A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 24 de julio de 2017

EN MAREA: A PARÁLISE COMO ELEMENTO DOMINANTE NA SÚA CONSTRUCIÓN


Carlos Dafonte

Como quedou claro en sucesivos procesos electorais, En Marea era un proxecto socialmente necesario a nivel electoral e pensábase eficaz como resposta e alternativa ó acontecido nos últimos anos en Galicia, desde “Nunca Máis”, pasando pola derrota de Fraga e o fracaso do goberno “do bipartito” formado por Psoe e Bng e a presenza de Alternativa Galega de Esquerdas. Acadou importante representación nas Cortes, segunda forza no Parlamento de Galicia, gobernos municipais en tres cidades sen maioría absoluta o que obriga a depender doutros partidos, e representación en moitos outros; podemos caracterizar os últimos anos da actividade política en Galicia como os da busca dunha alternativa ó Pp e as políticas impostas desde a UE e a Administración Central do Estado Español, que permita un desenvolvemento a todos os niveis das potencialidades do país; que comece a rachar co proceso de centralización e concentración capitalista; paliar na medida do posible os danos que para a clase significa o salvaxe proceso de acumulación imposto desde o estalido da crise e avanzar aínda que sexa dun xeito paseniño nun maior control por parte dos traballadores de aspectos esenciais da economía e da democracia burguesa, facéndoa máis participativa, abrindo novos canles de información, etc. @s elector@s tentan por medio de En Marea abrir unha etapa reformista que poña fin a tantos anos de agresión neoliberal; pouc@s penso eu, tentan con En Marea que esa etapa permita avanzar cara a obxectivos estratéxicos de maior calado.

Pois ben, teño a impresión de que o longo deste tempo, os obxectivos dos que hoxe configuran a En Marea redúcense a unha loita interna para asegura-lo dominio sobre ese magma que polo de agora só ten un nome; se tenta o control do xermolo da organización e os excluídos, non son capaces de presentar un proxecto coherente que ilusione a milleiros de votantes e se comece a discutir tanto no interior como na sociedade de proxectos e non de persoas e organizacións que deben ter presenza en determinados órganos, aínda que para construír un movemento político social sexan importantes. Esta actitude me leva a pensar que non se ten cavilado moito por parte dos compoñentes de En Marea respecto as necesidades dos milleiros de votantes e unha vez máis, despois do 15 de xullo, En Marea aparece de novo como un proxecto que non da crecido, e para moit@s en algo xa morto antes de nacer.
Villares que tivo moito interese en ser “todo” dentro en En Marea, aparece como un frautista de Hammelin que está a levar á organización que considera dirixir, cara ó precipicio e non foi capaz aínda, xunto co resto da dirección que o apoia, de dotar a En Marea do Proxecto, o Programa e o Discurso capaz de aglutinar á heteroxeneidade que a compón. Un movemento político e social, só se constrúe desde o consenso e tentar logralo, é poñer en práctica unha actitude aberta, de discusión interna sobre o Proxecto e o Programa; non é facer propostas públicas de integración, que non acadan máis aló que repartir postos a ocupar nos órganos de dirección; propostas públicas que moitas veces son atrancos que non permiten avanzar e amosan a incapacidade de quen as fai para entende-lo papel que debe xogar.
E non entender trae consigo que as forzas centrífugas que en todo proxecto deste tipo existen, aparezan como portadores de outros proxectos; neste caso a construción en Galicia de unha especie de Unidos Podemos, reflexo do existente a nivel de Estado ou rachar coa idea da posibilidade de unir esquerda nacionalista e internacionalista, para converter a En Marea nunha nova organización nacionalista que máis tarde ou máis cedo, acabará por engrosa-las fileiras do Bng.
Calquera dos dous proxectos non aportan nada que consiga superar ó pasado. Un Unidos Podemos á galega non superará o acadado por AGE, en Galicia; sen o compoñente que Beiras e Anova representan nunca será alternativa; e agranda-lo espazo BNG para xogar a ser unha especie de PNV “conseguidor” en Galicia non será posible pois aquí, ó contrario do País Vasco, o PP é un partido forte e goberne en Madrid ou se atope na oposición, sempre estará no xogo do bipartidismo que é a situación que lle convén á oligarquía.
Polo tanto a militancia de En Marea, xa que os cumios da organización non se poñen de acordo, debe facer un esforzo, toma-la iniciativa política para devolverlles á realidade, que non é outra que as necesidades do pobo traballador galego nesta situación que se ten catalogado con razón de “emerxencia social”. Aínda se está a tempo de recuperar En Marea para as clases explotadas, pero uns meses máis no proceso actual, acabara con esta organización como instrumento propicio para o cambio na Galicia.


En Galicia no mes de xullo de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario