A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 4 de julio de 2017

SE ESTÁ A CONVERTE-LO SOCIAL-NEOKEYNESIANISMO NUNHA ALTERNATIVA Ó NEOLIBERALISMO DOMINANTE NA U.E.?

Carlos Dafonte
Toda unha serie de circunstancias que están a acontecer na UE, pode levar a pensar que o que chamamos xenericamente políticas socialdemócratas están a gañar peso nese espazo. Goberno do PS con apoio parlamentar da esquerda en Portugal e deseño doutra política ó marxe da dos recortes; avance importante do laborismo na Grande Bretaña liderado por Corbyn e perda da maioría absoluta dos conservadores o que vai mediatizar en certa medida as súas políticas e a negociación do “brexit”; reacción das bases do Psoe diante das eleccións primarias do partido e derrota do aparello do mesmo, das súas “vacas sagradas” partícipes da creación da actual UE oligárquica e neoliberal a ultranza e celebración do Congreso onde se pode dar un cambio de rumbo; ata a propia moción de censura ó goberno de Rajoy levada a cabo por Unidos Podemos, onde se puido escoitar, aínda que dun xeito moi incompleto, non se falou case nada da UE e o euro, nin de cal debe ser o novo marco laboral, nin de novas formas de xestión da sanidade e o ensino, propostas de política económica máis sociais que a proposta neoliberal do PP baseada nos recortes constantes contra @s traballador@s.
Todos estes elementos poden permitir pensar que nos atopamos no inicio, aínda moi afastado do presente, pero inicio ó fin e o cabo, dun cambio na correlación de forzas na UE que pode levar a poñer fin ás políticas neoliberais de recortes de todo tipo, de suba dos impostos regresivos, o ive por exemplo, a rescatar bancos e caixas e conceder amnistías fiscais para os máis poderosos. Se pode pensar que son xermolos de políticas socialdemócratas reconvertidas en neokeynesianas co grao de deturpación do primeiro dos conceptos.

Aínda que para saír da crise considero imprescindible avanzar cara a outro tipo de formación social non dominada polo capitalismo, onde non sexa o modo de produción hexemónico e que os gobernos fagan políticas en favor e ó servizo das maiorías, algo imposible no capitalismo decadente actual; e mentres non se consigan as condicións obxectivas necesarias para o cambio social, as reformas que permitan mellora-las condicións de vida d@s traballador@s asalariad@s, non as rexeitarei acusándoas de reformismo, pero sempre tentando que non se queden en iso, simples reformas revertibles segundo cambie a correlación de forzas, senón tentando entroncalas cun proxecto estratéxico máis amplo, que permita os cambios estruturais necesarios para que @s traballador@s sexan hexemónicos na sociedade.
Na UE segue dominando dun xeito claro o neoliberalismo; o neokeynesianismo atópase moi afastado de ser a visión económica dominante e non será así, ata que nos dous países centrais, Alemaña e Francia non se produza esta reversión e polo de agora no primeiro dos países os herdeiros da socialdemocracia non só pactaron a “grande coalición” e permiten a aplicación de políticas neoliberais no seu país, senón que as defenden para tod@s @s traballador@s na U.E.
Por outra parte, en Francia nas eleccións presidenciais e lexislativas celebradas hai pouco, os partidarios de determinadas reformas de carácter económico-social, non tiveron os resultados que fagan pensar nun cambio de tendencia. O PS en Francia sufriu unha derrota estrepitosa como resultado das políticas do goberno Hollande, pero tamén de Macrón, en tempos Ministro de Economía do goberno socialista e hoxe Presidente do país. Funcionan en Francia as “portas xiratorias”, un día podes ser un alto executivo dun banco de investimento, despois ministro cos socialistas e máis tarde presidente que di vai aplicar políticas ultraliberais. Pero tamén os votos recibidos por Macrón e o seu partido creado a golpe de talonario, nos indican a degradación da política e da ideoloxía que o neoliberalismo levou adiante nas nosas sociedades, onde vale máis o marqueting, a creación dunha imaxe e un discurso creado a partires das enquisas por parte de “grupos de expertos” que tanto valen para “un roto como para un descosido”, que ter asumido un programa de defensa das clases populares durante moitos anos; isto explica tamén a enorme abstención, máis do 50% nas lexislativas últimas.
O caso de Syriza en Grecia tamén pode servir de exemplo; un partido que se consideraba no ámbito europeo de esquerdas, socialdemócrata, que convoca a un pobo no seu enfrontamento cas políticas que emanaban da “troika”, é atacado pola maioría parlamentar europea, desde os que se autodefinen como socialistas ata a extrema dereita, por defender en principio os intereses da maioría afectada pola crise e non aceptar un programa de recortes que so beneficiaba ós bancos franceses e alemás; pero a segunda parte é aínda peor, pois non só traizoa o que o pobo expresou en referendo, senón que esa organización toma as medidas de castigo que a oligarquía e a “mafia financeira” da UE, lle impón o país.
E Portugal é un exemplo do oportunismo dos PS. Nas eleccións do 2015, despois de que o exprimeiro ministro entrara na cárcere, este partido presentou un programa dentro doscánones da política neoliberal; algúns comentaristas o cualificaron como o máis neoliberal da súa historia, con medidas como facilitar ós empresarios os despedimento dos traballadores, conxelación das pensións, desconto ós empresarios na Seguridade Social, etc. Após das eleccións o PS tiña dúas alternativas, deixar que a dereita gobernara e situarse nun segundo termo, ou formar cas organizacións situadas a súa esquerda, Bloco e Partido Comunista unha maioría parlamentar que permitise o goberno de Antonio Costa, partindo do coñecemento de que o seu programa neoliberal non ía ser levado a cabo por ser contrario ás necesidades d@s traballador@s. Escolleu a segunda opción e a pesares de todo, algunhas veces o goberno tivo, neste tempo, que recibir un correctivo da maioría parlamentar que o apoia como no caso de cando quixo compensa-los empresarios pola suba dos salarios cunha baixada na redución das cotas na SS ou ca esquerda como cando non quería abolir medidas impostas pola “troika” como a redución dos subsidios de desemprego, das indemnizacións por despedimento e do valor das horas extra. Non é, no caso de Portugal, que o PS teña xirado a esquerda, si leva a cabo algunhas medidas máis sociais e enfrontadas ó que establece a UE é pola razón de que hai unha minoría a súa esquerda que lle obriga e quere permanecer no goberno, pero o seu programa é tan neoliberal coma sempre e sumiso ó que mande a UE e Merkel. Por outra banda despois do acontecido en Grecia e do “brexit” en Grande Bretaña, a UE está mais disposta a transixir con determinadas políticas económicas senón quere ter máis “brexits” noutros países, amósase máis razoable; a oligarquía comprende que polo camiño anterior podía perde-la súa hexemonía global en Europa e ter que enfrontarse a un panorama político e económico máis desmembrado e moito máis difícil de controlar.
O caso de Grande Bretaña é distinto do portugués; fronte a un programa conservador ultraliberal, o programa laborista era un cúmulo de propostas propias da socialdemocracia de hai anos tentando redistribui-la riqueza creada, suba dos impostos para as grandes empresas e a minoría máis poderosa economicamente, nacionalización dos servizos de auga, correos, ferrocarrís e enerxía, construción de máis de medio millón de casas de proteccións social e investimento de máis de oito mil millóns de libras en saúde e ensino, entre outras. O líder laborista Corbyn tivo que loitar contra a grande maioría dos medios de comunicación hexemónicos que dixeron del barbaridades e sobre todo ca oposición de máis do 80% dos parlamentarios do seu partido e contra Tony Blair, o antigo líder laborista que converteu a este partido nun xestor de neoliberalismo, o mesmo que fixo Filipe González. Ata por primeira vez un alto cargo militar saíu para atacalo polo tema nuclear e dentro do seu partido ademais da posición hostil do grupo parlamentar, tamén, por ter unha posición crítica ca UE, acusárono de axudar ó trunfo do “brexit” e que facer fronte á dimisión ó completo do seu “gabinete na sombra”, pero nada o fixo retroceder contando ademais ca maioría dos militantes que saíron por decenas de miles ás rúas a amosarlle o seu apoio
O programa laborista convenceu a centos de miles de persoas novas, que ou non votaban ou o facían en branco ou votaban ó nacionalismo escocés e as veces ó UKIP, enfrontados a UE, e ó seguidismo dos EEUU e as súas guerras imperialistas. Corbyn venceu todos os obstáculos, mantivo o seu programa e acadou uns resultados que fixo calar ós seus opoñentes.
Este avance do laborismo tamén explica en certa medida o éxito no referendo para a saída da UE; moitos británicos atópanse fartos das medidas que pula este organismo supranacional e sobre todo @s traballador@s que son os que pagan as turbulencias propias do capitalismo e as burbullas das que a oligarquía durante anos se beneficiou. Será capaz Corbyn de manterse nesa liña agora que se converteu en alternativa ó goberno conservador?. Ou será coma sempre, que teñan dous programas, un para convencer ós electores e outro de goberno para facelo a favor dos poderes económicos?. Pero aínda nos podíamos facer outra pregunta; nas augas revoltas do Partido Laborista conseguirá Corbyn manterse a frote?
No estado español temos algúns datos que non permiten pensar que se esté a abrir camiños un programa reformista e menos socialdemócrata, que historicamente era unha alternativa ó capitalismo ó que había que poñer termo ou ben dun xeito reformista, Kautski, Berstein, Babel a traveso da loita institucional ou ben por medio dunha revolución, que combinara acción de masas, o principal, e en menor medida a loita nas institucións, Lenin, Rosa Louxemburgo, Trotski.
Na moción de censura presentada por Unidos Podemos, necesaria dado o grado de degradación que o Pp levou á acción política, non apareceu dun xeito nidio unha alternativa socialdemócrata, que formulase non só un cambio de goberno senón que tamén abrise unha perspectiva de cambio no modo de produción; toda a proposta quedou ancorada dentro da perspectiva do neokeynesianismo, reformas que están ben, rectificar políticas do Pp, non tanto as do Psoe, pero que non abren unha perspectiva de cambios estruturais, para elo hai que falar de socialismo e esa verba para Podemos parece se-la “bicha”. E iso acontece pola razón de que Unidos Podemos non fala desde unha perspectiva de clase, e polo tanto a loita de clases non se atopa na súa realidade social. É coherente co que pensan, e tampouco aproveitaran a tribuna que lles proporcionou a moción de censura para mandar unha mensaxe clara á sociedade, a necesidade da mobilización social como elemento fundamental para poder levar adiante os cambios necesarios. Esperaba, aínda que sen moita confianza, que a unión con IU servira para facerlle cambia-la perspectiva, pero vexo que esta alianza non deu os resultados esperados.
Pareceume ben a descrición da corrupción desde o século XIX e a utilización dos partidos do chamado “turnismo” para levala a cabo, e a necesidade hoxe da existencia de determinados partidos para “facer negocios”, o que converte á corrupción en estrutural. Sen o partido o negocio corrupto veríase moi limitado, o que non quere dicir que eliminando os partidos se poñería fin a corrupción, a ditadura franquista é unha mostra.
Por outra banda, paréceme preocupante a “man tendida” ó Psoe por parte de Unidos Podemos para expulsar ó Pp, sen condición algunha, do Goberno. Xa coñecemos que cando se poñen condicións os medios de comunicación hexemónicos, os seus comentaristas, atacan todo canto poda soar a implementar medidas distintas ás das políticas neoliberais; eles queren, no caso de que o Pp non poda gobernar, que o faga o Psoe cas políticas de sempre, o que no sistema bipartidista é a alternancia no goberno que deixaría de se-lo si se abrise paso unha alternativa. Sen condicións para botar a Rajoy, Unidos Podemos estaría iniciando o camiño para a súa conversión nunha forza irrelevante como alternativa a todo canto nestes anos estivo criticando. Do “abrazo do oso”, que é como cualifico os pactos co Psoe , deben coñecer moito IU e Bng que sempre que pactaron con ese partido proxectos de goberno, que os medios cualificaban de esquerda, recibiron máis tarde fortes correctivos dos seus votantes, pois para facer as políticas do Psoe non hai razón para seguir votando á “copia”. Caso distinto é o de Portugal onde ó PS se lle impón, polo de agora, unha creba co seu programa e determinadas medidas que a “troika” exixiu hai un tempo.
Outro acontecemento que poden esgrimir algúns e algunhas, é o Congreso do Psoe; “somos a esquerda” colocaron como lema central do evento, pero iso non deixa de ser só verbas, senón ven reforzado por políticas de esquerda; autoproclamarse de esquerdas e seguir cas mesmas políticas económicas, que debe ser un dos eidos onde se diferencian a esquerda de todas as demais opcións, é un “brindis ó sol” propio das organizacións para quen a acción política é un constante engano @s elector@s. E tampouco se é de esquerdas por querer eliminar a Rajoy do goberno e modificar algunha das politicas que o Pp levou adiante; serás de esquerdas si unha vez eliminado o Pp do goberno e da maioría das institucións se emprende un camiño de somete-los poderes que non se presentan ás eleccións pero mandan e se lles abre @s traballador@s a perspectiva, que se acadará máis tarde ou máis cedo, segundo a súa vontade o seu grao de loita e organización, de cambio e avance cara a unha perspectiva de poñer fin a explotación da forza de traballo como elemento fundamental da nova sociedade.
E hai un dato que para os que tiñan esperanzas de cambio no Psoe os debeu deixar xeados: o cambio de posicións respecto a sinatura do Tratado de Libre Comercio con Canadá, o denominado CETA. No Parlamento Europeo votaron si ó tratado, no Congreso do Psoe Pedro Sánchez dixo non, e agora despois da entrevista con Moscovici, votan en abstención para permitir a súa convalidación nas Cortes. Caso claro de sometemento ós intereses económicos espurios das grandes empresas transnacionais que se impoñen sobre os intereses d@s traballador@s. Non hai nada no CETA, nas súas 1800 páxinas, que permita dicir que vai beneficiar á poboación.
Polo tanto en Europa a alternancia doutras políticas cas políticas neoliberais aínda non é visible e vai tardar moito tempo, de seguir ca dinámica actual, en materializarse; e non digamos unha verdadeira alternativa ás mesmas. Para que fose posible, a clase obreira e @s traballador@s asalariad@s maioritariamente tiñan que constituírse en “clase para si” e nada indica que este proceso na UE se atope en marcha.
Polo tanto non creo que estes indicios que algúns consideran importantes, conduzan nin á alternancia; os que introducen nos seus programas elementos neokeynesianos non van rachar cas políticas neoliberais nin ca actual construción de Europa. Só cunha esquerda poderosa, o que significa a clase obreira organizada en partido, podería levar adiante outras políticas verdadeiramente transformadoras e iso non se atopa no horizonte político inmediato.
En Galicia no mes de xullo de 2017




No hay comentarios:

Publicar un comentario