A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 23 de mayo de 2017

ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS SOBRE O FASCISMO E O NAZISMO



Carlos Dafonte

Ó artigo que escribín analizando as eleccións presidenciais en Francia, fíxoselle un comentario, ó que tentarei dar resposta, agradecendo a quen o formulou, porque entendo que sería moi importante que o blog servira para dialogar, intercambiar opinións, debater sobre temas como o do fascismo e o nazismo que saen moito nos medios de comunicación na actualidade, desde unha perspectiva manipuladora as veces, para trabucar e non tanto para defender á sociedade e sobre todo @s traballador@s que son @s que o sufrirían de necesita-lo capital dun réxime deste tipo para manter a súa hexemonía, e se atopen alerta para ser capaces de combater estas tendencias segundo vaian aparecendo na sociedade.

Desde o meu punto de vista hai unha cuestión fundamental que non debemos esquecer nunca, que o fascismo, nazismo e franquismo cas súas características propias, actúan, son financiados e se manteñen no poder e toman as medidas que tomaron, para defender a determinados sectores da burguesía, a oligarquía, os grande emporios industriais, terratenentes, etc, asustados polo trunfo da revolución soviética en Rusia e a fortaleza do movemento obreiro nos seus países; dos partidos socialistas se var separar despois da traizón da II Internacional aceptando e votando xunto cas burguesías respectivas levar ós traballadores á masacre da I Guerra Mundial, os sectores revolucionarios do mesmo que constituíron a partires dos anos vinte os Partidos Comunistas. Sectores revolucionarios que chamaran en pleno proceso da Guerra Mundial a converter a loita entre traballadores de diferentes países, en loita civil contra as respectivas burguesías.  
Son movementos que non se poden estudar ó marxe da loita de clases, como algo alleo ás mesmas e as loitas que entre elas se producen, sobre todo entre as que son antagónicas, a burguesía e o proletariado.
En segundo lugar que os movementos ós que chamaremos xenericamente “fascistas”, trunfan en países que na cadea imperialista son uns “elos febles”, non tanto polas circunstancias económicas, Alemaña era unha potencia de primeiro orde, senón por ter un desenvolvemento histórico no que nos casos como Alemaña e Italia a unidade nun só estado foi moi serodia, non se producira unha revolución agrícola nin unha revolución burguesa o que vai lastrar o propio desenvolvemento do sistema capitalista nestes países, e no caso de Italia, a dinastía dos Savoia que consigue a unidade nun só país, actuou como  un axente do capital francés e británico. Poulantzas afirma que eran “elos febles”, por causa dunha acumulación de contradicións, por exemplo en Alemaña, as modificacións nun senso democrático-burgués foron levadas a cabo ca hexemonía dos grandes terratenentes, os “junkers” e en Italia, baixo alianza dos industriais do norte cos terratenentes do sur, o que dificultou a transición cara ó capitalismo monopólico.
En terceiro lugar, tanto el fascismo como el nazismo son amplos movementos de masas, que se producen en situacións moi críticas para os respectivos países onde se xeran; Alemaña derrotada despois da I Guerra Mundial sofre, por enriba do que pensaba o presidente dos USA Wilson, as duras condicións que se lle exixen nos tratados de paz. Millóns de individuos, pequenos propietarios e rendistas, pequenos empresarios todos arruinados, que cando a partires de 1925 comezaban a saír da crise provocada pola guerra, se ven de novo envoltos pola crise capitalista a partires do ano 29, cas súas secuelas coñecidas de paro, exaltación do nacionalismo belicista, avance importante dos partidos obreiros tanto a nivel organizativo como electoral o que leva a emporios industriais como Tyssen, Krupp, Konzern Stinnes, I.G.Farben...os terratenentes, os “junkers”, a financiar a Hitler e o Partido Nacional Socialista que grazas a esa axuda é capaz de crear un verdadeiro exército, as SA, formado pola pequena burguesía, traballadores desclasados, lumpenproletariado e todo tipo de oportunistas, que se vai converter nun grande movemento de masas; é froito pois das contradicións internas entre as diferentes clases e as fraccións de clase dominantes: había unha incapacidade para impoñer a súa dirección na sociedade. O fascismo é unha reorganización do poder para lograr esa hexemonía, que ademais conta ca complicidade de numerosos xuíces, tribunais e sectores da policía e o exército así como os partidos de extrema dereita, que ou ben os axudan ou miran para outro lado cando asasinan, dan malleiras á xente de esquerdas, destrúen sedes de sindicatos e partidos, non permiten votar onde non van ter votos, ou asasinan ós candidatos que lle son adversos, ata converterse tamén nunha grande forza electoral. Pero non debemos aceptar o argumento débil politicamente de que Hitler chegou ó poder pola razón de que gañaba as eleccións, non o facía dun xeito limpo, non era así; gañaba por estar mellor financiado que os demais e polo terror que producían en moitos sectores dos votantes e a violencia que empregaban contra os seus adversarios.
O papel da pequena burguesía é moi importante na chegada do fascismo ó poder, corresponde a unha situación de crise económica desta clase que xera unha crise política que conduce ó fascismo, cuxo papel histórico consiste en establecer unha alianza entre esta e o capital monopolista.

As súas raíces ideolóxicas
Non estou moi de acordo con Alberto Garzón cando expón, nun artigo sobre as eleccións francesas e os procesos de avance da extrema dereita en Europa, que o fascismo nacera en Italia e despois se exportara e readaptara a Alemaña e España; no caso español seguro que foi así, pero no caso alemán, os compoñentes ideolóxicos do nazismo funden as súas raíces na propia filosofía alemá do século XIX como estudou Rohan Butler no seu libro “As raíces ideolóxicas do nacional-socialismo” en que demostra que “esa concepción brota dun conxunto de ideas moi audaces ligadas intimamente en case todas as etapas do desenvolvemento nos últimos sesenta anos, á evolución política e social da nación” . E fai unha listaxe dos conceptos esgrimidos polo nazismo: 1) o ideal do heroico xefe, que xa esta en Fichte, Spengler, Nietzsche, Lasalle, Rodbertus e Hegel; 2) o mito racial presente en Spengler y Chamberlain que aínda que non era alemá era moi leido no país, Dühring e Wagner; 3) o antisemitismo, enunciado por Dühring; 4) o estado totalitario, formulado por Schelling a principios do século XIX; 5) a elite como casta gobernante, enunciada por todos os autores do romanticismo; 6) a comunidade do pobo, formulada por Herder; 7) a autarquía económica en Fichte; 8) a idea de lograr un socialismo nacional alemá, en Spengler, Rathenau e antes en Dühring, Lasallle e Fichte; 9) o militarismo, por Moltke, Ranke e Clausewits; 10) a crencia de que a cultura alemá fora creada por unha dinámica orixinal, presente en Ranke, Fichte, os literatos románticos e Spengler; 1l) a idea do espazo vital, que se atopa en economistas e xeógrafos como Ratzel e List; 12) o culto do panxermanismo en Grimm; 13) a idea da humillación do individuo diante do Estado que comeza en Hegel, segue con Novalis e entronca con Spengler; e por último 14) a idea do dereito como Dereito do Pobo sacada da escola histórica cuxo pensador máis importante foi Savigny.

No caso de Italia as ideas fundamentais que se atopan no fascismo, proveñen de varias correntes do pensamento como son as ideas nacionalistas que representaba a principios de século a Asociación Nacionalista Italiana, claramente imperialista, entre cuxos pensadores destaca Corradini, Coppola, Rocco e Papini e a idea de que Italia a pesares de ser aliada dos vencedores, foi burlada por Francia e Grande Bretaña e non sacara da vitoria e do seu sacrificio en vidas humanas, máis de 600.000 mortos, a “tallada” que lle correspondía.
Asociación que ten o seu xermolo na derrota do primeiro imperialismo en 1896 en Adua e o afán de desquite que moitos dos seus pensadores formularán nas súas obras e nas súas revistas. Corradini afirmará que só tiña unha idea, “ensinar a Italia o valor da loita internacional” do mesmo xeito  “que o socialismo ensinaba ó proletariado o da loita de clases”. Pero tamén que debía se-lo nacionalismo “unha reacción contra ó socialismo”. Exaltaba todo o relacionado ca cuestión militar, desexaba un estado forte e unha política internacional de culto ó antigo imperio romano.
Por outra parte Rocco formulou a necesidade de crear un estado corporativo no que se integrara o capital e o traballo, como alternativa ó estado liberal e á democracia parlamentaria.

Unha segunda corrente da que se nutre o fascismo é o sindicalismo; os irmáns De Ambris terán un importante papel na Unione Sindicale Italiana (USI), e o socialismo ligados a pensadores como Sorel, Péguy e Lagardelle. Non hai que esquecer que o propio Mussolini en determinados momentos estivo na á esquerda do Partido Socialista, un sector revolucionario, e foi director do seu periódico, Avanti! e que cando foi relevado do seu posto por ser claramente partidario de entrar na I Guerra Mundial a favor da Entente, deixando ver que as súas ideas esquerdistas non estaban moi asentadas, non eran máis que oportunismo, pois axiña buscou o apoio do grupo industrial máis importante de Italia o Ansaldo, dominado polos irmáns Perrone, para que lle financiaron o seu periódico “Il Popolo d’Italia” que aparece por primeira vez en novembro de 1914 e o seguirá financiando durante moito tempo. Tamén o fascismo se inspirou noutra organización obreira, a Unión Italiana do Lavoro, que foi unha escisión da USI que despois da guerra foi configurando a súa idea sobre “o socialismo dos produtores” moi unido á de “socialismo nacional” .

Unha terceira, entronca ca crítica que se fai á etapa do Risorgimento formulada por Oriani e outros autores, cuxas obras completas prologará o propio Mussolini cando xa se atope no poder, no senso de ser unha revolución inacabada, neste senso é importante estudar a obra de Gramsci sobre este período, da que brotou unha Italia artificial e burguesa oposta “o pobo”; en Oriani este concepto, segundo Robert Paris, “era unha categoría ética e ideal, esencialmente ahistórica, sen contido efectivo. Era este pobo do que procedería a “democracia fascista” e ó que Mussolini invitou ó longo de todo o “ventennio” a que fose a aclamarlle e darlle a razón baixo o seu balcón do “Pazo Venezia”.
Tamén o pensamento fascista débelle moito a poetas como Páscoli, nacionalista, partidario do “imperialismo dos pobres” que chamaba a Italia nun dos seus versos “a grande proletaria” que se unirá ós defensores do “socialismo nacional” e ós “nacionalistas” para configurar o concepto da “alma de Italia” acuñado por Mussolini. Tamén outro poeta  D’Annuncio, contribuíu cos seus versos e a súa propia vida a construír esa “alma de Italia”, pero sobre todo a imaxe do lider carismático amado e admirado polo pobo, papel que desde o primeiro momento vai tentar xogar Mussolini.
E por último está a corrente literaria e política “futurista”, a creación con posterioridade do partido do mesmo nome, o papel do poeta Marinetti, a súa concepción imperialista e da violencia como “a única hixiene do mundo”, a súa presencia no primeiro “fascio” constituído en Milan e a integración con posterioridade no Partido Nacional Fascista.
E por enriba de todas estas correntes que nutren ó fascismo, se atopa a figura de Gentile, ó que se lle pode designar como o pensador do fascismo, o que consideraba a loita de clases, as loitas sindicais, a mesma existencia dos sindicatos como indicio da descomposición do corpo social que o poder debe combater posto que son contra natura ( constitúen unha negación do desexo universal e do desexo individual). Todos estes elementos segundo Gentile, conducen “a guerra de todos contra todos”. Unicamente a corporación fascista integra ó Estado, a sociedade civil que é a súa materia e compón en unha unidade sistemática y espiritual os momentos necesarios da división do traballo.

Características e obxectivos
O que hai que ter claro e diferenciar é entre as propostas digamos en conciencia, destes partidos e as que facían para recoller votos de diferentes sectores sociais, moitas veces contraditorias cas anteriores.
Toda esta complexa xestación dos partidos fascistas e nazis, moi asentados no medio nos que nacen, teñen nembargantes toda unha serie de características e obxectivos que lles son comúns a todos eles e que Carlos Rama na súa obra “A ideoloxía fascista” resume  nos seguintes puntos: 1) Baséanse nunha ideoloxía irracionalista e anti-intelectualista; 2) a demagoxia política; 3) o ultranacionalismo e o belicismo; 4) apelación á violencia sistemática; 5) concepción totalitaria do estado; 6) acción eficazmente procapitalista e ultra-reaccionaria 7) destrución do movemento obreiro e social de esquerdas.
Facer hoxe a afirmación de que determinados partidos da ultradereita de Holanda, Austria e Francia son o fascismo, paréceme precipitado e pode conducir á fábula do pastor e o rebaño, que tanto alertou da chegada do lobo que cando verdadeiramente veu, ninguén lle fixo caso; pero hai que estar atento para combater todo intento, como esta a acontecer no estado español, de construír por parte do Pp e o seu monaguillo, o C’s, unha democracia sen dereitos, sociais e políticos, onde se reduza a liberdade de expresión e manifestación a límites inaceptables, e o goberno, e no caso da xustiza é moi preocupante, non respecte nin a separación de poderes propios da democracia burguesa, e onde por medios menos directos que os utilizados polo fascismo, pero igualmente reprobables, se intente, como escribía Manolo Monereo nun artigo de hai pouco tempo, “la desintegración do movemento obreiro como suxeito politico-social”. E tampouco o esquezamos, nesta circunstancia, no Psoe, sectores do mesmo que permiten ca súa influenza dentro do partido que Rajoy leve adiante desde o goberno o seu proxecto oligárquico, falan da necesidade dunha “grande coalición” formada polos integrantes do “bipartidismo”.
Cal é o contido de expresións como “novo fascismo” para os que utilizan estas verbas para cualificar así a determinados partidos de Holanda, Francia e Austria? Cales son os elementos constitutivos do mesmo? Só falan de dous, a xenofobia e o racismo, pero tal precariedade no análise non me parece aceptable. Mussolini non era racista, era imperialista e si tomou medidas contra os xudeus foi obrigado polo seu poderoso aliado, Alemaña.
Tamén os acontecementos de Chile no ano 73, o golpe militar encabezado polos xerais e militares felóns, se lle denominou fascismo, cando non era máis que unha ditadura militar, o recurso da oligarquía financeira cando ve agredida a súa hexemonía por sectores do movemento obreiro e da pequena burguesía e non pode derrotalos por medio dun movemento de carácter nazi ou fascista; o mesmo que aconteceu no estado español en tempos da II República; como o movemento de tipo fascista, a Falanxe e as JONS non foron capaces de acada-lo poder, a oligarquía financeiro terratenente lanzou a un sector maioritario do exército contra o pobo e fundamentalmente contra o movemento obreiro. Aínda que os obxectivos e resultados dun réxime militar ou dun fascista sexan moi parecidos, o proceso de dominación é distinto. A dominación e hexemonía dos militares impón a “disciplina cuartelera” á sociedade, os réximes fascistas por ser amplos movementos de masas penetran máis na sociedade e os seus rescoldos son máis difíciles de eliminar; o franquismo foi unha mestura, por iso aínda segue existindo en sectores da sociedade, mentres que nas antigas ditaduras latinoamericanas o “pinochetismo” ou o “videlismo” non existen, existe o que se coñece como o “partido militar” e no caso de Arxentina a maioría dos militares golpistas foron xulgados e encarcerados e Pinochet perdeu o referendo que lle permitiría seguir no poder. En ámbolos dous casos a práctica económica foi neoliberal e o obxectivo primordial foi a eliminación física da vangarda obreira e militante.
Desde o meu punto de vista o “novo fascismo”, que vai tentar cumpli-los obxectivos políticos e económicos do outro fascismo, non vai ter unha simboloxía  recoñecible, camisas de colores determinados, nin moitas marchas e himnos patrióticos, nin cecais sexa racista, aínda que o pode ser, pero tentará destruí-lo movemento obreiro, construirá unha “democracia” corrompida sen dereitos, economicamente se baseará na defensa do capitalismo e no neoliberalismo, o estado xa non será corporativo, tentará destruí-lo e ficará reducido ós órganos de coerción, que actuarán sistematicamente contra a poboación e  será ultranacionalista e imperialista; e os partidos que o sustenten fundamentalmente, como nos anos vinte ou trinta do século pasado, se nutrirán de sectores da pequena burguesía, un compoñente do que agora se chaman “clases medias”.
Polo tanto sempre hai que estar atentos, pero sobre todo nos tempos de crise sistémica como o actual, á aparición dos síntomas do autoritarismo, latentes no noso país, limiar de algo que pode ser máis grave, e poñer da nosa parte ideas e organización para ser capaces de derrotalo; de non ser así, teremos avanzado moito para que o que algúns denominan “novo fascismo”, penetre na sociedade.

En Galicia no mes de maio de 2017.

3 comentarios:

  1. agradezco enormemente que mi petición sa atendida.
    este artigo sobre o fascismo e o nacismo gustame porque introduce un tema que a amioria das persoas que falan sobre uns e outros esquecen esa parte que cada país e cada pobo ten de raíces culturais e formación na súa construcción. Algunha vez alguen comentoume que no estado español non ten moitos filososfos e alemanía moitos.
    Sigo comentando o artígo, na introducción fas unha mencion da mala información polos medios de comunicación a drede sobre confundir o fascismo e o nacismo e iso é importante para como enfrontarlo....
    Dis que son movementos, nun principio non entendia porque os chamas así, ata que les o final do artígo e fas unha definición sobre a diferencia entre dictaduras militares e o fascimso o nacismo, que penetran na sociedade.....crea raíces no pobo...
    Me parece que facer mención das fontes donde bebieron estos movementos é unha idea moi boa, sobre todo para aquelas persoas que leen o artígo poden ir a estos filosofos e escritores e comprobar a veracidad do feitos. Sobre todo nesta época de superfialidad das palabras.

    No punto cando falas dos partidos ultraderechistas en europa e fas unha explicación como exemplo ao estado español, ahi creo que queda pouco explicada a súa política..
    como sempre gostame leer teus artígos e para que continues con este blog animote a escribir un artígo sobre as políticas economicas e socias propostas por esos "novos fascismo"......porque si bien desmenuzas en nove pontos o que vai intentar gostaríame que desmenuzaras por o miudo....porque intentará destruir o movemento obreiro, porque que non ten unha simoloxia, porque defenden o capitalismo....o neoliberalismo.......

    un saúdo

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Sobre o fascismo no estado español, había que mirar a formación de catro dos seus elementos máis destacados, Gimenez Caballero, conocido intelectual sobre o que exerceu un grande predicamento Ortega e Gasset, Ledesma Ramos que tamén sentiu grande admiración polo filósofo o mesmo que José Antonio Primo de Rivera; os tres destacan ó filósofo burgués como o seu faro intelectual. Podemos polo tanto cualificar a Ortega como "mestre de fascistas"? Non me atrevería a tanto, pero si que os conectou ca filosofía alemá e posiblemente con Haidegger.
      Tamén é certo que Ortega se atopa entre os que os estudosos do tema, cualifican ideólogos que antecederon dos prefascistas do estado xunto con Cambó e Ramiro de Maeztu. Non esquezamos que Cambó, por exemplo, o representante máis importante da burguesía catalá, da Lliga, escribiu dúas obras como "En torno ó fascismo italiano" e "As ditaduras", onde expresa o seu pensamento ó respecto.

      Eliminar
    2. O cuarto que se esqueceu, é un pequenoburgués catalá, Ramón Sales, fundador dos Sindicatos Libres, financiados pola patronal e o goberno para asasinar sindicalistas, pero este é un personaxe que descoñezo e non sei si Ortega tivo influenza sobre o seu pensamento.

      Eliminar