A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 24 de mayo de 2024

A OTAN TEN PERDIDA A GUERRA EN UCRAÍNA

Carlos Dafonte.

    A provocación a Rusia iniciada no ano 2014 co golpe anticonstitucional levado a cabo en Ucraína pola OTAN, deu resultado e a principios do ano 2022 Rusia iniciou a “operación militar especial” e as tropas entraron en territorio ucraíno.

Despois do golpe de estado, que segundo a señora Victoria Nuland, encargada dos asuntos de Ucraína no Departamento de Estado dos USA, costou 5.000 millóns de dólares e deixou para a lembranza histórica unha frase enigmática en principio en conversa co seu embaixador, “que se foda Europa”, aconteceron toda unha serie de feitos que é necesario coñecer para entender o grao de responsabilidade de cada un no conflito actual.

No 2014 e 2015 asináronse os acordos de Minks entre Rusia e Ucraína, despois das primeiras escaramuzas entre as dúas culturas presentes no país, a causa de que lles eliminaran determinados dereitos á minoría rusófila e responderon coa esixencia de maior autonomía e chegar ata a separación; acordos que foron papel mollado; no segundo coa presenza de Merkel e Macrón e non aceptado polos USA, que a primeira recoñeceu hai pouco, “só tratábase de gañar tempo”; para que? Para armar adecuadamente ao exército ucraíno. 

Estes acordos foron un intento de evitar o que foi inevitable, o inicio dunha guerra civil entre a maioría  dos habitantes do país, fronte a unha minoría de cultura rusa, localizada preferentemente no Donbass e toda a franxa do Mar Negro, incluída Crimea, que representa máis ou menos o 38% do total da poboación.

Que fixo a Unión Europea diante dun recorte de dereitos dun estado a unha parte dos seus habitantes e o inicio dunha guerra civil nun territorio tan próximo? Nada, como bo sipaio, como bo vasalo dos USA, participar, aínda que o resultado vaia en contra dos seus intereses, na montaxe programado máis aló do Atlántico e que tiña como obxectivo evitar as boas relacións entre a U.E e Rusia, que tenta aplicar un dos elementos da estratexia xeopolítica nos que baséanse as actuacións dos USA, “quen domine Eurasia dominará o mundo”; evitar se eles non poden, que haxa un dominio en Eurasia distinto do que poden exercer eles; hai que recoñecer que as boas relacións entre a UE e Rusia e a alianza entre esta última e China, todo hai que dicilo pola incompetencia da administración de Obama, deixaban aos USA fora do que acontecía, dende os tempos Mackinder, na considerada zona central do planeta.

Polo tanto, armar ata límites insospeitados ao goberno ilexítimo de Ucraína na súa agresión contra a minoría rusófila, debía dar os seus froitos e senón os daba, tiña a outra carta que puña a seguridade de Rusia en entredito e que lle faría actuar, a aceptación de Ucraína como país da OTAN.

E a incompetencia política de Zelensky e o seu grupo, só disposto a aceptar o que os USA lle dícía, púxose de manifesto na Conferencia de Seguridade de Munich de febreiro de 2022, onde reafirmou o seu interese por entrar na OTAN e que Ucraína, anunciou nun ton solemne, derogaría as súas obrigas segundo o Memorando de Budapets de 1994 e seguiría un proceso de renuclearización.

Esa guerra civil silenciada, da que ninguén quérese lembrar como antecedente da “operación especial”, deu os seus tráxicos froitos, máis dun millón e medio de rusófilos escaparon cara a Rusia, miles de mortos e feridos e constantes actos de terror contra a poboación civil do Donbass, escolas voladas cos nenos dentro, hospitais que sufriron atentados de todo tipo e bombardeos contra a poboación civil dun xeito indiscriminado nunha actuación moi parecida á que hoxe practica Israel na franxa de Gaza, e todo co silencio cómplice da comunidade europea, esa parte do planeta que considerase é portadora de valores, pero que fica co “cú ao aire” cando acontecen feitos como os acontecidos no Donbass dende hai anos e non considérase involucrada, ou murmura sen levantar moito a voz, co xenocidio en Gaza.

Descoñezo se a “operación militar especial” rusa, comezou como resposta á posibilidade de ser destruídos os rusófilos ucraínos do Donbass ou para protexerse do avance da OTAN coa entrada de Ucraína na organización criminal, que só defende os intereses dos USA. A min tanto me ten, o fundamental é a defensa do Donbass, que poda exercer o dereito de autodeterminación, que podan levar unha vida digna dentro de Ucraína, de Rusia ou como república independente. Teñen dereito a elixir.

Rusia neste tema, invoca os feitos que levaron ao ataque da OTAN contra Serbia e a creación do estado de Kosovo, que por certo, non está recoñecido polo Estado Español.


Que non nos confundan, é unha guerra entre a OTAN e Rusia.

Onde os ucraínos poñen os mortos, e a posible destrución do país por ter un presidente que é un aventureiro e pensou que armado e instruído pola OTAN que tivo oito anos dende 2014 a 2022 para planificar a entrada do exército ruso no territorio, podería gañar a guerra.

Rusia enviou un exército capaz de librar “guerras asimétricas” contra pequenos países mal armados, instruidos en tácticas de guerra pouco desenvolvidas, con cativa capacidade para repoñer o material estragado, que son os que ten na súa contorna. Por iso cando entrou en febreiro en territorio ucraíno o fixo coas unidades de “batallóns tácticos”, non máis de 50.000 homes, sen mando único que despois dun avance rápido tiveron que retroceder diante da resposta coa que se atoparon.

E tiveron que modificar a súa idea e entrar noutro tipo de guerra, a “guerra de desgaste”, máis lenta, onde a artillería, aviación e todo tipo de cohetería fan un papel fundamental e neste caso teñen superioridade manifesta, e ademais teñen unha capacidade industrial para repoñer o material que ten que ir a revisión ou é estragado, capacidade para unha retirada estratéxica e unha tecnoloxía adecuada ao tipo de guerra que vas librar, sinxela e que non necesite moitas reparación; neste senso parece que tanques moi modernos dos USA tiveron que ser sacados da fronte de combate pois eran totalmente inoperantes no terreo no que tiñan que combater.

A OTAN albisca a posibilidade de ser derrotada non só no campo de batalla ucraíno, tamén polas medidas económicas que os BRICS e numerosos países que manteñen contacto cos mesmos, están tomando nestes dous anos e que afectan dun xeito nidio ás economías dos países que pertencen á OTAN. Por exemplo, é certo que numerosos países africanos e do que chámase “oriente próximo”, están retirando as súas reservas en ouro depositadas nos USA?. Moitos canles alternativos falan deste feito e as consecuencias que para a economía dos USA pode ter, e ningún analista di que sexa beneficioso. Máis ben todo o contrario. 

Outra pregunta incomoda da que non falamos moito: cantos países utilizan nos seus intercambios comerciais as súas moedas deixando de facelo en dólares? E outra máis, é certo que en 144 países China é o socio maioritario?. 

Resultado desta situación nova, agúzase a perda da hexemonía por parte de quen a exerceu dende a fin da IIª G M, que a guerra entre a OTAN e Rusia precipita, e exacerba a histeria que ten invadido as chancelerías de numerosos países europeos, acrecentada pola posición dos USA que os mete no “fregado” e despois lles indica que sexan eles quen resolvan o problema. Lembremos, “que se foda Europa” dixo Victoria Nuland hai 10 anos e a verdade, sen o gas e o petróleo que chegaba dende Rusia, a “locomotora” da UE, Alemaña, atópase en plena recesión e queiramos ou non, esta situación vai influír no resto dos países da súa contorna.

A histeria lévalles á predicar a política do medo entre a súa propia cidadanía, onde o argumento fundamental e que Rusia o que quere é ocupar toda Europa. Rusia o que quere é defender a súa seguridade señor Borrell, o mesmo que queren todas as grande potencias e ante a perspectiva de que a OTAN siga avanzando sobre as súas fronteiras, tentou negociar, e ante a falla de compromiso actúa. O mesmo que farían os USA se Rusia tentara poñer bases militares preto da fronteira con México. No ano 2022 Rusia e Ucraína chegaron a un acordo en Estambul e os USA e Reino Unido fixérono fracasar. Explicaron as razóns da súa actitude?.


Hai anos, na época de Gorbachov, a OTAN garantizóulle que non avanzaría máis.

Menuda garantía; entraron na OTAN dende que se lle garantizou, Bulgaria, Rumanía, Polonia, Chequia, Eslovaquia, Hungria, Letonia, Estonia e Lituania. E neste tempo convulso, Finlandia e Noruega. Agora Rusia non está disposta a que Ucraína o faga, xógase a súa existencia e si ese país non estivera gobernado por aventureiros e cleptómanos, incapaces de comprender o que se estaban a xogar e o perigo que significaba para a existencia do mesmo, terían actuado con maior prudencia.

Unha vez iniciada a “operación especial”, tamén se lle garantizou que as armas que lle vendía a OTAN a Ucraína, nunca serían utilizadas contra o territorio ruso; hoxe todos os días cidades próximas á fronteira son alcanzadas por elas e decenas de civís morren.

Con estes antecedentes, quen lle garante a Rusia que os avións F-16 non van portar armas nucleares? E no caso de garantirllo, debe facerlles caso? A histeria nas chancelerías “otanistas” está a poñer en perigo a paz mundial e o que é peor, que esa paz se rompa con armamento nuclear.

E dentro da histeria total, destaca o presidente francés Macrón que constantemente está reclamando o envío de efectivos militares ao campo de operacións pero sen decidirse a dar pasos adiante, nunha estratexia que o analista xeopolítico Juan Antonio Aguilar cualificou de “ambigüedade estratéxica”, amaga pero non da, nese plan de aparecer como o líder europeo, agora que Alemaña atópase en “horas baixas”.

Para finalizar, outro elemento que pode levar a unha confrontación OTAN-Rusia a un nivel superior; é o que denomínase “caso Odessa”, é dicir, que vai facer Rusia con esa cidade, que considera rusa, que coa súa toma pecha toda a costa do Mar Negro a Ucraína e os seus aliados?. 

Por outra banda sen que se coñeza moi ben a súa función, a “101 División Acoirazada” dos USA atópase en Rumanía e diferentes analistas sobre a guerra actual,  indican que no caso do asalto de Rusia á cidade, esta división a ocuparía previamente e encargaríase da súa defensa. Debemos considerar que de ser certas estas previsións, a guerra entraría en outra dimensión, cuxas consecuencias so imprevisibles.

A guerra está perdida para a OTAN, non ten capacidade de repoñer as baixas humanas e tampouco as de armamento e nunha “guerra de desgaste”, gaña, como apuntei ao principio quen ten capacidades que hoxe a OTAN non ten e Rusia si

Polo tanto a loita contra a guerra e pola disolución da OTAN que actúa a favor dos intereses xeoestratéxicos dos USA, que non coinciden cos da maioría dos traballadores do planeta, é unha necesidade.


En Galicia no mes de maio 2024


No hay comentarios:

Publicar un comentario