A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 26 de junio de 2017

QUE HAI DETRÁS DAS DOAZÓNS DE MILLONARIOS/AS FILANTRÓPICAS?




 Xulia Mirón
En 1863 Eulate e Moredo exclamaba nun discurso leído na Universidade Central en Madrid, titulado Filantropía, Caridade, Beneficencia, o seguinte:
Filantropía, caridade! E aquí, Ilmo. Sr., dúas verbas de ben diversa significación: a filantropía, moeda falsa da caridade, auxiliar ao que padece, por inspiración natural, independentemente doutro sentimento; socorre ao pobre porque lle repugna, e é necesario afastalo para que non turbe os goces do filántropo”.

Nestes días estamos asistindo a unha polémica sobre a doazón por parte de Amancio Ortega de miles de millóns de euros á sanidade pública para renovar equipos oncolóxicos no estado español e non parecen que estás declaracións sexan politicamente correctas, e eu me pregunto porqué. Amancio Ortega non é único empresario de grandes emporios industriais que doan diñeiro, tamén Bill Gates, Warren Buffet, Sara Blakely ata Rockefeller.
Sociedade filantrópica, amor á humanidade
Etimolóxicamente a palabra filantropía deriva do grego-philos e ántropos- pode traducirse como “amor á humanidade”, parece un mal chiste que estas persoas sexan cualificadas de "filantropas" aquelas que ven como as súas fortunas aumentan pola explotación da clase traballadora, que deslocalizan empresas onde os salarios son mais baixos, onde a regulación dos dereitos laborais non existen, onde directamente nas súas fábricas traballan nenos/as menores de idade, con xornadas interminables, onde algúns centros de traballo convértense en “casas” onde habitan os e as traballadoras, comen, dormen, e insalubres para a saúde, onde non ten recoñecidos nin dereito á unha sanidade pública gratuíta, educación.....onde viven nunhas condicións como as descritas por F. Engels no seu libro, “A situación da clase obreira Inglesa”.
Estas organizacións introducen-se con “labores humanitarias” sempre pensando cal será o retorno da súa inversión, en zoas onde as súas decisións xeran fame e miseria, onde vive a clase obreira que eles mesmos explotan e converten en traballadores/as pobres. Estes proxectos de cooperación e desenvolvemento fano con empresas que en moitas ocasións son eles mesmos os accionistas ou inversores; total o negocio redondo. Alguén pode dicir que isto é un acto altruísta, ou mais ben é vender cara a sociedade que todos e todas somos xente, que non hai clases sociais, que pode existir un capitalismo con rostro humano. É pensar que os que se quedan co produto xerado pola clase obreira co seu traballo, devolvan o diñeiro de forma gratuíta. Alguén ten na súa mente que estas persoas amasar as súas riquezas é un factor de sorte que fai rico ao rico e pobre ao pobre.
En todos os países hai miles de organizacións filantrópicas, e nos últimos anos aumentaron chegando en EEUU a dobrar a cifra nos anos 90, que no 2012 xerou 316,000 millóns de dólares e 9,4 millóns de empregos. No estado español en 1995 existían mais de 250,000 organizacións con 11 millóns de persoas asociadas e un 1 millón de voluntarios/as, ademais de 475,000 empregos remunerados a tempo completo e uns gastos operativos que supuñan o 4% do PBI. De estas entidades non lucrativas, asociacións, fundacións, entidades relixiosas e caixas de aforros, as fundacións son as que mais claramente se encadran dentro da filantropía, reguladas xa no texto constitucional no artígo 34, onde define-as de “interese xeral”. En 2007 nun informe publicado por FUNCAS din que existen 2,500 fundacións activas que empregan a 86,000 asalariados/as, teñen unhas 45,000 persoas voluntarias, sendo as súas actividades mais frecuentes os servizos sociais, educación, investigación, cultura, deporte e ocio.
Da caridade á filantropía
No século XIX pola crisis económica que arrastraba dende o século pasado, quebra das industrias manufactureiras, a transformación dos sistemas agrarios e o crecemento demográfico (situación moi similar á de agora, cunha crisis económica moi forte) énchense as rúas de persoas pobres e mendigas, que son “auxiliadas” coa caridade das institucións relixiosas e seculares da Igrexa Católica; do mesmo xeito que hoxe temos os Bancos de Alimentos e a Cáritas facendo a mesma labor.
Cando se fala de Caridade non é gratuíto, se non pódese volver aos escritos históricos da época para comproba-lo; na metade do século XIX a composición da sociedade era diversa e abarcaba dende os pobres de solemnidade (o Dereito Civil recolle esta figura para aquelas persoas con dereito a ser chamadas oficialmente “pobres acreditadas”, e por elo susceptibles de percibir certos beneficios sociais), ata veuvas, anciáns, enfermos crónicos, orfos, cegos, etc., Hoxe á clase obreira que sofre desafiunzamentos, que se queda sen prestación do paro, non ten ningún ingreso para facer fronte aos gastos de luz, auga, alimentación, chamarlles pobres está mal visto, o mellor dito é “políticamente incorrecto”, por elo aparece un novo concepto de pobre, o “excluído social” e poñerlle apelido: enerxética, alimentaria...desta forma ao xogar co linguaxe parece que non estamos no século XIX, con inventarnos un novo eufemismo chega, pobre é pobre leve o apelido o non.
As persoas pobres eran tantas que as élites pretendían moralizar os beneficios de maneira positiva cara a elas, tomando unha actitude paternalista que en ningún caso pretende unha transformación radical da estrutura social, na que os pobre deixen de serlo, senón que acepte a súa existencia da mesma forma de cumprir co precepto cristián da caridade.
No estado español no século XIX, coexisten a caridade e a beneficencia. As Cortes de Cádiz aproba a Lei de Beneficencia de 1822 e, posteriormente, a de 1849 punto de partida da regulación das fundacións no Estado Español, (art 4.-Los establecementos de beneficencia son públicos y particulares...) a excepción dos que se costeen exclusivamente con fondos propios, doados o legados por particulares. O Estado somete a seu control os establecementos de beneficencia, a través das Xuntas Provinciais e Municipais da beneficencia, determinando que estes sexan públicos, como antecesor do actual Estado do Benestar. É o paso dunha caridade relixiosa, eclesial, pois ata ese momento foi protagonista por excelencia na atención as persoas pobres, a unha beneficencia laica (secularizada, estatal).
En 1861 Concepción Arenal obtén o premio da Real Academia das Ciencias Morales e Políticas pola súa obra A beneficencia, a filantropía e a caridade que define da seguinte forma moi expresiva e clara:
Filantropía é a compasión filosófica, que auxilia ao desdichado por amor á humanidade e á conciencia da súa dignidade e de seu dereito.”
Caridade é a compasión cristiá, que acude ao menesteroso por amor de Dios ao próximo.”
Ela foi moi crítica coa Lei de Beneficencia e seu Regulamento de 1852 centrando as súas críticas na pouca vontade política en materia de beneficencia, pola falta de imperativo na súa imposición deixando à vontade das Provincias a instalación de hospitais. Centralización excesiva cando os nados abandonados tiñan que ser levados à capital en carros como se de animais se tratara.
A finais do século, dous acontecementos históricos inflúen decisivamente na resposta pública ante os problemas sociais, a revolución industrial e con elo a aparición do movemento obreiro, o socialismo, partidos políticos onde a cuestión social convertese un asunto central deste século. Os debates sobre a distribución da riqueza e os dereitos de propiedade estaba instalada na sociedade sobre todo coa Revolución Rusa de 1917. A filantropía actuará como vía intermedia entre o reparto igualitario pero forzoso da riqueza entre as persoas da sociedade e a apropiación desta por quienes ten os medios de produción, e polo tanto a riqueza.
O concepto de filantropía está moi ligado ao xurdimento dunha nova clase social, a burguesía. Así polo seu carácter netamente liberal, séntense obrigadas a xustificar o seu ascenso social alcanzado a través da acumulación da riqueza. Para esta clase social é algo mais cun acto altruista destas organizacións, sacan mais beneficio que si pagaran os impostos que lles corresponde polos que obteñen da plusvalía que extraen da clase obreira. Así o fillo de Rockefeller, dixo nas súa memorias que “a tradición filantrópica da súa familia estaba baseada na consciencia de que ao ser bendicidos, era a súa obrigación devolver algo á sociedade”.
Filantropía e Estado
A existencia dunha relación directa entre o estado é a filantropía ven marcada por varios aspectos que ten o seu marco xurídico na Constitución de 1978, onde establece como un dereito dos cidadáns a posibilidade de formar fundacións con fines de interese social, en ligazón coa lei de 1849.
Isto ten un transfondo político, porque en moitas ocasións a filantropía desempeña funcións similares as do Estado de Benestar, máxime nun estado como o Español onde xamais foi cuberto ao 100%, e neste momentos minguado a pasos axigantados. A filantropía exerce a súa labor de suplir nas súas obrigas ao estado. Por iso os diferentes gobernos aproban leis para que estas podan evadir os impostos sendo atónica xeral. Por outro lado estas doazóns son deducibles no IRPF, de ata un 35%, polo que o Estado deixa de percibir millóns de euros para as súas arcas. (no ano 2005 foron 82,5 millóns de euros). Na reforma fiscal aprobada em novembro do 2015 polo goberno do PP beneficia claramente aos denominados “micromecenazgos” fixando unha dedución do 75% dos primeiros 150€ doados, e permite deducir ata un 40% da base de dedución as persoas xurídicas. Para a asociación de técnicos de Facenda, Gestha, mellorar a fiscalidade as doazóns é unha ferramenta para as grandes fortunas, que xa contan con atallos para pagar menos impostos, como as sociedades colectivas de inversión (SICAV), que tributan o 1% dos beneficios, que cada quen saque as súa conclusións.
Un fenómeno extendido nos países é a dotación de fondos públicos por parte dos estados a miles destas organizacións privadas, e aumenta nos países onde o Estado do Benestar é débil, como sucede nos EEUU o no estado español en aumento dende os anos 80. Estes Estados dan diñeiro ás persoas ricas e ás súas fundacións baixo fórmulas da “colaboración público-privadas”, e a outras como a igrexa católica, xa sexa para caridade, cooperación ao desenvolvemento, programas culturais, de investimento, etc.; tolo elo cos impostos da clase traballadora. En cada campaña da declaración da Renda, escoitamos o eslogan de Facenda “marca a casilla de fins sociais”, e así pagamos á burguesía por partida dobre, e ela fai filantropía e caridade con diñeiro público, un negocio redondo.
Ambas solucións, a estatal e a particular, non só buscan o aliviar as necesidades dunha sociedade pobre e atrasada, senón que tamén perseguen como obxectivo o control social.
Conclusións
Estamos ante un feito histórico, en pleno século XXI co mellor avance tecnolóxico na historia (nanotecnoloxía, transformar os alimentos, chegar á lúa...), e ao mesmo tempo xerar a maior pobreza, persoas sen comida, sen auga.... e outras persoas inmensamente ricas. Parece que estamos a vivir en plena Idade Media, cando case a metade da poboación de Europa morreu pola peste. Esa é a nosa realidade, dentro de algunhas decenas de anos tal vez algunha persoa lea isto e non de crédito ao que ve escrito. Cando falamos que neste momentos hai persoas multimillonarias que doan diñeiro de seus beneficios, para sanidade, cultura, pozos de auga, canalización de augas residuais......e un sen fin de cousas mais, estamos a falar claramente dunha cousa, de Caridade, por moito que o termo moderno de filantropía queira utilizarse para o diñeiro que os ricos e ricas doan.
Un sector da clase obreira, que ve como os recortes lles deixa sen sanidade, servizos sociais, educación, sen prestación do paro, sen comida, sofren “pobreza enerxética e alimentaria” non entende que haxa persoas que non esteamos dacordo con esta doazóns.
Estas doazóns penetran na sociedade, na súa conciencia, e asistimos con resignación, con medo, esta situación de paro, precariedade, baixos salarios, emigración, desafiuzamentos, etc....como normal, como esa frase que escoitamos tantas veces, “sempre haberá ricos e pobres”. Estas doazóns silencian e apaciguan a nosa rabia e indignación contra estas prácticas, esperando o pan caído do ceo, e non levantamos a nosas voces e nosos berros contra o que é a caridade da igrexa católica converteuse en filantropía. Basta xa de migallas, Basta xa de permitir ao estado de librarlle das súas obrigas de garantir ao conxunto da poboación á clase obreira o que por dereito lle pertence.
Basta xa de poñer “un pobre na mesa”. Lembremos o film de José Luis García Berlanga, en 1961 facendo parodia das campañas da Ditadura respecto os pobres, na que os ricos dunha pequena cidade, seguindo o eslogan “poña un pobre na súa mesa” do réxime franquista, invitan a un a cenar a súa casa polo Nadal, competindo polo mellor pobre. Ou os telemaratóns do Nadal, onde actrices, empresarios/as, futbolistas e demais habituais da prensa do corazón, realizan obras en pro dos mais necesitados.
O propio sistema capitalista, baseado nas relacións sociais da propiedade privada dos medios de produción e a explotación da clase traballadora, é a que expulsa á mendicidade á clase social non posuidora dos medios de produción. Polo tanto non son as persoas ricas coa súa filantropía, cando elas queren e onde elas queren, as que teñen que garantir a cultura, a vivenda, a sanidade, a educación , en fin todos isos dereitos recollidos na Carta Magna, que o Estado non garante.
Non queremos caridade queremos unha sociedade igualitaria onde non haxa explotadores/as e explotados/as, onde as riquezas que xera a humanidade sexa de todos e todas.

En Galicia no mes de xuño de 2017 







No hay comentarios:

Publicar un comentario