A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 19 de septiembre de 2012

SOBRE ELECCIÓNS, LOITA DE CLASE E PROGRAMAS EN GALICIA


Carlos Dafonte.

As eleccións galegas se van celebrar nun estadio da loita de clases moi favorable para os intereses da oligarquía, o sector hexemónico da burguesía. Todas as medidas económicas que se foron aprobando nos últimos 25 anos, pero sobre todo desde que a crise amosou todo o seu potencial, son favorables para este grupo reducido que monopoliza, cada vez máis, ca axuda dos gobernos da quenda, a riqueza producida pol@s asalariad@s.
O especulador e multimillonario norteamericano Bufet, dixo hai uns anos, e repítese a súa afirmación decote, que a loita de clase gañaríana os ricos e de seguir por este camiño, alguén pode pensar que así vai ser. Pero non debemos esquecer que no capitalismo sempre van existir clases sociais e a tendencia, con cada crise, é de fortalecemento do proletariado, cada vez máis sectores sociais se proletarizan, e polo tanto máis tarde ou antes, a oligarquía e a propia burguesía teñen asegurada a derrota. Todo depende, entre outros vectores, da “conciencia para si” que acaden os explotados, que sexan capaces ou non de desprenderse da ideoloxía dominante, que sempre é a da clase ou fracción de clase que domina, a que ten os resortes económicos e políticos da sociedade, e dar pasos adiante na súa liberación; cuestión complicada, pois moitas veces aceptando os explotados as propostas dos sectores máis avanzados da sociedade, de mobilizarse contra determinadas medidas que toman os gobernos do capital, continúan considerando que a modificación das súas condicións de vida atópase no voto, nas institucións, o que é certo para empeoralas, pero non para melloralas, e por enriba disto modifican a súa actitude de mobilizarse contra dos gobernos, pola de votar maioritariamente a aqueles contra os que se mobilizan na rúa, no centro de traballo, no barrio, etc, en suma, a quen fai posible a súa explotación. Quería clarificar o concepto de “clase para si”. Na literatura marxista distínguese entre “clase en si” e “clase para si”; o primeiro e a consciencia que un grupo de individuos teñen de pertencer a unha clase social determinada o segundo é un estadio superior, cando os que pertencen a unha clase determinada teñen a consciencia de que é necesario organiza-la totalidade da sociedade, de acordo cos seus intereses de clase.
En Galicia e no propio estado español, esta situación é moi complexa, pois á falla de conciencia para si, leva a falla dunha forza de esquerdas anticapitalista poderosa, capaz de orientar, de ser vangarda da loita contra a crise, que non acepte xogar un papel dependente nin de sindicatos reformistas, nin de partidos que, pode que na memoria colectiva se lles considere de esquerdas, pero hai moitos anos que deixaron de se-lo, abandonaron o campo do anticapitalismo para ser un elemento importante na defensa do mesmo.
A pesares deste dominio ideolóxico da oligarquía, hai aspectos políticos que son necesarios subliñar; en primeiro lugar, aínda que só sexa nas enquisas, o día 21 de outubro veremos se tamén na práctica, os dous partidos maioritarios perden apoios; nas enquisas a nivel de estado indican que o PP perde moitos e o PSOE non só non recupera, senón que tamén perde algúns dos que tiña; atopámonos nas portas de rachar co bipartidismo imposto no proceso da transición?. En segundo que mentres os nacionalistas de Cataluña e Euskadi, en conxunto parecen avanzar, en Galicia é posible que retrocedan no eido electoral despois da rotura producida no BNG, que axuda a aumenta-lo seu fraccionamento.
É difícil, a pesares de todo, que se produza un cambio importante, o electorado é bastante estable pero a crise pode dar lugar a situacións imprevistas. Non esquezamos que crise na estrutura económica leva aparellada crise na superestrutura política, aínda que as veces, estas dúas crises, non vaian acompasadas.
Polo tanto un primeiro aspecto onde se materializa a loita de clases, na loita ideolóxica, é favorable ós intereses burgueses, que nestes anos, sobre todo desde o derrube dos chamados “países de socialismo real”, foi capaz de impoñer o denominado “pensamento único”, que non é outra cousa que o pensamento neoliberal, propio e favorable ós intereses da burguesía, tanto no análise dos problemas como nas solucións ós mesmos. E neste senso de derrota ideolóxica, hai que convir que os partidos chamados socialistas, o PSOE no estado español, xogaron un importante papel na desideoloxización e captación para este xeito de pensar, de importantes sectores do movemento obreiro e as clase populares.
No aspecto político da loita de clase, xa sinalei máis arriba algúns elementos; pero vou facer algunha outra consideración que indican tamén a derrota dos asalariados neste campo. Por unha banda o que chamo “fetichismo institucional” moi ligado a idea de que cos nosos votos podemos resolve-la situación, modificala. Todos estes anos de crise moi claramente amosan de que esas afirmacións non son certas. Quen non se presenta ás eleccións, ós que eufemisticamente se lles chama “mercados”, gobernan por medio dunha grande parte dos partidos a quen eles financian, apoian nos seus medios de información, etc. E como teñen maiorías amplas, deturpan a cotío o sistema democrático poñéndoo ó servizo exclusivo dos seus intereses, sen importarlles o sentido do voto da xente, os seus devezos e os programas que se votaron; eles impoñen a súa vontade por enriba destas cuestións e os partidos maioritarios préganse as súas esixencias: quen paga manda.


Pero isto é consecuencia tamén de que os asalariados ca súa falla de consciencia de “clase para si”, non foron capaces nestes anos desde a desaparición da ditadura, de levantar unha forte organización política propia, que tivera o obxectivo claro e rotundo de organiza-la sociedade consonte ós intereses da clase. Cantos asalariados votan ó PP ou PSOE, partidos burgueses defensores do capitalismo e en tempos de crise adicados a salvar os intereses da oligarquía? Millóns de traballadores emiten neste senso o seu voto; e moitas veces en tempos como os de agora, cando se derruban paradigmas, cando hai importantes transformacións, algúns sectores están dispostos a escoitar e votar a calquera charlatán, cando non fascista, disposto a propoñer solucións que non conducen a solucionar problema algún. En Galicia podemos vivir unha experiencia deste tipo.
Situación de desorientación á que tamén contribúe a burguesía, cousa lóxica, cando desde os seus “medios de desinformación”, lle dan categoría de esquerda a quen non o é, e potencian “unións de esquerda” para neutralizar posibles avances no camiño da transformación social e a superación do capitalismo. Tampouco ten aparecido o programa alternativo, capaz de aglutinar a millóns de persoas que teña como obxectivo a superación do sistema capitalista. @s asalariad@s hoxe non se plantean a loita polo poder político, atópanse á defensiva, nin a loita contra as leis que permiten a súa explotación.
E o terceiro aspecto da loita de clases, a loita económica; Lenin definiu a loita económica na súa obra ¿Que facer? do seguinte modo, “...a loita colectiva dos obreiros contra dos patróns, por conseguir condicións vantaxosas de venta da súa forza de traballo, por mellora-las condicións de vida e de traballo dos obreiros”; tamén neste eido a burguesía e a súa fracción de clase dominante, a oligarquía, manteñen á ofensiva e os traballadores atópanse loitando, posiblemente haxa máis mobilizacións e folgas que nunca, pero cun carácter defensivo, para que non se lle siga degradando o seu xeito de vida; dirixidos por sindicatos con direccións burocratizadas, que non dan continuidade ás loitas, que perderon o seu carácter de sociopolíticos para converterse en sindicatos de servizos.
Nestas circunstancias vai ser moi difícil que se produzan cambios salientables a partires do próximo proceso electoral e débese combater e denunciar a quen afirme a posibilidade dun cambio cualitativo con só facelo de goberno, por medio dunha nova maioría parlamentar en Galicia, e a quen desde o poder, nos diga que “xa pasou o peor grazas as medidas por nós tomadas, a nosa prudencia, etc e agora estamos, se nos votades, en condicións de comezar a senda do crecemento e da creación de emprego”. Ámbolos dous menten.
A crise estase a agudizar e hoxe son numerosos os países da zona euro, que se atopan en recesión e con graves dificultades; podemos falar dun novo ciclo recesivo sen temor a trabucarnos. Os sacrificios que lle esperan ós asalariados, de non variar a correlación de forzas, cousa difícil, van ser moi duros. A queda da economía no estado español é indiscutible; os peores tempos están por vir.
Tampouco hai que darlles moito creto a quen augure modificacións importantes no panorama social se conseguen algúns asentos no parlamento. O primeiro que debían contestar nesta campaña é a unha pregunta sinxela: no caso de que o PP perda a maioría que faredes cos vosos votos? E que pensen ben a resposta, pois non todas teñen o mesmo valor.
En canto ós programas electorais, non se pode aceptar que nos presenten un que non van levar adiante unha vez pasado o día 21 de outubro. Hai que esixir coherencia; sobre todo hai que esixirlla ó PP; ten a obriga de presentar un programa de acordo ca situación actual de reforma laboral, recortes en servizos, etc e as que vai xerar o segundo rescate da economía e as medidas previsibles que van tomar sobre pensións, seguro de paro, etc. E digo ó PP, pois as medidas xa as coñecen, só esperan para aplicalas que finalicen os dous procesos electorais; Rajoi e Feijoo non poden dicir que teñen que pensar sobre estas cuestións; esta decidido o rescate e as medidas e o seu programa debe recollelas, por moi antipopulares que sexan. Non me canso de repetilo, o programa presentado e levado a cabo é o que da lexitimidade a un partido; presentar un programa e tiralo ó lixo ó día seguinte das eleccións, quítalle toda a lexitimidade a un partido gañador e iso é o que vai facer Feijoo se gaña, que é o que fixo Rajoy e con anterioridade Rodríguez. Por iso hai que esixirlle ós que se presenten, que na campaña se comprometan, aínda que pareza papel mollado, a convocar un referendo de carácter vinculante cando se aproben medidas que non figuraban no programa electoral.
E a mesma esixencia co PSOE e o BNG, cuxa permanencia no goberno galego durante catro anos foi decepcionante. Como escribín no anterior artigo do blog, que non nos veñan agora cun programa de defensa do estado de benestar, propostas que non defenderon nin cando estiveron no Goberno Autonómico, nin desde os Concellos e Deputacións.
E a mesma esixencia para os que se presentan como “anticapitalistas”; hai que esixirlles que o sexan, que presenten un programa onde atopemos elementos que permitan inicia-la marcha cara a outro sistema. Pero que non tenten enganar, o socialismo non é o que chaman “capitalismo de faciana humana”; ese conto morreu, deben enfrontarse á realidade.
O mesmo que se debe enfrontar o PP e Feijoo, pois o balanzo destes anos non permite falar dunha Galicia idílica; a que nos quere amosar Feijoo esta fora da realidade; esta pola contra, é moi difícil para @s asalariad@s galeg@s, a grande maioría da sociedade. A pesares de todas as mentiras do PP a realidade é testana e amósase todos os días ca súa crueza: Cun paro no 20 %, moi preto de 300.000 traballador@s, con provincias que o superan e máis do dobre entre @s moz@s, obrigando a cerca de 20.000 a marchar cada ano á emigración; 100.000 familias sen recibir salario algún; cun sector agrario con graves dificultades, o mesmo que o pesqueiro; cos estaleiros sen carga de traballo; cunha empresa como Alcoa ameazando con marcharse, e un sector financeiro ou na quebra ou en mans alleas a Galicia; con miles de pequenos comercios pechados nestes anos e tamén outros miles de aforradores afectados polas “accións preferentes”; cunha deterioración moi profunda de servizos fundamentais para a sociedade, como sanidade e educación, grazas ó interese do PP polo déficit presupostario e as privatizacións, partido que non tivo inconveniente no seu día en aprobar obras faraónicas como a chamada cidade da cultura”, os dous superportos, separados por unha distancia moi cativa, de Ferrol e Coruña, ou o AVE, panacea de todos os nosos males, enorme gasto superfluo, cando non temos nin dobre vía electrificada, un tren de vía estreita polo norte en estado terminal e sen completar as necesarias conexións interiores e co norte de Portugal. Así, como no século XIX, cando o estado era centralista e todo “solucionábase” en Madrid, o deseño do AVE segue a se-lo. E ademais competirá cos tres aeroportos galegos, hoxe con enormes dificultades de subsistencia. Todo un exemplo de planificación!!. Sen esquecer os centos de “asesores” que os partidos que gobernan as institución contratan, creando unha especie de “administración paralela”, custosa e ineficaz.
Así pois estas eleccións autonómicas se van levar a cabo nunhas condicións de ofensiva do capital, de retroceso e recorte nos dereitos e liberdades da grande maioría da sociedade, polo que con seguridade as políticas neoliberais seguirán a ser as maioritarias no novo parlamento galego, con independencia das siglas que o dominen, o que nos permite pensar que desde Galicia non se vai facer moita oposición ás decisións que se aproben nas institucións da administración central do estado español, na UE e o FMI.
Pero tod@s aquel@s que non xogamos un papel partidista nestas eleccións, e sendo conscientes de que a veciñanza estará máis pendente das mensaxes, de todo canto se diga, tamén temos un papel: combater ideoloxicamente ós defensores do capitalismo, defender a reconstrución da esquerda, marcando algúns fitos dese difícil camiño, e orienta-lo voto, que o meu entender debe ser ou branco ou nulo, mellor o primeiro como xa expliquei en repetidas ocasións. E temos poucos instrumentos para traballar, pero algúns hai, para levar adiante estes obxectivos; sabendo que os resultados van ser moi modestos, pero hoxe ninguén que se considere de esquerdas, pódese dar un descanso.

En Galicia no mes de setembro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario