A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 20 de abril de 2015

EI, NON MIREDES PARA OUTRO LADO¡¡. QUE FIXÉSTES EN LIBIA?



Carlos Dafonte

A celebración estes días pasados do “ Cumio dos Países do Mediterráneo” en Barcelona, para falar entre outras cuestións do terrorismo practicado por algunhas organizacións de musulmáns radicais nos territorios onde se fixeron fortes e o perigo que para as sociedades de Europa representan, serve de marco para facer toda unha serie de consideracións sobre o problema.
En primeiro lugar, a contradición que se desprende de determinadas políticas de países e organizacións europeas no espazo da ribeira sur do Mediterráneo e Oriente Próximo e Medio, que hoxe se xuntan en Barcelona para combater algo, cando son as súas propias actuacións as que provocan o problema que despois din combater. En segundo,  a inexistencia dunha análise fonda, dunha autocrítica, sobre os erros cometidos en moitas das actuacións dos imperialistas europeos representados pola UE,  que levaron ó pulo do que hoxe se quere erradicar en zonas onde, estaba perfectamente controlado, por exemplo Iraq, Siria e Libia.  

Poñamos un exemplo. A intervención da OTAN e a UE en Libia, que tivo como consecuencia a desaparición do réxime existente e o asasinato do presidente, o coronel Gadafi, fíxose en nome da implantación dos dereitos humanos que segundo a alianza militar o réxime conculcaba, para levar a democracia e acada-la estabilidade interna que a acción do réxime estaba a poñer, ca súas actuacións, en perigo nunha zona moi sensible de África e fronteira sur da Unión Europea.
Zona sensible si que o é, agora máis que antes, pois en Tunisia e Exipto leváranse a cabo rebelións populares contra ditaduras que, de resultados incertos polo de agora, significaron a queda dos ditadores, algo que a tod@s nos debe alegrar, pero que si a saída a curto prazo do proceso non é a apertura dunha etapa onde a xente se poda expresar e se avance na consecución de todo tipo de dereitos, o islamismo radical, pode gañar adeptos, ser a alternativa para a frustración; na Alxeria hai poucos anos que finalizou unha sanguenta guerra civil, iniciada pola incapacidade do réxime deturpador dos principios da revolución contra o dominio colonial de Francia, de asumi-la súa derrota e non permitir que nunhas eleccións limpas e democráticas, o FIS acadara o dominio das institucións que os votos lle deran.
Polo tanto debía ser lóxico esperar, que a agresión contra Libia ía poñer en evidencia toda unha serie de contradicións internas, comezando pola tribal, a existente entre a zona de Tripolitania e a Cirenaica, e outra chamémoslle ideolóxica a que enfronta os restos da ideoloxía do panarabismo co islamismo, creando un longo período inestabilidade; e sobre estas contradicións actúan diferentes “potencias rexionais, Siria e Alxeria por un lado e Arabia Saudita e Qatar por outro como axentes principais, ó marxe do que podan considerar Tunisia e Exipto de trunfa-lo islamismo radical”.
A situación de desmembramento territorial de Libia, de multiplicidade de poderes, de actuacións de numerosas milicias, de consolidación de diferentes ramas do radicalismo e a integración de algunhas no Estado Islámico, é hoxe o elemento fundamental de inestabilidade da zona. Así como quen vai aproveita-la grande riqueza petroleira que ten o territorio. Que os obxectivos que dicía ter como obxectivo a UE non se acadaron, deba valer como mostra, de que a coalición a quen apoia dentro de Libia está acusada por diferentes organismos internacionais, entre outros Amnistía Internacional, de conculcar sistematicamente os dereitos humanos chegando incluso a ser acusada de “crimes contra a humanidade”. Como dixo algún analista sobre estes feitos, “grazas a intervención humanitaria da OTAN e a UE, Libia deixou de se-lo país co nivel económico e social máis alto de África”.
Todas estas circunstancias, tendo os medios e grupos de expertos que teñen, non as estudaron os “hábiles” políticos da OTAN, co ex-presidente de Francia, Sarkosy á fronte, cuxa campaña electoral fora pagada con cartos libios, e viron, pola contra, a necesidade de desestabilizar e poñer fin a un réxime que era un firme bastión na loita contra o integrismo islámico, moitas veces hai que recoñecelo, utilizando métodos que conculcaban os dereitos humanos, sen considerar as consecuencias dunha intervención como a levada a cabo, que se concretou nun pacto cunha feble oposición e apoio a grupos integristas algúns claramente ligados a Al Qaeda. Pacto e apoio que se traduciu en importantes axudas en cartos, armamento e apoio loxístico e político, que unha vez desmembrado o réxime, converteuse nun panorama que non só trouxo o caos ó pais, senón a todo o seu entorno comprendida tamén a rexión do Sahel, o sur do deserto do Sahara, onde Francia segue a exercer o seu papel neocolonial ca axuda do estado español.
A preocupación na zona subsahariana é máxima como quedou amosado na Conferencia celebrada en Nouakchott en decembro de 2014 na que participaron Mauritania, Burkina Fasso, Malí, Niger e Chad, para trata-la situación de Libia considerado un santuario yihadista cada vez máis ameazante. Ou no Foro Internacional sobre a Paz e a Seguridade en África celebrado en Dakar onde os presidentes de Chad, Malí e Senegal, pediron ós países occidentais que “finalizaran o traballo” en Libia, convertida nunha ameaza para o Sahel. Os presidentes destes tres países foron moi duros cos dirixentes dos países europeos, ca OTAN e a ONU, sobre todo Idriss Deby, un presidente a quen Francia mantén no posto, que afirmou que “os conflitos actuais naceron en 2011, cando os nosos amigos europeos e occidentais atacaron Libia sen pedir a nosa opinión. E tampouco cando partiron o Sudán en dous” ou “ningún exército africano pode ir a mata-los terroristas. A solución atópase en mans da OTAN que creou o desorde e ten que elimina-los terroristas. Libia converteuse nunha cova de todos os bandidos. Si se quere resolve-los problemas do Sahara hai que resolve-la cuestión libia. E corresponde os nosos amigos occidentais atopa-la solución”. Criticou moi duramente a Francia e o Reino Unido e as Nacións Unidas que tamén dixo,  “son responsables posto que deron o aval”
Por iso supoño que en boa lóxica, habería que levar adiante en Barcelona unha reflexión sobre o acontecido en Libia e tamén unha autocrítica por parte daqueles países involucrados e responsables do caos no que hoxe se atopa mergullado o país. Pero  sería tamén moi san que o presidente naqueles momentos, Rodríguez Z, a súa Ministra de Defensa, Carma Chacón e o partido que apoiaba o goberno, o PSOE, así como todos os que atopándose na oposición apoiaron a intervención armada, con grande espírito guerreiro e redentor, corresponsables de esnaquizar un país tan importante da fronteira sur da UE, que xogaba un papel xeoestratéxico fundamental de tránsito entre o Mediterráneo e a zona que bordea o Sahara, dixeran algo, que non miren para outro lado como si con eles non fora o problema, como se non tiveran responsabilidade algunha en que hoxe o chamado Estado Islámico, ese enxendro que non se coñece moi ben quen o crea e financia, son as noticias que saen nos medios,  se atope instalado en Libia.

En Galicia no mes de abril de 2015









No hay comentarios:

Publicar un comentario