A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 1 de agosto de 2013

RETROCESO NOS DEREITOS SEXUAIS E REPRODUTIVOS DAS MULLERES




Xulia Mirón

O Goberno do PP non cesa en aplicar recortes que afectan aos dereitos democráticos conquistados a longo de todos estes anos. A golpe de Decreto día si e día tamén son aniquilados dereitos en saúde, en educación, en servizos sociais, así como en liberdades democráticas. Pero se en algo se está retrocedendo coas medidas e as políticas do PP son os dereitos das mulleres a unha saúde sexual e reprodutiva libre.
O Ministro Gallardón saíu dicindo, recentemente xurado o cargo, que o primeiro que faría sería cambiar a lei de aborto que aprobou o Goberno Zapatero. A reforma, entre outras cousas, suporía o non financiamento dos poucos métodos anticonceptivos que están na carteira dos servizos de sanidade, tamén se excluirían os tratamentos de reasignación sexual, a exclusión “solteiras/lésbicas” da reprodución asistida. As malformacións graves non serían un suposto de aborto, o que crearía un grave problema para a saúde das mulleres, especialmente para as que teñen menos recursos económicos, as novas, ou as que están en situación irregular que se verán abocadas a realizar a IVE noutros países ou de maneira clandestina, coas posibles consecuencias para a súa saúde.

Desde hai uns meses Gallardón non volveu a falar da reforma da lei, uns din que está a esperar á sentenza do Tribunal Constitucional, (o PP recorreu a lei), pero a verdade é que a dirección do PP non quere abrir unha nova fronte de loita derrogando a lei en vigor.
A modo de balance: trabas e ideoloxía na atención e información
No 2010 entraba en vigor a lei de Saúde Sexual e Reprodutiva, e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, aínda que esta lei foi un avance con respecto á despenalización anterior, nun artigo que publicamos no ano 2010 xa sinalabamos os seus limites1. A obxección de conciencia que se lles permitía ao persoal dos hospitais públicos, desviaba á maioría das mulleres aos hospitais concertados, a cargo das arcas do Estado e as Comunidades Autónomas. Como consecuencia, hoxe son as mulleres as que asumen o seu custo, porque varios CC.AA deben diñeiro ás clínicas concertadas.
Parte destes límites é a dificultade para atopar datos sobre a implantación da Lei, en todas as súas vertentes, non soamente no que afecta á interrupción do embarazo, senón tamén no referente á información e a educación afectivo-sexual no sistema do ensino, e xa non digamos nos medios de comunicación de carácter estatal.
Cando se aprobou a mal chamada lei de aborto, a maioría deles realizábanse en clínicas concertadas polo “dereito” á obxección de conciencia dos e as profesionais, o que lle custaba ao Estado 40 millóns de euros ao ano (datos de 2009). A implantación da lei aprobada polo goberno de Zapatero en 2010 comezaba a andar con algunhas trabas, por falta de desenvolvemento da mesma. Supostamente, a muller podía decidir até as 14 semanas se levaba a cabo a interrupción do embarazo, tan sinxelo como ir á clínica e practicar o aborto, iso era o que a maioría das mulleres pensaban, pero como todo, a realidade era ben distinta.
A maioría das mulleres non supuñan que a lei fose tan complicada de aplicar, non só pola falta de clínicas públicas, senón polos obstáculos que esta lei establece. A muller que desexa abortar ten que dirixirse en primeiro lugar ao seu centro de saúde onde serán atendidas, por médicos e médicas de familia, matronas, enfermeiras, e/ou traballadoras sociais, que lles darán información nun sobre pechado, sobre os distintos métodos de interrupción do embarazo, os centros onde poder realizalo, tanto públicos como acreditados, tamén incluirá as axudas públicas e cobertura sanitaria, dereitos laborais e prestacións existentes para as mulleres embarazadas, así como os beneficios fiscais. Teñen tres días para a súa reflexión.
A falta dun protocolo común para todo o estado supón que a información que reciban as mulleres dependerá da Comunidade Autónoma na que viva, da persoa á que se dirixa, da súa ideoloxía e da información que teña respecto diso2. En Valencia por exemplo a información que se dá sobre axudas e prestacións ás mulleres embarazas directamente dirixen á muller ao teléfono e web do portal Masvida (www.bsocial.gva.es/masvida/portal). En Galicia a información que se engade é sobre adopción e dentro da información sobre aborto, hai unha ligazón á Rede Nai. En Madrid a única información que se ofrece é sobre adopción e acollemento familiar, xunto cos beneficios fiscais por estas situacións. Tamén se ofrece información sobre asociacións relixiosas.
Outra complicación é a pouca cobertura deste dereito dentro dos hospitais públicos onde se fan as intervencións. Son os hospitais concertados onde maioritariamente realízanse os abortos, como sucedía antes da lei. A isto hai que engadirlle que dependendo da semana de xestación poderán ou non acceder a unha clínica acreditada dentro da súa provincia ou CC.AA, ou terá que irse a outra CC.AA. En Cantabria as mulleres que están de máis de 14 semanas teñen que saír fóra. En Catalunya as mulleres han de adiantar o pago da intervención para a súa posterior devolución (actualmente están a tardar uns cinco meses). Cando a muller non dispón de recursos derívana a unha entidade benéfica, “Asociación Saúde e Familia”, onde previa entrevista, esta entidade decide se á muller finánciaselle parte ou a totalidade da intervención. En Castela a Mancha as clínicas acreditadas están a negarse a realizar máis intervencións debido á débeda que o Goberno Manchego ten con elas3. Ante tantas trabas e sen suficientes hospitais públicos onde realizar a interrupción do embarazo, as mulleres optan por ir directamente a clínicas concertadas.
A práctica real é a limitación do dereito á interrupción do embarazo sen alegar ningunha causa cando este non sexa superior a 14 semanas, dado que, aínda que está recollido na lei de maneira formal, a inexistencia dun protocolo común en todo o estado crea situacións de desamparo, desconcerto e sobre todo nega a liberdade da muller a exercer ese dereito.
Os recortes supoñen unha violencia estrutural cara ás mulleres
Os recortes en servizos sociais volven colocar á muller como eterna coidadora de anciáns, persoas dependentes, apartándoa da sociedade e deixándola entre as catro paredes do fogar. Para iso o Estado ten que reforzar a familia patriarcal onde a muller cumpre o papel de coidadoras e reproductoras; así non é necesario que as mulleres podamos controlar a nosa natalidade, por iso, para que os anticonceptivos?, para que dereito ao aborto?... Desta forma o Estado e as CC.AA afórranse millóns de euros, polos traballos que realizamos as mulleres e as familias no seu conxunto, que aumentan en épocas de crises como a actual. Con esta volta atrás no reloxo da historia, profúndase nunha das maiores secuelas desta sociedade capitalista, o machismo e os malos tratos ás mulleres. Para reforzar toda esta ideoloxía reaccionaria, entra de cheo a neo franquista lei de educación do ministro Wert, onde se reintroduce a relixión como materia curricular.
Os recortes en sanidade están a supor peches e privatizacións de Centros de Orientación Familiar, Centros de Atención Primaria e áreas de hospitais públicos, que supoñen nos feitos a desaparición de moitos dereitos das mulleres como o asesoramento e a instauración de métodos anticonceptivos, as revisións específicas, a anticoncepción de urxencia, a prevención de cancro de útero, a demanda de interrupción do embarazo, a exploración xinecolóxica post-intervención, a valoración de risco psicolóxico, etc.
Loitemos pola defensa dos nosos dereitos
Os plans do PP, a UE e a Troika teñen un obxectivo claramente económico: aumentar os beneficios empresariais á conta de dereitos e conquistas sociais, privatizando os servizos públicos para darllos ás empresas aseguradoras, clínicas privadas e entidades financeiras, e para iso farán todas as modificacións legais que poidan impor á sociedade.
As mulleres traballadoras están a ser en moitos sectores a vangarda das loitas contra os recortes e as privatizacións, a pesar da resposta pactista das cúpulas sindicais. A paralización da lei do aborto ten exactamente o mesmo sentido que a reforma constitucional para o pago da débeda. As reformas laborais, as privatizacións, son parte dese plan, e así hai que enfrontalo. A defensa dos dereitos das mulleres son parte fundamental da loita contra o sistema capitalista e o patriarcado; as súas mobilizacións son parte desa batalla, pero teñen a mesma debilidade, seguen sendo loitas illadas, sen pór no centro a unidade contra os plans dos gobernos, a UE e a Troika.
A derrogación da reforma constitucional que obriga ao pago da débeda, que é a escusa para recortar dereitos e servizos, para a súa privatización, é unha esixencia que unifica a todas/os aquelas/os que están a enfrontar esas políticas de “axuste e austeridade”. Por iso, as mulleres, dobremente afectadas por elas, deben porse á cabeza da esixencia da convocatoria dunha Folga Xeral que abra un proceso constituínte que derrote a este goberno e a este réxime, e que garanta de verdade os seus dereitos políticos, sociais e individuais.

En Galicia no mes de agosto de 2013

1.http://www.corrienteroja.net/index.php?option=com_k2&view=item&id=118:una-ley-enga%C3%B1osa
2 Informe de la Coordinadora estatal.2011- Www.feminista.org
3 http://www.20minutos.es/noticia/1159647/0/castilla-la-mancha/clinicas-abortivas/deuda/


No hay comentarios:

Publicar un comentario