A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 9 de abril de 2009

NON TEÑEN REI?

Roberto Laxe


O santo e aceno de todas as correntes independentistas e a maioría das nacionalistas é que os pobos oprimidos do estado “non teñen rei”.


Como expresión do legitimo desprezo cara unha institución opresora imposta polo franquismo, é lóxica, pero como eixo político de denuncia dese réxime é unha abstracción que só pode partir dunha concepción errada do que é un estado burgués, e no concreto o Estado Español.


O estado español é o resultado do fracaso da burguesía “española” de constituírse como clase dominante dunha nación unitaria. Foi incapaz de facer “a sua? revolución burguesa no século XIX que lexitimase a nación española; por iso, cando buscou a unidade do territorio, o fixoo sobre a base da reacción, cuxo exemplo máis brutal foi o franquismo. Deste xeito, o Estado Español constituí-se como unha cárcere de pobos, só unidos pola incapacidade das burguesías periféricas a facer “as suas” revolucións burguesas, e constituírse como estados independentes.


Na guerra civil este mecanismo explodiu baixo as presións da crise social global que terminaron na II Guerra Mundial. Durante cuarenta anos non había delegación; as burguesías periféricas foron derrotadas e tiveron que aguantar a presión ultra centralista do franquismo.


Pero a Transición pon de novo sobre a mesa a cuestión irresoluble do dereito á autodeterminación dunhas nacións que nunca renunciaron a selo, combinado cun ascenso de movilizaciones obreiras sen precedentes. Co efecto engadido de que a clase obreira do Estado facia sua a reivindicación do dereito á autodeterminación, incluíao no seu programa de loita contra o franquismo, e isto asustaba, non só ao poder central, senón ás mesmas burguesías periféricas. A combinación era explosiva, e había que desviala.


A Transición fíxose sobre a base da “construción” dun mecanismo bonapartista, de delegar o poder nunha figura “unificadora” que, mantendo as estruturas represivas fundamentais do franquismo (exército e poder xudicial), puidése construír unha mitoloxía de “unidade na diversidade”: o café para todos das autonomías que disolvera o dereito á autodeterminación.


Para iso, contaron co apoio decidido da maioría das organizacións obreiras, especialmente o PCE e CCOO, que introduciron a división na clase obreira, ao aceptar a “unidade de España” como principio constitucional, e rexeitar rotundamente o dereito á autodeterminación. Deste xeito, a única oposición ao réxime ficou nas mans do nacionalismo e o independentismo.


A figura que permitiu con todas as reservas do mundo especialmente en Euskadi, onde a transición obtivo un rexeitamento de masas, foi Juan Carlos, o herdeiro posto polo mesmo dictador.


Por este motivo, dicer que as nacións “non teñen rei” é, sendo benévolos, un autoengano. Os pobos oprimidos teñen rei, como teñen un estado que os oprime, do que o monarca é a súa figura máxima. Por isto, só tendo claro que a loita pola soberanía nacional pasa pola loita contra o réxime que representa ese rei, pódese construír unha política revolucionaria no Estado Español.


 


Como chegan a esta conclusión


Na frase “non teñen rei” resúmese toda unha elaboración que ten como eixo unha visión do estado, non como “o instrumento do que se serve o capital para explotar o traballo asalariado”, en definición de Engels; senón como un instrumento de opresión dunha nación sobre outras.


Esta é a lóxica que atravesa as súas análises e condúcelles inexorablemente á abstracción respecto ao carácter de clase do estado. É necesario recuperar a concepción de que calquera estado é, en primeiro lugar, un instrumento para a explotación e dominación dunha clase sobre outra, e alí onde existe opresión nacional, un mecanismo de perpetuación desta opresión.


Porque se se lle deixa de considerar un “destacamento de homes armados” para a defensa dos intereses das clases dominantes, para ser un aparello de dominación dunha nación sobre outra, cáese de cabeza, por moito que se rexeite, na mesma lóxica interclasista, nacional, do “vello” nacionalismo, que arrastra a todo un sector dos asalariados no seu ronsel.


Se a clase obreira quere reconstruír a súa unidade fronte ao réxime burgués, centralista, da monarquía ten que facer seu, como precondición, a defensa do dereito á autodeterminación dos pobos. Pero tamén é necesario romper coa concepción interclasista nacionalista ou independentista, para construír un programa anticapitalista, socialista revolucionario, cuxo centro sexa a loita contra o réxime político do que se dotaron as burguesías españolas para a explotación da clase obreira e a opresión dos pobos.


Esta é a tarefa dun Partido Revolucionario no Estado Español.





No hay comentarios:

Publicar un comentario