A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 11 de noviembre de 2008

O BÁLSAMO OBAMA

Carlos Dafonte




Na madrugada do día 5 de novembro, produciuse un acontecemento insólito nos EEUU de Norteamérica: a elección dun home de raza negra para presidir durante os catro próximos anos á primeira potencia militar do mundo, potencia en nidio retroceso en moitos outros aspectos. Elección que foi apoiada, todo parece indicalo así, por un importante número de asalariados.


Quero dicir en primeiro lugar, que cando se celebraban as primarias, nunca pensei que fora a gañar o partido demócrata; nunha situación de guerra, pensaba, que a xefatura do exército, para moitos “patriotas” norteamericanos non pode estar en mans dunha muller ou dun negro. Despois, xa dentro da propia campaña, a evidencia dos apoios a Obama, fíxome ver o equivocado do meu argumento.


Á calor desta elección xorden algunhas reflexións que considero pertinentes subliñar. En primeiro lugar debemos analizar as razóns que levan ó constante bombardeo da cidadanía por parte dos medios de comunicación sobre as eleccións norteamericanas e o enxalzamento que das mesmas se fai. Escoitei en numerosas ocasións estes días, falar de “festa da democracia”, cando é moi dubidoso que se celebren no marco democrático adecuado e que o propio sistema o sexa. A inexistencia de censo de electores, o ser unha elección indirecta, a desproporción entre a poboación de cada estado e o número de “electores presidenciais” que se elixen nos mesmos, a dependencia dos candidatos, dado o alto custo do sistema electoral, con primarias e a lonxitude da campaña, das empresas e emporios económicos para podela financiar. A todo o anterior, debémoslle engadir algún outro elemento tamén moi salientables como a inexistencia de verdadeiros programas electorais o que permitiu que o candidato Obama cambiara de posición varias veces na campaña e primarias, en temas como a guerra en Iraq, as escoitas telefónicas, ou o recorte de dereitos que significan as Actas Patrióticas I e II, etc.


Estes aspectos que son reais, xunto con outros moitos non expostos, a calquera persoa ou institución, que se considere demócrata, o debe levar a unha crítica fonda do sistema imperante na primeira potencia militar do mundo, e polo tanto é o esperado que se faga por parte dos medios de comunicación, cando esa potencia ten ademais a pretensión de tenta-lo impoñer a todo o planeta.


Pero da tan aireada campaña e da postura de numerosos medios do estado, saquei a conclusión, de que hai unha intención, nestes tempos de dominio da forma de capitalismo máis noxenta, o imperialismo das depresións, cando máis se aproxima ó fascismo, de facernos crer que a democracia practicada nos EEUU, se se lle poder chamar así, debe se-lo modelo universal para todos os países; e hai unha verdadeira operación de “lavado de cerebro” da cidadanía con ese propósito. Algo terá que ver que medios de comunicación e empresas multinacionais, hoxe, no estado español, teñan unha ligazón moi estreita. Estas son propietarias de todos os que crean opinión.


En segundo lugar, ¿É posible unha elección presidencial nos Estados Unidos de Norteamérica ó marxe do control do complexo militar industrial, dos grandes bancos, das empresas multinacionais e dos grupos de presión sionistas?. Creo que calquera persoa sensata debe dar un non por resposta, coñecendo ademais como ese país intervén a cotío nos problemas do resto de países. A maior parte das veces creando eses problemas, cando consideran que os seus intereses empresariais poden sufrir algún tipo de deterioro. Como financian candidatos que avalen os seus intereses e como tentan eliminar aqueles que defenden intereses populares. A historia esta chea de intervencións do goberno federal dos USA, en defensa dos intereses das empresas norteamericanas. ¿Como vai ser posible que estas non interveñan nunhas eleccións presidenciais propias?. Polo tanto se a financiación das campañas de ámbolos dous candidatos dependen das aportacións privadas, das grandes fortunas, facerse a idea de que Obama representa un cambio, algo máis que non sexa o da cor da pel, que considero importante como dato sociolóxico, é caer na inxenuidade.


En terceiro lugar ¿porqué Barack Obama e non outr@?. Nese país a guerra de Iraq e Afganistán, pero sobre toda a primeira, que produce unha grande cantidade de mortos e feridos, abriu de novo, como no caso da guerra de Vietnam, un foxo entre a maquinaria estatal ó servizo da oligarquía e unha parte moi importante do pobo. Nunca, excepto na época da guerra de Vietnam, a repulsa dun presidente e a todo o que significa o poder, fora tan grande e tan extensa. Ademais dos mortos e feridos, tamén polos argumentos mentireiros que utilizaron para enganar a sociedade internacional e o seu propio pobo, así como polos negocios que xeraron para altos cargos, o vicepresidente Cheney por exemplo, ou o interese da familia do presidente, de Condoleza Rice e outros, por controlar coas súas propias empresas o petróleo da zona.


Se a esta situación lle engadímos a crise económica que golpea brutalmente a unha parte moi importante da poboación, pero sobre todo a inmigrantes e afroamericanos, ademais das chamadas capas medias, estamos diante dun panorama moi complexo, non esquezamos as enormes mobilizacións de hispanos reclamando dereitos, de hai uns meses, que necesita de “grandes cambios para que nada cambie”.


E Obama, como en outros momentos o presidente Carter, vai xogar o papel de “bálsamo” para unha sociedade convulsa. ¿Quen mellor que Obama para conseguir restitui-la confianza do pobo no poder oligárquico?.




En Galicia no mes de Novembro de 2008



No hay comentarios:

Publicar un comentario