A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 23 de octubre de 2012

A ÁRBORE DA MAIORÍA ABSOLUTA DO PP, NON NOS DEBE IMPEDIR VE-LO BOSQUE DA NOVA REALIDADE POLÍTICA GALEGA.



Carlos Dafonte.

O PP revalidou a maioría absoluta; é unha mala noticia para a maior parte da poboación, sobre todo para @s asalariad@s, non só de Galicia, polo que pode significar de reafirmar unha política de recortes de dereitos sociais, políticos, laborais, que se está a impor desde a administración central do estado español, pero sobre todo para @s galeg@s, que temos que seguir a sufrir, catro anos máis, a inoperancia dun partido fronte a crise, que a esconde cunha “contabilidade creativa”; falando en prata, “maquillou” as súas “contas de resultados” para poderse presentar diante do electorado como a Comunidade Autónoma que mellor fixo os deberes, a que primeiro vai saír da crise, e toda outra serie de falsidades que poden servir para enganar ó electorado nunha campaña electoral, pero que non aprobaría un exame fondo da realidade económica galega.
Do que non se dan conta os do PP, e se son conscientes de elo aínda é peor, que as economías dependentes, como a galega, entran máis tarde na crise, pero tamén saen máis tarde dela, e co que esta por vir a nivel de estado, falar de que para 2013 estaremos en condicións de crear emprego, penso, é unha estulticia.
Pero falemos con seriedade, alguén puido pensar que ca oposición que se fixo nestes anos, nas institucións e na rúa, cas constantes liortas internas das dúas forzas que se dicían opositoras no Parlamento, ca corrupción que as salpicou, ca lembranza do goberno bipartito aínda moi presente, repito, alguén puido pensar que había os vimbios necesarios para conforma-lo cesto dunha nova maioría?.
E Esquerda Unida, tamén ten a súa responsabilidade, polo abandono da mobilización, da loita social, en momentos nos que era necesaria a súa presencia, pero tamén por non ser capaz de abrir un proceso de loita ideolóxica, organizada, constante, contra a liña de flotación do neoliberalismo e por non vertebrar unha alternativa, que non sexa lavarlle a cara o capitalismo, buscarlle unha face máis humana. E non foron capaces en momento de debilidade ideolóxica e política do sistema, que aparece diante dos electores como o que é, un sistema baseado na explotación do traballo, co obxectivo de que uns poucos acaden os maiores beneficios.
O PP, aínda que se oculte, e non aparecera o dato nos comentarios da noite electoral, recibiu un severo castigo nestas eleccións, perdeu máis do 17% do seu electorado respecto ó 2009, 135.797 votantes para ser exactos, e 50.000 nas 9 cidades de Galicia con maior número de elector@s. @s galeg@s castigaron ó PP polas súas políticas, pola súa ineficacia e pola súa incapacidade para facer fronte a crise Salvárono da perda da maioría absoluta, tres elementos, unha maior abstención, unha lei electoral deturpadora dos resultados, que os amaña e premia a quen saca máis votos, rachando ca proporcionalidade, pero sobre todo o afundimento do PSOE que perdeu, respecto ás eleccións autonómicas anteriores, 230.958 votos e o Bloque que o fixo en 125.341. Entre os dous perderon, grazas á “estupenda política de oposición”, 356.299 votos. Polo tanto non hai un premio ó PP, senón un castigo á oposición parlamentar. Feijoo non debe sacar peito por estes resultados, aínda que renovara a súa maioría absoluta. As tres forzas ata o de agora parlamentarias, perderon 492.096 votos; pódese traducir isto como nunha perda de confianza na autonomía?
O panorama que se debulla despois do día 21, é de retroceso das forzas neoliberais, PP, PSOE, que perden un importante número de votos, exactamente 366.755, co-xestoras da crise, con medidas, tanto nos gobernos de Rodriguez Zapatero como de Rajoy, contra @s traballador@s, por medio das reformas laborais, conxelacións de salarios, aumento da idade de xubilación, conxelación das pensións, os que chamaron a aproba-la Constitución Europea, reformas fiscais en beneficio dos máis ricos e poderosos, etc.; e aínda que poda parecer anecdótico non o é, indica unha tendencia que é necesario que se consolide. Os labores de oposición nas institucións, pero sobre todo as mobilizacións, poden facela avanzar.
Por outra banda a campaña electoral e o período anterior, foron moi esclarecedores; fronte a política neoliberal non se abriu paso, con claridade, cun proxecto estratéxico e cun discurso apropiado, unha verdadeira alternativa. Como sempre, foi unha campaña de lemas electorais máis que de argumentos, de acusacións mutuas que non van a ningures e fronte a unha situación de crise como a actual, o máis que puiden albiscar foi algunhas receitas keynesianas, que nunha época de globalización, dominada polo neoliberalismo, son de moi difícil concreción.
Quen acadou un importante trunfo foi a Alianza Galega de Esquerdas (AGE); os seus máis de douscentos mil votos a sitúan como a terceira forza en Galicia, a segunda en cidades importantes e con posibilidades de acadar bos resultados nas próximas municipais; recolleu moito voto de PSOE e BNG, tamén conseguiu que lle votasen persoas da esquerda que non votaban ou escollían outras opcións de voto, e hai que recoñecer, que aínda que as perspectivas de Esquerda Unida xa tiñan mellorado antes do pacto, en todo o estado acontece, a inclusión de ANOVA e o seu promotor máis coñecido, Xosé Manuel Beiras, foi un elemento decisivo para a concreción deste importante avance. Pero non deben esquecer que tamén se pode “morrer de éxito”. Presentáronse como unha alternativa á sociedade capitalista, agora que recibiron un importante apoio a unha formulación moi abstracta, teñen responsabilidades que cumprir.
En primeiro lugar concretar a alternativa anticapitalista, que se ofertou na campaña dun xeito moi vago, quizais por falla de tempo, para que poda ser discutida e asumida por amplas capas da sociedade galega, que a liguen ás correstes estatais e internacionais de loita contra a crise e o capitalismo.
Un segundo aspecto e a responsabilidade que vai a sumir, de ser a única forza de oposición no Parlamento e na rúa, pola ausencia dos que debían compartir esa actividade; explícome, é posible unha certa paralización tanto do BNG como do PSOE cando comecen o seu debate interno, as reflexións sobre o sucedido na campaña e a súa derrota, o que levará posiblemente a enfrontamentos, que non propiciarán manter unha axeitada política de oposición. O que será moi importante, de darse estas circunstancias, para imprimir, por parte de AGE, carácter a un novo xeito de facer oposición.
Un terceiro aspecto no que AGE ten responsabilidade a partires deste momento, é o que podemos chamar xenericamente “de avanzar na reconstrución da esquerda galega”, a creación dun amplo movemento político cultural, froito da confluencia das esquerdas anticapitalistas, a internacionalista e a nacionalista.
En cuarto a responsabilidade de non deixarse engulir pola institución, hai que prima-lo traballo na sociedade, cos sindicatos, cas asociacións de veciños, cos gandeiros e o pequeno comercio, cas xentes da cidades e das vilas, etc..
Podemos dicir que unha esquerda emerxente aparece no panorama galego, mentres outra declina vítima dos seus propios erros. Pero iso non é certo en toda a súa dimensión; Esquerda Unida é herdeira dunha tradición de loita que entronca ca aparición das primeiras organizacións comunistas, aló polos anos vinte do século pasado; sempre presentes nas loitas sociais e políticas d@s traballador@s galeg@s, o 21 de outubro se deu a conxuntura que permitiu o cambio de ciclo, pero esta pode cambiar; e do mesmo xeito que se debe reflexionar a fondo e tentar non trabucarse nos momentos das derrotas, é necesario administrar ben os momentos dos avances. Trabucarse, pode deixar en “augas de fregar” todo o conseguido.

En Galicia no mes de outubro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario