A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 13 de abril de 2015

NOS TEMPOS DOS SIGNIFICANTES FLOTANTES, XA NON SON "IMPUTADOS, SON "INVESTIGADOS"




 Roberto Laxe

A corrupción no estado español é tan profunda, está tan enraizada na maneira de facer dos políticos institucionais, que xa non saben que mañas lingüísticas facer para saltarse á toureira as súas propias leis.
Sae Rajoy e di que vai cambiar o termino "imputados" por "investigados", coma se cambiando as formas modificásese o contido; vén Felipe González e di que se pode levar "imputados" (ou investigados?, ou é que xa non sabe que non existen os "imputados") nas candidaturas... É coherente, se así fose uns cuantos centos de candidatos do PSOE e miles do PP terían que deixar as listas.
O problema da corrupción no estado español non é de formas, de significantes flotantes sen ancoraxe social, senón dunha maneira moi concreta que tivo o capitalismo de desenvolverse no que os "españois" chaman "pel de touro".

Non é que non haxa corrupción no resto de Europa, nada máis lonxe da realidade: o capitalismo construí-se sobre a piratería e os corsarios ingleses e franceses, a comisións legais ou ilegais para as infraestruturas ferroviarias e o saqueo sistemático de riquezas. En EE UU dise que "tras cada fortuna hai un delito". Países como Italia, onde as relacións coa Mafia provocaron a caída do réxime do Pentapartito nos anos 90, teñen severos problemas de corrupción.
Pero o Estado Español ten unha característica que o diferencia dos demais, e fai que aquí a corrupción sexa estrutural ao propio réxime. A debilidade do capitalismo español na súa construción como modo de produción dominante, incapaz de facer unha revolución burguesa digna dese nome, trasladoulle as formas de enriquecemento do "antigo réxime" (non me refiro ao franquismo, senón ao feudalismo). O imperio español construíuse coas riquezas de América, que pasaban por aquí, deixaban unhas migallas que caían nos petos dos aristócratas e cortes reais, e viaxaban aos Países Baixos ou ás cidades italianas para pagar as débedas que a monarquía asumía (xa fosen os Austrias ou os Borbóns), para pagar as guerras nas que se metían. Era unha sociedade que vivía das rendas do saqueo de América. Unha vez acabado ese imperio en 1898, todo foise ao garete; pero a lóxica de "vivir da sopa boba" mantívose.
A sociedade española salvo lugares moi puntuais, nunca viviu unha verdadeira industrialización que separase a "economía" do estado; dito doutra forma, que o enriquecemento persoal dos capitalistas baseásese directamente na explotación directa da clase obreira, senón que eses capitalistas sempre viviron á calor da "corte" de Madrid -agora das "cortes" creadas nas autonomías-, sobre a base das obras de infraestruturas e subvencións.
A corrupción, eufemismo de saqueo das contas do estado, é a maneira que ten o capitalismo español de crecer, e para iso necesita uns gobernantes á súa altura.
Esta relación simbiótica entre gobernantes e capitalistas chegou á súa máxima expresión nos 40 anos de franquismo: baixo a ditadura non é que non houbese corrupción, senón que a corrupción era o estado. E a Transición, coa lei de amnistía, librou de responsabilidades a todos os capitalistas que se enriqueceron con ese réxime, co contrabando e a superexplotación, co saqueo das propiedades republicanas, etc.
Por estes motivos, a corrupción no estado español ten unhas características distintas a outros estados de "a nosa contorna", e por iso só pódese combater enfrontando as raíces sociais e políticas que a xeran.

En Galiza no mes de abril de 2015


No hay comentarios:

Publicar un comentario