O acto levado a cabo polo presidente Obama o día 8 de marzo asinando a
Orde Executiva na que cualifica a Venezuela como “ameaza para a seguridade” do
seu país, é un máis da agresión
prolongada que se inicia ca vitoria de Chávez en 1998 e que non cesou nin un
instante. Tamén por parte do home en
quen tanta xente de dentro e de fora do país depositou esperanzas sen
fundamento, chegando inclusive a concederlle o desvalorizado e tamén
inmerecido, premio “Nobel da Paz”.
Non se pode mirar a decisión de Obama como un feito illado e só contra Venezuela, senón como unha agresión máis, e ó longo da historia producíronse moitas, contra un conxunto de países que levan anos tentando desprenderse da “doutrina Monroe” que consideraba “América para os americanos” pero toda ela para os do norte, a potencia emerxente, a agresora sen fin de todo canto se opón ós seus espurios intereses xeo-estratéxicos.
E escribo este texto sendo consciente que despois dun tempo longo de
propaganda contraria ó proceso bolivariano, levada a cabo por unha parte
importante dos medios “informativos” deste país, consistente en afirmar con
reiteración que o proceso iniciado con Chávez converteu a Venezuela nunha
ditadura, esquecendo que o anterior si era unha ditadura, campaña sen motivo
aparente algún, como non sexa o de crear o caldo de cultivo necesario para que
toda agresión contra o pobo venezolano se considere lexítima por estar ó
servizo da “lei e orde” que tenta impoñer no planeta o imperialismo en momentos
de refluxo, sectores da poboación e algunhas organizacións políticas que hai
uns anos sairían en defensa do proceso bolivariano, agora, como parte da
derrota ideolóxica da esquerda ou por espurios intereses electorais,
considerando que defende-lo que acontece en Venezuela, poñer de manifesto o
beneficio que para a maioría do pobo significou o trunfo do chavismo, o que se
fixo ben nestes anos, cecais leve á perda de votos, optan por manter unha
postura de silencio. De ser así, e creo que en algúns casos o é, esas forzas
políticas que así se comportan non merecen ningún apoio electoral. Renunciar a
principios básicos como é a defensa do débil fronte o agresor imperialista, por
un puñado de votos, é poñer de manifesto que se esta disposto a integrarse nun
sistema que constantemente vai chantaxear e facer uso da “barbarie”, contra
todo aquel que ouse opoñerse e transforma-los alicerces do mesmo.
Desde a miña posición política e ideolóxica, creo que Chávez co
importante apoio popular que acadou, tivo a oportunidade de levar adiante con
maior vigor o proceso en curso e non deixalo só en algo que é moi importante,
unha mellor redistribución da riqueza producida no país, pero que se non
consegues toda outra serie de modificacións económicas de carácter estrutural e
instrumentos de control sobre determinados aspectos da produción e a
distribución, se os segues deixando en mans da burguesía, en calquera momento
os pode utilizar contra o pobo e sempre haberá sectores que se deixen
convencer, que perdan a ilusión dos primeiros momentos e se manteñan ó marxe do
conflito de clases ou muden a súa posición. O caso chileno dos primeiros anos
da década dos setenta do século pasado, cando chega ó control de determinadas
institución a Unidade Popular e o socialista Salvador Allende á presidencia,
pode ser un bo exemplo de como sectores da burguesía en conivencia co
imperialismo, foron bloqueando a actividade económica do país, producíndose como
hoxe en Venezuela, desabastecemento de produtos básicos, suba dos seus prezos e
caída dos prezos dos produtos de exportación, como era o cobre.
Algúns fitos da súa historia
recente.
Pode ser interesante lembrar algúns datos da historia de Venezuela; un
ano antes da queda da ditadura de Pérez Jiménez, os tres grandes partidos, AD,
COPEI e UDR son chamados a Nova Iorque para entrevistarse con funcionarios
norteamericanos e planificar o futuro do pais; transcorría o ano de 1957 e o
ano seguinte, despois da queda pola acción popular da ditadura de Pérez
Jiménez, a oligarquía venezolana acorda renova-lo “pacto de Nova Iorque” e
chegar a un entendemento entre os dous partidos que a representaban, a UDR
mantívose ó marxe do goberno, os “socialdemócratas” de AD e os
“socialcristiáns” de COPEI. Establecese así un sistema bipartidista que
alicérzase na constitución de 1961, que non establecía ningún tipo de dereitos
para a cidadanía pero permitíalles
facerse cargo de “administra-las importantes rendas do petróleo” que o
estado conseguía; é o pacto do “Punto Fixo”, que continuando o asinado en Nova
Iorque, tiña entre outros puntos, o
manter fora do xogo político ó Partido Comunista que fora a forza que máis
contribuíra á loita contra a ditadura; pacto que marxinou a amplas masas de
venezolan@s, sumiunos na pobreza, más do 70% nun país moi rico, posuidor das
maiores reservas de petróleo do mundo, riqueza moi cobizada tamén pola
oligarquía que dende a súa fundación controla, por medio dunha solapada
ditadura, o poder nos EEUU de Norteamérica.
A situación económica do pobo e o roubo por parte dunha minoría das
riquezas do país, levou a que algúns
militares xoves reaccionaran diante desta situación e tomaran posicións moi
críticas fronte os intereses oligárquicos, vai nacer nun primeiro momento o
grupo EBR-200 (Exército Bolivariano Revolucionario) e dous centos pola
celebración o ano da súa fundación, do douscentos aniversario de Bolívar; un
dos fundadores foi Hugo Chávez. Pero as siglas tamén tiñan moito que ver con Ezequiel
Zamora, Simón Bolívar e Simón Rodríguez, a “arbore das tres raíces” na linguaxe
da conspiración. Bolivar, o home que tentou unir a toda América e co seu
pensamento social igualitario, esixiu a igualdade do indio, a entrega de terras
ó campesiño, a fin da escravitude, a importancia da educación pública para
acadar unha sociedade igualitaria; o xeral Ezequiel Zamora quen no ano 1859
está á fronte da Revolución Federal e dos campesiños, indios e negros que
conseguen expulsar do poder á despótica burguesía crioula, revolución abortada
pola súa morte; Simón Rodríguez, o mestre de Bolívar, fundador da república,
descubridor da importancia do mestizaxe.
Despois do “Caracazo” ou “O Sacudón” como lle chamaron @s venezolan@s,
cambiará o seu nome polo de Movemento Bolivariano Revolucionario (MBR-200)
A diferenza cos exércitos doutros países de América Latina, o de
Venezuela ten características particulares; en primeiro lugar que moitos
oficiais non pasaban pola academia militar, chegaban directamente ó mesmo desde
a categoría de soldados ou desde as universidades moitas veces públicas, polo
tanto a composición social da
oficialidade non estaba relacionada exclusivamente cos sectores oligárquicos ou
burgueses, a súa composición era moi heteroxénea sendo maioritaria a de
sectores das clase medias, pequena burguesía e sectores da clase obreira, que
padecían a existencia do “punto fixismo”. Tamén hai que ter en conta que algún
dos seus integrantes pertencían as forzas políticas da esquerda, o PCV, o que
lles levou a integrarse no movemento guerrilleiro que se consolida a partires
de 1961. Tampouco hai que subvalorizar que dentro de AD, o sector da esquerda,
abandona o partido e crea o “Movemento de Izquierda Revolucionario” (MIR). A
efervescencia de aqueles anos no exército leva a tres intentos militares de
facerse co poder, no ano 1962, cun marcado carácter de esquerdas, que se
coñecen como o “Barcelonazo”, o “Carupenazo” e o “Porteñazo”, onde participaron
as tres armas do exército apoiados por militantes civís da esquerda ca
intención de libera-lo país da soga do “punto fixismo”.
Como apuntou o militar da aviación Afredo Riera, “”...a partires dos
anos setenta a esixencia de certo currículum e dous apelidos para ingresar nas
Forzas Armadas desapareceu, precisamente cando entrou a nosa camada ligada ó
nacionalismo revolucionario e a esquerda radical. Pero do mesmo xeito é
comprobable que moitos homes de armas participaran con alma e pel nos
levantamentos guerrilleiros dos sesenta”
A importancia do “caracazo”
na toma de conciencia.
Coñécese con este nome a revolta popular iniciada na madrugada do 27 de
febreiro do ano 1989 a causa do “paquete de medidas” aprobadas polo presidente
da República Carlos Andrés Pérez do partido AD, o grande amigo de Filipe
González e o PSOE, e acordadas polo FMI; medidas de inspiración neoliberal que
colmou a paciencia da maioría dos venezolan@s que vivían nunha situación
económica moi difícil e que se lanzan á rúa e expresan o seu malestar asaltando
comercios e supermercados. Pero o “caracazo” que foi xeneralizado en todas as
cidades do país, era algo máis do que expresou naqueles días o presidente
amosando unha importante cegueira política, “uns asaltantes que roubaban uns
quilos de carne e un televisor”.
Significou un punto de inflexión na historia venezolana. Como o expresou
Douglas Bravo, “O proceso constituínte nace o 27 de febreiro con esa revolta
popular na que dez millóns de persoas se sublevaron (...) Non había programa de
loita pero foi un auténtico sacudimento popular. (...) Os feitos constituíntes
nacen na sociedade e non esperan a ser paridos por leis. Son
anticonstitucionais todos eles, como o foi a toma da Bastilla. Son feitos que
rexeitan o poder constituído están en contra da Constitución establecida e en
contra de todo ordenamento xurídico. En eses días o poder político de Venezuela
quedou deslexitimado, sen apoio da xente. Seguían mandando pero xa non era
igual (...) Foi un verdadeiro “ata aquí chegamos” .
Tarek William Saab, avogado especialista en dereitos humanos, considera
que “O Caracazo estivo cheo de causas que o desencadearon e en todas elas
atopábase o fartazgo da xente. O poder
xudicial atopábase corrompido ata a médula, a Central de Traballadores de
Venezuela, dominada desde sempre por ADE e COPEI, era unha guarida de
negociadores máis que un órgano defensor dos dereitos dos máis explotados. O
presidente do Parlamento e o vicepresidente eran “adeco” e “copeiano”. E así se
alternaban período tras período. Ambos partidos se converteran en centros de
negociadores clientelares. Para ser empregado público tiñas que te-lo carné ou
de un ou de outro,”
As cifras oficiais da represión foron de 277 mortos, os organismos
internacionais de dereitos humanos, e asociación privadas, estableceron o
número en máis de 10.000. Durante varios anos seguíronse atopando foxas comúns
cheas de cadáveres sen identificar. A chamada comunidade internacional
democrática, calou, mirou cara a outro lado.
O movemento militar formado por oficiais se consolida e nace a
expresión civil da vontade de seguir loitando ata poñer fin á tiranía, o Polo
Patriótico. En 1992, o catro de xaneiro, os militares bolivarianos tentan levar
a cabo unha sublevación para poñer fin á ditadura e devolverlle a voz ó pobo
venezolano. Á cabeza do mesmo atópase Chávez que é apresado. Pero a diferencia
de outros golpes en América Latina, decenas de miles de persoas saen a rúa nas
cidades de Venezuela para apoia-lo intento. O 27 de novembro se volve a tentar
e fracasa de novo.
O 6 de decembro de 1998 Chávez gana a elección á presidencia con máis
do 60 % dos votos e inicia o seu programa, en primeiro lugar eleccións á
Asemblea Nacional Constituínte que ratifica o seu trunfo do ano anterior e leva
a aprobación dunha nova Constitución, que recolle toda unha serie de cambios
estruturais e de dereitos para tod@s @s venezola@s.
Os EEUU inician o seu
enfrontamento.
Como xefe do Comando Sur primeiro, e máis tarde no novo papel como o
“tsar antinarcóticos”, James McCaffrey
advertiu nunha xuntanza con altos mandos do exército peruano : “Si Chávez chega
ó goberno non só imos ter problemas nós, tamén deberán preocuparse todos os
países da área xa que non se trata dunha experiencia individual senón dun grupo
compacto que quere facerse co poder para levar adiante ideas estatalistas a
nivel de todo o continente”. Ese mesmo personaxe en todas as xuntanzas que
levou adiante con mandatarios de Arxentina, Brasil, Perú ou calquera outro país
do continente, sempre afirmaba a necesidade de intervir directamente en
Colombia, para poñer fin á guerrilla ca escusa do narcotráfico e poder
controlar mellor o proceso venezolano.
Segundo Chávez accedeu á presidencia, a actitude da embaixada
norteamericana e da prensa do país aliniaronse ca oposición, o embaixador
pediulles, posto que se desmantelaba a base de Panamá, que deixaran pasar
avións de guerra polo espazo aéreo venezolano para asentarse en Curazao e
Aruba. Non só non o permitiron os bolivarianos, ademais sinalaron o
inconveniente de abrir unha base en Manta, Ecuador, e de intervir en Colombia.
Quedoulles moi claro ós “gringos” desde o primeiro momento que ca Venezuela
bolivariana non contasen para seguir desangrando ós pobos de América Latina.
Por iso non foi para ninguén estraño, o intento de golpe de estado do
ano 2002, onde os personaxes golpistas hoxe na cárcere, tiveron un destacado
papel, nin o intento de sabotaxe petroleiro do ano seguinte, nin a invasión de
máis de douscentos paramilitares, que foron detidos, infiltrados desde
Colombia, nin que a IV Frota dos EEUU, desactivada no ano 1950 que operaba en
América Latina e o Caribe fora posta en activo a partires da chegada de Obama á
presidencia. Para os EEUU ten que ser moi duro que Chávez lles gañara 19
elección de diferente carácter ós seus monicreques da oposición, e que Maduro
unha vez morto Chávez volvera a gañar. Por iso comezou como en Chile a guerra
económica, desabastecendo o mercado de produtos de primeira necesidade e
pulouse o “Plano Saída” onde xogou un papel moi importante Leopoldo López, que
produciu preto de 50 mortos que a prensa no estado español utilizou como
exemplo de ser Venezuela unha ditadura cruel, cando a realidade é que unha
parte eran policías e entre os civís a maioría era “chavistas” entre eles dous
deputados bolivarianos, abatidos por francotiradores. E tampouco é estraño que
diante da perspectiva de que os monicreques do imperialismo volvan a perder nas
próximas eleccións, se producise un novo intento de golpe de estado a
principios de 2015.
Os EEUU non poden aceptar que desde a chegada de Chávez á presidencia
de Venezuela, Cuba xa non se atope tan illada e reciba petróleo que paga ca
actividade de decenas de miles de médicos e mestres que prestan os seus
servizos nos máis de 5.000 centros de saúde de nova construción, que funcionan
en Venezuela e que axudaran a poñer fin ó analfabetismo. Nin poden aceptar que
se rachara ca súa política levada a cabo a traveso do ALCA (Area de Libre
Comercio para as Américas) de asinar Tratados de Libre Comercio con
determinados países que os leva á ruína polas súa condicións impostas, e a
cambio vira a luz o ALBA (Alianza Bolivariana para América Latina) oposta ás
políticas neoliberais; nin que se fale dunha moeda única e sexa unha realidade
a existencia dun banco que pule o desenvolvemento dos países socios, e que
entren capitais de China en mellores condicións que as establecidas polo
“salteador do norte” e o FMI. Os investimentos chinos superan ós dos EEUU en
Brasil, Arxentina, Perú e Venezuela. No ano 2014 superan os 22.000 millóns de
dólares, por enriba do total investido polo Banco Mundial e o Banco
Interamericano. Segundo a CNN os bancos chinos aumentan en América Latina un 71
% o seu investimento, mentres os capitais estadounidenses abandonan a rexión.
Nin están dispostos a aceptar que dende que Venezuela liberouse das
políticas de Washington, as condicións de vida dos seus habitantes teñan
mellorado; que ademais da mellora das condicións sanitarias, se teñan entregado
centos de miles de vivendas de carácter social; só no período 2011-2014 mais de
600.000 e nos próximos meses 838.726 ata completar no ano 2019 a cifra de tres
millóns. Nin poden aceptar que o director xeral da UNESCO, Koichiro
Matsuura, felicitara a Venezuela o ano
2005 e considerara ó país Territorio Libre de Analfabetismo. Nin que na época
da presidencia de Caldera no ano 1996, a pobreza afectara ó 70 % da poboación e
a extrema pobreza ó 40 % e hoxe se teña rebaixado ata un 27,8 % e a extrema ó 8
% segundo datos de axencias internacionais. Podía seguir falando de outras
melloras, como as resultante do funcionamento das “Misións” sobre todo a
relativa á subministrar alimentos a familias pobres, a expropiación e entrega
de grandes latifundios improdutivos ós campesiños ou a estatalización de
empresas de carácter estratéxico, pero no é esa a cuestión.
Por todo o anterior e os documentos de Wikileaks así o amosan, os EEUU
fan todo o posible para torcer o rumbo do pais e financian a ONG’s, estudantes
de universidades privadas, opositores de toda ralea, con importantes cantidades
de dólares, adestran axitadores e montan campañas internacionais de
“desinformación”, supoño que tamén con fondos moi importantes, como se pon de
manifesto nos “memorandums” enviados á Secretaría de Estado e a Casa Branca,
polos señores da embaixada en Caracas, John Caulfield e Daniel Lawton que en
diferentes momentos falan dos cartos que hai que gastar e os obxectivos a
acadar: “penetra-la base política de Chávez”, “dividi-lo chavismo”, “protexelos
negocios vitais dos EEUU”, “fortalecemento das institucións democráticas”,
“illar a Chávez internacionalmente” ou pedindo máis cartos como na “Solicitude
de fondos para axudar a fortalece-los gobernos locais e os grupos da sociedade
civil” redactado polo primeiro, onde para o ano 2009 pedía 3 millóns máis de
dólares pois, os 7 que tiñan non chegaban. Tratábase de axudar a aqueles
concellos e ONG’S que estaban en mans de opositores. É pertinente facer a
seguinte pregunta: que pasaría se descubrimos que outro estado axuda con cartos
no estado español, a opositores, municipios
e ONG’s cos fines establecidos pola embaixada dos EEUU para Venezuela?
Como caracteriza-lo actual
réxime venezolano?. As razóns para a súa defensa.
Non me parece adecuado como apuntan algúns, falar de socialismo nin de etapa intermedia entre o capitalismo e
o socialismo na Venezuela actual. Se analizamos os elementos que compoñen un
réxime vemos que a diferencia do existente dende 1958, o do “punto fixismo”, o
bipartidista anterior á chegada de Chávez á presidencia, cuxa base social era
burguesa, onde a oligarquía ligada as rendas petroleiras era a fracción de
clase dominante, o actual réxime nacido arredor da nova constitución, ten unha ampla base popular onde é hexemónica
polo de agora, sectores da burguesía que aínda non racharon co bolivarianismo,
e outros novos que nacen co novo réxime, que acaparan riqueza e tentan
impoñerse a sectores da burguesía, digamos tradicional; e nesa conxuntura para
constituírse como unha fracción de clase, poden recorrer ata a prácticas
corruptas para acada-los seus obxectivos.
Respecto ó sistema político,
a constitución proposta polos chamados bolivarianos e aprobada moi
maioritariamente polo pobo venezolano, representa un avance moi importante
respecto ó réxime anterior e sitúa a Venezuela como un país de democracia
burguesa avanzada, superior e de maior calidade polos dereitos que gozan quen
está por ela amparada, a moitas europeas, inclusive, é unha opinión, á
española.
E no terceiro aspecto que define un réxime, o sistema económico, pouco se avanzou, a base económica segue a ser
capitalista; a dependencia do petróleo e das subas e baixadas do seu prezo
segue a ser máxima, necesitando o país de numerosas importación de produtos
básicos para o consumo interno, moitas veces de países enfrontados
politicamente co réxime bolivariano o que pode, en caso de bloqueo, como
acontece nestes momentos, crearlle importantes dificultades internas. Hai unha
mellor distribución da riqueza xerada pol@s traballador@s que redunda nunha
mellora na calidade de vida da poboación, nunha grande parte antes marxinada,
pero desde a miña opinión non se debe falar de etapa de transición ó
socialismo.
Creo que no escrito nas liñas precedentes hai argumentos para apoiar o
actual proceso e rexeitar a actividade golpista encamiñada a poñerlle fin,
pulada polo imperialismo os seus monicreques e aliados, que no estado español
son moi numerosos. Pero tamén e sobre todo pola razón de que é un proceso
aberto, de masas, propio da loita de clases, onde @s traballador@s deben
enfrontarse non só á burguesía golpista aliada cos EEUU senón, máis pronto que
tarde, ca que apoia o actual proceso; pola existencia dun marco político
adecuado para que @s traballador@s se organicen; para que as correntes teóricas
revolucionarias cheguen a tódolos currunchos do país, e permita a asunción da
teoría revolucionaria pol@s traballado@s; para poñer en marcha todo tipo de
experiencias colectivas que integren a numerosos sectores sociais que hai 20
anos atopábanse na marxinación e indefensos; é ademais un proceso que permite
aumenta-lo grao de “conciencia para si” de amplos sectores sociais que co
avance das loitas populares vai a ir acadando un maior protagonismo e rachando
con certo “dirixismo dende arriba” que a personalidade de Chávez axudou a poñer
en marcha, pero que pode chegar a ser un atranco para avanzar cara a revolución
necesaria, que sentará os alicerces dunha nova sociedade, onde o capital non
sexa “o que máis ordena”.
De trunfar nesta batalla de novo o imperialismo, o pouco construído
sería demolido, as vangardas políticas e
sociais creadas nestes anos aniquiladas, a unidade bolivariana abortada, a
democracia arrasada e de novo a ditadura e o neoliberalismo escravizantes,
postos en pé. Que ninguén se trabuque.
En Galicia no mes de marzo de 2015
Grazas Carlos
ResponderEliminarQue necesario é coñecer a historia para comprender o presente!