A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 3 de junio de 2017

AS PRIMARIAS SOCIALISTAS PARTE DA SÚA CRISE E OS INTENTOS POR RECONSTRUÍ-LO PARTIDO


Carlos Dafonte.

Fagamos un recordatorio dalgunhas das cuestión que aconteceron non hai moito tempo. A crise económica mundial como parte da crise sistémica, e no estado español do réxime, un rei tivo que marcharse, destapou as vergoñas do tinglado montado a redor da Constitución de 1978, e creou as condicións para que na conciencia de moit@s habitantes do estado quedaran marcadas a fogo dúas consignas, repetidas por enriba das demais nos “días da acción”, cando nas prazas das cidades, pobos e vilas iniciouse un debate que aínda dura, pero agora xa controlado e edulcolorado polos medios de comunicación hexemónicos, dos que son propietarios as grandes empresas transnacionais; estas consignas eran “Parece democracia e non o é” e “Non nos representan”; as dúas en versións como a que escribo ou parecidas, pero en calquera caso traslucindo unha clara creba do consenso tanto social como institucional o que facía concibir que se estaba a abrir camiño un novo xeito de facer política.

Dentro da crise do réxime, a crise no Psoe ten causas endóxenas e esóxena. Xérase no seu interior desde o momento en que Rodriguez Zapatero derrota a Bono e se proclama secretario xeral, consegue gaña-las eleccións no 2004 e no 2008 e son verbas dun dos dirixentes de hai anos, algunha das posicións de Rodriguez Zapatero como son unha nova lectura da transición e a lei da memoria histórica, a Alianza de Civilizacións, o apoio á creación dun novo grupo comunicacional que competira con Prisa que sempre, máis que apoiar ó Psoe impúñalles determinadas políticas; o debate sobre o laicismo aínda que nesa época fora cando máis cartos recibiu a Igrexia, e un novo concepto do estado español nun senso federal, etc, todas estas cuestións e algunhas outras, fíxolles considerar á vella garda socialista, os que medraran co “felipismo” e repito, as verbas non son miñas, que “lles estaban a rouba-lo partido”. Un membro deste grupo chegou a afirmar con rotundidade na “terceira” do ABC, “que nos devolvan o partido”.
Rodriguez Zapatero cando estaba a meados da súa segunda lexislatura atopábase moi queimado, na sociedade e no interior da organización, pois tiña cabreados a quen se consideraban “gardáns das esencias do partido” e o “non os defraudarei”, para moit@s dos seus votantes fora un auténtico fraude, conxelacións salariais, rebaixa das pensións, perda do poder adquisitivo, submisión á Merkel e a troika e as súas políticas de recortes, reforma laboral do ano 2010 e a modificación do artigo 135 da Constitución o converteran nun lastre para a organización. A “operación rescate” tivo como mascarón de proa a Rubalcaba, que meses antes dos comicios electorais, dimitiu dos seus cargos no goberno para presentarse como candidato á Presidencia do Goberno en novembro do 2011, onde a súa organización recolleu a peor colleita de votos e escanos desde o comezo da transición.
Após desta derrota, aínda a dinámica bipartidista seguía a estar presente, o turnismo dos dous grandes partidos seguía a funcionar, o PP facendo un populismo noxento, e a verba populismo que ten moitas acepcións e neste caso utilizo a que lle gusta utilizar á dereita conservadora española, “solucións simplistas para problemas complexos”, conseguiu a maioría absoluta con razoamentos populistas do tipo: como o problema da economía española é un problema de confianza dos mercados, da UE e de todo o entramado capitalista, a chegada de Rajoy á Presidencia do Goberno vai permitir restaurar a confianza nas institucións, nas medidas a tomar, etc.
Pois ben, despois de gañar o Pp, a prima de risco subiu a 600, nunca estivera tan elevada e tivemos que ser rescatados e houbo novos recortes para os traballadores e tomáronse medidas autoritarias moi importantes como foron as relativas á modificación do Codigo Penal e a Lei coñecida como “lei mordaza”.
Para o Psoe esta derrota situouno na realidade, pero a “vella garda”, o ano seguinte nomea ó derrotado candidato á Presidencia do Goberno, Secretario Xeral, parecía que non entenderan o que estaba a pasar na sociedade e polo xeito en que a dereita conservadora e social aplaudiu a posición de Rubalcaba e o seu partido nos críticos momentos da dimisión do rei Juan Carlos, estaban claras as razóns da súa elección: que dentro do partido se vivira este “trance” sen ningún tipo de friccións, acontecemento que estaba programado con certo tempo; os malos resultados nas europeas o levan a dimitir sendo aclamado no Congreso de xullo como novo Secretario Xeral Pedro Sánchez, que con anterioridade vencera nunha consulta ás bases da organización; parece que a partires dese momento este xeito de elixir ó secretari@ xeral, se vai institucionalizar, elemento organizativo pulado polo movemento 15-M e que me parece introduce en quen practica este método, elementos que poñen por enriba do programa as cuestións personais, a fotoxenia, e a simplificación excesiva do programa; as veces non pasan de ser unhas poucas consignas e nunca acompañadas dun argumentario profundo, que na miña opinión é o que a militancia e os non militantes necesitan coñecer.
Os anos de maioría absoluta do Pp e a crise programática, electoral e de liderado do Psoe, levaron a que nas seguintes eleccións se rompera o bipartidismo; os dous partidos do réxime baixaron considerablemente en número de votos, novos actores políticos apareceron en escena e quebrouse o turnismo, xa non lle era posible gobernar ó maioritario ca anuencia do perdedor. Ata estas eleccións, ano 2015, unhas veces gobernaba o que denominaban centro dereita e outras o centro esquerda ou a esquerda, segundo as necesidades do réxime, pero os dous neoliberais, imperialistas, sumisos á construción da actual UE inimiga d@s traballador@s e o servizo dos intereses hexemónicos da oligarquía, que non son máis que dúas dereitas, unha conservadora e outra con certos matices progresistas en determinadas cuestións sociais. A creba do bipartidismo levou a repetir eleccións, o Psoe seguiu afondando na súa queda e o Pp, a pesares de perder máis de 5 millóns de votos e 60 deputados, curou as súas feridas repetindo o estribillo de “eu gañei”, a pesares de que o 70% da sociedade non o votou. O mesmo aconteceu nas segundas eleccións dese período de inestabilidade, onde o Pp recuperou algúns votos e o Psoe seguiu retrocedendo. No período interelectoral, Sánchez amosouse como un home que non tiña claro o que quería, dubitativo, obsesionado con Podemos a quen tentou obrigarlle a acepta-la “trágala” do pacto con Ciudadanos, e ante a negativa, acusa á “organización podemita” de permitir que gobernase Rajoy e máis tarde o quere como aliado, cando se pecha no “non é non” a un goberno do Pp, que desborda toda capacidade de resistencia da “vella garda” que xunto cos baróns territoriais o obrigan a dimitir ca triquiñuela das dimisións dunha parte da Comisión Executiva. A historia agora é máis coñecida, creación da xestora, eleccións primarias, o aparato, a xestora incluída, e a “vella garda”, moit@s son os que utilizan as “portas xiratorias” que os levan á empresa privada como premio á políticas que beneficiaron a determinadas empresas cando ocupaban cargos de poder, a favor de Susana Díaz e vitoria dun renacido Pedro Sánchez a quen a militancia non acusa de ser o responsable da perda de votos e escanos e que votando a súa candidatura amosa un rexeite a que o Psoe sega en certa medida en mans do “felipismo” e dos “baróns” e onde a militancia apenas conta.
Tamén hai un problema xeracional que Borrell concretou en “como non vamos a mirar para Podemos se aí se atopan os nosos netos e os nosos fillos”. Nestas eleccións supoño que para moit@s militantes socialistas o que se estaba a xogar era entre volver ó pasado ou o futuro, incerto, pero onde eles foran os actores, e nesa disxuntiva votaron.
Pero as primarias deixaron claramente en evidencia a crise do partido; alguén se cre as verbas do día seguinte que chamaban á unidade, a concordia e a ir tod@s detrás do secretario xeral? Xente non moi representativa polo de agora, como Corcuera ou Rodriguez Ibarra, abandonan o barco e o segundo fala de crear outra estrutura partidaria. De cara ó Congreso próximo, as bases de Sánchez nalgunhas federacións copan todos os postos para delegados. Se van facer presentes no Congreso as “figuras carismáticas” como González, Bono, Zapatero, etc, e expoñerse a unha pitada?. Vai ser só o Congreso dos sanchistas?. O que para min é máis importante, a derrota dos derrotados vai permitir que no Psoe se abra paso outra política, digamos socialdemócrata? Quedaría moi sorprendido se así fora, dubido moito que detrás da loita pola secretaría xeral haxa un proxecto programático distinto ó levado a cabo polo partido en todos os anos de goberno e de oposición; pero a vitoria de Sánchez tamén é a derrota do aparato e dos máis comprometidos cos poderes económicos, polo que poden aumenta-la presión sobre Sánchez por parte dos medios hexemónicos. Sánchez como afirmei máis arriba, é un dirixente sen unhas ideas firmes e iso en momentos de crise é o que menos necesitan os mercados e os grupos económicos, necesitan certezas, coñecer en cada momento, diante de cada situación, cara a onde o novo secretario xeral vai leva-lo partido. Pero para seguir xogando o papel que ten xogado ata o 2011, o Psoe debe formularse tres obxectivos, moitas veces contraditorios. Ademais de dar confianza ó poder económico, ten que recuperar millóns de votos e decenas de escanos nas Cortes que marcharon cara a Unidos Podemos e en menor cuantía a Ciudadanos, o que non vai permitir ese tipo de política que os poderes económicos desexan; se dis defender @s traballador@s non podes defender ós poderosos; e en terceiro lugar, asenta-lo réxime que esta a sufrir unha crise fonda pr varias razóns, polo xeito como se está a trata-la situación de crise, como afecta @s asalariad@s e o descubrimento por parte da maioría deles que o estado actúa, e sobre todo se fai patente en tempos de crise, ó servizo dos máis poderosos e toma medidas para rescatalos da crise pero deixando á maioría da sociedade nunha situación máis deteriorada a todos os niveis que antes de iniciarse. Ademais asenta-lo réxime é asentar un dos seus rasgos máis característicos, a corrupción a todos os niveis e non modificar a Constitución que como se constata co tema por exemplo da xustiza, ten moito que ser modificado.
Polo tanto as primarias e o próximo Congreso non van pechar a crise aberta no partido de Sánchez, que seguirá a facer un discurso dual, un para os votantes que o abandonaron e outro, que é o real, que non se fará público pero que se concretará en toda unha serie de pactos co Pp que satisfará ós grupos do poder económico.

En Galicia no mes de Xuño de 2017


No hay comentarios:

Publicar un comentario