A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 9 de septiembre de 2013

QUE VAN PACTA-LAS OLIGARQUÍAS DE EUROPA E EE.UU. NO TRATADO DE LIBRE COMERCIO?


Carlos Dafonte

A principios de xullo, a pesares do xesto dos franceses de boicotea-las despois de descubri-las escoitas dos servizos de información da primeira potencia mundial sobre as comunicacións dos seus aliados e de millóns de cidadás, no maior segredo, como se fai nas ditaduras, deron comezo as negociacións entre a Unión Europea e os EEUU de Norteamérica para chegar a un acordo sobre un posible Tratado de Libre Comercio entre estas dúas potencias económicas, que representan hoxe o 40 % da economía mundial e cuxo comercio bilateral é aproximadamente unha terceira parte do comercio mundial.

Co fracaso da chamada Ronda de Doha da Organización Mundial de Comercio a mediados da primeira década do presente século, xa se falou de levar a cabo este acordo comercial; con anterioridade, nas xuntanzas entre a UE e os EEUU celebradas en Madrid en 1995 falárase no mesmo senso pero terían que pasar máis de dez anos ata que se materializase de novo a idea; no discurso do Estado da Unión do presente ano, Obama volveu sobre o proxecto que Durao Barroso recolleu e aceptou. Despois silencio, pero comezaron as negociacións que se queren pechar no ano 2014 para que entre en vigor o acordado, tres anos máis tarde.
Nin o goberno do PP nin a oposición, como eran as súas obrigas, deron unha información detallada dos aspectos que se van negociar, nin parece que teñan intención de dar unha información constante dos avances na mesma, o que considero moi grave e unha proba máis do déficit democrático do sistema nado na transición política, que constantemente tenta excluír á cidadanía, agás para votar cada certo tempo pero tendo a menor información posible; e repito unha vez máis, non existe democracia sen información, sen participación e control dos elixidos e estes son aspectos inexistentes no sistema político do estado.
Este posible acordo entre as dúas grandes superpotencias económicas do planeta é, para poñerlle un adxectivo, un acordo interimperialista, o que debe encher de preocupación a grande maioría da sociedade, pois todos os que asinou ata a data os EEUU, ben de carácter bilateral ou multinacional, levaron maior miseria, paro e pobreza á clase traballadora asalariada, afectando tamén moi gravemente a outros sectores sociais como os campesiños.
En México por exemplo, as condicións do tratado, no que tamén participa Canada, levaron a ruína a máis de tres millóns de labregos incapaces de competir cas empresas agroalimentarias norteamericanas e ó paro a centos de miles de asalariados de ámbolos dous lados da fronteira, pois a marcha de empresas a México xerou paro en EEUU e a chegada a México das mesmas, creou emprego pero moito menos que o que se destruíu entre as empresas mexicanas incapaces de competir cas instaladas no seu territorio.
As mobilizacións destes días dos campesiños e demais traballadores de Colombia tamén son resultado da ruína á que os leva o TLC asinado ca potencia do norte, que afecta tamén a “camioneiros, mineiros, gremios produtivos e ata os cafeteiros” en verbas do sociólogo Alfredo Molano, incapaces de competir dadas as condicións impostas polos EEUU e aceptadas pola oligarquía colombiana. Porque esa é a realidade, só as empresas multinacionais da industria, comercio, finanzas e servizos, vense favorecidas por este tipo de tratado.
De feito, para evitar a extensión desta situación naceu a iniciativa bolivariana ALBA, que o imperialismo, sobre todo despois da desaparición de Chávez, quere facer fracasar. Nesta estratexia atópase o intento de conseguir que a grande potencia do sur de América Latina, Brasil, rache cos seus actuais aliados e pase a formar parte dun trío formado polos EEUU, a U.E e o propio Brasil a quen se di, que como recompensa, se lle concedería un posto permanente no Consello de Seguridade da ONU. Puras especulacións? O tempo dirá. En calquera caso debémonos preocupar no que atinxe ó estado español e Galicia, de que frutifiquen as conversas que comezaron en xullo pasado. Algunhas noticias, poucas, falaban de que en Bruxelas varios miles de “lobbys”, financiados polas grandes empresas, estaban a traballar para que o tratado chegara a ”bo porto”.
As perspectivas económicas son malas para o imperialismo liderado polos EEUUe hai estudos que falan que para a metade do século a economía dos EEUU e a UE no conxunto, non representaría máis dun 24% da mundial. Os EEUU cunha economía moi precaria, cun crecemento que se atrasa fronte os BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Suráfrica) e co maior endebedamento mundial, sobreviven grazas á inxección de 85.000 millóns de dólares mensuais feita pola Reserva Federal; precisa polo tanto de agresivas políticas fronte ós seus competidores para seguir monopolizando a maior parte das plusvalías xeradas pola clase traballadora do planeta. Hai moitos anos a economista Joan Róbinson avisaba do perigo de levar a cabo “políticas de empobrecemento do veciño”. Estes tratados, EEUU leva asinados varios, parecen tentar unha solución máis amigable, pero a realidade é a de sempre, enriquecen ós máis poderosos e pagan a factura os de abaixo
Creo que o que se esta a negociar hai que consideralo como o intento de ámbalas dúas oligarquías de seguir dominando un mundo e impoñendo condicións leoninas ás poboacións da maior parte do planeta; e a quen non acepte xa coñece ó que se expón, á inxerencia e desestabilización por todos os medios da súa economía, sistema político, etc e a intervención militar en último termo, despois dunha ampla campaña de desinformación. Nada novo baixo o sol.
Como nos vai a afectar ese tratado? Seguro que ós PIIGS (Portugal, Italia, Irlanda, Grecia e Spain) nos vai a afectar dun xeito distinto que a Alemaña e Francia, pero o que é certo e que se fora a beneficiar á maioría da poboación, non deberían ter problema algún en dar unha ampla información, polo tanto se o manteñen nun certo segredo, quere dicir que o fundamental do mesmo, non vai contar co respaldo da poboación por ter obxectivos que van seguir deteriorando as súas condicións de vida.
Aínda que dentro do sistema capitalista, os modelos imperantes nas dúas áreas económicas que agora tentan asina-lo tratado, tiñan diferenzas salientables; e dixen tiñan, a partires dos anos oitenta do século pasado o modelo europeo, ó calor da crise se foi transformando e hoxe e moi parecido ó norteamericano, pero seguramente este tratado ten, entre outros, o obxectivo de eliminar aqueles elementos que aínda establecen diferenzas e non van ser precisamente os norteamericanos os que se acheguen ó “modelo europeo”.
Refírome ós servizos públicos, sanidade, educación, pensións, seguro de paro, etc que na zona UE contaban cunha eficacia, unha eficiencia na súa xestión moi importante, grazas a que eran públicos ó contrario que os norteamericanos, onde unha parte da poboación, a máis numerosa e pobre, non ten acceso a eles e agás os que pagan os ricos, moi custosos, os que existen dunha calidade moi deficiente pola falla de orzamentos.
Como vai a afectar este tratado ó campo galego, non debemos esquece-los temas dos transxénicos nin o das carnes “tratadas” para conseguir un engorde máis rápido, @s traballador@s asalariad@s, á pequena industria, ás empresas exportadoras, ás multinacionais aquí instaladas, ós nosos servizos públicos, ó comercio, e un longo etc, onde non debemos esquecer tampouco o análise político dos intereses imperialistas e das oligarquías que controlan o planeta; todos, e algún outro, deben ser os elementos dun debate que se ten que abrir agora, denantes de que o tratado se asine e para iso é fundamental se queremos que organizacións sociais, sindicatos, partidos políticos e institucións, que ata hoxe con complicidade manifesta atópanse calados, se poñan ó servizo da sociedade, premelos desde abaixo para que tomen posición e dean información para que a sociedade conte cos instrumentos necesarios que lle permita coñecelo, discutilo e amosa-la súa opinión.
Pero esta ten que ser unha campaña estatal e que tamén se debe desenvolver no marco da U.E. o mesmo tempo que unha vez debatido o tema, se lle esixa o goberno galego e ó Parlamento, pero tamén ó central e ás Cortes a celebración dun referendo para que a poboación opine.
Aínda que hoxe, dada a corrupción política e a “baixa intensidade” da democracia, iso e tanto como pedirlle “peras a un bidueiro”. Só a organización e a mobilización popular, a loita de clases, vai poder cambiar esta correlación de forzas.

En Galicia no mes de setembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario