A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 17 de junio de 2017

TRAS O 1º DE MAIO: A REORGANIZACIÓN SINDICAL NA FASE "ASTEROIDE"




Xulia Mirón e Lorenzo Llinares

Este 1º de maio puxo de manifesto, primeiro, a tremenda dispersión que vive o sindicalismo no Estado Español, e na Galiza no concreto; non só o alternativo, mas tamén sindicatos que tampouco asinaron pactos sociais, como CIG e LAB... ; así como que, goste ou non, CCOO e UXT manteñen influenza en sectores da clase traballadora a pesar de seren parte problema e do réxime.
Esta dispersión manifestouse en que na Galiza houbera 25 manifestacións distintas, en diferentes localidades e cada umha co seu percorrido; obrigando aos traballadores e traballadoras, que en moitas ocasións nas súas loitas de empresa ou sector están xuntos, a ter que escoller baixo que bandeiras queren se manifestar o 1º de maio.

Este feito fai que teñamos que comezar a tirar umha primeira conclusión: é a expresión en siglas da división da clase traballadora, e como tal división só favorece á patronal, aos gobernos e os grandes aparellos que desde as cúpulas controlan e marcan os ritmos das respostas masivas (folgas xerais).
A dispersión sindical como marca” do Réxime do 78
A dispersión sindical foi introducida no Estado Español por umha lei preconstitucional, a Lei Orgánica de Liberdade Sindical (LOLS). Umha lei que, dixeron, rompía o sindicato vertical, obrigatorio, do franquismo e introducía a liberdade dos traballadores e traballadoras para escoller a que organización sindical querían se afiliar. Mas, como todo na Transición, foi un agasallo envelenado que tras un feito progresivo, acabar co Vertical onde convivían os asalariados / as e os patróns, trouxo a división sindical.
Da mesma maneira que a Constitución meteu ás caladas a monarquía e a herdanza do franquismo baixo o adorno das liberdades democráticas e coa lei de Amnistía liberaron de responsabilidades aos criminais do franquismo; coa LOLS, baixo esa suposta “liberdade sindical, destruíron o camiño comezado pola clase obreira do Estado Español cara umha Confederación Unitaria de Traballadores / as de todo o estado, a través das vellas” Comisións Obreiras.
A LOLS, baixo un acordo tácito ou expreso da ditadura co PSOE, elaborouse para romper esa unidade da clase obreira. Para elo legalizan a umha UXT ultraminoritaria (declaran 4 mil afiliados no primeiro congreso na legalidade, cando CCOO, ilegal nese momento, xa ten millóns o seu redor), e na lei permítese que tres traballadores podan construír un sindicato. A progresiva integración no nacente réxime da monarquía de CCOO, tras os Pactos da Moncloa, e a súa aceptación nos feitos das condicións da LOLS froito da política do PCE, maioría en CCOO, o vai convertendo nun sindicato tradicional” mais, e hoxe fai parte do problema e o réxime.
Os Pactos da Moncloa: un salto de calidade
Os Pactos da Moncloa veñen a mudar a tendencia dos últimos anos do franquismo, que ven signada polo ascenso da loita da clase traballadora. Desde a vitoria en 1970 cando o franquismo ten que recuar na condena a morte dos activistas de ETA no Proceso de Burgos, conmutando a Pena de morte pola de cárcere, froito da presión social estatal e internacional, a clase obreira española non deixa de loitar e avanzar en conquistas. Na Galiza temos un ano chave neste proceso, as folgas xerais de Ferrol e Vigo de 1972.
Este proceso ten o momento cumio coa folga xeral de Vitoria de 1976, con cinco mortos e as grandes mobilizacións dos anos 76 e 77.
Os Pactos da Moncloa, ademais, introducen unha lóxica na negociación colectiva que sintetiza o cambio na tendencia sindical: ate ese momento, por exemplo, a negociación dos salarios facíase sobre a inflación pasada, de tal xeito que os traballadores / as recuperaban sempre o que a inflación lles comía dos seus salarios. A partir dos Pactos da Moncloa a negociación salarial faise a partir da inflación futura, en base da previsión do IPC do goberno. Deste xeito, pouco a pouco, como un orballo, foise comendo o poder adquisitivo da clase traballadora a favor das rendas do capital.
Pero o efecto dos Pactos da Moncloa son políticos: pon no centro da actividade da loita obreira non a vitoria, senon o que daquela chamaron desde CCOO, o binomio “mobilización-negociación”. Non se loitaba para gañar, mas tamén para negociar. Non é negar a necesidade de negociar en moitas ocasións, mas se a mobilización redúcese á negociación, leva-se as de perder, porque a patronal sempre loita” para gañar.
Os Pactos da Moncloa inauguraron a política sindical baseada no Pacto Social ate hoxe, que están buscando a versión moderna dos Pactos da Moncloa que de estabilidade ao réxime en crise. A situación actual da clase traballadora de precariedade, baixos salarios, etc., é froito desa nefasta política das direccións sindicais, e dos partidos reformistas, de procurar o Pacto Social evitando o conflito e a loita obreira e popular.
A situación actual
Tras a suposta “morte do socialismocoa caída do stalinismo, do Muro de Berlín e a restauración do capitalismo, así como o remate do proceso de integración das CCOO no réxime nos anos de Fidalgo, a clase obreira vai buscando como pode, sen umha idea estratéxica clara, formas de organización que lle permitan resistir os embates do capital, crecido co neoliberalismo e a globalización. Aos aparellos tradicionais que sempre negaran-se a se disolver nas CCOO antifranquistas, como os procedentes do anarquismo (CNT e despois CGT), xunto coa aparición e desenvolvemento de sindicatos ligados ás organizacións nacionalistas vascas e galegas (LAB e CIG), xuntase-lles umha multitude de siglas: a Plataforma Sindical da EMT madrileña de comezos dos 90, que dirixe umha gran folga é o anuncio do que viría 15 anos despois.
Hoxe a cantidade de organismos sindicais que enchen as empresa do estado son do mais variopinto. Van desde experiencias corporativas como a deriva da propia Plataforma da EMT ate correntes do sindicalismo revolucionario como CoBas; todas elas son expresión dun mesmo fenómeno, a integración plena, con asuntos de corrupción incluídos, de CCOO e UGT no réxime, a dereitización dos sindicatos nacionalistas ao servizo de proxectos políticos nacionais, interclasistas, onde a clase obreira é man de obra da pequena burguesía nacionalista.
Este duplo movemento dos grandes sindicatos, uns cara o réxime e outros no interclasismo, libera forzas que hoxe están na fase asteroide”. Doutra maneira; esta crise dos grandes sindicatos, ao non existir umha alternativa clara, estratéxica, de construción dumha Confederación Sindical, fai que os pequenos e medianos grupos sindicais actúen como os asteroides do sistema solar, cada un illado de todos os demais.
Este 1º de maio puxo de manifesto esta realidade que só beneficia á patronal e os grandes aparellos sindicais, permitindo-lles manter o control do conxunto da clase obreira. Mas tamén inflúe negativamente en moitos dos pequenos sindicatos que, aínda que teñan umha escasa representatividade, manteñen un certo aparello que lles fai comportarse respecto á clase obreira sen ter en conta un principio básico como a asemblea decisoria, a democracia obreira, na que se vote todo o que afecte o conxunto dos cadros de persoal, sexa negociación colectiva, mesa negociadora,... sexa de loita, como o comezo e final das folgas e planos de mobilización. En moitas ocasións preocúpalles mais a súa "imaxe", en forma de "a ver quen leva mais bandeiras", que o fondo de organizar a loita do conxunto dos traballadores e traballadoras nas empresas alí onde están co reparto de follas, facendo asembleas, reunións, ..., e fiando case todo á utilización dos medios virtuais (facebook, washapp, etc...).
A LOLS, dentro desta política de destruír a unidade sindical, tiña que ofrecer algo, e foron os comités de empresa. Verdadeiros organismos de unidade, onde os traballadores / as escollen os seus representantes directos. Mas o control que exercen as cúpulas sindicais sobre as listaxes dos delegados e delegadas, xunto coas sucesivas reformas laborais que teñen baleirado de contido os comités, deixándoos como meros órganos consultivos se case poder de decisión.
Ademais, a “liberdade” sindical que coa LOLS, no seu momento, serviu para desmontar a unidade que se estaba a dar, foi un buraco polo que entraron os procesos de reorganización sindical que analizamos. As facilidades legais para construír un sindicato permitiron que os críticos coa deriva das grandes organizacións sindicais se puideran  organizar. Dalgún xeito, grazas a LOLS puideron  se presentar as eleccións nas empresas e ir acadando representatividade. Mas, o tempos son chegados para acabar con esta dispersión e mesmo solapamento de moitas organizacións diferentes nun mesmo sector, que agora so reforza as tendencias corporativas, perdendo de vista a imaxe de conxunto, os interese e as necesidades da clase obreira.
A unidade para loitar
Se a clase obreira quere ter a menor garantía de vitoria diante das loitas que se veñen -que non son poucas-, ten que recuperar a unidade (que non uniformidade ideolóxica) na loita e na organización. Os sindicatos xurdiron baixo o berro da “unión”, que no Estado Español traduciuse como “atomización”, moi acorde co desclasamento introducido na clase obreira do Estado Español, que fomenta o individualismo, o corporativismo e o tradicional “que ha do meu. Vai sendo hora que recuperemos o berro de unión para loitardo vello sindicalismo; mas loitar para gañar”, non para negociar.
Un sindicato é umha organización para a defensa dos interese da clase traballadora, por cima das ideoloxías. Un sindicato anarquista”, “nacionalista”, “comunista”,... non é un sindicato, é umha extensión dun partido ou un partido disfrazado de sindicato. Un sindicato é umha agrupación de amplos sectores da clase obreira sen distinción de ideoloxías; é umha organización onde os traballadores e traballadoras fan a súa primeira aprendizaxe de loita e organización.
Este 1º de maio, a tremenda dispersión manifestada, ten que facer reflexionar ás dirección sindicais que reivindícanse como combativos e de clase”, sobre quen promove esta dispersión e quen sae beneficiada dela; e, sobre todo, como se pode combater tamén desde a organización.
As direccións sindicais minoritarias”, de clase, teñen umha dupla obriga, por un lado traballar nos centros de traballo, concienciar á clase obreira de que esa unidade é precisa, rompendo coa división de siglas en base a accións unitarias, e así demostrar nos feitos que son os grandes aparellos sindicais os inimigos xurados da loita unitaria. Mas, o mesmo tempo, comezar a tender pontes na unidade de acción desde a base, onde en asembleas e reunións abertas, sexan discutidos os eixos dun programa de loita contra as políticas da UE e os gobernos, que parta do rexeitamento aberto e rotundo da política de Pactos Sociais.
Este traballo de unidade a todos os niveis, ten que se marcar como obxectivo ir cara un Proceso Constituínte dumha Confederación Única dos Traballadores e Traballadoras do Estado Español, democrática, que respecte e defenda as diferencias nacionais e con dereito a tendencia interno, para rachar coa política de dispersión fomentada polo réxime e os seus sindicatos a través da LOLS, e tolerada polas pequenas e medianas organizacións.
As cúpulas de CCOO e UXT, así como as maioritarias territoriais como ELA, LAB ou CIG, están tranquilas mentres a única alternativa que teñan sexan os “asteroides” sindicais e non exista un planeta refuxio. Comecemos a construír este planeta reagrupando aos “asteroides”, mas non para construír un novo planeta que non toque o demais, senón para que ese novo “planeta” supoña a destrución e superación de todo o anterior. Do contrario, so incorporaríase un novo ao sistema solar, e o capital e os seus gobernos, tan contentos.
Galiza, no mes de xuño de 2017




[1] 


 [1]

No hay comentarios:

Publicar un comentario