A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 6 de septiembre de 2013

O FALLIDO ATAQUE A SIRIA, UN PUNTO DE INFLEXIÓN PARA TODOS

Roberto Laxe

Cando saltou ás primeiras paxinas dos medios o suposto ataque químico do réxime sirio á súa poboación, os imperialistas occidentais, os franceses, británicos e norteamericanos saíron de novo coa súa hipócrita defensa dos dereitos dos pobos. Semellaba que estabamos diante dun novo proceso como o de Iraq e desde a esquerda de sempre, nunha operación simétrica no punto oposto, pensábase que como en Siria minten igual que en Iraq, a situación Siria é igual á iraquiana, e levantaríase un masivo movemento de masas contra a agresión.

Menos dunha semana despois, sen que xurdira ese “masivo movemento de masas”, esa coalición imperialista disolveuse como un azucarillo. “A guerra é a política por outros medios”, dixo von Clausewitz, e os imperialistas non querían outro Iraq. A comparación entre un e outro é falsa, e é utilizada polos nosos esquerdistas para xustificar o apoio á ditadura de Al Assad.
En Iraq si querían destruír o réxime de Sadam, si querían impor unha ocupación, e enfronte non tiñan unha revolución e guerra civil, senón un pais unido ao redor de Sadam, por moito que este fose un criminal de guerra.
En Siria os imperialistas non sabían o que querían. Os franceses acabar co réxime para pór os seus homes, o fin e cabo, son a ex potencia colonial; os británicos e os USA só querían botar a Al Assad para negociar co réxime unha transición “pacifica”, os saudís, como os turcos, teñen os seus propios intereses de “potencia rexional”. E todos, que niso si están de acordo, queren rematar coa revolución árabe, siria incluída.
O final ficaron sós os EE UU tendo como aliados aos franceses. Os seus aliados naturais, os Britanicos, baixáronse do carro antes de que comezaran as accións militares, deixando a “coalición” en dous membros, co apoio dos réximes mais brutais do mundo árabe con Arabia Saudí á cabeza.
Enfronte si houbo unha gran coalición, máis non de masas. Foron a dos BRICS e os seus satélites como Cuba dándolle un verniz “antiimperialista”, tras as armas rusas e o poderío económico chinés, o UNASUR, e mesmo a gran potencia europea, Alemaña, ollou para outro lado, e cando viu que a cousa non avanzaba, pronunciouse polo non.
Qué foi o que aconteceu para que o suposto “imperio”, que todo o pode e que todo decide ate as decisións mais pequenas, non fose capaz de formar unha Coalición como a de Iraq? Non terá algo que ver que a relación de forzas entre os imperialismos –non o Imperio, que iso non existe- estase invertindo? Non será que a revolución árabe, da que a guerra civil en Siria é parte, asusta-lles e meterse no avispeiro sería peor que o conseguido polo ataque? Non sería que os pobos árabes verían o “castigo” a Al Assad, non como unha defensa dos “rebeldes”, senon como un golpe á revolución árabe, a exipcia, a tunecina, libia etc?
A isto terían que respostar todos os esquerdistas oficiais europeos e latinoamericanos que puxeron todas as súas confianza mobilizadoras na defensa de Al Assad fronte o imperialismo ianqui.
Porque, señores da esquerda oficial, os esquemas da guerra fria, os “bos e os malos”,    xa non existen. O mundo “ten cambiado de base”, e a fallida agresión a Siria é o punto de inflexión que pon ao imperialismo en xeral á defensiva fronte aos pobos en loita, e no concreto demostra a decadencia dos USA como “policía do mundo”, que esta no camiño da súa desaparición.
Non quer dicir que non podan facer barbaridades, un animal ferido é mais perigoso que un en perfecto estado. Os USA están facéndose conscentes de que o mundo é revolucionario e multipolar, e por iso son mais perigosos que nunca, pois non van ceder a súa hexemonía dun xeito pacífico, nin diante dos pobos nin diante dos seus competidores, nomeadamente os BRICS, grandes triunfadores deste choque.
Al Assad aguanta porque gardando as súas costas están as potencias capitalistas emerxentes, os BRICS, cunha política expansionista, e dalgún xeito imperialista, voraz. O seu crecemento económico precisa de novas colonias e neocolonias; Africa, America Latina, o mundo árabe, son os seus obxectivos, para dar saída os seus produtos e para importar materias primas e recursos enerxéticos.
Siria é o punto de choque, e de inflexión na relación entre os BRICS e as potencias occidentais. Esta é a diferencia entre a revolución na Siria e o resto do mundo árabe, choca cos interese e as necesidades da Rusia -e a súa base militar de Tartús-, da China e do Iran, e fai que Al Asad, o invés que Mubarack, Ben Ali ou mesmo Gadaffi, conte con mais apoios internacionais que os anteditos.
A cabalo da revolución siria, e árabe, están montados todas as contradicións deste mundo multipolar, e entre todos queren facer que morra. Uns pola vía militar, Al Assad e os seus aliados, Cuba incluída, outros pola vía do “terrorismo islámico”, con Arabia Saudí á cabeza, e uns terceiros, os occidentais, queren integrar o réxime sen Al Assad con forzas de oposición pro imperialistas que disolva a revolución.
Máis o obxectivo de fondo é a revolución árabe, o pobo exipcio, que sufriu un golpe de estado imperialista (esa foi a versión exipcia do fallido ataque a Siria), de Tunisia, de Yemen, de Bahrein, de Xordania, de Palestina, de Libia,… Os que tenten separar Siria do resto do mundo árabe, lle fan o xogo aos imperialistas, teñan a cor que teñan na súa bandeira, para aplicar o principio antirrevolucionario de sempre: “divide e venceras”.
Siria vai ser o punto de inflexión, a vía contrarrevolucionaria ianqui disolveuse na súa propria decadencia, a inexistencia aínda dun poder alternativo a nivel mundial, facilita a loita contra o capitalismo e o imperialismo, que os pobos árabes, como o resto do mundo, temos que desenvolver.
Farían ben os esquerdistas o tirar pola borda os vellos esquemas do “antiimperialismo” en xeral, para ir ao anticapitalismo e o antiimperialismo no concreto, que tradúcese en revolucións, coa loita de clases no centro, e non en choques superestructurais entre estados capitalistas.
Non facelo así pode levar a que a suposta denuncia do terrorismo dun imperialismo, remate nunha política pacifista e reaccionaria fronte a unha revolución en marcha.

Galiza, 1 de setembro de 2013








No hay comentarios:

Publicar un comentario