A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 4 de abril de 2015

REFLEXIÓNS SOBRE AS PASADAS ELECCIÓNS EN ANDALUCÍA E PERSPECTIVAS


Carlos Dafonte.

O bipartidismo que algúns combatemos, consiste en facer crer á maioría do electorado do estado español, e para afianzar esta crenza os medios de comunicación xogaron sempre un importante papel, de que hai dous grandes partidos, un de dereitas, o PP, e outro de esquerdas, o PSOE, que levan adiante políticas distintas e, por ser nunha “sociedade avanzada”, moderna e consecuente, facemos que se alternen no poder dende o ano de 1982, para corrixir as cousas que fagan mal un e outro cando se atopan no goberno. Pero a realidade é outra, PSOE e PP son dous partidos da dereita, o servizo dos intereses económicos do capital financeiro; o primeiro conserva un carácter progresista e o outro conservador e refuxio de numeros@s militantes portadores dunha ideoloxía de carácter autoritario que entronca perfectamente co pasado franquista. Pero algunhas veces o bipartidismo consolídase ca actuación de forzas que din combatilo e que se consideran do campo político da esquerda


Polo tanto considero que é falso afirmar que a análise dos resultados de Andalucía establecen que a esquerda avanza, antes había 59 deputados, resultado de sumar (47) PSOE e (12) IU, e agora hai 8 máis (47) PSOE, (15) Podemos e (5) IU. Quen faga ese tipo de afirmación tenta por todos os medios consolida-lo bipartidismo, nestes momentos en baixa e seguir mantendo a ilusión dun PSOE como partido de esquerdas.

A realidade é que en Andalucía gañaron os que suman 80 deputados, PSOE e PP que pulan a alternativa neoliberal, os que levaron adiante diferentes reformas laborais, os que conxelan as pensións, os que rebaixan o soldo @s funcionari@s, os que rescatan á banca, os que aprobaron construír unha Unión Europea ó servizo das oligarquías, tratado de Maastricht, os que modificaron o artigo 135 da vixente Constitución, os que chamaron a aprobar a Constitución Europea, os que privatizan servizos cando se atopan no poder, os que actúan o servizo da OTAN, os que teñen centos de cargos públicos e dirixentes políticos imputados por corruptos. Eses dous partidos, PP e PSOE, os intereses que representan, son os que gañaron en Andalucía, aínda que moita xente que se considera de esquerdas votase o día 22 ó PSOE.

Andalucía, pola fortaleza dos aparatos dos dous grandes partidos, non permite albisca-los devezos de cambio que hai na sociedade española en toda a súa dimensión, tampouco a lei electoral que prima sempre ós máis poderosos, pero si analizamos o número de votantes vemos que o PSOE perdeu nestes tres anos 114.000 votos e o PP 503.000, que son cifras importantes, pero aínda máis se comparamos as do 2015 cas do 2008; o PSOE perdeu 769.000 e o PP, 665.000 votos. Pódese apreciar como os dous grandes partidos van perdendo votos que marcharían a abstención nunha parte importante, en anteriores eleccións e que PODEMOS e CIUDADANOS recollen agora.

Os resultados tamén concretan tres fracasos importantes; en primeiro lugar o do PSOE que convoca eleccións anticipadas para acada-la maioría absoluta e quédase como estaba, aínda que poderá ter un socio máis cómodo, co que se entenderá mellor, CIUDADANOS, un partido de dereitas co que con toda seguridade chegará a algún tipo de acordo se vira a necesidade de facelo. Fracaso porque a realidade concreta que a candidata machaconamente repetiu ó longo da campaña, de “só pactar co pobo andaluz” o é; menos do 40% dese pobo quere pactar con ela. Non se pode considerar como certo o que dixeron no PSOE para adianta-las eleccións, a posible inestabilidade polo referendo que ía levar a cabo IU sobre continuar ou non dentro do goberno andaluz. Os presupostos aprobados polo PSOE e IU, permitíanlles ós do PSOE, aínda que IU saíra do goberno, ter a estabilidade necesaria para a acción de gobernar; non é aceptable pensar que IU ía opoñerse ó desenvolvemento dos orzamentos que aprobou e onde hai aspectos sustanciais que levan o seu selo.

O segundo fracaso e o do PP, que perde unha grande cantidade de votos e parlamentarios, e Mariano Rajoy e o seu partido empezan a te-la proba de que a recuperación económica da que tanto falan, non é asumible para maioría da poboación, que as políticas que benefician ós poderosos, a austeridade, lle fan perder votos, aínda que teña pouco marxe de manobra; non hai outra posible se do que se trata é de acadar unha maior taxa de ganancia para o capital.

O terceiro e o de IU, empantanada dende hai moitos anos, dende que Anguita abandonou a presidencia, nunha estratexia política ficticia, de “unidade da esquerda” co PSOE, que de continuar por ise camiño a levará a súa desaparición. Se analizamos as súas crises e quedas electorais, sempre constataremos que o PSOE atópase por medio, e a unidade, con diferentes matices, presente. Si pensaron que ían capitalizar o pouco que de progresista tivo o goberno de unidade en Andalucía, téñense que decatar, espero que sexa dunha vez por todas, que esa experiencia leva sempre ó fracaso, que o partido máis forte é o que vai capitaliza-la acción de goberno; o que hai que facer en iguais condicións, é obrigarlles, en aras da gobernabilidade, que PP ou PSOE, gobernen co apoio do outro partido do bipartidismo, que sexa minoritario. Que se entendan entre eles, como fixeron no País Vasco, mediante o pacto que lle deu a presidencia o militante do PSOE Pachi López.

A esquerda avanzou en Andalucía; o programa de PODEMOS parécese moito ó de IU e foron apoiados por sectores sociais que votaban antes á coalición liderada por Cayo Lara; entre os dous acadaron o día 22 un número de votos que nunca nin o PCE nin IU acadaran, 863.938 votos, e si IU tivera aguantado un pouco dos seus votos, a suma dos dous estaría próximo o millón de votos. O único problema é que o proxecto de PODEMOS é, polo de agora, exclusivamente electoral, estruturado arredor dun ben elaborado discurso, pero non ten un proxecto de sociedade, cuestión fundamental para podelo incluír verdadeiramente no campo da esquerda, nin está clara a súa participación no conflito social, na loita de clases. Agora terá que facer un esforzo claro para ter un carácter propositivo e clarexa-la súa política de alianzas.

Estas eleccións deixan sobre o taboleiro político o peor resultado do bipartidismo en Andalucía, continuando a tendencia que establecen todas as enquisas de que a sociedade comeza poñelo en cuestión. Veremos se nas próximas municipais e autonómicas confírmase a tendencia e a reestruturación do mapa político que a crise do sistema está pulando.
Para rematar, a candidata do PSOE ten que pactar para “gaña-la investidura”, senón o fai e nun prazo determinado, non consigue a abstención do PP, ou de varias outras forzas políticas, non lle chega ca abstención de CIUDADANOS, teríanse que repeti-las eleccións.

As cuestións postelectorais

Polo tanto a mensaxe populista da cabeza de cartel do PSOE de que non pactaría con ninguén, “só co pobo andaluz”, amósase completamente inoperativo diante dos resultados electorais e agora debíaselle volver contra quen o formulou.
Ten que pactar e ceder aquelo que lle exixan, pero o tema vai ser moi complicado; do que se trata é de acada-la estabilidade parlamentaria para levar adiante, en primeiro lugar, os orzamentos aprobados. O PP votou na súa contra, polo tanto vai ser difícil que se desdiga e agora aprobe toda unha serie de obras e gastos neles incluídos. Pero a formación conservadora esta disposta a absterse ou votar a favor, sempre que o PSOE acepte que a lista máis votadas nas próximas elección municipais, sexa a que acade a alcaldía

PODEMOS mal empezaría converténdose na muleta dun goberno sinalado pola corrupción despois de máis de trinta anos controlando as institucións autonómicas, e sendo un dos exemplos máis claros do que é unha parte da “casta” a nivel de estado. Polo menos ata despois das eleccións xerais debían atóparse atados de pes e mans para esa política; de apoiar en Andalucía, ou permitirlles a investidura os convertería en todo canto veñen denunciando, deixarían de se-la alternativa ó PSOE e estou convencido, que para moitos dos seus votantes e simpatizantes a confirmación, de que constituídos en partido, todos son iguais, o único que lles move a actuar é sentarse nas poltronas das institución a calquera prezo ou garantir a estabilidade dun réxime que din combater, aínda que teñan que renunciar a todo o dito e afirmado.

O PSOE só necesita do voto favorable de CIUDADANOS para acada-la investidura; cales son as razóns de que escolla a PODEMOS para negociar?. En primeiro lugar para destrozar a PODEMOS. No PSOE son conscentes que de chegar a un acordo eles, PODEMOS se mete nunha dinámica que lle vai facer moito dano. En segundo lugar, seguir mantendo a falsa idea sobre a que se asenta o bipartidismo; como eles son de esquerdas, pactan con Podemos que tamén o son; xa veredes como todos os ataques chamándolles populistas e cualificándolles de ser os puladores de toda outra serie de problemas para a economia e a sociedade do estado español, desaparecen de inmediato.
Por outra banda, a proposta do PSOE de negociar sen información algunha é o máis antidemocrático que Podemos pode levar adiante; hai que permitir “luz e taquígrafos” que a “ciudadanía” a quen sempre recurren, os de “abaixo” se enteren do que queren pactar cos de “arriba”.

Sobre IU; despois dos malos resultados e os graves problemas políticos acontecidos no seu seo na comunidade de Madrid, analízase que ese proxecto chegou ó seu final. Como o Partido Comunista, con independencia do número de militantes que aporte á formación, era e debía seguir sendo a súa espiña vertebral, sempre considero que as crises de IU reflicten unha crise no PC e polo tanto non haberá solución en IU mentres non se soluciones a crise no que foi o seu mentor. Dende fora, como é o meu caso, é difícil ter unha opinión axustada, pero se analizamos o papel que se lle reservaba ó PC, debate ideolóxico, construir tecido social e asegura-la permanencia e fortalecemento de IU, teño a impresión de que en ningún deses apartados o PC está a cumprir o seu cometido. E si o PC atópase en crise, non orienta, non ten ascendencia política, IU convértese nunha máquina electoral, illada da sociedade que é o que lle ten acontecido. Mentres noutros tempos, noutras crises, o PC aparecia con maior unidade interna, máis homoxéneo ideolóxicamente e con claridade para orienta-lo movemento que debe ser IU; hoxe nin aparece para tentar unir a súa militancia arredor dun obxectivo: a necesidade da existencia dun Partido Comunista única garantía da existencia do seu proxecto cun carácter revolucionario e polo tanto alternativo. De non ser así, para que se necesita a IU?. Pode ser substituída unhas veces polo PSOE e outras por exemplo por Podemos.

En Galicia no mes de Abril de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario