A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 24 de febrero de 2024

NON FOI POSIBLE DESPRAZAR AO PP DA XUNTA.

Carlos Dafonte

    Celebradas as eleccións autonómicas, o PP continúa a ter maioría absoluta no Parlamento e polo tanto a Xunta vai seguir nas súas mans. O contexto político tanto estatal como europeo, que analizaba con máis fondura no artigo do 27 de decembro, co avance das forzas da dereita extrema e nalgúns lugares o fascismo, por moito que queiras pensar o contrario, non presaxiaba que Galicia fora a ser algo diferente; somos parte dun estado e da Unión Europea e nos tempos de cambios políticos, como acontece hoxe, non é este o momento de volvelos analizar, moita xente non está moi disposta a poñer o seu voto ao servizo desta fin, aínda que o  pense e o considere necesario. 

O BNG cumpriu, acadou como tod@s coñecemos 25 deputados, pero o Psoe non axudou, perdeu 5 e acadou o menor número de votos en todas cantas eleccións autonómicas celebráronse en Galicia. Sumar ficou acadou 28.171 votos que representan o 1’90 % dos votantes. Cito a estes tres pois seguramente de necesitarse, constituirían un goberno tripartito.

Se fixéramos unha comparativa entre o BNG e o PSOE, podemos dicir que mentres o primeiro leva tempo con Ana Pontón no Parlamento como voceira da organización, dando a batalla cotiá contras as políticas da Xunta e traballando na sociedade, marxinando temas que noutros momentos eran os que situaban no primeiro plano como o da identidade nacional, produciuse neste senso, un cambio estratéxico importante situando no primeiro plano os temas sociais que son os que a maioría da xente queren que se lles resolvan, sanidade, educación, queda da industrialización, emigración, temas relacionados coa cultura propia, etc.. Escolleron o camiño da permanencia no liderado e un cambio na estratexia electoral. Estes días de análise electoral algún apuntou: “como Bildu”. E é certo. Pero tamén pódese pensar que o voto galeguista de dereitas que entrou no redil do PP con Coalición Galega, vai ser máis difícil de convencer. Si é que fica algo do mesmo.

O PSOE en cambio ao longo destes anos e unha máquina de “picar secretarios xenerais e candidatos á Xunta”, que agás esta vez, sempre coinciden, seguramente como resultado das divisións que dentro do mesmo existen. En certa medida a súa situación faime lembrar a dos partidos da quenda na restauración, a partir de 1917, cando as divisións internas non permitían, pola cantidade de liderados dentro de cada partido, que os gobernos durasen; daquela tentaron saír coa fórmula de “gobernos de concentración”, algo que en Galicia non é hoxe posible.

O BNG debe facer un análise serio destes resultados electorais e sacar unha conclusión clara, o día 18 de febreiro subiron a conta dos votos do Psoe, pero esa análise ten que servir para coñecer por onde pode entrar para gañar votos do PP, que todo hai que dicilo, aínda que a participación aumentou, acadou Rueda como candidato máis votos que o candidato Feijóo.

Hai algo que o Psoe debe ter moi en conta, despois duns anos nos que o segundo posto estivo en máns de diferentes forzas, Psoe, En Marea, BNG, que indicaba que ser o lider da oposición era algo conxuntural, que o BNG repita o liderado da oposición, pode indicar que se ten convertido en estrutural, co que iso pode ter de relevante para cando @s galeg@s decidan dunha vez por todas que o PP xa fixo dano bastante e é necesaria a alternancia.

As declaracións de Rueda despois de coñecer resultados “Galicia mandoulle unha mensaxe a España, aquí non queremos chantaxes nin estar sometidos”, referíndose supoño a que o PP gaña e o resto perde, entre eles a opción nacionalista, cando o BNG acada o mellor resultados da súa historia, indica que facer declaracións coa euforia do triunfo e algo que hai que coidar. O mesmo que dicir días despois, cando xa debía estar máis calmo, que como gañou non ten que cambiar nada nas políticas que o PP levou adiante nestes 15 anos. Pois mire señor Rueda, Bng+Psoe+Sumar teñen máis votos que vostede, 700.491 fronte aos 702.536 e en % tamén lle gañan, 47’36 por 47’51, cativas diferencias, xa o sei, pero por facer análise no límite da realidade, poderíamos dicirlle que en Galicia queríase cambio. A non ser que o PP sume os votos de VOX, que quere acabar coas autonomías e claramente franquista en moitos outros temas programáticos. 

Dicir que como ganou o PP todo está moi ben e non hai que cambiar nada, é non coñecer a realidade galega; críticas houbo abondo na campaña para que o PP faga unha reflexión e si lle deixan os seus, introducir algúns cambios. 

Pagou o PSOE a negociación cos nacionalistas catalás? Pode ser, pero se os seus votos marcharon cara ao BNG, son votos moi contraditorios, pois esta forza política tamén está a favor da amnistía e a reconciliación; outra cousa e que o traspaso cara ao BNG fixérano antigos votantes críticos,  para castigar ao que chaman “o sanchismo”, que pode ser, as enquisas posteriores indicarán as razóns do traspaso. 

Tamén pódese pensar que o voto hexemónico do BNG en Vigo, é un castigo a Abel Caballero pola súa reiterada “política luminosa” do Nadal. Deixo unha pregunta, o PSOE de Vigo implicouse a fondo na campaña?

Que podemos dicir de “SUMAR”? Iolanda paga en Galicia por todas as manobras que durante estes anos foi facendo, deixar caer a En Marea polo pacto con Podemos de onde saíu Unidas Podemos, máis tarde cando considerou que con Podemos non había posibilidade de bos resultados, forma “Sumar”, actuando de xeito que a nova organización resta en vez de cumprir co seu nome. Cal será o seguinte paso, entrar no PSOE? No PSOE non a queren senón aporta deputados que pacten con eles, mentres o bipartidismo non se instaure de novo, aspiración dos dous grandes partidos. Dentro do PSOE pouco lles vai aportar.

O que non estivo presente na campaña, foi unha forza política cun programa orientado a solucionar os problemas da clase traballadora galega, de esquerdas que formulase a superación do capitalismo non para un horizonte próximo, para un a máis longo alcance, estratéxico, adecuando a táctica a esa necesidade que de non producirse, cada vez máis a clase traballadora vai ver como a pesar de determinadas medidas o deterioro da súa condición de vida é unha realidade.


En Galicia no mes de febreiro de 2024.


No hay comentarios:

Publicar un comentario