles chegan os seus votos para gobernar como viñeron facendo dende sempre; repartíanse entre eles os postos principais, pero no ano 2019 non contaban coa maioría e tiveron que contar cos liberais. Dende hai anos, apareceu no panorama político outro novo actor, a ultradereita que non para de medrar e Ursula von der Layen deixou claro, aínda que todo dependerá dos votos e as necesidades, que só vaise pactar con aquelas forzas que non poñan reparo algún á construción dende a perspectiva da oligarquía da Unión Europea,  que defendan o estado de dereito e sexan pro Ucraína e pro Israel. E sectores da ultradereita están de acordo con estes tres puntos, polo que populares e liberais pactarán con eles e se poden, excluirán aos socialdemócratas no reparto de prebendas.

Pero hai outros sectores da ultradereita que non están moi de acordo, sobre todo co tema de Ucraína, como poden ser os do Frente Nacional de Francia, os polacos, a ultradereita alemá e o grupo de Salvini en Italia, a Liga Norte.

Como dí Enric Juliana, un dos analistas máis interesantes que publica en La Vanguardia, “a cuestión que se vai dirimir nas próximas eleccións en Europa é cal é a coalición que vai marca-lo rumbo, que política vai levar adiante e quen nomea os órganos. Si populares, liberais e sectores ultras, son capaces de ter unha maioría e excluír aos socialdemócratas, estaremos diante dun cambio de época”.

A campaña xa comezou, e céntrase en numerosos medios en unir europeas, coas desavinzas de Podemos con Sumar e o dereito que o primeiro ten para separarse dun conglomerado de partidos onde, é un feito, lles negaban calquera tipo de intervención nas Cortes; posición que considero moi pouco intelixente e sectaria, por parte de Sumar e Iolanda Díaz que é a súa cabeza política.

As próximas eleccións autonómicas en Galicia.

As próximas elección autonómicas van ter, entendo, carácter plebiscitario, aínda que Feijoo non se presente, si “Feijoo si ou non”; a realidade é que imos votar polos 14 anos que estivo na presidencia, e seguramente terémolo aquí durante toda a campaña; o PP vai facer todo o posible para non perder o que durante tempo, na época política das “vacas fracas” do PP, foi o seu mascarón de proa, onde resistía a pesares dos malos resultados no resto, máxime agora en que o líder de Galicia foi pulado ao liderado do partido a nivel de estado, é o líder da oposición e candidato a ser presidente do Goberno; unha derrota en Galicia, e só pode ser considerada como tal que non teña maioría absoluta no Parlamento, sería unha derrota de Feijoo e o seu liderado sería máis pronto que tarde, posto en cuestión, dentro do propio partido.

Polo tanto as eleccións autonómicas en Galicia non van ser unha elección máis, son as eleccións de Feijoo, onde o PP de todo o estado vai poñer toda a “carne no asador” para que o seu líder acade aquí unha vitoria importante, que o consolide como líder estatal. 

Rueda é o candidato do PP, pero estas non son as eleccións de Rueda, son as eleccións de todo o Partido Popular.

Os problemas da marcha de decenas de miles de mozas e mozos que en Galicia no atopan traballo; da desindustrialización e a fuga de empresas ao norte de Portugal ou que cotizan fora de Galicia; a Galicia interior que perde cantidade de habitantes e capacidades; a suba considerable da débeda da Xunta con relación ao PIB; a perda de peso da gandaría e pesca; o retroceso do idioma galego na sociedade, elemento básico da nosa consideración como pobo e en xeneral da cultura; a sementeira de molinetes produtores de electricidade para beneficio das eléctricas e sen beneficio algún para as xentes que aquí vivimos, como aconteceu cos encoros; a entrega a mans privadas do resultado da fusión das antigas Caixas, coa necesidade que temos dunha banca pública; as baixas pensións e salarios e a desarticulación progresiva de servizos públicos básicos como a sanidade ou o ensino, indican que Galicia atópase nunha situación de emerxencia e quen a situou nela, foi o PP e a xestión, axudado por Rueda, do antigo presidente Núñez Feijoo.

É necesario deixar atrás esta etapa, e como dicía ao principio da reflexión, ata os militantes do PP que estean ao marxe do sectarismo, do cainismo que inunda a política actual, premendo un pouco neles, aceptan a necesidade  dun cambio, pero seguen a considerar que o propio PP o pode levar adiante; estou convencido que son realistas e coñecen que non vai ser así, que cada vez máis o seu partido esta a retroceder en cuestións económicas e sociais.

A alternativa non pode ser dun só partido, o electorado en Galicia é difícil que sexa quen de pasar dunha maioría absoluta dun determinado partido, a outra doutro distinto, hai que recoñecer que o mellor colocado, entre os que se atopan na oposición é o BNG. Cando gañou o PSOE o Bloque cumpriu e votou a Touriño; de gañar o Bloque e si hai posibilidades de botar ao PP, espero que o Psoe faga o mesmo. Pero as cousas complícanse ata coñecer que van facer Sumar e Podemos. De presentarse, e teñen todo o dereito a facelo, posiblemente xa non dependa só de dous. 

Si como aparece nas noticias, hai unha candidatura por Ourense do actual alcalde ata hoxe apoiado polo PP, cousa que dubido pois restaríalle votos a quen o apoia no Concello e poderíalle costa-lo posto, ou que VOX presente candidatura en determinadas provincias que recollería, penso votos do PP, o panorama político-electoral, complicaríase.

Estando de acordo que a alternativa ao PP non pode ser dun só partido, tampouco estou de acordo con que toda a campaña xire arredor deste enunciado. Refírome ao que lle escoitei a Iolanda Díaz hai uns días que sonoume a letras xa escoitadas moitas veces que conduciu ao ano 1997, co intento de quebrar Esquerda Unida, inventándose unha parte da dirección, unha “alianza de esquerdas” co PSOE de Francisco Vázquez. Presentarse co único proxecto programático a unhas eleccións, de pedi-lo voto para tirar cara a esquerda do posible “goberno da alternancia”, sen presentar e defender un programa de esquerdas para a clase traballadora de Galicia, paréceme volver a camiños xa percorridos no pasado, que levaron a ningures.

Non fica moito tempo para a votación; atopámonos en plena campaña. Estaremos atentos.


En Galicia no mes de decembro de 2023.


No hay comentarios:

Publicar un comentario