A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 11 de septiembre de 2012

EFEMÉRIDES MES DE SETEMBRO


Carlos Dafonte

Día 2.

1867. Comeza en Lausana o II º Congreso da Asociación Internacional de Traballadores. Contou ca presencia de 72 delegados, maioritariamente seguidores de Proudhom, 37 suízos e 20 franceses. Entre outros acordos aprobouse abroga-lo exército para liberarse do poder e da influenza do capital; que a emancipación dos traballadores é inseparable da súa emancipación política e que o establecemento de liberdades políticas era unha medida parcial de absoluta necesidade. Tamén se falou de establecer un idioma universal.

1872. Comeza en La Haya o V º Congreso da AIT, que ten como aspecto máis salientable a expulsión do anarquismo, seguidores de Bakunin, por parte dos socialistas científicos, de influenza marxista. Despois da súa expulsión os anarquistas, ou socialistas libertarios, xúntanse no Congreso de Saint Imier, Suíza, a partires do 15 de setembro de 1872 e unha vez disolta a AIT no Congreso de Filadelfia, continuaron cos seus congresos considerándose lexitimados para continuar cas siglas.

1945. Proclámase a República Democrática de Vietnam. Unha vez que os xaponeses, que expulsaran os antigos colonizadores franceses, son derrotados polo Viet Minh, o pobo vietnamita proclama a súa independencia na praza Ba Dinh de Hanoi. Ho chi Minh, fundador do Partido Comunista de Indochina en 1930, é proclamado presidente e le a declaración de independencia que non é aceptada polos franceses. Estes ca axuda doutros países imperialistas, instauran de novo o réxime colonial en todo o territorio ata que son derrotados na famosa batalla de Diem Bien Phu en 1954. Os acordos de Xenebra dividen o territorio vietnamita en dous estados, o norte socialista e o sur capitalista e acordase facer un referendo de unificación, que as potencias imperialistas impediron. No territorio do sur constitúese a Fronte de Liberación Nacional, Vietcong, que agrupa a diferentes forzas políticas e sociais que loitan pola unificación de todo o territorio baixo un único estado. Os EEUU se involucrarán con centenares de miles de soldados e a utilización de todo tipo de armamento agás o atómico, nunha guerra da que sairán derrotados en 1975, véndose obrigados a abandona-lo territorio vietnamita, unificándose o pais.

1960. Primeira declaración da Habana. A política dos EEUU respecto á revolución vitoriosa en Cuba, foi de tentar seguir intervindo activamente na política, a economía, etc, como acontecera desde a independencia en 1898. Despois da Lei de Reforma Agraria, que expropiou propiedades de máis de 400 has, unha das primeiras a da familia de Fidel Castro, as tensións con EEUU se fan máis patentes e a finais de outubro o presidente Eisenhower aproba diversas medidas propostas polo Departamento de Estado e a CIA, operacións encubertas, ataques aéreos e navais, apoio a grupos contrarrevolucionarios do interior e a eliminación física de Fidel.
A asinatura dun tratado ca URSS, que compra azucre e vende petróleo e a explosión dun barco francés que transportaba armas para o exército cubano, tensan as relacións cos EEUU que se negan a refina-lo petróleo soviético o que leva ó goberno cubano o 29 de xuño de 1960 a requisa-las refinerías da Texas Oil Company, Shell e Esson, que ten resposta no goberno dos EEUU ca rebaixa da cota de azucre que mercaba ós cubanos e facultase ó presidente para suspender todo tipo de axuda a países que confisquen propiedades de empresas norteamericanas. A resposta cubana foi confiscar gran número de empresas norteamericanas, desde refinerías a eléctricas, gas e telefonía e varias decenas de centrais azucreiras. A volta as relación diplomáticas ca URSS e condenada pola asemblea da Organización de Estados Americanos, dirixida con “man de ferro” polos EEUU, que illan diplomaticamente a Cuba ca excepción de México.
A resposta a esa condena é a I ª Declaración da Habana aprobada pola Asemblea Xeral Nacional do Pobo de Cuba e ratificada nun acto multitudinario celebrado o 2 de setembro na Praza da Revolución. Na declaración condenábase o documento aprobado pola OEA así como a “intervención aberta e criminal que por máis dun século exerceu o imperialismo norteamericano sobre os pobos de América Latina”. Rexeitaba o intento de continuar ca doutrina do presidente Monroe; consideraba que non era unha intromisión a axuda ofrecida pola URSS; afirmaba que a axuda de China e a URSS nunca se debía entender como un intento de rachar ca unidade continental e ratificaba a política exterior de Cuba de amizade con todos os pobos do mundo e o propósito de manter relacións diplomáticas con todos os países socialistas; declaraba que a democracia era incompatible ca oligarquía financeira e que non consistía só na emisión dun voto e afirmaba “que a democracia só existirá en América cando os pobos sexan ceibes para escoller, cando os de abaixo non estean reducidos pola fame, a desigualdade social, o analfabetismo e os sistemas xurídicos, á existencia máis ominosa”; denunciaba os latifundios, os salarios de fame, a explotación do traballo humano, condenaba o analfabetismo, a ausencia de mestres, de escolas, de médicos e de hospitais; a falla de protección á vellez; condenaba a discriminación do negro e do indio e a desigualdade e a explotación da muller; condenaba así mesmo ás oligarquías, a súa venda ás políticas imperialistas e o roubo e saqueo dos recursos naturais e acababa facendo un chamado ó deber de loitar contra esta situación.

Día 3.

1866. Celébrase en Xenebra o I º Congreso da A.I.T. Neste Congreso como noutros da Internacional, tratábanse temas moi diversos, aínda que os centrais foron a definición do socialismo e a caracterización do propio movemento como obreirista e sindical. A necesidade de socializa-los medios de produción foi unha conquista moi importante fronte a primeira concepción socialista de só crítica-los excesos do liberalismo de raíz burguesa. A partires deste congreso, definirse como socialista era querer que os medios de produción fosen sociais, vencendo as presións dos proudhonianos moi apegados ó mutualismo.
Recomendouse ós internacionalistas a procura de asociacións xerais de ameto estatal, a partires das sociedades de resistencia existentes.


1969. Morre Ho Chi Minh, alcume que significa “o que ilumina” de Nguyen Ai Quoc, lider revolucionario vietnamita e presidente do seu país. Fundador do Partido Comunista e do Viet Minh “Liga para a independencia de Vietnam” que consegue derrotar a xaponeses e franceses e acada-la independencia. A hora da súa morte o pobo vietnamita enfrontábase a agresión xenocida do imperialismo dos EEUU, que causou, ata a súa derrota, máis de dous millóns e medio de mortos vietnamitas.

Día 4.

1889. Se constitúe na Habana a Liga Central de Traballadores, posiblemente a primeira organización da clase obreira fundada en Cuba

1970. Trunfo nas eleccións chilenas á presidencia, do candidato da Unidade Popular o doutor Salvador Allende. A UP formárase en decembro de 1969 e representou un avance respecto a existente Fronte de Acción Popular. Estaba formado polas seguintes organizacións: Partido Radical, Partido Socialista, Partido Comunista, Movemento de Acción Popular Unitario, partido de Esquerda Radical e a Acción Popular Independente; xa no goberno incorpóranse a Esquerda Cristiá e o MAPU Obreiro e Campesiño. Contaba co apoio da Central Única de Traballadores.
A UP postulaba o tránsito dun país capitalista subdesenvolvido ó socialismo dun xeito democrático e pacífico.

Día 5.

1915. Comeza en Zimmerwald, Suíza, a I ª Conferencia Socialista Internacional. Segundo pasaban os meses do conflicto armado, dentro da socialdemocracia, que votara os cretos de guerra non cumplindo os acordos da II ª Internacional, comezan a levantarse voces pola paz. A principios de 1915 celébranse dúas conferencias de socialdemócratas, a de mulleres e da mocidade; en ámbalas dúas os bolxeviques quedaron en minoría pero apareceron ademais deles, outras voces moi críticas o que leva os dirixentes, Kautski, Berstein e Haas, dun xeito oportunista, sentindo que o voto cambiaba de orientación, a publicar un manifesto a favor da paz e contra as anexións territoriais.
En Italia, o deputado socialdemócrata Morgari inicia os contactos para celebrar unha conferencia de socialistas de todos os países para discutir como poñer fin á guerra. Entrevístase en París con Trotski e con deputados socialistas franceses; en Suíza con Robert Grimm, que se fai cargo da organización da conferencia. De falar cos alemás encargase o periodista alemán Karl Radek, que vivía en Suíza e militaba na á esquerda da socialdemocracia. O 11 de xullo celebrouse unha xuntanza preparatoria en Berna; polos bolxeviques participou Zinoviev.
Ata a celebración da conferencia, Lenin adicouse a agrupar militantes da esquerda ata conseguir un grupo cos alemás Radek e Bouchardt, o suízo Platten o letón Berzin, Hogleind, sueco e Nerman, noruego, que xunto con el e Zinoviev formaron a partir dese momento a coñecida como “esquerda zimmerwaldiana”.
Na conferencia participaron 38 delegados de 11 países. A principal batalla orixinouse polo proxecto de resolución presentada por Radek, que contaba con enmendas de Lenin. Dicía entre outras afirmacións: “A guerra mundial que asola Europa desde hai máis dun ano, é unha guerra imperialista que persegue a explotación política e económica do mundo...A burguesía e os gobernos que tentan disimular ese carácter da guerra afirmando que se trata dunha loita imposta para salvagardar a independencia nacional, enganan ó proletariado...O aniquilamento do imperialismo só é posible mediante a organización socialista dos países capitalistas avanzados...A maioría dos xefes dos partidos obreiros entregaron ó proletariados ás mans do imperialismo...Os socialpatriotas e os socialimperialistas son inimigos máis perigosos do proletariado que os pregoeiros burgueses do imperialismo...Unha loita sen cuartel contra o socialimperialismo é a condición previa da acción proletaria para reface-la Internacional...O deber dos partidos socialistas e dos elementos opositores nos partidos socialimperialistas é chama-las masas obreira á loita contra os gobernos capitalistas para a conquista do poder político, para chegar á organización socialista da sociedade...”
Por 19 votos contra 12 despois dunha violenta discusión non se tomou en consideración.
A discusión continuou sobre o Manifesto que se ía dirixi-lo proletariado. Houbo tres proxectos e creouse unha comisión formada por sete membros para redacta-lo definitivo; tres eran da dereita, Ledebour, Merrheim e Modigliani, Trotoski e dous dos seus seguidores, Grimm e Rakovski e Lenin que se bateu contra todos, pero ó final asinaron os seus partidarios o manifesto a pesares de estar cheo de “timidez e de inconsecuencias”, pero a pesares de todo “é un paso adiante no camiño da loita contra o oportunismo e da rotura con este”. No periódico bolxevique publicáronse as posicións defendidas na conferencia.
O finalizar creouse a chamada Unión Zimmerwaldiana e os seguidores de Lenin dentro da mesma, a “Esquerda zimmerwaldiana” que pronto comezou a medrar sobre todo en Francia grazas o traballo de Inés Armand.

Día 7.

1871. Conferencia en Londres da AIT. Non se celebrou o Congreso correspondente a causa da guerra franco-prusiana e a Comuna de París. Aprobouse a idea dunha organización centralizada e dunha acción política revolucionaria. Pero polo que será máis recordada é polo enfrontamento teórico e persoal entre Marx e Bakunin, representantes do socialismo e do anarquismo.

Día 8.

1943. Os nazis asasinan ó comunista e periodista checoeslovaco Julius Fucick. Nacera en 1903 e en 1921 afiliouse ó Partido Comunista. Participou na resistencia guerrilleira contra as tropas alemás e foi detido en 1942, circunstancias que relata nun libro, “Reportaxe ó pe da forca”, cuxo orixinal conseguiu sacar, folla a folla, grazas a un carcereiro membro da resistencia; publicouse despois da súa morte. Na súa memoria, desde 1968, celébrase o Día Internacional do Periodista

Día 9.

1928. Nace o escritor e político Manuel Scorza en Lima, Perú, fillo dun mecánico e dunha enfermeira Pasou algúns anos en Huancavellica; de regreso a Lima o seu pai montou un quiosco de periódicos e revistas o que estimulou o seu gusto pola lectura e a literatura e estudou no colexio Militar Leoncio Prado, o mesmo onde estudio Vargas Llosa, e na súa estancia integrouse no APRA, organización naquel momento clandestina. En 1945 entra na Universidade e inicia a actividade política que lle leva ó exilio, ca instauración da ditadura do xeral Odria e o fracaso dunha sublevación popular. En 1954 racha a súa relación co APRA e comeza a militar no Movemento Comunal do Perú que dirixe as loitas campesiñas da década dos 60, o que lle leva de novo ó exilio en 1968. Na súa obra literaria reflicte os problemas sociais do seu país e nas primeiras, a loita campesiña pola recuperación das terras roubadas polos terratenentes e a compañía norteamericana Cerro Pasco Corporation. Grazas a publicidade das súas novelas que relatan estas loitas o goberno de Velasco Alvarado permitiu o abandono da prisión de Héctor Chacón, o protagonista de“Redoble por Rancas”. Esta, “Garabombo o Invisible”, “O xinete insomne”, “O Cantar de Agapito Robles” e “A Danza inmovil” atópanse entre as súas obras máis importantes. Cando en 1980 rematou o período de poder militar, Scorza participou na Fronte Obreira Campesiña Estudantil e Popular, onde tiñan grande influenza os trotskistas; un dos seus líderes, Xenaro Ledesma, é o protagonista da súa novela “La Tumba del Relámpago”. Morreu nun accidente aéreo ocorrido no aeroporto de Madrid o 27 de novembro de 1983.

1969. Morre en combate na Paz, Bolivia, Guido Alvaro Peredo Leigue“Inti”. Foi detectado polas forzas represoras bolivianas no número 584 da rúa Santa Cruz; resistiu por máis dunha hora contra os máis de cen efectivos que rodeaban a casa. O 19 de xullo daquel ano, fiel o xuramento feito na Figueira, de manter vivos os ideais do Che Guevara, dera a coñece-la mensaxe “Volveremos a las Montañas”, onde anunciaba o reinicio da loita armada. Fora membro do Comité Central do Partido Comunista e se integrara na guerrilla dirixida polo Che.

1976. Morre Mao Zedong. Nacera na provincia china de Hunan en 1893 no seo dunha familia de campesiños, onde non se valoraba o estudo polo que a partires dos 13 anos adicouse o traballo na granxa familiar. Abandonou a casa familiar e comezou maxisterio na Escola de Gangsha. Pasou un tempo no exército e máis tarde foi nomeado mestre nunha escola. Despois bibliotecario en Pekin, na universidade, onde entrou en contacto con textos revolucionarios e cos homes clave da revolución chinesa, os fundadores do Partido Comunista de China. En 1919 participou na revolta estudantil contra dos xaponeses e en 1921 na creación do Partido Comunista.
Pronto empezou a teorizar sobre a importancia do campesiñado na futura revolución e unha vez roto o pacto cos nacionalistas, retirouse á provincia de Jiangxhi, onde se organizaron guerrillas e proclamou a República Soviética de China, entrando en debate co seu partido ó que criticou o seu burocratismo e esquece-los campesiños como suxeito revolucionario. Cercado polas tropas nacionalistas burguesas, iniciou a “longa marcha” cara as zonas do noroeste. Unha vez derrotados os xaponeses, que invadiran o país, reiníciase a guerra civil que conclúe ca vitoria comunista e a proclamación da República Popular de China en 1949. Foi o seu presidente ata 1959 e presidente do Partido Comunista ata a súa morte. Pulou dous grandes mobilizacións de masas, a partires de 1957 a que se coñeceu como “grande salto adiante”, que estableceu diferencias importantes coa URSS e a partires de 1966 ata 1969 a que se coñece como “revolución cultural”, co obxectivo de afondar no socialismo e oporse á volta ó capitalismo.

Día 11.

1973. Golpe de estado dos militares chilenos contra o goberno da Unidade Popular, presidido por Salvador Allende, co patrocinio e o apoio incondicional dos EEUU. Este ataque contra a democracia e a instauración de ditaduras xenocidas, hai que inscribilo dentro da chamada “Operación Condor”, deseñada nos EEUU. Henry Kissinguer Secretario de Estado norteamericano foi o seu mentor, e tiña como obxectivo o exterminio da esquerda en América Latina. Participaron sectores da intelixencia de Chile, Arxentina, Paraguai, Brasil, Bolivia, Uruguai, Francia, a contrarrevolución cubana e os EEUU.
O golpe fascista deste día, foi a culminación da estratexia de provocación, boicot e violencia desatada desde o primeiro día contra do goberno da UP, por parte da clase dominante chilena que se viu desprazada das institucións, despois do trunfo da UP. Contra o goberno democrático de Allende serviu todo, asasinatos, terrorismo, folgas salvaxes pagadas e dirixidas pola patronal e a participación da xerarquía da Igrexa Católica.
O Presidente Allende, que se atopaba no palacio presidencial da Moeda cando é asaltada e bombardeada, suicídase despois de lanzar toda unha serie de proclamas, por radio Magallanes, dirixidas a todos os chilenos. A última, iniciada ás 9'10 A.M. Finaliza: “Traballadores da miña patria, teño fe en Chile e no seu destino. Superarán outros homes este momento gris e amargo no que a traizón tenta impoñerse. Sigan vostedes sabendo que, moito máis cedo que tarde, de novo se abrirán as grandes alamedas por onde pase o home ceibo, para facer unha sociedade mellor. ¡Viva Chile! ¡Viva o pobo! ¡Vivan os traballadores!. Estas son as miñas derradeiras verbas e teño a certeza de que o meu sacrificio non será en vano, teño a certeza de que, polo menos será unha lección moral que castigará a felonía, a covardía e a traizón.

Día 16.

1969. Importante mobilización de masas na cidade de Rosario, Arxentina, coñecida como o “rosariazo proletario” ou “segundo rosariazo”. É a época da ditadura do xeral Onganía; desde o mes de maio se van producir tanto en Rosario como en Córdoba importantes mobilizacións de estudantes e obreiros, contra a ditadura militar, que van desembocar na “xornada dos mártires” convocada polos estudantes en Rosario o día 7 de setembro, en lembranza dos estudantes mortos uns meses antes, e a folga ferroviaria do día seguinte a causa da intervención da ditadura na “A Unión Ferroviaria”, anulando convenios e conquistas, rebaixando soldos e categorías, á que se suman outros colectivos. Esta folga se convirte en indefinida e se estende por todo o país. A “CGT unificada de Rosario” convoca folga xeral para o día 16; ás marchas iniciadas desde os arrabaldes, os centros de traballo e os sindicatos, para ocupa-lo centro responde a policía cun forte dispositivo represivo producíndose enfrontamentos por toda a cidade obrigando á policía a repregarse. En numerosos arrabaldes as forzas proletarias se farán fortes. O 17 intervén o exército, comezando a actuar tribunais militares. Durante varios días máis, en numerosas zonas da periferia, os traballadores terán o control ata que o exército se fai ca situación. Un coronel, Galtieri, que xogará un papel moi importante, co grado de xeral, como torturador e xenocida na futura Xunta Militar, participará no operativo represivo. Cerca de 250.000 habitantes da cidade participaron nas manifestacións e as protestas e Rosario deixaron clara a vontade de loita e organización do proletariado e a cidadanía arxentina, a pesares da férrea ditadura existente.

1972. Comezo da folga xeral no sector industrial de Vigo e a súa bisbarra. Os resultados das eleccións de enlaces sindicais do ano 1971, reforzaron ás Comisións Obreiras, o que permitiu iniciar un proceso de reivindicacións e mobilizacións en Vigo e a súa bisbarra que culminou ca folga xeral iniciada o dia 16 de setembro.
Os estaleiros, Barreras e Vulcano iniciaron as mobilizacións por unha mellora nas condicións de traballo e contra a paralización da discusión do convenio colectivo; as direccións sancionaron esta actitude desprazando traballadores e tomando medidas contra cargos sindicais. En Censa tamén houbo problemas que produciron paros, que coincidiron cas mobilizacións obreiras de Ferrol e a tremenda represión de marzo; despedíronse a 75 traballadores e pechouse a empresa. As Comisións Obreiras conseguiron levar a cabo un paro xeral que obrigou á dirección de Censa a abri-la fábrica e readmiti-los traballadores despedidos e a dar u aumento de soldo. O conflito de Censa coincidiu co da empresa Citroen onde non había acordo sobre o convenio. Os traballadores por maioría aprobaron unha plataforma reivindicativa elaborada por Comisións Obreiras. En apoio da mesma houbo un paro parcial na quenda da tarde, do día 9. A resposta da empresa, como sempre, foi a represión, 9 traballadores expulsados entre eles tres enlaces sindicais. Os piquetes solicitándo a solidariedade con Citroen estendéronse por toda a cidade e bisbarra e o día 11 para setores de Barreras, Vulcano e Santo Domingo e con posterioridade Reymar, Artiscar, Forjas do Miñor, Yarza, Censa, Álvarez e moitas empresas do sector da construción. Péchanse Barreras, Vulcano, Santo Domingo, Freire e Refrey. O 16 a folga xeral e total no sector industrial de Vigo e a súa bisbarra así como en algunhas empresas da construción. A pesares da represión, dos despedimentos, das brutais cargas policiais, mentres se puideron facer asembleas, a folga mantívose activa e cunha actitude moi combativa

Día 17.

1960. O goberno revolucionario cubano nacionaliza unha serie de bancos norteamericanos que controlaban importantes recursos financeiros do pais. Este feito levouse a cabo ó amparo da Lei 851 de xullo, coñecida tamén como “lei escudo”, que decretaba a nacionalización de todas as empresas e intereses norteamericanos na illa. A lei fíxose efectiva entre agosto e novembro. Entre outros foron nacionalizados o The First National City Bank of New York, The First National City Bank of Boston e o Cheasse Manhattan Bank. No mes de outubro nacionalizouse a banca da burguesía cubana.

Día 18.

1911. Folga xeral no estado español convocada pola Confederación Nacional do Traballo (CNT) contra da guerra de Marrocos e en solidariedade cos mineiros de Biscaia e os do téxtil de Terrassa e Sabadell. A CNT fundouse nun congreso de Solidariedade Obreira en 1910. No seu primeiro congreso, celebrado en 1911, acordouse convocar a folga xeral polos motivos expostos, que se levou a cabo entre o 18 e o 23 do mes de setembro, causando numerosos incidentes por todo o estado, sobre todo en Valencia, Xátiva e Cullera. A folga fracasou pola pequena organización do sindicato anarquista e a falta de apoio por parte da UXT e o PSOE. Despois da folga o goberno de José Canalejas decretou a súa ilegalización.

Día 23.

1923. Sublevación antifascista en Bulgaria. Despois do golpe fascista do mes de xuño, que permite a Alexandre Tsankov facerse co poder, desátase unha forte represión contra o Partido Comunista e as forzas populares. A pesares da mesma, se prepara unha sublevación popular, a primeira contra un poder fascista, que se leva a cabo a partires do día 23, sendo esmagada violentamente polo exército e Dimitrov, máximo dirixente comunista, é condenado a morte. Estas xornadas de setembro foron cantadas polo poeta Gueo Mílev no seu poema “Setembro”, que lle custou o fusilamento en 1925 cando contaba 30 anos de idade. Pablo Neruda fixo unha tradución do poema.

1973. Morre o poeta comunista chileno Pablo Neruda, de enfermidade e da tristura polo golpe dos militares que puxeron fin a experiencia democrática da Unidade Popular. A súa casa de Illa Negra, foi asaltada polas hordas fascistas. O seu enterro a pesares da represión converteuse nunha importante manifestación popular e contra a ditadura recen instaurada.

Día 25.

1963. O Presidente da República Dominicana Juan Bosch, é derrocado por un golpe militar. Despois de decenas de anos de exilio, unha vez desaparecido o ditador Leónidas Trujillo, venceu nas eleccións e acadou a presidencia do país en febreiro de 1963. Conseguiu aprobar unha constitución que concedía todo tipo de dereitos e liberdades @s dominican@s; establecía dereitos laborais, apoiaba a creación de sindicatos, dereitos das mulleres embarazadas, das persoas sen fogar, os dereitos dos nenos e mozos, dos agricultores, dos fillos ilexítimos, etc. Bosch enfrentouse a poderosos opositores, os terratenentes, que temían que os campesiños se beneficiaran da lei de reforma agraria, os militares, amos e señores do país durante a sanguenta ditadura de Trjillo, apoiada polos EEUU, a Igrexa, que acusou a Bosch de facer desaparecer a deus da vida pública e política, os empresarios e sobre todo os EEUU que, tiñan bastante con Cuba para aceptar outro goberno que tendía cara a esquerda no Caribe. Foi derrocado polo coronel Elías Wessin e formouse unha xunta militar de tres membros.

Día 27.

1927. O Presidium do Comité Executivo da Internacional Comunista, expulsa da mesma a Trotski.

Día 28.

1864. Constitúese no St. Martin's Hall de Londres a Asociación Internacional de Traballadores, tamén coñecida como Primeira Internacional. Participan un grupo de traballadores franceses, moitos exiliados do ano 1848 residentes en Londres e sindicalistas británicos.
Os antecedentes hai que buscalos na xuntanza entre sindicalistas ingleses e franceses celebrada en Londres con motivo da exposición de 1862 e o mitin internacional pola independencia de Polonia, tamén celebrado na capital británica o 22 de xullo de 1863.
No St. Martin's Hall elixiuse un comité internacional no que figuraban 21 ingleses, 10 alemás, 9 franceses, 6 italianos, 2 polacos e 2 suízos. Karl Marx encargouse da redacción do Manifesto Inaugural e do Proxecto de Estatutos da nova organización, aprobados o 1 de novembro de 1864.

Día 29.

1933. Nace en Xilembena, provincia de Gaza, Mozambique, Samora Machel, o primeiro presidente do país despois da independencia de Portugal, a potencia colonizadora. Fixo os estudos primarios nunha escola de misioneiros e foi enfermeiro mentres cursaba a secundaria nocturna. Desde moi novo participou en actividades clandestina a favor da independencia de Portugal.
En 1962 exiliouse, afiliándose ó FRELIMO (Fronte de Liberación de Mozambique), movemento de maioría marxista. Recibiu entrenamento militar en Arxelia e máis tarde foi comandante das frontes guerrilleiras de Niassa e Cabo Delgado.
En 1968, no II º Congreso da Fronte foi elixido membro do seu comité central e despois do asasinato de Eduardo Mondlane, polos servizos secretos surafricanos, que era o presidente do movemento, Samora Machel foi elixido para este cargo en maio de 1970.
Nos cinco anos seguintes fíxose máis intensa a loita guerrilleira contra o colonizador portugués e ca declaración da independencia o 25 de xuño de 1975, Samora Machel foi nomeado presidente do novo estado. Desenvolveu unha liña comunista próxima ó maoísmo, iniciando unha política de nacionalizacións o que lle leva a enfrontarse o imperialismo e o seu pión na zona, a Suráfrica branca do aparheid. Mozambique apoiará a loita clandestina da organización surafricana ANC (Congreso Nacional Africano) e será promotor da Fronte Antiaparheid, xunto con Angola, Zimbawe, Zambia e Namibia. Estas decisións teñen como consecuencia que o imperialismo financie a guerrilla do RENAMO (Resistencia Nacional de Mozambique), dentro da estratexia deseñada nos EEUU de “guerras de baixa intensidade”, que como en Nicaragua, Angola e outros países, obriga a enormes gastos militares e a mingua-los sociais. En 1984 asina a paz con Suráfrica e morre nun atentado cando viaxaba en avión o 19 de outubro de 1986; atentado que sempre se considerou levado a cabo polo goberno racista de Saráfrica.

1906. Segunda intervención dos EEUU en Cuba en aplicación da chamada “enmenda Platt”, que no seu artigo 3º establecía: “O Goberno de Cuba acepta en que o dos EEUU poda exercer o dereito de intervir para a preservación da independencia cubana, o mantemento dun goberno adecuado para a protección da vida, a propiedade e a liberdade individual...”
O 14 de novembro de 1905, os máis de 300 norteamericanos propietarios de terras e plantacións na illa dos Pinos, se declararon “separados de Cuba” e proclamaron a súa adhesión á Unión Norteamericana. O ministro norteamericano na Habana, Squiers, pediulles ás autoridades cubanas que abandonaran a illa e solicitou o seu goberno o envío de barcos de guerra.
A sublevación liberal de agosto de 1906 contra o goberno corrupto de Estrada Palma, que anulou dun xeito fraudulento a súa candidatura á presidencia, foi aproveitada polo goberno dos EEUU para nomear a William Taft gobernador xeral da República de Cuba, baixo a autoridade do presidente dos EEUU. Posteriormente sería nomeado gobernador Charles Magoon que malgastaría os fondos da facenda cubana. Esta segunda ocupación finalizou en 1909.

No hay comentarios:

Publicar un comentario