A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 4 de octubre de 2012

EFEMÉRIDES MES DE OUTUBRO


Carlos Dafonte

DÍA 1.

columna prestes
1924. O capitán do exército brasileiro, Luís Carlos Prestes sublévase en Rio Grande do Sul contra a oligarquía gobernante e pola democratización da vida política; despois de rompe-lo cerco do exército e de xuntarse con outros grupos rebeldes, a coñecida como “Columna Prestes”, inicia o seu camiño tentando sublevar a diferentes estados. Esta columna percorrerá, durante dous anos e cinco meses, máis de 25.000 quilómetros, a traveso de 13 estados brasileiros e Paraguai, enfrontándose con éxito ó exército federal, ós exércitos dos terratenentes e a policía. Ó non conseguir unha sublevación masiva contra do goberno reaccionario, a chamada República Velha, Prestes e os seus compañeiros se exiliarán en Bolivia. Máis tarde Prestes marcha a Arxentina onde entra en contacto con dous dirixentes da Internacional Comunista, Rodolfo Ghioldi e Boris Heifetz. Aí as súas ideas de cambio pasarán pola peneira do marxismo. Con posterioridade ingresará no Partido Comunista Brasileiro e será, durante moitos anos o seu secretario xeral.

mao
1949. Proclamación da República Popular China. Ca invasión xaponesa de China, o Partido Comunista proponlle ó Kuomitang, principal partido da burguesía, unha alianza para expulsar ós invasores. A guerra contra os xaponeses permite ó PC desenvolve-lo Exército Vermello e a estratexia de guerra popular revolucionaria así como establecer bases moi sólidas en todo o territorio.
A partires da derrota xaponesa, o Kuomitang, coa axuda dos EEUU e potencias imperialistas, esíxelle ó Partido Comunista a subordinación e a entrega das armas do Exército Vermello; diante da negativa comunista inícianse de novo as hostilidades; no ano 1948 o Exército Vermello abandona a loita guerrilleira iniciando o enfrontamento frontal contra o exército dos sectores capitalistas da sociedade china, tomando cidades como Kaifen e Jinang, ó tempo que comeza a desbandada dos exércitos contrarios. En xaneiro de 1949 toman Tianjing e Beijing, o que obriga os restos do Kuomitang a marchar a illa de Taiwan, poñendo fin á contenda.
Do 21 ó 30 de setembro desenvolveu sesións a Conferencia Consultiva Política do Pobo Chino, formada por 142 delegados de numerosos partidos, organizacións, movementos e personalidades independentes, onde só participan 16 comunistas. Esta Asemblea elaborou unha Constitución provisoria, elixiu un Consello Gubernametal presidido por Mao Zedons e tomou entre outras medidas a reforma agraria, a igualdade entre mulleres e homes, púxose fin ós privilexios das potencias imperialistas así como os feudais. O 1 de outubro, na praza de Tiennanmen xuntáronse centos de miles para festexar a vitoria, e Mao desde a chamada Porta da Paz Celestial da Cidade Prohibida finalizou a súa alocución afirmando “¡¡Establécese a República Popular China!! ¡¡ O pobo chino levantouse e xa nunca máis vivirá axeonllado!!.

golpistas indonesia
1965. Golpe militar en Indonesia contra o presidente nacionalista Sukarno, heroe da independencia. O golpe foi preparado desde principios dos anos sesenta pola administración do presidente Kennedy e o “premier” británico Mcmillan, como revelan documentos dos EEUU desclasificados, que contaban dentro do país co apoio dun sector dos militares e os musulmáns. Unha vez morto Kennedy, o presidente Johnson continuou co plan no que colaboraron ademais da CIA, o exército, compañías petroleiras e fundacións como a Ford, The Council on Foreing Relations (CFR), a universidade de Harvard e a Corporación RAND; todos formaban unha especie de consello encargado de elabora-la política respecto a Asía. Un dos principais problemas era ó Partido Comunista de Indonesia, formado por varios centos de miles de militantes que o situaban como o segundo máis numeroso despois do partido de China. Era un partido cunha ampla base forxada nas loitas pola independencia e a defensa dos máis desfavorecidos, que entrou no goberno de Sukarno en 1963.
O asasinato de varios xerais da extrema dereita, resultado das liortas internas no exército, foi denunciado polo imperialismo como un intento de golpe de estado comunista o que desencadeou o golpe preparado pola extrema dereita, e a represión posterior. Baixo o goberno do xeral Suharto, nos primeiros meses asasinouse a unha cantidade próxima ó millón de militantes comunistas e as súas familias, pobos enteiros foron arrasados, nun dos maiores xenocidios políticos levado a cabo polo capitalismo.
A ditadura de Suharto co apoio das potencias imperialistas, se calcula que nas décadas de exercicio do poder, asasinou a cerca doutro millón de opositores e invadiu Timor Oriental, antiga colonia portuguesa, onde os asasinatos contáronse por decenas de miles.
Nas rúas chilenas, desde meses antes do golpe militar de Pinochet, aparecían nas paredes unha inquietante pintada, “Yakarta”, nome da capital de Indonesia.

Día 2.

matanza estudantes
1968. Matanza de estudantes na praza das Tres Culturas, en Tlatelolco, na cidade de México. Este importante movemento, no que non só participaban estudantes, débese encadrar nos producidos nunha parte do mundo e que xenericamente se coñecen como “maio do 68”, resposta de determinados sectores sociais ó fin da época de expansión económica, xerada despois da II ª Guerra Mundial e a entrada nunha onda recesiva.
Unha manifestación con maioría de estudantes, pacífica, que demandaba máis liberdades, nun país ditatorial, onde o Partido Revolucionario Institucional (PRI) gobernaba, valéndose do fraude electoral, da represión e da corrupción de todos os aparellos do estado, desde o final da revolución na década dos anos vinte, foi atacada por un dispositivo represivo no que participaron máis de oito mil efectivos, entre policía, exército e a “brigada branca”, civís que se distinguían por levar unha luva desa cor. O presidente do país era Díaz Orgaz e o Ministro do Interior Luís Echevarría Álvarez, que máis tarde foi nomeado presidente.
Desde primeiros de agosto as diferentes mobilizacións en numerosos centros de estudantes, universidades, arrabaldes, etc., frutificou na constitución do Comité Nacional de Folga, que abranguía todo o territorio federal e elaborou un manifesto onde se solicitaba a liberdade para os presos políticos, a destitución de militares que destacaran na represión levada a cabo nos meses anteriores, a desaparición do corpo de granadeiros, deixar sen efecto varios artigos do código penal, indemnización ás familias dos mortos e feridos da represión das mobilizacións de xullo e o deslinde de responsabilidades da represión dese mes entre Exército, Policía e Granadeiros. O 27 de agosto máis de 200.000 mexicanos se manifestaron e apousentáronse da Praza do Zócalo ata que foron desaloxados pola policía
As cifras oficiais da represión do día 2 de outubro foron de 50 mortos; anos máis tarde unha Comisión da Verdade presidida por Paco Ignacio Taibo II, deu un balanzo aproximado: máis de 300 mortos, máis de 700 feridos e os detidos superaron os 5.000.
Dúas semanas despois destes acontecementos comezaron os Xogos Olímpicos na cidade de México; ningún país dos chamados democráticos negou a súa participación.
A partires dese momento, onde quedou patente que non era posible a expresión e a mobilización democrática, se formaron algúns movementos guerrilleiros e comezou un período de “guerra sucia” levada a cabo polo estado e os seus instrumentos represivos.

Día 3.

1963. Apróbase en Cuba a Lei de Nacionalización e Adxudicación ó Estado das Fincas Rústicas cunha extensión superior a 5 caballerías de terra (67 hectáreas). Tamén chamada Segunda Reforma Agraria. O obxectivo era establece-las base definitivas sobre as que se desenvolvería a agricultura, que debía se-lo esforzo coordinado de empresas estatais e pequenos campesiños e non permitir a consolidación dunha burguesía agraria que poñía atrancos á produción de alimentos, especulaba cos produtos e utilizaba os “beneficios en fines antisociais e contrarrevolucionarios”. Esta lei viña a completar e establece-lo alcance da Lei de 17 de maio de 1959, primeira reforma agraria.

1965. Fai a súa presentación na Habana, Cuba, o primeiro Comité Central do Partido Comunista de Cuba e fúndase o diario Granma, resultado da fusión dos periódicos “Hoy” e “Revolución”. Os antecedentes do PC están nas Organizacións Revolucionarias Integradas, formada en 1961, polo “Movemento 26 de xullo”, dirixido por Fidel Castro, o “Partido Socialista Popular” (comunista) cuxo secretario xeral era Blas Roca e o “Directorio Revolucionario 13 de marzo” dirixido polo comandante Faure Chomón. Unha segunda etapa na construción do partido e a creación o 26 de marzo de 1962 do Partido Unido da Revolución Socialista de Cuba. No acto de constitución do Comite Central, en 1965, Fidel Castro leu a carta de despedida de Che Guevara.

Día 5.

1934. Iníciase no estado español a chamada “revolución de outubro”. A entrada de ministros no goberno da república da Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA), 3 de AP e 2 do Partido Agrario, leva a un estoupido popular sen precedentes, ante a posibilidade certa da destrución da democracia e da propia Constitución aprobada en 1931. Non hai que esquece-lo marco no que se produce este movemento que máis de un cualificaron como “a primeira revolución socialista na historia de España”; unha intensificación da loita de clases no estado, un avance importante do nazismo e o fascismo en Europa, a forte crise económica e social iniciada en 1929, o pulo do fascismo e destas ideas no propio estado español e o expresado pola CEDA de modificar unha parte importante das conquistas acadadas polas clases populares no chamado “período reformista” da república, 1931-1033.
Socialistas, anarquistas e comunistas forman a Alianza Obreira, consolidada en Asturias; pero a pouca firmeza das direccións socialista e cenetista, fai que en puntos claves como Cataluña, Madrid e Biscaia, o movemento fracase. Moitos traballadores non están dispostos a enfrontarse ata as últimas consecuencias a un goberno reaccionario, por un programa, o socialista, redactado por Indalecio Prieto, confuso, que no fondo só establecía un cambio de partido no goberno, pero cunha política moi parecida á da dereita. O PSOE lanzou a consigna de “folga xeral pacífica”, cando todo o mundo esperaba unha de insurrección; en Madrid a folga mantívose ata o día 13, pero sen dirección política, a xente volveu ó traballo; en Cataluña a CNT non entrou na Alianza Obreira e sectores de esquerda actuaron sometidas ós intereses da burguesía nacionalista catalá; no exército nalgunhas prazas a situación estaba madura para non seguir as ordenes do goberno reaccionario, pero a falla de dirección política fixo que non apareceran todas as posibilidades que no exército existían no caso dun proceso revolucionario global. Só en Asturias levaron adiante o acordado: a parte máis consciente da clase traballadora, a minería, foi capaz de transformar a consigna de “folga xeral pacífica” nunha insurrección e tomou en moitos lugares o poder durante 15 días. O mesmo día 5 as 98 casas cuartel da Garda Civil foron tomadas e columnas de traballadores partiron cara a Oviedo e Xixón, onde as direccións partidarias, ca folga pacífica, desarmaran ós traballadores. A reacción do goberno republicano burgués reaccionario foi brutal. Empregou para sofoca-la revolta o exército africano, regulares e tropas mouras, ademais de policía e outras gornicións da península. O xeral Franco, que xa “actuara” en Asturias na folga xeral de 1917, mandaba as forzas que produciron máis de 3000 mortos, moitos asasinados despois dos combates, preto de 8000 feridos e máis de 30.000 encarceramentos.
Pero outubro do 34 freou ó fascismo, os seus intentos de impoñerse dun xeito pacífico, polos canles legais.

1974. Morre en combate contra as forzas represivas da ditadura pinochetista, Miguel Enriquez, Secretario Xeral do Movemento de Izquierda Revolucionario (MIR) de Chile. Tiña 30 anos e era médico. Foi localizado, xunto con outr@s compañeir@s da organización na rúa Santa Fé 725, na Comuna de San Miguel, unha zona maioritariamente de esquerdas. Como dixo Armando Hart falando en nome do Partido Comunista de Cuba, na homenaxe que se lle tributou na Habana, “nel despuntaba un xefe de revolución”.
A brutal policía política da ditadura, a DINA, creou unha sección con numerosos efectivos para deter a Enriquez; detencións de “miristas” e torturas bestiais, permitiron coñecer algúns datos, cor do coche e modelo no que se trasladaba, zona aproximada onde vivía, etc.
Na noite do día 4 de outubro levouse a cabo unha xuntanza entre Enriquez, Humberto Sotomayor, Jose Bordas Paz, responsable de Forza Central, brazo armado do MIR e Carmen Castillo Echeverría, dirixente da organización e compañeira do primeiro. A unha do mediodía a DINA completa un primeiro cerco, do que Sotomayor e Bordas conseguen escapar. Carmen Castillo é ferida e Enriquez morre. Sotomayor exiliase nunha embaixada e Bordas ferido e detido o 5 de decembro e morre no hospital da Forza Aérea de Chile, despois de ser torturado.

Día 8.

1906.

carta amiens
Entre os días 8 e 16 de outubro de 1906 celebrouse na cidade francesa de Amiens o XV Congreso Nacional da Confédération Générale du Travail. A CGT francesa era unha organización sindical fundada en Limoges en setembro de 1895, na que exercían unha destacada influencia os anarquistas, entre os que destacaba Fernand Pelloutier, inspirador en 1892 das Bourses du Travail. Esa orientación púxose de manifesto en 1906, cando o citado congreso aprobou unha resolución, coñecida popularmente como Charte d'Amiens, que sentaba os principios do sindicalismo revolucionario de inspiración anarquista: o anarcosindicalismo. Animadas por estes mesmos principios, en decembro de 1922, organizacións sindicais europeas e americanas reconstruíron en Berlín a Asociación Internacional de Traballadores (AIT), continuadora da Primeira Internacional.
Na resolución establécense entre outras afirmacións:
O congreso confederal de Amiens confirma o artigo 2 dos estatutos constitutivos da CGT: "A CGT agrupa, fóra de toda escola política, a todos os traballadores conscientes da loita que debe levarse a cabo para que desaparezan o salario e a patronal".
O Congreso considera que esta declaración é un recoñecemento da loita de clases que opón, no terreo económico, os traballadores en oposición a todo xeito de explotación e de opresión, tanto material como moral, executadas pola clase capitalista contra a clase obreira.
O Congreso confirma esta afirmación teórica cos puntos seguintes:
Na tarefa de reivindicación cotiá, o sindicalismo persegue a coordinación dos esforzos obreiros, o incremento do benestar dos traballadores conseguindo melloras inmediatas, como a mingua das horas de traballo, o aumento dos salarios, etc
Pero esa tarefa non é máis que unha das vertentes do sindicalismo; tamén loita pola emancipación completa, que non se pode realizar máis que expropiando á burguesía; preconiza como método de acción a folga xeral e considera que o sindicato, hoxe grupo de resistencia, será no futuro grupo de produción e distribución, a base da reorganización social.
O Congreso declara que esa dobre tarefa, cotiá e de futuro, xorde da situación dos asalariados que pesa sobre a clase obreira e fai que todos os traballadores, calquera que sexan as súas opinións, ou as súas tendencias políticas ou filosóficas, teñan como deber o pertence-lo sindicato.
Como consecuencia o Congreso afirma a enteira liberdade do afiliado para participar fora da agrupación sindical, cas formas de loita que se correspondan ca súa concepción filosófica ou política, limitándose a pedirlle en reciprocidade, que non introduza no sindicato as opinións que profese fora do mesmo.
No referente ás organizacións, o Congreso declara que, co fin de que o sindicalismo acade a súa máxima eficacia, a acción económica débese exercer directamente contra a patronal, non tendo que preocuparse as organizacións confederais, en tanto que agrupacións sindicais, dos partidos e as seitas, que por fora e ó seu lado, poden perseguir, en liberdade total, a transformación social”.

Día 9.

1967. É asasinado en Bolivia Ernesto Guevara de la Serna, máis coñecido como Ché. O día anterior fora capturado ferido na quebrada do Yuro polo exército boliviano; pasou a noite nunha construción que facía as veces de escola na Higuera, e foi asasinado despois de ser interrogado por un axente da CIA. Dirixía o Exército de Liberación Nacional de Bolivia do que formaban parte bolivianos, cubanos, peruanos e arxentinos, que tentaba ser unha organización político-militar para expandir o movemento guerrilleiro polo cono sur do continente. O lugar prefixado para inicia-lo foco guerrilleiro era a rexión oriental de Nacahuazú para onde saíran a principios de ano; lugar estratéxico desde onde é factible trasladarse pola selva ó norte arxentino, Paraguay e Brasil. Dividira o grupo en tres, unha vangarda, formada por combatentes experimentados, un centro que comandaba o propio Ché e unha retagarda.
O obxectivo, como o expresa o xeral de brigada cubano Harry Villegas (Pombo na guerrilla boliviana, compañeiro do Che na Serra Maestra cubana e no Congo) era “crear un movemento revolucionario amplo que se nutrira de todos os homes honestos dispostos a loitar por un ideal de xustiza social...non só en Bolivia, senón tamén na súa proxección continental.”

Día 13.

1960. Son nacionalizadas en Cuba a banca e máis de 380 grandes empresas industriais, comerciais e centrais azucreiras.

Día 14.

1936. Chegan ó estado español os primeiros grupos de Brigadas Internacionais, para defende-la república ameazada pola sublevación fascista. Instálanse na provincia de Albacete. A sé central de recrutamento estaba en París, controlada polo Partido Comunista Francés. As primeiras brigadas que se formaron foron a XI, XII e XIII, maioritariamente por franceses, belgas, italianos e alemás. A súa creación partiu dun acordo do Secretariado da Internacional Comunista de 18 de setembro de 1936.
Pero xa había voluntarios loitando ó lado da república; en primeiro lugar moitos exiliados italianos e alemás que fuxiran do fascismo e do nazismo, entraron en combate desde o primeiro momento; tamén participantes da Olimpíada Popular que se celebraba en Barcelona, organizada por xentes de esquerda e como alternativa ás oficiais que se celebraban no Berlín nazi. Moitos atletas participaron en Barcelona para axudar a sofoca-la sublevación fascista e ó austríaco Mechter, que morreu o 19 de xullo, se lle considera como o primeiro brigadista morto. O “bautismo de guerra” o recibiron as Brigadas Internacionais, a partir do 4 de novembro na defensa de Madrid.
A maioría eran comunistas, pero tamén había socialistas, anarquistas e xente progresista. Morreron, ata a súa disolución preto de 15.000, dun número aproximado de 50.000 inscritos; nunca houbo máis de 20.000 no territorio do estado español.

1960. Aprobase en Cuba a Lei Constitucional de Reforma Urbana que quedou engadida con forza e xerarquía constitucionais, por medio dunha disposición final.

Día 16.

1934. Iníciase en China a “Longa Marcha”. O Partido Comunista de China establecera unha República Soviética na provincia de Jiangxi, con capital en Yudu. Alí atopábase o grupo principal do Exército Vermello, con Mao Zedons e Zhou Enlai, os “28 bolxeviques” e o alemá Otto Braun, como xefes políticos máis importantes. A presión do exército do Kuomitang, obriga a emprender o que se coñece como Longa Marcha do Exército Vermello cara a provincia de Shaanxi, no norte, que se atopaba controlada tamén polos comunistas. O percorrido levado a cabo polo Primeiro Exército Vermello foi de máis de 12.000 quilómetros e finalizou o 19 de outubro de 1935.
Pero outros dous grupos do Exército Vermello tamén emprenderon desde lugares diferentes, a marcha cara a esta provincia, o Segundo dirixido por He Long e o Cuarto dirixido por un dos principais líderes políticos comunistas, Zang Guotao. Ata outubro de 1936 non chegará o grupo de He Long.
A marcha foi moi penosa, tendo que derrotar o Primeiro Exército, os catro aneis tendidos polo exército do Kuomitang a redor do Soviet de Jiangxi, fundado por Mao Zedong, co obxectivo de estrangulalo economicamente. A principal batalla librada foi a do rio Xiang, onde os comunistas perderon moitos efectivos, pero conseguiron cruzalo.
Non hai que esquecer que na marcha do Primeiro Exército, ademais dos homes armados marchaban miles de militantes, administrativos do antigo soviet e ata levaban unha biblioteca, a de Ruijin, asi como aparellos médicos e toda outra serie de cousas heteroxéneas; pódese dicir que era unha república soviética itinerante, na busca dun territorio.
Cando se inicia a longa marcha, o grupo coñecido como os “28 bolxeviques”, xoves revolucionarios formados en Moscova, desprazaran a Mao da dirección política, en quen non tiña moita confianza a URSS. Mao gañará o seu prestixio como estratega militar nesta Marcha, que o catapultará cara ó poder, despois da xuntanza dos principais dirixentes comunistas na cidade de Zunyi os días 15 e 16 de xaneiro de 1935.

1953. Fidel Castro pronuncia na súa defensa, diante do tribunal da ditadura que o xulga polo asalto ó Cuartel Moncada, a argumentación que finalizará ca celebre frase “¡¡A historia me absolverá!!”.

Día 18.

pablo iglesias mitin
1850. Nace no Ferrol Pablo Iglesias, no seo dunha familia moi humilde; o pai era peón municipal e morre cando Pablo ten nove anos, momento no que abandona os seus estudos e se traslada, xunto ca súa nai e o seu irmán a Madrid, se di que facendo a viaxe a pe e tirando dun carro cas súas pertenzas. O familiar en cuxa casa ían ser acollidos falecera e quedan desamparados, polo que un ano despois da súa chegada, a nai que adicábase e a pedir esmola polas rúas, ante a imposibilidade de manter os seus fillos, os mete no Hospicio de San Fernando. Pablo completará os estudos de primaria e aprenderá o oficio de tipógrafo, a partires de 1861, traballando no periódico matutino “La Iberia”, que se elaboraba no hospicio e cuxo propietario tentará adoptalo.
O 23 de maio de 1863, é dado de baixa no hospicio ó escapar cando xa tiña a habilidade necesaria no seu oficio como para manter a súa familia, entrando a traballar de aprendiz na imprenta do Diario Universal, na rúa San Bernardo fronte a Universidade. No chamado sexenio revolucionario, 1868-1873, se apunta na sección de tipógrafos da Federación Madrileña da Asociación Internacional de Traballadores e comeza a súa formación autodidacta.
O 26 de xuño de 1870 os tipógrafos madrileños o elixiran, xunto con outros dous compañeiros para o Consello Local da AIT o que lle traerá como consecuencia, persecucións e despidos; un ano despois escrebe a primeira colaboración nun periódico, un artigo contra a guerra e no ano 1874, será elixido para a presidencia da Asociación do Arte de Imprimir.
Na clandestinidade inicia o proceso de crear un partido de traballadores que culminará o 2 de maio de 1879 ca fundación do PSOE, na taberna “Casa Labra” no barrio de Tetuán.
Funda “El Socialista”, revista obreira cuxo primeiro número aparece o 12 de maio de 1886. En !888 fundou o sindicato UGT accedendo á presidencia un ano máis tarde. No mesmo ano asiste ó congreso fundacional da II ª Internacional como voceiro do PSOE.
En 1905 foi elixido concelleiro en Madrid e en 1910 foi o primeiro e único deputado socialista, en alianza cos republicanos.
Faleceu o 9 de decembro de 1925.

1854. Nace en Praga Karl Kautsky. Desde moi novo interesouse polas ciencias sociais e despois de facer amizade con Marx, ingresou en 1875, no Partido Socilademócrata Alemán. Máis tarde actuou como secretario de Federico Engels e desde 1883 dirixiu a revista teórica Die Neue Zeit ,“Os novos tempos”, que unha vez creada a II ª Internacional se converte no seu órgano máis influente. Foi coautor xunto con Bebel e Berstein do Programa de Erfurt do SPD, moi criticado por Engels, pero que se converteu na pedra angular, durante moitos anos, dos programas socialistas.. Tra-la morte de Engels en 1895, converteuse na máis importante figura da socialdemocracia, xunto con Bebel e consideróuselle representante, durante algúns anos, da ortodoxia marxista dentro da Internacional. Enfrontouse dentro da organización a á dereita, reformista, de Berstein e a esquerda revolucionaria, dirixida por Rosa Luxemburgo e máis tarde con Lenin, a quen o seu libro “A ditadura do proletariado”, lle inspirou o traballo “A revolución proletaria e o renegado Kautsky”. Tamén recibiu a resposta de Trotski pola súa obra “Terrorismo e Comunismo”.
Na I ª Guerra Mundial, tentou manter unha posición centrista entre os partidarios da guerra, a maioría da II ª Internacional e a minoría, representada por Lenin e Rosa Luxemburgo; por ese motivo foi cofundador do Partido Socialdemócrata Independente (USPD), polo que foi apartado da dirección da revista. Rematada a guerra foi viceministro de asuntos exteriores, no goberno do SPD e corresponsable do fracaso da revolución; máis tarde abandonou a socialdemocracia, asentándose primeiro en Viena, máis tarde en Praga, cando se produciu a anexión de Austria polo nazismo alemán, e por último en Amsterdam onde falece o 17 de outubro de 1938.

Día 19.

1960. Os EEUU comezan o bloqueo de Cuba, que con diferentes gradacións continúa na actualidade, nun intento de afoga-la revolución e poñerlle fin.

Día 20.

1944. Guatemala. A folga xeral obriga á renuncia do ditador Jorge Ubico, quen deixa no seu lugar a outro xeral, Federico Ponce, que ten que renunciar despois meses de mobilizacións e loitas. Este movemento foi encabezado por Jorge Torriello, comerciante, e os militares o maior Javier Arana e o capitán Jacobo Arbenz, coñecido como “o soldado do pobo”, quen máis tarde, en 1950, chegará á presidencia.

Día 22.

1865. O traballador do tabaco asturiano Saturnino Martínez, funda en Cuba o que é o primeiro periódico obreiro da illa, “La Aurora” de periodicidade semanal. Os tabaqueiros, como explica Fernando Ortiz, foron os primeiros en establecer organizacións clasistas, como a “Sociedade de Socorros Mutuos de Artesáns de La Habana”, de 1865 ou, tamén do mesmo ano, “La Fraternal de Santiago das Vegas”.

1962. En medio da chamada “crise dos mísiles”, o presidente dos EEUU Kennedy establece o bloqueo naval de Cuba.

Día 23.

1923. Sublevación obreira e popular en Hamburgo, organizada polo Partido Comunista de Alemaña (KPD), que tentaba crear unha república soviética no estado. O exército alemán consegue derrotar definitivamente a sublevación o día 26. Esta sublevación formaba parte dun movemento máis xeneralizado que non se produciu pola negativa do Partido Socialdemócrata a chamar á folga xeral na asemblea obreira celebrada en Chenmitz. Nos estados de Sajonia e Turingia os comunistas entraron nos gobernos; a idea do KPD era chamar desde os mesmos á insurrección e entregar armas ós traballadores, pero o goberno presidido polo socialdemócrata Ebert, abortou esta intentona enviando tropas e expulsando ós comunistas dos gobernos. Outubro de 1923 marca a derrota dos traballadores e da revolución en Alemaña, cas consecuencias e repercusións que este feito tivo para a marcha da revolución socialista mundial.

1965. Morre loitando contra o exército o revolucionario peruano Luís de la Puente Uceda. Dirixía unha das frontes que establecera no país o Movimiento de Izquierda Revolucionaria (MIR), o Pachacútec, que operaba na zona de Mesa Pelada, Cuzco. O exército fixo desaparece-lo seu cadaver. Nacera o 1 de abril de 1926 en Santiago de Chuco.

Día 24.

1938. Morre José Aguirre Gainsborg, fundador do Partido Obreiro Revolucionario de Bolivia. Nacera o 8 de xullo de 1909 en Nova Iorque onde o seu pai exercía labores consulares. Como estudante de Dereito na universidade de Cochabamba, tivo un papel moi activo nas loitas pola reforma universitaria e nesta época entra en contacto co marxismo. A finais da década dos anos vinte era un dirixente sindical de Cochabamba. Durante a Guerra do Chaco marchou exiliado a Chile e entrou a formar parte do Comité Central do Partido Comunista de Chile, o que permite afirmar que posiblemente fora un dirixente do que se chamaba en Bolivia o Partido Comunista Clandestino. En Chile vai participar na batalla ideolóxica entre, simplificando, trotskistas e stalinistas e intégrase na Oposición de Esquerdas polo que é expulsado do Partido Comunista de Chile en xullo de 1933. Funda Esquerda Boliviana, que xunto co Grupo Tupac Amaru e outros grupos e marxistas bolivianos, fundan en xuño de 1935 en Córdoba, Arxentina, o POR, partido defensor das teses rotskistas.

Día 28.

1959. Morre en accidente de aviación o comandante Camilo Cienfuegos, un dos heroes da revolución cubana.

Día 29.

1918. Iníciase a sublevación dos mariñeiros da escadra alemá da base naval de Wilhelmshaven, que permite a proclamación da República Soviética en Kiel, un territorio que na actualidade pertence o estado de Schleswig-Holstein; na noite do 29 ó 30 de outubro de 1918, as dotacións de varias naves de guerra alemás sublévanse, deteñen ós oficiais e reciben a solidariedade de mariñeiros desembarcados e obreiros dos estaleiros. O día 4 de novembro elíxese un Consello presidido polo fogueiro Kart Artelt. O exército enviado para somete-los sublevados confraterniza con eles. Seguindo o exemplo do acontecido en Kiel, fórmanse Consellos Revolucionarios en numerosas cidades costeiras así como en Bremen, Brunswick, Hannover, Francfórt, Múnich onde un Consello de obreiros e soldados obriga ó último rei de Baviera a abdicar e Kurt Eisner do USPD, Partido Socialdemócrata Independente de Alemaña, escisión do SPD nacido en 1915, proclamou a república.

Día 30.

1910. Iníciase o Congreso de Solidariedade Obreira Rexional de Cataluña que finaliza o 1 de novembro ca fundación da Confederación Nacional do Traballo (CNT), o maior sindicato ata finalizar a guerra civil, de carácter maioritariamente anarcosindicalista. No congreso discutíronse tres opcións, entrar na UGT, sindicato socialista, adopción da denominación CGT, ou formar unha Confederación Nacional que en opinión da maioría era o que quería a clase traballadora. Segundo Gómez Casas, a grande maioría do sindicato vai a estar formada polos grupos e sociedades sindicalistas revolucionarias e ácratas, descendentes da Primeira Internacional, que desde había decenas de anos atopábanse dispersos, en segundo lugar unha corrente socialista encabezada por Fabra e Rivas, amigo íntimo de Jean Jaurés e colaborador en París de L' Humanité, e en terceiro, unha certa presencia do republicanismo radical.
Das 124 sociedades obreiras que participaron, Cataluña con 67 era a que tiña máis peso seguida por Andalucía con 25, seguidas de Asturias, Galicia e o País Valenciano. O Congreso defendeu a táctica da “acción directa”, a xornada de oito horas, a defensa dos inquilinos fronte os propietarios e se considerou que a folga xeral só podía ser revolucionaria.
Os asistentes recibiron un saúdo de Anselmo Lorenzo un dos participantes na asemblea que permitiu organiza-la AIT no estado español, na década dos anos 70 do século anterior.

1966. Comeza a folga da empresa “Laminaciones de Bandas en Frío” en Echévarri, Biskaia, a máis longa das producidas durante o franquismo; durou ata o 20 de maio de 1967. As causas foron a rebaixa salarial e o aumento do ritmo de traballo. O longo do conflito @s traballador@s utilizaron medios legais e ilegais, como peches, no comedor da empresa, en igrexas e manifestacións. Dos 960 empregados, máis de 800 participaron activamente. A solidariedade ca loita foi moi importante tanto no estado español como a nivel internacional.
A folga tivo un punto de inflexión no despido de 33 traballadores e a manifestación do 4 de abril de 1967, en Bilbao, que contou cun enorme número de participantes e accións de solidariedade en numerosas empresas o que levou á ditadura a decreta-lo estado de excepción e a empresa a traer esquirois, quitarlle o seguro médico ós folguistas, substituído por médicos voluntarios solidarios, e a ameazar a máis de 450 familias con ser expulsadas das súas vivendas, que eran propiedade da empresa. Co estado de excepción, suprimíronse as poucas garantías da ditadura e centos de obreiros foron detidos e desterrados a outras provincias. A folga desconvocouse o 20 de maio de 1967. A folga de Bandas converteuse nun símbolo da loita obreira, contra a falla de dereitos e liberdades.

No hay comentarios:

Publicar un comentario