A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 11 de julio de 2011

RUBALCABA....FALOU



Carlos Dafonte


Se hai algo que verdadeiramente se deba criticar e desprezar dos políticos profesionais, son a falla de ideas, asentadas, defendidas en toda circunstancia, unido isto os intentos de perpetuarse no poder a calquera prezo. E hai que recoñecer que no prototipo de político “realmente existente” hoxe, as dúas son extraordinariamente correntes, as que imperan; non están, a grande maioría deles, na política para ofrecer un proxecto, de país, de estado, económico, etc, só están na política para exerce-lo poder; o proxecto que desde o poder podan levar adiante non ten importancia; no fondo son sinceros, que importancia pode ter, un proxecto, un programa, se despois son os bancos, os especuladores e os grandes empresarios quen van a establecer a política económica?.
Rubalcaba, en medio dunha grande expectación mediática, falou e dixo que ía facer todo o contrario do que leva facendo na súa longa vida política. El que comezou na época de González a ter cargos relevantes, parece ser que non é responsable de nada do acontecido; el que aprobou a entrada na Unión Europea, o tratado de Maastricht, que o prioritario que estableceu foi permiti-la libre circulación de capitais, e todos os tratados posteriores, a constitución europea, as políticas neoliberais que levan a actual crise, as reformas laborais, a conxelación das pensións, a rebaixa dos salarios ós funcionarios, os rescates dos bancos e caixas, a transferencia da débeda privada ás costas dos asalariad@s, as rebaixas de impostos ós máis ricos e todo un longo rosario de medidas que fixeron posible chegar á situación actual, tanto no estado español como na U.E.; pois resulta que non, que el sempre estivo en contra de todas esas medidas e o PSOE parece que tamén.
O PSOE sen ningún tipo de problemas, diante da posible derrota, lanza propostas socialdemócratas algunhas, progresistas outras e ata recolle algunhas do movemento do 15 M; todo vale con tal de paliar en parte o posible desastre electoral.
Se hai catro anos negou que estiveramos entrando nunha fonda recesión e presentou un programa para “acada-lo pleno emprego”, fora da realidade, agora fai o mesmo, negar a evidencia e presentar outro programa que no caso de gañar, non van facer o máis mínimo esforzo por poñelo en marcha, pero pode recoller votos de algúns despistad@s. Non o esquezamos, están e actúan o servizo da oligarquía española.
Despois do seu “discurso á nación”, do que o presidente Rodríguez dixo que ía haber un antes e un despois, algo tan importante como aquela “conxunción planetaria” da que falou a ministra Pajín, no estado español, co grao de coñecemento que temos das políticas que pulan os dous grandes partidos, @s traballador@s asalariad@s non debemos ter esperanza algunha de que a situación que padecemos, de ataques constantes contra os nosos dereitos, vaia mudar, con independencia dos programas que presenten; sabemos que son papel mollado. Só a loita, a mobilización e a organización do dobre poder, debe permitirnos inicialo camiño da nosa liberación. Se a situación non fora tráxica, ¡¡que ben o poderíamos pasar con Rajoi e Rubalcaba, vendo igual que a Pinocho, como lles vai crecendo o nariz segundo se acerca a consulta electoral!!.
Os votos brancos e nulos deben aumentar exponencialmente nas próximas eleccións xerais, en ausencia de candidaturas anticapitalistas e revolucionarias.

En Galicia no mes de xullo de 2011

1 comentario:

  1. Canta razón tes Carlos. O que máis me deixa estupefacto é a falta de memoria da xente, sendo a mesma persoa e outra oratoria a xente non lembra as autenticas barbaridades que dedidon por nos estes "ORGULLOSOS SOCIALISTAS"

    Unha aperta

    ResponderEliminar