A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 3 de febrero de 2026

OS USA NON ACEPTAN DEIXAR DE SER O HEXEMÓN E ACTÚAN PARA IMPEDILO. (I)

Carlos Dafonte


En primeiro lugar, debemos destacar que todas as actuacións levadas a cabo pola administración norteamericana actual,  non sei se dicir republicana, “trumpista”, “maga” ou “neocon”, son resultado de dous vectores,  a desesperada situación económica na que se atopa hoxe a ata hai uns anos a primeira potencia mundial, o hexemón que gobernou ao seu antollo o planeta dende o final da II ª Guerra Mundial, e os avances de China en todos os ámbitos, comercial, político, tecnolóxico, militar, etc. Hoxe China e o maior socio comercial do planeta, mantén relacións comerciais coa maioría dos países sen utilizar métodos coercitivos, pola razón de que ambas partes sacan beneficio do intercambio.

Entender como os USA chegaron á situación actual require facer unha análise aínda que sexa superficial dos últimos oitenta anos. 

Cando finalizou a IIª Guerra Mundial, estableceuse o patrón ouro, é dicir o dólar tiña un equivalente  en ouro, a Reserva Federal tiña que darlle ao país que o pedira o ouro que correspondera polos dólares que quixeras cambiar. 

Os USA saíron da guerra moi fortalecidos, poucos mortos, un país que non sufrira destrucións como os europeos, ou China ou Xapón e cunhas institucións internacionais constituídas para servir os seus intereses, Banco Mundial, Fondo Monetario Internacional, etc

Axiña entraron na guerra de Corea, comezaron a construír bases de carácter militar por todas partes, máis de 800 teñen na actualidade, despois entraron en guerra contra Vietnam do norte que fora enganado e non celebraran o referendo de unificación despois da derrota dos franceses. A guerra fría, as “guerras quentes”, trouxeron déficits moi importantes na economía dos USA, que superaban dándolle á máquina de facer dólares.

O dólar non valía nada, os dólares eran resultado de darlle a máquina pero non tiñan o respaldo da creación de riqueza e franceses e alemás que tiñan importantes superávits, cambiaban os dólares que tiñan por ouro, polo que en 1971 baixo a administración do presidente Richard Nixon, para evitar a xeneralización deste proceso,  puxeron fin unilateralmente ao patrón ouro.

Entramos pois na etapa que economistas críticos norteamericanos denominan de “privilexio exorbitante do dólar”, que como resultado de que todos os intercambios comerciais se facían en dólares, moitos países tiñan cantidades de dólares que tiñan cativo valor mentres o déficit e a débeda dos USA seguía subindo, e ao ser a grande potencia mundial conseguiron canalizar eses dólares á compra dos Bonos e Letras do Tesouro dos USA cos que o inversor obtiña certo interese, e así comezaron a financiar o seu déficit. 

A situación de déficit constante que os demais financiaban, durou varios anos ata ben entrado o século XXI; déficit que non é resultado, como di agora Trump, da xenerosidade do país, senón da constante intervención militar para facerse con recursos e seguir mantendo a súa hexemonía; dúas guerras en Iraq, Afganistán, Serbia, Libia, Siria, bloqueos a Irán, apoio económico constante aos sionistas de Israel, guerra en Ucraína, etc. Hai que dicir que o orzamento militar dos USA é maior que a suma dos vinte países que lle seguen en canto a orzamentos militares.

Que países tiñan a maioría dos bonos do Tesouro estadounidenses?, tres países, China, Xapón e Grande Bretaña os que máis, pero outros moitos tamén participaban.


Déficit que aumentaba tamén polas políticas fiscais dos USA permitindo que as grandes fortunas e corporacións non paguen impostos e aprobando que milleiros delas, para acadar maiores beneficios, marcharan cara a países de fora do centro do sistema capitalista para producir. China non lles roubou como di tamén Trump, as empresas aos USA, marcharon non só a China, porque as administracións tanto demócratas como republicanas o permitiron.


Hai que recoñecer que Trump gañou as eleccións pasadas porque fronte ao “todo vai ben” demócrata, expuxo unha parte da realidade dos USA, enorme débeda, desindustrialización, perda da hexemonía, derrota nas guerras que provocaron, só conseguiron crear o caos pero non o control dos países.


Agúzase o proceso de decadencia dos USA.

Unha China forte, a quen as políticas das administracións demócratas lle facilita a alianza con Rusia, comeza a partires dos primeiros anos do século XXI a tentar cunha serie de aliados, buscar unha nova correlación de forzas a nivel planetario, nacen os BRICS no ano 2009 no que participan Brasil, Rusia, India, China e Suráfrica aos que axiña se lles sumaron outros países e algúns sen pertencer aos BRICS aproximáronse a eles dadas as condicións favorables para realizar o comercio de todo tipo de mercadorías e a construción de infraestruturas. Tamén naceu a “Franxa e a Rota” no ano 2013, que abrangue a 60 países e significa a creación de toda unha serie de infraestruturas terrestres e marítimas que pon en contacto China-Asia con Europa, África e tamén Latinoamérica e tamén hai que destacar, que cada vez ten máis pulo a Organización de Cooperación de Shanghai.


Hai dous problema engadidos para os USA, o proceso de desdolarización en curso, numerosos países nos seus tratados comerciais non utilizan o dólar o que isto pode significar para a moeda norteamericana e a venda importante de Bonos do Tesouro norteamericanos por parte de China, que chegou ter 1 billón 300.000 dólares en eles e hoxe rebaixou a súa tenencia a 600.000 millóns e non está disposto a seguir comprando, o mesmo que fan dous aliados estratéxicos dos USA, Xapón e Corea do Sul aínda que sobre eles a administracións Trump pode exercer unha enorme presión.


Cal é a resposta dos USA a este proceso de constatar que xa non é o país  hexemónico e polo tanto non seguen determinados países as normas que tentan impor? Como sempre a utilización da violencia, a coerción, tentando derrubar gobernos e facéndoo en nome dunha suposta democracia e chegando ao enfrontamento ata cos seus aliados da UE-OTAN. 


A imposición de aranceis que un día suben e outro baixan; a esixencia do traslado de fábricas e empresas ao seu territorio; o mantemento de sancións contra Rusia por facer o mesmo que eles fixeron en Serbia con Kossovo; a voadura do Northstream para derrotar economicamente a Alemaña e obrigala ao enfrontamento coa Federación Rusa na guerra da OTAN en Ucraína; obrigar aos membros da OTAN a subir ao 5% do PIB a súa participación na organización ou a nova Estratexia de Seguridade Nacional que xa analicei nun artigo no blog “Alternativa”, son elementos que tentan cambiar o que hoxe non ten dúbida, que os USA son unha grande potencia pero incapaz de impor normas que só a ela benefician e que ten perdida a súa hexemonía.