A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 3 de marzo de 2015

AS DÉBEDAS ILEXÍTIMAS UN DOS PRINCIPAIS INIMIGOS DOS POBOS




 Carlos Dafonte

Desde os anos setenta do século XX as débedas de determinados estados, convertéronse nun dos problemas centrais da situación económica do planeta; a década dos anos oitenta se lle coñece entre outras cuestións, por ser a da “crise da débeda” cando numerosos países dependentes, non puideron facer fronte ás débedas contraídas cas potencias do centro do sistema, mellor dito cos seus bancos, débedas moitas veces resultado da aplicación de políticas que nada tiñan que ver cas necesidades populares levadas adiante por ditaduras militares, que pediron préstamos en grandes cantidades que serviron para enriquece-los e a construción de infraestruturas que beneficiaban ás grandes empresas transnacionais e a pequenos sectores da burguesía con elas aliada; América Latina pode ser tomada como un exemplo do acontecido e o resultado das imposicións levadas a cabo polo Fondo Monetario Internacional, encargado de intervir para salva-los bancos que prestaran grandes cantidades de diñeiro asumindo enormes índices de risco, tivo como resultado unha tremenda depresión económica que sufriron fundamentalmente as clases explotadas da sociedade, considerando algúns analistas que os anos posteriores á toma das medidas de austeridade para que os estados fixesen fronte ós seus compromisos, se considere unha “década perdida”.

Estes créditos foran realizados a tipos de interese variable, concedidos nunha moeda que os países non controlaban, o dólar, e a grande maioría dos bancos afectados eran norteamericanos. Para complica-la situación, o dólar subiu, os intereses tamén e o ser prestados a un índice variable iso afectoulle moito o montante da débeda; tamén que durante bastantes anos discutiuse, sen tomar medida algunha, se o problema era de liquidez ou de solvencia. En calquera caso as medidas ían ser contra os asalariados.
O primeiro pais que se declarou incapaz de pagar as súas débedas foi México que exixiu unha moratoria para facer fronte ós pagos. Despois seguíronlle Arxentina, Venezuela, Perú e Brasil. Fixéronse quitas, rebaixouse a débeda de determinados países, o monto total era impagable e cargouse o custe de saír da mesma sobre quen non tivera culpa algunha de que se producira, pouco máis ou menos como o que está a acontecer hoxe na Unión Europea.
Naquela década, recuperouse un concepto, formulado na década dos anos vinte, que non existe a nivel internacional pero que debe ser un arma moi importante para a defensa dos pobos contra o saqueo das oligarquías, o de “débeda ilexítima”, sobre o que a ONU establece que para determina-lo  carácter de odioso ou ilexítimo dunha débeda externa, debe ser definida polas súas leis nacionais.
Trinta anos despois o debate sobre a débeda, pagala ou non, pedir unha rebaixa da mesma e o seu carácter, se é ilexítima ou non, volve a estar presente en numerosas discusións, aparece por primeira vez en programas de partidos e outro tipo de organizacións políticas e ata, a causa da vitoria de Syriza en Grecia, debátese nas altas instancias dunha organización tan opaca, para agocha-los intereses espurios que defende, como é a UE.
Que é a débeda pública dun país? Dun xeito sinxelo diremos que é a cantidade de diñeiro que deben todas as instancias dun estado a toda unha serie de acredores que llo prestaron mediante a emisión de “obrigas de pagamento”. Estas “obrigas de pagamento” denomínanse dun xeito ou outro segundo o prazo de devolución; se é de 18 meses son Letras do Tesouro; Bonos do Estado se a devolución establécese de 3 a 5 anos e Obrigacións do Estado se é a 10 anos ou máis. E estes cartos débense polo motivo que para facer toda unha serie de infraestruturas, comprar armamento ou pagar débedas anteriores, ese estado como gasta máis do que recada, ten que pedir cartos para facerlle fronte a eses gastos. E eses cartos préstanse a un determinado tipo de interese que en cada estado atópase relacionado co que se chama a “prima de risco”, que é controlada e establecida polos propios acredores; canto maior é a prima de risco, máis interese, se baixa menos. Pero hai que ter en conta que son axentes externos ó pais quen a pode facer subir o baixar, sempre non o esquezamos en beneficio dos mercados, falando máis claro, dos especuladores amparados pola maioría dos gobernos que se din “democráticos”.
A débeda do estado español atópase moi próxima ó 100% do PIB, que aproximadamente é de un billón de euros, e o PIB é suma de toda a produción de bens e servizos dun pais durante un ano, sexa producido por nacionais ou residentes vidos de fora. Sempre que fala o goberno fala do PIB a secas, pero este pode ser real ou nominal; se un ano o índice de prezos é un determinado, pero ó ano seguinte baixou o subiu, producindo o mesmo, o PIB varía; polo tanto o PIB real e o que mantén os prezos estables e o nominal o que se fai tendo en conta as variacións producidas nos prezos. Por iso para solucionar este problema, utilízase un “deflator do PIB”, un índice parecido ó IPC pero que utiliza todos os bens e servizos producidos nun país e non so os que afectan ó consumo. Agora no estado español atopámonos nun período de deflación, mais de dous trimestres caendo os prezos, cando o goberno fala de que o PIB crece, refírese ó que se lle aplicou o deflator, ou ben ó real ou ó nominal?. A min que ós gobernos cando falan de aspectos económicos, aínda lles creo menos que cando falan de outras materias,  sempre me queda a dúbida.

A Débeda Pública do estado español.
Cal é a realidade da Débeda Pública do estado español?. Os datos que coñezo de finais do ano 2014 eran que debíamos o 99,8 % do PIB, é dicir, máis de un billón de euros. Cada cidadán deste estado debe 22.534 euros e cada familia 57.011. Por moito que diga o ministro Guindos, IMPAGABLE. No mesmo ano tivemos que captar fondos por valor de 242.370 millóns de euros, unha cifra récord. Pero a finais do ano 2007 a Débeda Pública representaba  o 36 % do PIB, mentres a de Alemaña era do 66,7 % a de Francia do 64,2 % e a de Italia do 103,1 %; entramos na crise en mellores condicións que outros países e atopámonos sete anos despois nunha situación límite; algo terá que ver con elo, o modelo produtivo que PP e PSOE deseñaron e fomentaron, as condicións aceptadas para a nosa entrada en “europa”, as políticas fiscais, a dilapidación en infraestruturas, temos máis aeroportos internacionais que Alemaña, o descontrol bancario, as subvencións ás grandes empresas, etc. Calquera cousa menos dicir que o problema foi que os asalariados e outras clases subalternas, vivimos por “enriba das nosas posibilidades”. E si analizamos por administracións o 77,2% corresponde á administración Central, o 18,7% as administracións Autonómicas e o 4,1 % á Local
Algún dato máis, no ano 2013 pagamos un total de 189.072 millóns de euros; en concepto de amortización 150.482 millóns de euros e de intereses 38.590 millóns de euros; o 19 % de todo o que producimos e o 40% do gasto público total do ano. Como seguimos pedindo cartos e non aforramos nada, a débeda vai seguir aumentando; ata cando?. Syriza en Grecia dixo que non quería máis cartos de rescate, o que quería era un creto ponte ata que puxera en orde as súas finanzas, esixiu unha quita e comezar a pagar cos cartos que fose aforrando.
Hai uns días no Congreso dos Deputados celebrouse o debate que se coñece como o Estado da Nación; os dous grandes partidos non fixeron referencia algunha a como se vai pagar esa enorme débeda, cando penso sería o lóxico falar da mesma, debía ser obrigado falar de elo; parece que a súa alternativa e seguir pedindo cartos para pagar o que debemos, aceptando seguir aplicando toda unha serie de recortes. Ata cando?. A irresponsabilidade do PP e PSOE e os seus aliados nas Cortes, paréceme suicida.
As causas dunha débeda pública tan elevada como a do estado español, foi aceptar un modelo produtivo, imposto por Europa baseado no turismo e a construción de vivendas a un ritmo de 800.000 ó ano, sen prever a creación dunha burbulla e a súa picada; a entrega á banca de máis de 200.000 millóns de euros para salvar, non ós aforradores e pequenos accionistas, senón á oligarquía que a controla; a organización da estafa tributaria a favor dos máis ricos organizada polo PP e PSOE, permitindo as SICAV, rebaixándolles os impostos directos e subindo os indirectos que pagamos todos, permitindo a evasión de cerca dun billón de euros para paraísos fiscais e ter unha economía mergullada que representa o 28 % do PIB; non poñendo os medios nin loitando con dureza contra o fraude fiscal que segundo os técnicos de facenda se aproxima a 70.000 millóns de euros ano, das grandes empresas e as maiores fortunas; un investimento en armamento de 40.000 millóns de euros; a privatización xeneralizada dos servizos públicos que representa unha sangría enorme para o bolso dos asalariados; a corrupción que  corroe os dous grandes partidos e representan uns gastos para as administracións aínda non moi valorados na súa contía, a construción de infraestruturas innecesarias, como aeroportos sen avións, o AVE, que no caso de Galicia vai competir cos tres aeroportos subvencionados, que non serve para articula-lo territorio e representa un gasto enorme, cando hai outras necesidades en materia de ferrocarril, que non son atendidas; as subvencións constantes para a venda de automóbiles, etc.
Se tivésemos que resumir en poucas verbas o que significa todo este conxunto de políticas de carácter económico debemos dicir que é unha política perfectamente estruturada e deseñada polos dous grandes partidos PP e PSOE, ca axuda das burguesías nacionalistas da periferia e UPyD dende hai poucos anos, para transvasar rendas do traballo ás do capital co obxectivo de concentralo e centraliza-lo e recupera-la taxa de ganancia.

O Tratado de Estabilidade e a Lei Orgánica 2/2012.
Sobre os habitantes dos diferentes pobos que compoñen o estado español abátese unha enorme ameaza; no ano 2012 estes dous partidos ata o de agora hexemónicos, xunto cos outros antes citados, asinaron o Tratado de Estabilidade, Gobernanza e Coordinación da Unión Económica e Monetaria e como xa coñecemos, foron tan eficaces na súa servidume ós poderes económicos, que un ano antes, no 2011, modificaron o artigo 135 da Constitución para que se recolla a obrigatoriedade de facer fronte en primeiro lugar, ás débedas co exterior por enriba das necesidades sociais. Pois ben o citado Tratado de Estabilidade establece que para o ano 2020, a débeda Pública non pode supera-lo 60 % do PIB e que o déficit estrutural sexa cero, é dicir haberá que rebaixar cerca de 430.000 millóns de euros a débeda nestes próximos cinco anos, o que vai significar sen dúbida algunha seguir adelgazando o estado, agás as forzas represivas e unha mingua moi importante nos orzamentos de servizos básicos para a sociedade. Esa é a razón da aprobación da Lei Orgánica 2/2012 que acerna brutalmente competencias das Comunidades Autónomas e Concellos. Pero ademais esta lei establece que si houbera crecemento económico por enriba do 2 %, este debe ser empregado para rebaixa-lo teito da débeda por debaixo do 60 %. Como se pode con este panorama dicir que xa estamos saíndo da crise? Sairán ós que PP e PSOE representan, non @s que os votan; a grande maioría da sociedade da crise actual non vai saír nunca; as xeracións futuras, non van librarse, de segui-lo bipartidismo actual, alicerce fundamental do “réxime de 1978”, da situación na que hoxe nos atopamos. O Tratado de estabilidade e a Lei 2/2012, así como a reforma do artigo 135 da Constitución expresan algo que algúns non acaban de entender, que o chamado “estado de benestar” é algo do pasado, o capital non o necesita e polo tanto as medidas que toma en sanidade e educación, por exemplo, son as lóxicas dende a súa óptica; non necesita enormes cantidades de man de obra e polo tanto, ós enfermos, devolvelos axiña ó proceso produtivo, nin crear moita máis man de obra especializada, preparada, estudada; hoxe ten un enorme “exército de reserva” onde cubre as súas necesidades, ó que está disposto a pagarlle salarios de escravitude.
A utilización da débeda contra @s traballador@s asalariad@s, foi sempre un instrumento moi importante na súa estratexia da loita de clases, por iso non queren escoitar falar do concepto de “débeda ilexítima”; argumentan que a débeda foi un compromiso adquirido polo país e hai que pagala. Rajoy engade o de “somos un país serio e pagamos os nosos compromisos”, cando verdadeiramente debía dicir “teño o compromiso cos que mandan en min de pagarlles, para que segan aumentando a súa riqueza a cambio da pobreza dos que me votaron”. E os traballadores deben esgrimi-lo concepto de “débeda ilexítima” contra os seus explotadores que son precisamente quen defende o seu pago.
É certo, no dereito internacional non existe o concepto de débeda ilexítima, pero en numerosos tratados internacionais, como a Carta das Nacións Unidas de 1945, os Convenios de Viena de 1969 e 1986 sobre os dereitos dos tratados entre estados, diferentes resolucións da ONU, etc., hai todo un corpo xurídico que permite afirmar que é unha “débeda ilexítima” aquela que se adquire contra dereito ou non se contrae para beneficia-la poboación, o aspecto máis importante, como se puxo de manifesto cando Noruega lle condonou a débeda a Ecuador.
Renaud Vivier que ten moi traballado este tema, establece os seguintes elementos relativos á débeda que a pode levar a considerala “ilexítima”:
-          As que serviron para o enriquecemento persoal, como foi o caso das ditaduras militares no cono sur de América Latina.
-          As contraídas para rescata-los bancos, pois non é aceptable que toda a sociedade pague pola mala xestión dos directivos dos mesmos.
-          As xeradas por medidas fiscais e sociais inxustas. No caso do estado español é moi nidio que as grandes empresas e fortunas gozan dun réxime fiscal que lles permite eludir a responsabilidade de pagar de acordo cos seus ingresos e beneficios, o que produce un déficit fiscal que se soluciona mediante débeda.
-          As reclamadas polos “fondos voitres” de carácter especulativo. Recompran a débeda dos estados a prezo moi baixo e lles obrigan a pagar despois a prezos moi altos.
-          Os intereses reclamados polos bancos que recibiron cartos do Banco Central Europeo a interese moi baixo e comprando débeda a un alto prezo. É a todas luces un enriquecemento sen causa. Enriquécense en prexuízo alleo.
-          As débedas que serven para pagar antigas débedas ilexítimas.

Como se pode ver, son numerosos os casos en que os diferentes grupos que traballan a nivel mundial sobre este tema, chegan á conclusión de cando unha débeda se pode declarar ilexítima. O que necesitamos é que a nivel político institucional, os que nos levaron á situación dunha débeda IMPAGABLE sexan substituídos por aqueles actores novos que están dispostos a audita-la débeda e ver que parte é ilexítima e como se pode declarar impagable.
Hai ademais outro aspecto que é necesario sinalar; os países rescatados, entre eles España, atópanse suxeitos ó cumprimento dos “memorandos” que impoñen toda unha serie de medidas por parte da “troika”; son importantes os organismos que claman contra eles pola súa ilegalidade, pero o informe máis detallado e con maior contido xurídico e o elaborado polo Comisario da Cámara de Traballo de Viena, Andreas Fischer-Lescano que os considera ilegais en virtude do dereito europeo e internacional por violar toda unha serie de dereitos fundamentais como á educación, sanidade, salario xusto, negociación colectiva, etc.
Non sería desatinado que os partidos do sur, España, Italia, Portugal, Grecia e algún do norte, Bélxica, cuxa débeda tamén é enorme, se xuntaran para tratar este problema que non se vai solucionar nin pedindo máis cartos, nin cargando todo o peso da solución sobre as costas d@s asalariad@s. Tampouco o é que por parte das forzas que representan unha alternativa, se comezase a estudar a fondo o que representaría a saída do euro, da UE, ben por separado, ben conxuntamente. Syriza ten neste senso un papel importante que xogar.

En Galicia no mes de marzo de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario