Galicia entrou na crise sistémica con retraso; o mesmo que lle ocorreu ó estado español. As economías máis febles do sistema capitalista, os elos máis febles da cadea imperialista, entran na crise un tempo máis tarde que os países máis poderosos, pero cos seus efectos multiplicados.Esta situación fixo pensar hai uns anos, a gobernantes e oposición do estado, vendo que unha grande parte da UE -15 entraba en recesión e aquí se seguía a crecer, que atoparan o “bálsamo de fierabrás”, o remedio anticrise. Para o PP as causas estaban nos oito anos do goberno Aznar e os “grandes logros” en materia económica dese período, que en realidade axudou a asentar-los alicerces do que agora nos acontece; para o PSOE, os 400 euros por traballador, o Plan E, quitarse a garabata nas oficinas para aforrar aire acondicionado, regalar bombillas de baixo consumo e minguala velocidade por estradas e autovías e outras simplezas polo estilo, facíanos ser exemplo e dar consellos ó resto da U.E..
