A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 22 de marzo de 2015

EN DEFENSA DO PROCESO BOLIVARIANO




Carlos Dafonte

O acto levado a cabo polo presidente Obama o día 8 de marzo asinando a Orde Executiva na que cualifica a Venezuela como “ameaza para a seguridade” do seu país, é un  máis da agresión prolongada que se inicia ca vitoria de Chávez en 1998 e que non cesou nin un instante. Tamén  por parte do home en quen tanta xente de dentro e de fora do país depositou esperanzas sen fundamento, chegando inclusive a concederlle o desvalorizado e tamén inmerecido, premio “Nobel da Paz”.

Non se pode mirar a decisión de Obama como un feito illado e só contra Venezuela, senón como unha agresión máis, e ó longo da historia producíronse moitas, contra un conxunto de países que levan anos tentando desprenderse da “doutrina Monroe” que consideraba “América para os americanos” pero toda ela para os do norte, a potencia emerxente, a agresora sen fin de todo canto se  opón ós seus espurios intereses xeo-estratéxicos.
E escribo este texto sendo consciente que despois dun tempo longo de propaganda contraria ó proceso bolivariano, levada a cabo por unha parte importante dos medios “informativos” deste país, consistente en afirmar con reiteración que o proceso iniciado con Chávez converteu a Venezuela nunha ditadura, esquecendo que o anterior si era unha ditadura, campaña sen motivo aparente algún, como non sexa o de crear o caldo de cultivo necesario para que toda agresión contra o pobo venezolano se considere lexítima por estar ó servizo da “lei e orde” que tenta impoñer no planeta o imperialismo en momentos de refluxo, sectores da poboación e algunhas organizacións políticas que hai uns anos sairían en defensa do proceso bolivariano, agora, como parte da derrota ideolóxica da esquerda ou por espurios intereses electorais, considerando que defende-lo que acontece en Venezuela, poñer de manifesto o beneficio que para a maioría do pobo significou o trunfo do chavismo, o que se fixo ben nestes anos, cecais leve á perda de votos, optan por manter unha postura de silencio. De ser así, e creo que en algúns casos o é, esas forzas políticas que así se comportan non merecen ningún apoio electoral. Renunciar a principios básicos como é a defensa do débil fronte o agresor imperialista, por un puñado de votos, é poñer de manifesto que se esta disposto a integrarse nun sistema que constantemente vai chantaxear e facer uso da “barbarie”, contra todo aquel que ouse opoñerse e transforma-los alicerces do mesmo.
Desde a miña posición política e ideolóxica, creo que Chávez co importante apoio popular que acadou, tivo a oportunidade de levar adiante con maior vigor o proceso en curso e non deixalo só en algo que é moi importante, unha mellor redistribución da riqueza producida no país, pero que se non consegues toda outra serie de modificacións económicas de carácter estrutural e instrumentos de control sobre determinados aspectos da produción e a distribución, se os segues deixando en mans da burguesía, en calquera momento os pode utilizar contra o pobo e sempre haberá sectores que se deixen convencer, que perdan a ilusión dos primeiros momentos e se manteñan ó marxe do conflito de clases ou muden a súa posición. O caso chileno dos primeiros anos da década dos setenta do século pasado, cando chega ó control de determinadas institución a Unidade Popular e o socialista Salvador Allende á presidencia, pode ser un bo exemplo de como sectores da burguesía en conivencia co imperialismo, foron bloqueando a actividade económica do país, producíndose como hoxe en Venezuela, desabastecemento de produtos básicos, suba dos seus prezos e caída dos prezos dos produtos de exportación, como era o cobre.

Algúns fitos da súa historia recente.  
Pode ser interesante lembrar algúns datos da historia de Venezuela; un ano antes da queda da ditadura de Pérez Jiménez, os tres grandes partidos, AD, COPEI e UDR son chamados a Nova Iorque para entrevistarse con funcionarios norteamericanos e planificar o futuro do pais; transcorría o ano de 1957 e o ano seguinte, despois da queda pola acción popular da ditadura de Pérez Jiménez, a oligarquía venezolana acorda renova-lo “pacto de Nova Iorque” e chegar a un entendemento entre os dous partidos que a representaban, a UDR mantívose ó marxe do goberno, os “socialdemócratas” de AD e os “socialcristiáns” de COPEI. Establecese así un sistema bipartidista que alicérzase na constitución de 1961, que non establecía ningún tipo de dereitos para a cidadanía pero permitíalles  facerse cargo de “administra-las importantes rendas do petróleo” que o estado conseguía; é o pacto do “Punto Fixo”, que continuando o asinado en Nova Iorque,  tiña entre outros puntos, o manter fora do xogo político ó Partido Comunista que fora a forza que máis contribuíra á loita contra a ditadura; pacto que marxinou a amplas masas de venezolan@s, sumiunos na pobreza, más do 70% nun país moi rico, posuidor das maiores reservas de petróleo do mundo, riqueza moi cobizada tamén pola oligarquía que dende a súa fundación controla, por medio dunha solapada ditadura, o poder nos EEUU de Norteamérica.
A situación económica do pobo e o roubo por parte dunha minoría das riquezas do país, levou a  que algúns militares xoves reaccionaran diante desta situación e tomaran posicións moi críticas fronte os intereses oligárquicos, vai nacer nun primeiro momento o grupo EBR-200 (Exército Bolivariano Revolucionario) e dous centos pola celebración o ano da súa fundación, do douscentos aniversario de Bolívar; un dos fundadores foi Hugo Chávez. Pero as siglas tamén tiñan moito que ver con Ezequiel Zamora, Simón Bolívar e Simón Rodríguez, a “arbore das tres raíces” na linguaxe da conspiración. Bolivar, o home que tentou unir a toda América e co seu pensamento social igualitario, esixiu a igualdade do indio, a entrega de terras ó campesiño, a fin da escravitude, a importancia da educación pública para acadar unha sociedade igualitaria; o xeral Ezequiel Zamora quen no ano 1859 está á fronte da Revolución Federal e dos campesiños, indios e negros que conseguen expulsar do poder á despótica burguesía crioula, revolución abortada pola súa morte; Simón Rodríguez, o mestre de Bolívar, fundador da república, descubridor da importancia do mestizaxe.  Despois do “Caracazo” ou “O Sacudón” como lle chamaron @s venezolan@s, cambiará o seu nome polo de Movemento Bolivariano Revolucionario (MBR-200)
A diferenza cos exércitos doutros países de América Latina, o de Venezuela ten características particulares; en primeiro lugar que moitos oficiais non pasaban pola academia militar, chegaban directamente ó mesmo desde a categoría de soldados ou desde as universidades moitas veces públicas, polo tanto a  composición social da oficialidade non estaba relacionada exclusivamente cos sectores oligárquicos ou burgueses, a súa composición era moi heteroxénea sendo maioritaria a de sectores das clase medias, pequena burguesía e sectores da clase obreira, que padecían a existencia do “punto fixismo”. Tamén hai que ter en conta que algún dos seus integrantes pertencían as forzas políticas da esquerda, o PCV, o que lles levou a integrarse no movemento guerrilleiro que se consolida a partires de 1961. Tampouco hai que subvalorizar que dentro de AD, o sector da esquerda, abandona o partido e crea o “Movemento de Izquierda Revolucionario” (MIR). A efervescencia de aqueles anos no exército leva a tres intentos militares de facerse co poder, no ano 1962, cun marcado carácter de esquerdas, que se coñecen como o “Barcelonazo”, o “Carupenazo” e o “Porteñazo”, onde participaron as tres armas do exército apoiados por militantes civís da esquerda ca intención de libera-lo país da soga do “punto fixismo”.
Como apuntou o militar da aviación Afredo Riera, “”...a partires dos anos setenta a esixencia de certo currículum e dous apelidos para ingresar nas Forzas Armadas desapareceu, precisamente cando entrou a nosa camada ligada ó nacionalismo revolucionario e a esquerda radical. Pero do mesmo xeito é comprobable que moitos homes de armas participaran con alma e pel nos levantamentos guerrilleiros dos sesenta”

A importancia do “caracazo” na toma de conciencia.
Coñécese con este nome a revolta popular iniciada na madrugada do 27 de febreiro do ano 1989 a causa do “paquete de medidas” aprobadas polo presidente da República Carlos Andrés Pérez do partido AD, o grande amigo de Filipe González e o PSOE, e acordadas polo FMI; medidas de inspiración neoliberal que colmou a paciencia da maioría dos venezolan@s que vivían nunha situación económica moi difícil e que se lanzan á rúa e expresan o seu malestar asaltando comercios e supermercados. Pero o “caracazo” que foi xeneralizado en todas as cidades do país, era algo máis do que expresou naqueles días o presidente amosando unha importante cegueira política, “uns asaltantes que roubaban uns quilos de carne e un televisor”.  Significou un punto de inflexión na historia venezolana. Como o expresou Douglas Bravo, “O proceso constituínte nace o 27 de febreiro con esa revolta popular na que dez millóns de persoas se sublevaron (...) Non había programa de loita pero foi un auténtico sacudimento popular. (...) Os feitos constituíntes nacen na sociedade e non esperan a ser paridos por leis. Son anticonstitucionais todos eles, como o foi a toma da Bastilla. Son feitos que rexeitan o poder constituído están en contra da Constitución establecida e en contra de todo ordenamento xurídico. En eses días o poder político de Venezuela quedou deslexitimado, sen apoio da xente. Seguían mandando pero xa non era igual (...) Foi un verdadeiro “ata aquí chegamos” .
Tarek William Saab, avogado especialista en dereitos humanos, considera que “O Caracazo estivo cheo de causas que o desencadearon e en todas elas atopábase o fartazgo da xente.  O poder xudicial atopábase corrompido ata a médula, a Central de Traballadores de Venezuela, dominada desde sempre por ADE e COPEI, era unha guarida de negociadores máis que un órgano defensor dos dereitos dos máis explotados. O presidente do Parlamento e o vicepresidente eran “adeco” e “copeiano”. E así se alternaban período tras período. Ambos partidos se converteran en centros de negociadores clientelares. Para ser empregado público tiñas que te-lo carné ou de un ou de outro,”
As cifras oficiais da represión foron de 277 mortos, os organismos internacionais de dereitos humanos, e asociación privadas, estableceron o número en máis de 10.000. Durante varios anos seguíronse atopando foxas comúns cheas de cadáveres sen identificar. A chamada comunidade internacional democrática, calou, mirou cara a outro lado.
O movemento militar formado por oficiais se consolida e nace a expresión civil da vontade de seguir loitando ata poñer fin á tiranía, o Polo Patriótico. En 1992, o catro de xaneiro, os militares bolivarianos tentan levar a cabo unha sublevación para poñer fin á ditadura e devolverlle a voz ó pobo venezolano. Á cabeza do mesmo atópase Chávez que é apresado. Pero a diferencia de outros golpes en América Latina, decenas de miles de persoas saen a rúa nas cidades de Venezuela para apoia-lo intento. O 27 de novembro se volve a tentar e fracasa de novo.
O 6 de decembro de 1998 Chávez gana a elección á presidencia con máis do 60 % dos votos e inicia o seu programa, en primeiro lugar eleccións á Asemblea Nacional Constituínte que ratifica o seu trunfo do ano anterior e leva a aprobación dunha nova Constitución, que recolle toda unha serie de cambios estruturais e de dereitos para tod@s @s venezola@s.

Os EEUU inician o seu enfrontamento.
Como xefe do Comando Sur primeiro, e máis tarde no novo papel como o “tsar antinarcóticos”,  James McCaffrey advertiu nunha xuntanza con altos mandos do exército peruano : “Si Chávez chega ó goberno non só imos ter problemas nós, tamén deberán preocuparse todos os países da área xa que non se trata dunha experiencia individual senón dun grupo compacto que quere facerse co poder para levar adiante ideas estatalistas a nivel de todo o continente”. Ese mesmo personaxe en todas as xuntanzas que levou adiante con mandatarios de Arxentina, Brasil, Perú ou calquera outro país do continente, sempre afirmaba a necesidade de intervir directamente en Colombia, para poñer fin á guerrilla ca escusa do narcotráfico e poder controlar mellor o proceso venezolano.
Segundo Chávez accedeu á presidencia, a actitude da embaixada norteamericana e da prensa do país aliniaronse ca oposición, o embaixador pediulles, posto que se desmantelaba a base de Panamá, que deixaran pasar avións de guerra polo espazo aéreo venezolano para asentarse en Curazao e Aruba. Non só non o permitiron os bolivarianos, ademais sinalaron o inconveniente de abrir unha base en Manta, Ecuador, e de intervir en Colombia. Quedoulles moi claro ós “gringos” desde o primeiro momento que ca Venezuela bolivariana non contasen para seguir desangrando ós pobos de América Latina.
Por iso non foi para ninguén estraño, o intento de golpe de estado do ano 2002, onde os personaxes golpistas hoxe na cárcere, tiveron un destacado papel, nin o intento de sabotaxe petroleiro do ano seguinte, nin a invasión de máis de douscentos paramilitares, que foron detidos, infiltrados desde Colombia, nin que a IV Frota dos EEUU, desactivada no ano 1950 que operaba en América Latina e o Caribe fora posta en activo a partires da chegada de Obama á presidencia. Para os EEUU ten que ser moi duro que Chávez lles gañara 19 elección de diferente carácter ós seus monicreques da oposición, e que Maduro unha vez morto Chávez volvera a gañar. Por iso comezou como en Chile a guerra económica, desabastecendo o mercado de produtos de primeira necesidade e pulouse o “Plano Saída” onde xogou un papel moi importante Leopoldo López, que produciu preto de 50 mortos que a prensa no estado español utilizou como exemplo de ser Venezuela unha ditadura cruel, cando a realidade é que unha parte eran policías e entre os civís a maioría era “chavistas” entre eles dous deputados bolivarianos, abatidos por francotiradores. E tampouco é estraño que diante da perspectiva de que os monicreques do imperialismo volvan a perder nas próximas eleccións, se producise un novo intento de golpe de estado a principios de 2015.
Os EEUU non poden aceptar que desde a chegada de Chávez á presidencia de Venezuela, Cuba xa non se atope tan illada e reciba petróleo que paga ca actividade de decenas de miles de médicos e mestres que prestan os seus servizos nos máis de 5.000 centros de saúde de nova construción, que funcionan en Venezuela e que axudaran a poñer fin ó analfabetismo. Nin poden aceptar que se rachara ca súa política levada a cabo a traveso do ALCA (Area de Libre Comercio para as Américas) de asinar Tratados de Libre Comercio con determinados países que os leva á ruína polas súa condicións impostas, e a cambio vira a luz o ALBA (Alianza Bolivariana para América Latina) oposta ás políticas neoliberais; nin que se fale dunha moeda única e sexa unha realidade a existencia dun banco que pule o desenvolvemento dos países socios, e que entren capitais de China en mellores condicións que as establecidas polo “salteador do norte” e o FMI. Os investimentos chinos superan ós dos EEUU en Brasil, Arxentina, Perú e Venezuela. No ano 2014 superan os 22.000 millóns de dólares, por enriba do total investido polo Banco Mundial e o Banco Interamericano. Segundo a CNN os bancos chinos aumentan en América Latina un 71 % o seu investimento, mentres os capitais estadounidenses abandonan a rexión.
Nin están dispostos a aceptar que dende que Venezuela liberouse das políticas de Washington, as condicións de vida dos seus habitantes teñan mellorado; que ademais da mellora das condicións sanitarias, se teñan entregado centos de miles de vivendas de carácter social; só no período 2011-2014 mais de 600.000 e nos próximos meses 838.726 ata completar no ano 2019 a cifra de tres millóns. Nin poden aceptar que o director xeral da UNESCO, Koichiro Matsuura,  felicitara a Venezuela o ano 2005 e considerara ó país Territorio Libre de Analfabetismo. Nin que na época da presidencia de Caldera no ano 1996, a pobreza afectara ó 70 % da poboación e a extrema pobreza ó 40 % e hoxe se teña rebaixado ata un 27,8 % e a extrema ó 8 % segundo datos de axencias internacionais. Podía seguir falando de outras melloras, como as resultante do funcionamento das “Misións” sobre todo a relativa á subministrar alimentos a familias pobres, a expropiación e entrega de grandes latifundios improdutivos ós campesiños ou a estatalización de empresas de carácter estratéxico, pero no é esa a cuestión.
Por todo o anterior e os documentos de Wikileaks así o amosan, os EEUU fan todo o posible para torcer o rumbo do pais e financian a ONG’s, estudantes de universidades privadas, opositores de toda ralea, con importantes cantidades de dólares, adestran axitadores e montan campañas internacionais de “desinformación”, supoño que tamén con fondos moi importantes, como se pon de manifesto nos “memorandums” enviados á Secretaría de Estado e a Casa Branca, polos señores da embaixada en Caracas, John Caulfield e Daniel Lawton que en diferentes momentos falan dos cartos que hai que gastar e os obxectivos a acadar: “penetra-la base política de Chávez”, “dividi-lo chavismo”, “protexelos negocios vitais dos EEUU”, “fortalecemento das institucións democráticas”, “illar a Chávez internacionalmente” ou pedindo máis cartos como na “Solicitude de fondos para axudar a fortalece-los gobernos locais e os grupos da sociedade civil” redactado polo primeiro, onde para o ano 2009 pedía 3 millóns máis de dólares pois, os 7 que tiñan non chegaban. Tratábase de axudar a aqueles concellos e ONG’S que estaban en mans de opositores. É pertinente facer a seguinte pregunta: que pasaría se descubrimos que outro estado axuda con cartos no estado español, a opositores,  municipios e ONG’s cos fines establecidos pola embaixada dos EEUU para Venezuela?

Como caracteriza-lo actual réxime venezolano?. As razóns para a súa defensa.
Non me parece adecuado como apuntan algúns, falar de socialismo  nin de etapa intermedia entre o capitalismo e o socialismo na Venezuela actual. Se analizamos os elementos que compoñen un réxime vemos que a diferencia do existente dende 1958, o do “punto fixismo”, o bipartidista anterior á chegada de Chávez á presidencia, cuxa base social era burguesa, onde a oligarquía ligada as rendas petroleiras era a fracción de clase dominante, o actual réxime nacido arredor da nova constitución, ten unha ampla base popular onde é hexemónica polo de agora, sectores da burguesía que aínda non racharon co bolivarianismo, e outros novos que nacen co novo réxime, que acaparan riqueza e tentan impoñerse a sectores da burguesía, digamos tradicional; e nesa conxuntura para constituírse como unha fracción de clase, poden recorrer ata a prácticas corruptas para acada-los seus obxectivos.
Respecto ó sistema político, a constitución proposta polos chamados bolivarianos e aprobada moi maioritariamente polo pobo venezolano, representa un avance moi importante respecto ó réxime anterior e sitúa a Venezuela como un país de democracia burguesa avanzada, superior e de maior calidade polos dereitos que gozan quen está por ela amparada, a moitas europeas, inclusive, é unha opinión, á española.
E no terceiro aspecto que define un réxime, o sistema económico, pouco se avanzou, a base económica segue a ser capitalista; a dependencia do petróleo e das subas e baixadas do seu prezo segue a ser máxima, necesitando o país de numerosas importación de produtos básicos para o consumo interno, moitas veces de países enfrontados politicamente co réxime bolivariano o que pode, en caso de bloqueo, como acontece nestes momentos, crearlle importantes dificultades internas. Hai unha mellor distribución da riqueza xerada pol@s traballador@s que redunda nunha mellora na calidade de vida da poboación, nunha grande parte antes marxinada, pero desde a miña opinión non se debe falar de etapa de transición ó socialismo.
Creo que no escrito nas liñas precedentes hai argumentos para apoiar o actual proceso e rexeitar a actividade golpista encamiñada a poñerlle fin, pulada polo imperialismo os seus monicreques e aliados, que no estado español son moi numerosos. Pero tamén e sobre todo pola razón de que é un proceso aberto, de masas, propio da loita de clases, onde @s traballador@s deben enfrontarse non só á burguesía golpista aliada cos EEUU senón, máis pronto que tarde, ca que apoia o actual proceso; pola existencia dun marco político adecuado para que @s traballador@s se organicen; para que as correntes teóricas revolucionarias cheguen a tódolos currunchos do país, e permita a asunción da teoría revolucionaria pol@s traballado@s; para poñer en marcha todo tipo de experiencias colectivas que integren a numerosos sectores sociais que hai 20 anos atopábanse na marxinación e indefensos; é ademais un proceso que permite aumenta-lo grao de “conciencia para si” de amplos sectores sociais que co avance das loitas populares vai a ir acadando un maior protagonismo e rachando con certo “dirixismo dende arriba” que a personalidade de Chávez axudou a poñer en marcha, pero que pode chegar a ser un atranco para avanzar cara a revolución necesaria, que sentará os alicerces dunha nova sociedade, onde o capital non sexa “o que máis ordena”.
De trunfar nesta batalla de novo o imperialismo, o pouco construído sería demolido,  as vangardas políticas e sociais creadas nestes anos aniquiladas, a unidade bolivariana abortada, a democracia arrasada e de novo a ditadura e o neoliberalismo escravizantes, postos en pé. Que ninguén se trabuque.

En Galicia no mes de marzo de 2015   



   

1 comentario:

  1. Grazas Carlos
    Que necesario é coñecer a historia para comprender o presente!

    ResponderEliminar