A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 11 de julio de 2015

O REFERENDO GREGO UN CHANZO IMPORTANTE PERO NON DECISIVO DA LOITA DE CLASES NA UNIÓN EUROPEA

Carlos Dafonte

A loita de clases en Grecia produciu o domingo 5 de xullo, contestando máis dun 61 % dos votantes “non” no referendo e rexeitando as políticas que a chamada “troika” quere impor @s traballador@s asalariad@s e outras clases e capas sobre as que se fixo recaer o custe da crise, un novo chanzo que debía significar un importante revés ás aspiracións tanto da oligarquía grega como ós servidores dos especuladores e explotadores a nivel mundial. Pensaron que como aconteceu en todos estes anos, ían seguir impoñendo as súas medidas e mantendo ós pobos ó marxe das decisións económicas, como ocorreu no estado español cando PP e PSOE, sen ningún tipo de consulta modificaron o artigo 135 da constitución que establece, a partires dese momento, como prioritario o pago das débedas ós especuladores por enriba do funcionamento dos servizos básicos para a cidadanía.

E non podía ser doutro xeito tratándose do pobo grego que durante estes anos situouse á vangarda das loitas contra a austeridade, realizando numerosas folgas xerais contra os gobernos cómplices de Nova Democracia ou os “socialistas” do PASOK que foron os que meteron á economía do país nunha situación de moi difícil saída, que levou á pobreza á maioría da poboación. E este pobo combativo conseguiu esta vitoria nunhas circunstancias moi difíciles, ca maioría dos medios de comunicación privados, dos que son propietaria a oligarquía do país, prometendo aínda maiores catástrofes de gaña-lo non; cos poderosos do mundo, agás aqueles que miran un pouco máis aló do inmediato, reaccionando no mesmo sentido; terxiversando todos a pregunta e relacionándola co abandono do euro e da UE, cando a realidade da mesma, tiña só que ver se a crise se vai seguir cargando sobre as costas dos máis febles, asalariados, xubilados, pequena empresa, ou as medidas de austeridade tamén van afectar @s que máis teñen, @s que seguen a conseguir enormes beneficios, @s que non pagan impostos, @s que practican dende sempre o fraude fiscal e a evasión de capitais, etc.
Grecia converteuse nun “banco de probas” para o capital en dous aspectos, en primeiro lugar ca aplicación da política de austeridade e en segundo, a partires do trunfo de Syriza, en como tratar a un goberno que tenta defender os intereses da maioría do pobo para que serva de exemplo, e que o resto dos que tenten iniciar un camiño enfrontándose á “troika”, teñan claro de que ese non é o camiño que deben escolle-los pobos para saír da situación de crise, que as “troika” e quen manda e os que se atopen dentro do euro e a UE non lles queda máis recurso que obedecer as decisións do capital.
A loita de clases é desapiadada, sobre todo cando a burguesía xoga as súas bazas que son moitas; e toda esa burda campaña mediática foi acompañada por un “curralito” levado a cabo polo Banco Central Europeo, que dun xeito ilegal, e falan constantemente de cumpri-las normas, non permitiu que chegaran cartos ós bancos gregos, suspendendo o mecanismo de Asistencia de Liquidez de Emerxencia, se cumpri-los requisitos para facelo, polo que se viron na necesidade de pecha-las súas portas e restrinxi-las retiradas de cartos a xubilados e todo o que tivera conta nos mesmos, nun claro intento de crear caos e de chantaxear á cidadanía para que votara como os poderosos querían.
Pero esta cuestión do “curralito” aínda é máis grave pola razón de que quen se atopa á fronte do BCE é Mario Draghi, con anterioridade un dos prebostes do Goldmann Sachs en Europa, que foi a empresa que axudou ós gobernos gregos a maquilla-las súas contas para que parecera que a economía marchaba mellor do que a realidade era. Ese falseamento permítelle a moitos plumiferos e economistas ó servizo do capital dicir que a economía grega, antes de chegar Syriza ó poder estaba a crecer.
No estado español a situación en Grecia tamén preocupa, e moito, polo que os periodistas ó servizo dos intereses das empresas que lles pagan e non de darlle información veraz á xente, ca intención de “poñela venda antes que a ferida”, utilizaron todo tipo de argumentos falaces; dende que Syriza era o artífice da situación económica actual, ata que o referendo estaba moi igualado, ou que do que se trataba era de saír do euro e da UE; tamén un argumento moi socorrido era que @s greg@s querían seguir vivindo nun paraíso financiado polos demais membros da UE, sen traballar, xubilándose ós 50 anos, onde non se pagan impostos e toda unha serie de tópicos. A realidade de Grecia e que a miseria asentouse no país cas políticas de austeridade, que os pensionistas perderon o 48% das súas pensións, @s asalariad@s o 37 % dos seus salarios, que o PIB caeu máis dun 27 % nestes anos de “rescates”, que a maior parte do diñeiro que se lle da a Grecia vai directamente ós bancos alemás e franceses e toda outra serie de acredores, dende o momento en que o estado grego aceptou as débedas privadas como propias, que en Grecia se pagan de impostos un 45’7 do PIB e os máis ricos non o fan, mentres no estado español é un 37’2 e a media da UE e do 45’2; que máis de 250.000 xoves, moitos deles universitarios saíron do país dende o comezo da crise e que hai máis de 2 millóns de parados e unha cifra superior sen seguro médico, que foi das primeiras cuestións que o goberno de Syriza tentou solucionar; neste período de 5 anos producíronse preto de 6.000 suicidios. As razóns desta actitude mendaz de moitos medios e unha parte dos políticos do réxime, sobre todo PP, PSOE, Ciudadanos, UPyD e os partidos das burguesías periféricas e o medo a que se produzan cambios, na liña dos acontecidos nas eleccións pasadas, nas próximas eleccións xerais a celebrar a finais de ano. O que nos queren meten na cabeza e que cambios, como os que fixeron os gregos votando a Syriza e rompendo co tradicional bipartidismo grego, pode se-la causa de numerosas catástrofes que nos van a acontecer a tod@s nós, no caso de amosar co noso voto o cansanzo pola política de enganos e desconsideración ca maioría da poboación. E para isa campaña recorren coma sempre o medo...e a comprarnos por uns míseros euros adiantando a “devolución”, di Rajoy, de parte do que nos quitaron nestes anos, ben pola vía dos impostos directos, IRPF, indirectos, IVE, rebaixas de pensións e salarios, privatizacións de servizos e corruptelas varias que tamén as pagamos dos nosos bolsos.
Syriza dende que chegou ó goberno sinalou que non quería máis cartos para paga-la débeda, que recibilos era alimentar unha espiral que non conducía a ningures, só a aumenta-la, así como intereses da mesma cada vez son máis altos e a devolver en menor tempo, o que significaría continuar metendo ó país nunha calexa sen ningunha saída; o que pediu foi unha reestruturación da débeda, unha quita da mesma e un plano de solidariedade para que Grecia medrase, pedía axuda para cambialo sistema produtivo, que producira traballo o único xeito que levaría a producir un superávit e poder enfrontarse ó pago da enorme débeda. Ó mesmo tempo constituíuse unha comisión, sen carácter oficial, o capital non quere falar do asunto, para analizar a débeda grega, presidida por Eric Toussaint para coñecer como se xerou e a que é ilexítima, ilegal, a que se xerou sen beneficiar en absoluto ó pobo e so foi un negocio dos especuladores apoiados por gobernos, elixidos polo pobo, democraticamente, si, pero que defenderon intereses de minorías en vez de defende-los intereses da maioría que foi quen os colocou nas institucións.
Pero as condicións impostas pola “troika” foron que para levar adiante esa solución necesitábanse novas medidas, rebaixas de salarios e pensións suba do IVE, que pagan ricos e pobres pero sen tocar a estrutura fiscal que era onde o goberno grego quería intervir para facer que a burguesía grega pagase; por iso, aínda que pode ser considerada una anécdota, no barrio de maior renda de Atenas, o 75 % da súa poboación votou SI, para seguir a ser uns privilexiados, que acaparan a maior parte da riqueza producida polo pobo grego, sen participar, mediante unha política fiscal máis xusta, a saír da situación económica que as políticas neoliberais e de austeridade para os de abaixo, tanto lles beneficiou; egoísmo e insolidariedade da minoría social que só se pode vencer ca mobilización, a toma de conciencia e a imposición dun programa que beneficie á grande maioría social.
Vai ser Syriza o instrumento adecuado para as necesidades da clase traballadora grega?. Vai ser a forza política necesaria para encabezar as loitas que se teñen que dar no futuro e o enfrontamento en firme ca “troika”?. Eu penso que non, sobre todo despois de pedi-lo terceiro rescate e seguir deste modo engordando a débeda e non avanzar no cambio dun modelo produtivo que posibilite a Grecia saír do pozo no que na actualidade se atopa. Syriza non vai preparar ós gregos para o que vai ser inevitable, o enfrontamento ca UE e facer valer o que dixo a Comisión nomeada ó efecto sobre a débeda grega, que unha parte é ilexítima e impagable, como a española aínda que Rajoy pareza non ter coñecemento de canto representa sobre o PIB, e prepararse para saír do euro e da UE, recupera-la soberanía, pasar por graves problemas, como agora, pero polo menos ser donos do seu destino.
Facendo concesións á “troika” non se solucionan os problemas dos pobos e os retos que teñen por diante; Syriza ca súa postura pode levar á desmobilización do pobo, o que sería determinante no proceso; sen mobilización no haberá progreso algún, o pobo grego vai ser derrotado.
Utilizando os seus numerosos medios de comunicación, grupos de “expertos”, economistas e políticos o seu servizo, a “troika” como representante dos intereses das multinacionais e do capital financeiro, ten convencido á maioría dos pobos que so dentro das institucións que ela domina, seguindo as súas instrucións en materia de política económica e social, podemos soluciona-los nosos problemas; pero a realidade é a contraria, necesitan á maioría dos estados dentro das estruturas que crearon, para apropiarse da riqueza que os pobos dos diferentes estados producen, en beneficio dunha reducida minoría. Polo tanto e moi importante situar no centro do debate político a cuestión do euro e da pertenza a esta “europa” e a necesidade de que os pobos tomen conciencia da realidade na que viven e deixen de confiar n@s que os explotan.

En Galicia no mes de xullo de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario