A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 13 de junio de 2015

UNHA LECTURA DOS RESULTADOS ELECTORAIS DO 24 DE MAIO




 Carlos Dafonte.

Que conclusións podemos ter do proceso electoral levado a cabo o 24-M no estado español? En primeiro lugar que o ciclo político de rebeldía popular que pon en cuestión ó réxime alicerzado arredor da constitución de 1978 e do “pacto da transición”, que se iniciou ca derrota do candidato popular en 2004 dándolle o PSOE o goberno despois das mobilizacións contra a guerra de Iraq, que tivo un segundo chanzo, capaz de rectificar o erro primixenio, ca ocupación da Porta do Sol e numerosas prazas do estado, que continuou medrando cas diferentes mareas en defensa dos servizos públicos e amosando a súa forza na primeira “marcha da dignidade” que levou a Madrid máis dun millón de manifestantes contra as políticas do goberno, a monarquía, a democracia deturpada que impón o capital a traveso do PP e PSOE, que se expresa electoralmente nas consultas das europeas, creando un grande desacougo no réxime e no bipartidismo, chega ás eleccións autonómicas e municipais, convertido nun instrumento do réxime, agás nalgunhas cidades onde son posibles algúns cambios.  Todo o proceso canalizado en función dos procesos electorais e afastándose cada vez máis da mobilización popular e avanzando deste xeito cara as xerais de finais de ano.

En segundo lugar, este ciclo político mobilizatorio, “lle chaman democracia e non o é” ou “non nos representan”, expresouse a nivel electoral na aparición de forzas políticas que o non existían, Podemos, ou existían como forza autonómica Ciudadanos e Compromis que acadan resultados importantes as dúas primeiras e  no caso da segunda, veñen, ninguén lles pregunta como se financian, a posibilitar que diante da posibilidade de perda da maioría absoluta por parte do PP e PSOE, non teñan que recorrer ós nacionalistas vascos ou cataláns, ou á esquerda, despois do día 24 moi derrotada, para acada-la gobernabilidade.
Ciudadanos acaba de cumprir perfectamente co seu papel, xa a ninguén pode enganar, a pesares das últimas detencións relacionadas ca corrupción en Andalucía e Madrid, apoia ó PSOE na primeira das comunidades e ó PP na segunda. Podemos pola súa parte, representa o electoralismo máis burdo, a cabalo de Keynes, esquecidas as súas primeiras propostas de auditoría da débeda, de cambios radicais de estruturas e ámbalas dúas, Podemos e Ciudadanos, dende a perspectiva de clase da pequena burguesía, van conseguir apuntalar o que hai, facelo un pouco máis transparente, pero sen varia-la política económica de clase e esquecendo a mobilización popular.
O que me parece máis importante e xenuino deste cambio de ciclo son os movementos que configuran candidaturas que chamaremos xenericamente de “unidade popular” para as municipais, que reflicte que a crise non é só unha crise de carácter económico,  que tamén está a producir unha crise e moi importante, na relación entre as diferentes clases sociais presentes no estado español o que lle da á crise un carácter especial; hai sectores, capas e fraccións de clase que non se consideran representados polo PP, PSOE ou IU, situación que pode poñer en cuestión a continuidade do sistema,  só si a clase traballadora asalariada ca clase obreira industrial ó fronte, implícase neste proceso como tal clase, cousa que ata o momento non fixo, prisioneira das cúpulas sindicais burocratizadas e da chamada esquerda política.
A nivel das autonomías, o bipartidismo, como prognostiquei no meu anterior artigo, con dificultades pero segue a se-la referencia para acadar instancias de goberno; non hai ningunha outra forza distinta do PP ou PSOE que poda gobernar nas autonomías onde se celebraron eleccións agás a Comunidade Valenciana. O PSOE necesitará pactar para chegar a determinados gobernos; fará cambiar esta situación ó PSOE e afastalo das políticas neoliberais no económico, que practicou dende todas as institucións nas que gobernou?. Penso que non.
Algúns avances maiores producíronse, como afirmei, nas municipais onde algunhas destas candidaturas de “unidade popular”, sobre as que non hai un control definido, poden conquistar algunha cidades importantes...pero pouco máis, que ó mellor é moito para algúns, pero pouco para os que devecemos un cambio de estruturas fondo no estado español. Nembargantes hai que sinalar que os ataques de determinados medios e persoeiros contra a posibilidade de que algunha destas candidaturas acade o goberno en Madrid, Barcelona, e outras capitais e cidades, pon de manifesto a necesidade que o capitalismo ten do urbano para a súa reprodución, para o proceso de acumulación, para a valorización do capital. Como sinala o xeógrafo David Harvey, “o capitalismo necesita a urbanización para absorve-lo sobreproduto que xera continuamente” e analiza o caso de París na época do IIº Imperio e a actuación de Haussmann remodelando a cidade completamente ou o proxecto de Robert Moses para actuar sobre a área metropolitana de Nova Iorque a partires dos anos corenta do século pasado, que despois se levou a cabo na maioría dos centros metropolitanos do país, o que unido á política militarista permitiu, a estabilidade do capitalismo despois da guerra.
Por iso non é estraña toda a campaña, que se está a dar tamén noutras cidades, ademais de Madrid e Barcelona, anunciando grandes catástrofes ca chegada ós gobernos municipais destas candidaturas, a perda de importantes inversións que “crearían numerosos postos de traballo e riqueza” nos respectivos municipios. As grandes multinacionais, os seus medios de comunicación e os especuladores, dixit.
Desde as páxinas deste blog levamos anos reclamando a necesidade de reconstruir a esquerda, que non pode ser outra organización máis, que aquela que se atope ligada ós intereses d@s traballador@s asalariad@s. Despois da xornada electoral do 24 de maio, esta necesidade aparece como perentoria; de non ser así, o ciclo político iniciado hai uns anos que tenta a curto prazo transforma-lo réxime e como obxectivo estratéxico acada-los cambios estruturais necesarios para supera-lo capitalismo, se vai ver definitivamente freado.

En Galicia no mes de xuño de 2015.

1 comentario:

  1. Coincido con teu análise do resultado electorai. Os 'novos' (Podemos, etc.. )non van a facer o cambio de sistema. Se limitarán a adecentalo, suavizalo, con moita solidaridade pseudo-progresista, pero nada mais. Tampouco o farán a Mareas e resto de unidades populares, na miña opinión. Si xan non levan no seus programas ningún tipo de alusión a medidas para modificar as actuales tasas de distribución de riqueza (capital), una vez ocupado o poder/poltrona iranse descolgando paulatinamente de calquer politica en ese sentido, tal como xa fixeron, en poucos meses,con as nacionalizacions, renta universal, bancos publicos municipais,etc..Seguindo a David Harvey e o seu conceto e descripción da 'acumulación por desposesión', y tendo en conta que esa extracción de rentas das clases medias e baixas xa se inciou a mediados dos ochenta, me temo que habrá que esperar algunha legislatura mais hasta que o expolio chegue realmente as osos da población y comprobemos todos que os 'novos' non fixeron nada por evitalo. E decir, debera a ciudadania cheagar a esa ''agravación, fuera de lo común, de la miseria y de los sufrimientos de las clases oprimidas'', miseria esixida nos manuais como una das tres condicións ineludibles da situación pre-revolucionaria.. Saudos

    ResponderEliminar