A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 6 de febrero de 2009

GAZA: UN FITO MÁIS NO XENOCIDIO DO POBO PALESTINO



Carlos Dafonte


Desde hai máis de sesenta anos o pobo palestino mantén unha loita heroica contra do imperialismo que situou a un dos seus peóns fundamentais, o sionismo, constituído como estado de Israel, nos territorios do antigo “protectorado británico”, xurdido do tratado Sykes-Picot entre Francia e Gran Bretaña en 1916. Este tratado é asinado en plena guerra mundial, pero cando xa era previsible a derrota do imperio turco que “administraba” extensos territorios na zona. No territorio que hoxe chamamos Palestina, conformados por Cisxordania, Gaza e Israel, a poboación a principios do século XX era de 700.000 persoa aproximadamente; un 80% de musulmáns, un 10 % de cristiáns e un 8% de xudeus, e o resto doutras crenzas. A poboación xudía aumentou entre ambas guerras ata acadar unha cifra aproximada ó 31 % do total cando se proclama dun xeito ilegal a existencia do estado de Israel, sobre todo a partires do inicio das persecucións por parte dos nazis.


É necesario desmontar unha das mentiras creadas polo sionismo; a formulada como a existencia “dun territorio sen pobo e dun pobo sen terra”. Sobre o territorio de Palestina discorría a vida, desde había milleiros de anos, de centos de miles de palestinos non xudeus e desde que os británicos o ocuparon, loitaron contra do “protectorado” para constituír un estado propio; e a actitude dos escasos xudeus da zona, foi a de colaborar cos imperialistas para reprimir todos estes movementos. O caso máis exemplificador foi o da sublevación palestina iniciada en 1936, que combinou folgas xerais, resistencia civil ó pago de xuros e loita guerrilleira. A represión levada a cabo polo exército británico en colaboración con organizacións xudías, permitiu a estes últimos expulsar a numerosos palestinos das súas terras e ensaiar métodos de terror que utilizarán máis tarde.


O estado de Israel nace o 14 de maio de 1948 dun xeito ilegal, e como un estado confesional, en contra da resolución da ONU número 181, aprobada o 29 de novembro de 1947; resolución que recollía os intereses sionistas, e entregaba máis do 56% do territorio, das mellores terras, a unha poboación minoritaria e que nunha grande parte acababa de chegar. Nos contidos desta resolución vai ter moita influenza o lobby sionista norteamericano e o abandono cobarde e cómplice, das autoridades británicas, que se enfrontaron a unha campaña terrorista moi intensa levada a cabo polos xudeus a traveso das organizacións Irgún, Haganah e Stern, contra británicos e palestinos, na que destacaría a voadura do hotel Rei David, onde morreron centenares de militares británicos e o asasinato masivo de palestinos como o levado a cabo en Deir Yessin. A partires do ano 1948 estes grupos terroristas incorpóranse ó exército. É nestas circunstancias cando por primeira vez na historia do terror ensáianse métodos como o coche e a carta bomba, e toda outra seria de barbaridades a maior parte das veces contra dos civís.


Pero a pesares de ser unha resolución favorable ós seus intereses, do mesmo xeito que levan facendo desde hai sesenta anos, despreciárona e impuxeron á comunidade internacional os seus criterios e a súa política de feitos consumados. Como seguen a facer hoxe.


Pode haber alguén que xustifique o terror utilizado polos xudeus naqueles tempos, por ser moit@s recen chegados de Europa e atoparse baixo o schock que debeulles producir o coñecemento das cifras do holocausto e afectad@s pola perda de numerosos familiares, amigos, etc., e dispost@s a utilizar calquera método con tal de conseguir un estado que os protexera e puidera evita-la repetición do sucedido baixo o dominio nazi. Non hai xustificación algunha para a ocupación violenta do territorio, a “limpeza étnica” que seguiu a esa ocupación e obrigar a un sector importante da poboación palestina a vivir en verdadeiros campos de concentración que moitas veces convértense en campos de exterminio. En momentos en que unha grande parte da comunidade internacional estaba a favor da creación dun “fogar xudeu”, eles utilizaron o terror e a violencia desprezando a vía diplomática e a negociación.


Abraham León sostuvo, ó marxe de que o xudeu é un pobo-clase, que o sionismo é a ideoloxía da burguesía xudía oprimida entre o feudalismo en ruínas e o capitalismo en decadencia, polo tanto non é un produto do desenvolvemento das forzas produtivas. Mentres a creación dos estados nacionais son consecuencia do pulo do capitalismo, o sionismo é da etapa da súa decadencia e polo tanto a creación do estado xudeu, como produto da burguesía sionista, nunca vai conseguir os seus obxectivos. Este si que é un “estado fallido” utilizando a terminoloxía dos EEUU e os seus aliados imperialistas.


Estado que despois de tantas décadas, non poden seguir utilizando o argumento de que as súas accións criminais contra d@s palestin@s, teñen por obxecto garantir a supervivencia do estado de Israel. A súa supervivencia esta garantida en primeiro lugar, e o ten amosado en todos estes anos, por ter un exército e un servizo de intelixencia dos máis poderosos do mundo, dotados de tecnoloxía punteira e capaces de defende-lo seu territorio de calquera ataque; pero en segundo, e non é un argumento menor, as potencias imperialistas mundiais son garantes da existencia do estado de Israel e intervirían con todo o seu potencial militar, para protexelo. Seguir recorrendo o mito da súa seguridade non deixa de ser un argumento mentireiro, pois todos sabemos, e podiámolo poñer como un terceiro aspecto, que mantén relacións diplomáticas con Exipto e Xordania, antigos inimigos, e Siria desde a desaparición da URSS, pouco debe preocuparlle a Israel. Outro antigo inimigo Iraq, tampouco esta hoxe en condicións de representar perigo algún. Polo tanto hoxe os seus inimigos son menos numerosos que hai uns anos, e se existen é pola intransixencia e a conculcación sistemática que o estado de Israel fai do dereito internacional.


Israel é unha peza clave da estratexia imperialista de control das fontes de enerxía e para impedir saídas democráticas para moitas ditaduras da zona.


Pero non só defende os intereses estratéxicos dos EEUU na zona, senón que é e foi tamén un pión importante ó servizo deses intereses noutras partes do mundo. Israel apoiou o réxime racista de Sudafrica e lle suministraba armamento nos momentos do boicote mundial; tamén a Irán na guerra con Iraq, como axente intermediario dos EEUU; e á “contra” nicaragüense, os partidarios da ditadura somocista desaloxados do poder pola revolución sandinista, así como á Xunta Militar de Guatemala, acusada de xenocidio contra a poboación; asesores militares de Israel asesoran ó narco-goberno colombiano e os paramilitares, e cada vez máis os intereses dos EEUU no continente africano teñen na política dos sionistas, un piar fundamental. Comezando polo apoio a Marrocos e a construción do muro, onde se utilizaron técnicas moi sofisticadas de control e detección, que divide os territorios do pobo saharaui.


A loita do pobo palestino ten pois, dúas vertentes, a loita polo dereito de autodeterminación para acadar un estado propio, pero este obxectivo vai ligado ó debilitamento do sionismo e polo tanto ten un forte contido antiimperialista que de trunfar trastornaría en parte, os obxectivos das grandes potencias na zona e o seu control da mesma. A Israel non lle interesa un “estado palestino viable”, necesita do importante exército de reserva que hoxe son @s palestin@s; a constitución do seu estado, con capacidade política, pero sobre todo económica, poñería fin a unha situación que tanto o beneficia a nivel económico e onde o militarismo perdería parte da súa influencia. Israel necesita manterse en guerra permanente, os EE.UU e o sionismo necesitan esta situación, para que os militares sigan a constituír o espiñazo do estado e, aducindo razóns de seguridade, a democracia sexa deturpada dun xeito cotiá.


Porque esa e outra das mentiras que o sionismo e os seus órganos de propaganda, moi poderosos, difunden de cote. Que son a única democracia nunha zona onde florecen as ditaduras e os integrismos. Israel non é un país democrático, non o pode ser o que permite a tortura, o que establece normas étnicas e relixiosas para gozar de dereitos, o que non permite a concorrencia dos partidos da minoría palestina ás eleccións, nin que unha parte da súa poboación se poda expresar politicamente, onde a información é manipulada, onde os militares e os integristas relixiosos teñen o poder desde a súa fundación, onde as actuacións de carácter nazi-fascista é a norma nas relacións internacionais, lembremos a actuación do fascismo italiano e o nazismo alemán na Sociedade de Nacións; cando unha parte importante dos seus habitantes pensan que son “o pobo elixido de deus” e mantéñense polo tanto, na irracionalidade máis absoluta que conduce ás súas actuacións.


A vitoria electoral de Hamás, vitoria limpa, democrática, que expresa a vontade do pobo palestino, foi considerada polos “demócratas” da Unión Europea e do goberno dos EEUU como inaceptable. O curioso é que durante a ocupación israelí dos territorios palestinos o número de mesquitas creceu de cinco ou sei ducias a varios centenares; a estratexia israelí foi potencia-los movementos relixiosos para enfrontalo á laica OLP á que alcumaban de “comunista”. Sempre, e ten relación co anterior, lembro unha anécdota relatada polo profesor Samir Amín, cando a Nasser, na súa presencia, coméntanlle a celebración do I Congreso Islamista Mundial, e o presidente exipcio o valora como a resposta dos EEUU á celebración da Conferencia de Bandung, onde se creara o movemento coñecido como “Non Aliniados”. O apoio ó integrismo relixioso, foi a resposta ós devezos dos países árabes que nos últimos sesenta anos, tentaron dar alternativas ás saídas neocoloniais; unhas veces de carácter nacionalista burgués e outras de carácter socialista.


Non hai xustificación algunha para a barbarie cometida en Gaza polos sionistas nos dous meses pasados; nin para a complicidade, co terrorismo de estado, dos gobernos da Unión Europea, o do estado español incluído.


O que menos importan nestes momentos son as razóns aducidas, se uns foguetes caseiros, se o partido de Barak, ministro de defensa e membro da Internacional Socialista, necesitaba votos para as próximas eleccións ou si Obama...o que non debe soportar a comunidade internacional, mellor dito os pobos deste planeta, xa que a maioría dos gobernantes son os seus aliados, é a existencia dun “estado matón” que non cumpre norma algunha do dereito internacional nin das convencións sobre dereitos humanos, guerra, etc.. E a todo pobo fronte a unha ocupación de carácter xenocida, se lle debe recoñecer o dereito á resistencia.


Polo tanto a mobilización contra do sionismo e en solidariedade co pobo palestino, ten que ser unha actividade non só dos revolucionarios e antiimperialistas, senón dos demócratas e os que defendan os máis elementais dereitos humanos.


Mobilización para boicotear os produtos procedentes de Israel, de capital xudeu e daquelas empresas que apoien ó sionismo; presión para que o Tribunal Penal Internacional xulgue e condene ós dirixentes e os que teñan intervido nos actos de xenocidio; sobre os gobernos “democráticos”, para que non se comercie con Israel, cese a venda de armamento e instrumentos de represión así como se tomen medidas diplomáticas de illamento contra do estado terrorista; para que a Unión Europea lle retire o estatuto de “país favorecido”; para que se lle faga pagar a Israel todos os danos producidos tanto materiais como en vidas humanas e corra cos costos da ocupación.


E solidariedade co pobo palestino, comezando por espalla-los contidos da súa loita para facer fronte ás campañas de desinformación dos medios e das axencias de noticias e facerlles chegar, desde todos os lugares de Galicia, a posición firme de que estamos con eles, que lles respaldamos na súa loita e que case tod@s @s galeg@s sentímonos palestin@s.





En Galicia no mes de febreiro de 2009




No hay comentarios:

Publicar un comentario