A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 13 de abril de 2009

INDEPENDENTISMO E LOITA DE CLASES

Roberto Laxe




Hai toda unha corrente do anticapitalismo que establece unha ligazón estratéxica entre a loita pola independencia das nacións e o socialismo. Para iso din superar o vello nacionalismo, ancorado nas súas raíces burguesas, ou pequeno-burguesas de esquerdas, como ERC ou o BNG. Teorizan que nas nacións oprimidas, a loita pola independencia nacional é a pedra de toque da loita pola transformación socialista da sociedade.


Evidentemente, a independência é un direito totalmente lexítimo dun pobo na súa loita pola soberanía nacional. De feito, toda loita nacional tende por lóxica interna, á constitución dun estado propio que de forma xurídica á nación. Pero, ligalo dun xeito principista á perspectiva socialista vai un treito.


Para explicalo teñen que obviar, e ata modificar feitos da realidade, facendo abstracción de marcos de loita de clases estatais e internacionais.


Loita nacional e loita de clases


O Manifesto Comunista termina con toda unha declaración teórica e política: Proletarios de todos os países, unídevos.


Esta declaración parte da idea de que a clase obreira é a única clase realmente internacional, que afunde o seu internacionalismo no feito da súa unidade na explotación. Doutra maneira, os e as asalariadas teñen un trazo obxectivo común en todo o mundo, a sua subsistencia depende da venda da forza de traballo por un salario.


En palabras de Marx e Engels no Manifesto Comunista.


“A condición esencial da existencia e da dominación da clase burguesa é a acumulación da riqueza en mans de particulares, a formación e o acrecentamento do capital. A condición de existencia do capital é o traballo asalariado.”


Por isto, a esencia da loita da clase obreira por mellorar as súas condicións de vida e traballo, e de últimas, abolir o traballo asalariado condúcelle á loita contra a clase burguesa.


A partir desta evidencia, non se pode facer abstracción do que Lenin chamou “aristocracia obreira”, é dicer, sectores desa clase obreira que, sobre todo nas potencias imperialistas, viven das migallas que caen da mesa do capital, e permítelles elevarem-se sobre as condicións medias da clase, converténdose deste xeito na base social da dominación sobre o resto dos asalariados e do saqueo dos pobos.


Convértense no “apoio de esquerdas” das burguesías imperialistas, só que os tempos de crise lembralles o seu verdadeiro papel na sociedade, son clase obreira, e vense afetados polas conseqüências do desemprego e a perda de conquistas.


Doutra banda, a clase obreira vive e é explotada dentro duns marcos estatais precisos, onde se produce a acumulación de capital pola burguesía. Uns estados que expresan, tamén, outras relacións de forza, outras loitas entre outros sectores sociais, entre outras clases sociais.


É nestes periodos de crise social, nos que as tendencias “naturais” á concentración e centralización de capital se agudizan, cando a eses sectores condénaselles á marxinación e a miseria, co empobrecimiento de amplas capas rurais e urbanas, campesiños, pequenos comerciantes, semi proletarios, etc.


Aínda que este fenómeno non só prodúcese no chamado Tercer Mundo, senón que afeta cada vez máis ás potencias imperialistas, é nos países oprimidos onde estes sectores buscan unha alternativa propia que vehiculice as suas aspiracións a unha vida mellor, máis libre e máis digna, baixo a forma da loita nacional pola súa soberanía, que, por suposto, inclúe á clase obreira.


Deste xeito a loita da nación oprimida e a loita de clases entrelázanse. Ambas teñen os mesmos inimigos, pero son cualitativamente distintas. A loita nacional ten unha fronteira ben definida, a independencia nacional, e os que ata ese momento eran aliados, converteranse en inimigos; pola súa banda a loita de clases non ten ningunha fronteira, é a loita por acabar con todo tipo de explotación e opresión.


Independencia nacional ou independencia de clase


A esencia da política nacionalista e a súa variante máis coerente, o independentismo, é que para conquistar a soberanía nacional é necesaria a unidade da nación fronte ao opresor, xa sexa baixo a conformación dun bloque de clases xa baixo a forma dun movemento de liberación nacional.


Isto supón nos feitos subordinar todas as reivindicacións das diferentes clases e sectores sociais, baixo o obxetivo primordial da independencia. As fronteiras entre as clases oprimidas polo estado, baixo o término genérico de “pobo traballador”, dilúense trás os símbolos da nación oprimida.


Isto, que podería ter a lóxica da “unión fai a forza”, ten dous problemas: un, fai abstracción do feito de que na decadencia do capitalismo só hai unha clase revolucionaria, a clase obreira; dous, supón disolver as súas reivindicacións e os seus métodos de folga de masas e democracia obreira, nunha suma de “reivindicacións nacionais”, é dicer, doutras clases sociais, que, en moitas ocasións teñen intereses contrapuestos.


A crise económica e social atual pón de novo á orde do día a disiuntiva “socialismo ou barbárie”; é dicer, que fronte ás consecuencias do capitalismo só pódese opor o proxeto social da clase obreira.


Ningún outro sector social, nin obxetiva nin subxetivamente, está interesado en liberar ao conxunto da sociedade da opresión e a explotación. A pelexa entre os demais sectores sociais, pequena burguesía, campesinado, semiproletarios urbanos, etc., ten como obxetivo mellorar as súa situación social e isto condúcelles a enfrontamentos coas grandes multinacionais e os seus gobernos.


Indudablemente este é un enfrontamento progresivo, pero o seu final non é a liberación social. Por exemplo, a soberanía alimentaria ou o comercio “xusto” defendido por amplos sectores da esquerda mundial non garante o direito á alimentación da poboación, senón que ten como obxetivo recoñecido o de mellorar as condicións dos campesiños, gandeiros ou pequenos comerciantes para situar os seus produtos no mercado, buscando a protección de “os seus” estados.


Por este motivo, lígase directamente á loita pola soberanía nacional contra o opresor, pero a súa fronteira política é a protección do mercado nacional, non vai máis aló; non avanza cara á planificación democrática da economía que supere o caos do mercado, porque isto é dar un paso no camiño do socialismo, é dicer, a abolición da propiedade privada dos medios de produción e distribución.


Pola contra, a clase obreira, polo seu papel na produción e distribución de mercancias e servizos, non ten ningunha atadura nin ningún límite, que non sexa subjetivo, nos seus obxetivos sociais. Só ela pode encabezar a loita de todos os oprimidos; mas para iso ten que visualizar se diante da poboación, a condición de manter a súa independencia como clase.


O seu programa social, de expropiación da burguesía e especuladores, de nacionalización baixo control obreiro e social da banca e os servizos sociais, de reparto de traballo para traballar todos, de prohibición do despedimento, dun salario digno para todos, de planificación democrática da economía ao servizo das necesidades sociais, etc., é un programa para o conxunto da sociedade, que na súa maioría (máis do 70% da poboación mundial) é asalariada.


Liberación social e soberania nacional


A soberanía nacional é parte deste programa, posto que a clase obreira fai parte desa nación e polo tanto, da opresión que como pobo sofre. Pero o seu obxetivo non é ficar nos límites nacionais, senón transcrecelos, superalos, e liberándose como clase, permite garantir a liberación como nación.


Calquera outro sector social estará sempre disposto a negociar coas clases dominantes a cambio de se converter en “sócio”, se deixan de ser “súbditos para ser sócios”, como dixo Evo Morales no discurso de toma de posesión como Pte de Bolivia. Os pequenos comerciantes, os campesiños, esquecen rápidamente o seu “nacionalismo”, mentres que a clase obreira só ten que perder as cadeas da súa explotación.


A independencia das colonias ao longo do século XIX e do XX está chea de procesos de liberación nacional que confirmaron a categoría de Lenin no Imperialismo Fase Superior do Capitalismo, “de países dependentes politicamente a independentes, envolvidos polas redes da dependencia financeira e diplomática desde un punto de vista formal, pero, en realidade, envolvidos polas redes da dependencia financeira e diplomática”.


Baixo a fase imperialista do capitalismo só cabo unha independencia nacional, a que vai ligada á expropiación da burguesía, á construción do socialismo, é dicer, a ruptura coas relacións sociais de produción capitalistas nacionais e internacionais.


A liberación nacional das nacións oprimidas é unha das partes fundamentais do programa da revolución socialista, non só na nación oprimida, senón no centro político e económico. A burguesía imperialista e centralista apóiase na división da clase obreira, baixo as fronteiras nacionais, empuxa a unhas contra outras a competir polo traballo e as condicións sociais; utiliza a xenofobia e o racismo, que se basea no medo a esa competencia.


Volvendo a Marx e Engels no Manifesto Comunista, “O traballo asalariado presupón, inevitablemente, a concurrencia dos obreiros entre si”. Por iso, a loita contra a nación opresora ten un compoñente central no camiño da unidade de clase obreira contra a burguesía, posto que a loita entre as nacións é unha das formas que adquire esta “concurrencia” entre os obreiros.


Levar adiante este programa é imposible sen un partido coas mesmas características que a clase á que pertence e á que quere representar, Internacional, que supere as ataduras das clases meramente nacionais, que sitúan as súas fronteiras políticas nas fronteiras das nacións, e levante o obxetivo estratéxico da revolución socialista mundial.


 


 


 



No hay comentarios:

Publicar un comentario