A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 3 de mayo de 2017

ALGÚNS ELEMENTOS PARA DEBATE DA SITUACIÓN POLÍTICA NO ESTADO ESPAÑOL E GALICIA


Carlos Dafonte

A situación política no estado español.

A nivel político podemos afirmar sen medo a trabucarnos que a característica fundamental do momento ben determinada pola debilidade do réxime e os seus intentos de supera-la súa crise.

Crise polo retroceso do bipartidismo, dos dous grandes partidos que monopolizaron o control institucional desde a creación do novo réxime, cando nas diferentes consultas electorais realizadas nun curto espazo de tempo apareceron con forza novos actores no panorama político, Podemos e Ciudadanos e o debilitamento da única esquerda existente ata o momento nas institucións, a ligada ó PCE, a que monopolizou ese campo en todos estes anos, pero tamén , como se pode ver polos resultados acadados nestas décadas, moi susceptible de ser atacada e desprestixiada polos medios hexemónicos pola súa traxectoria histórica de defensa da revolución soviética e como acabaron os intentos de construír novas sociedades expropiando os medios de produción á burguesía; aínda que a realidade é que desde hai moitos anos esta esquerda se desvinculara e fora moi crítica ca “nova sociedade” que se construíu na URSS e os países do leste de Europa. Cun PCE ou unha IU con moi pouca representación no Congreso e Senado, os defensores do réxime podían facer pasar por boa a mercadoría deturpada do voto útil, e inclina-lo voto de esquerda cara ó Psoe; hoxe senón cambian moito as circunstancias políticas, é posible que esa manobra teña rematado.


Polo tanto o obxectivo dos poderes económicos, os seus medios de comunicación hexemónicos e grupos de “expertos”, é a reconstrución do bipartidismo, afortala-lo réxime en situación precaria e mingua-la presenza de forzas como Unidos Podemos, que non permiten que a falsa dicotomía dereita-esquerda, protagonizada polo PP e o Psoe no taboleiro político do estado e que tantos beneficios lles rendeu en todos estes anos, volva a funcionar ó servizo das políticas neoliberais e o fortalecemento do proxecto oligárquico de UE, tamén en difícil situación sobre todo despois do “Brexit”.

No campo institucional o réxime ten problemas, os números no Congreso non son fáciles de cadrar; en primeiro lugar polos problemas creados no seo do Psoe, que cargou con todas as “culpas” da crise económica, resultado da cegueira de Rodríguez Zapatero e a súa equipa, que ¡¡na campaña electoral do 2008!!, ofrecía “pleno emprego” de conseguir unha nova maioría e falaba de que o país atopábase na “primeira división” europea. Serviulles para gañar nesa ocasión, pero os votos nas seguintes o situaron na realidade, e as primarias, despois da debacle electoral de Rubalcaba e con Pedro Sánchez como Secretario, fixéronlles apreciar que ou se producía un cambio na táctica e na estratexia, o pacto con C’s non serviu para moito, aínda que só sexa a nivel teórico-propagandístico ou o Psoe estaba en perigo de deixar de ser a segunda forza política. Trabúcome, o pacto con Ciudadanos (C's) serviu para acusar a Unidos Podemos, que non podía aceptar un programa de corte neoliberal, de permitir que goberne Rajoy.
Prodúcese entón o “non é non” e unha situación incómoda para o verdadeiro poder, pois abríase a perspectiva política de que unha forza “fora do seu control” polo momento, Unidos Podemos, puidera acceder a decidir en determinadas institucións o que leva a forza-la dimisión de Sánchez, que non calibrou ben o reto que lanzaba ó poder e deixa ó Psoe rexido por unha xestora, a permitir ca abstención a investidura de Rajoy, a creación dun goberno do Pp, abríndose a posibilidade da chamada “grande coalición”, que funciona aínda que non se escenificou como se fixo en Alemaña.

Se non se apoian os Orzamentos do PP hoxe, é pola proximidade das primarias para elixir nov@ Secretari@ Xeral e o enfado de moit@s militantes ca xestora polo voto na investidura; hai que templa-los ánimos, pero tentar por todos os medios de que a candidata Díaz, a quen en todos estes anos non lle escoitei un argumento político, gañe as próximas primarias. Para elo danlle o seu apoio todos cantos dirixentes aplicaron desde os gobernos centrais e comunidades autónomas, todo tipo de políticas antisociais, todo tipo de recortes, contra @s asalariad@s.

Os 71 deputados de Unidos Podemos e as anteriores votacións a Concellos e Comunidades Autónomas, indican con claridade que hai unha parte d@s votantes que rexeitan o xogo dos dous partidos, pero a experiencia da actuación desta nova forza política ata hoxe, pode ser desmoralizadora e desmobilizadora para moit@s dos seus votantes. Non hai unha política clara en defensa da forza do traballo fronte a agresión do capital e non é refuxiándose nas institucións como se van modificar as estruturas actuais. Esa é a actividade política á que nos ten acostumados a burguesía e a pequena burguesía: a confianza ilimitada no estado burgués. Polo que nestes poucos meses desde a investidura, se pon de manifesto de novo a necesidade dunha organización obreira, independente do resto das clases sociais.

A debilidade do réxime tamén se manifesta en algo obvio, que en calquera país cun sistema político que respectara as regras dunha mínima democracia aínda que burguesa, tería actuado doutro xeito, que é como enfrontarse á corrupción e o saqueo dos fondos públicos e do patrimonio de todos; aquí o xeito como se levou a cabo o período da transición, a pervivencia no poder de denotados franquistas e da clase social que tamén na ditadura foi hexemónica, a oligarquía financeira, permite que o Pp siga funcionando mentres noutro país estaría disolto e os seus principais dirixentes encausados. Políticamente e en todos cantos outros aspectos se queira formular, é insostible que un partido que recolleu cartos ó marxe da lei e se financiou en numerosas das súas campañas electorais con eses cartos conseguidos ilegalmente por medio da creación dentro das institucións de verdadeiros grupos que algúns cualifican de mafiosos, que parasitan as institucións, é dicir un partido que ademais de apropiarse do que é de todos, cometeu fraudes electorais de xeito reiterado, se siga mantendo no control das institucións, e ademais lexislando para facer máis difícil ser controlado, ser desaloxado do poder, non ten reparo algún en modificar as leis necesarias para entorpecer a lexítima protesta d@s traballador@s.
Como nos poden facer crer que nin o Presidente do Partido nin a súa Secretaria Xeral coñecían o estado das finanzas?. A cantidade de cartos recadados que lles permitían facer campañas electorais con máis medios que os demais partidos. Para falar de finanzas, para eso sentaban ós responsables das mesmas nos seus órganos de dirección.
Pero o outro partido que conforma o bipartidismo tamén ó longo dos seus gobernos deixou mostra de que a corrupción non lle es allea. Ademais de numerosos cargos públicos de menor importancia, dous expresidentes de Andalucía están imputados no “caso dos Eres fraudulentos” .
A debilidade do réxime tamén se amosa no menor control dos xuíces e tribunais o que permite que importantes dirixentes dos principais se atopen encáusados e que casos como o de Garzón e o xuiz Elpidio sexa máis difícil que se poidan producir.
Nese senso o anuncio da necesidade de presentación dunha moción de censura, formulada por Unidos Podemos, causou unha enorme conmoción entre os defensores do réxime, os partidos burgueses, catalás, vascos, Pp, Psoe e C's, que utilizan toda unha serie de argumentacións vergoñentas para acubilla-la súa realidade: a defensa do réxime e do PP como un dos piares fundamentais do mesmo. O que están é dispostos a seguir cos “xogos frorais” nas institucións, de hoxe facer comparecer a Rajoy, pero non no plenario do Congreso, senón nunha comisión; mañá a un ministro, pasado a un director/a xeral, pero non a toma-lo “touro polos cornos” e desaloxar ó PP das institucións. Moción de censura que se debe presentar no Congreso e tamén na rúa; que serva para organiza-la sociedade a redor dun novo proxecto político, económico e social; a redor dun programa de reformas na perspectiva dun cambio na sociedade e de réxime.
A crise do réxime tamén está determinada pola fonda crise social resultado do proceso de acumulación capitalista no que cada vez á forza de traballo se lle consigue maior plusvalor mentres a produtividade medra. Esta situación ten moito que ver co cumprimento do Tratado de Estabilidade imposto por Alemaña que obriga a CCAA e Concellos a reducir gasto o que implica non facer fronte a determinadas necesidades sociais e o deterioro dos servizos que non estiveran privatizados, pois os que o foron, sufriron este deterioro desde o momento que pasaron a mans privadas e ademais elevaron as tarifas para conseguir maior beneficio para este sector.
Esta realidade concrétase en paro estrutural moi elevado, recortes nas axudas @s parad@s, salarios cada vez máis baixos e polo tanto perda do poder adquisitivo, pobreza infantil, cos sectores con menores ingresos con máis do 90 % de traballo a tempo parcial, cunha parte importante dos mozos e mozas obrigados a emigrar pola falla de postos de traballo, cunha discriminación permanente da muller traballadora, cos obxectivos constantes dos gobernantes de privatizar servizos polo que sempre van custar máis para os que menos teñen, con políticas fiscais moi regresivas onde as rendas do traballo cargan ca maior parte do recadado fronte as rendas do capital, permitíndolle á banca e no seu momento ás caixas o engano da venda de “produtos expropiatorios” dos aforros familiares para tapa-los desfalcos cometidos, gastando milleiros de millóns a fondo perdido para rescatalos e permitindo, mediante a lexislación adecuada ós intereses bancarios, que esta leve a cabo procesos de desafiunzamento dos máis débiles economicamente que mercaron antes da crise unha vivenda a traveso dunha hipoteca. Esta situación explosiva, de emerxencia, fixo que unha parte dos partidos políticos e as institucións, comezando pola xefatura do estado, sufran desde o ano 2007 un forte desgaste na confianza que con anterioridade se lles tiña, advertindo claramente unha parte da sociedade da verdadeira natureza do estado, que actúa ó servizo da clase máis poderosa.
Estado e poderes económicos que por todos os medios tentan que a sociedade recupere a confianza no réxime e se non é reconstruíndo o consenso social, proceso moi difícil na actual situación pero elemento clave para reconstruír a hexemonía da oligarquía, se recorre sistematicamente ó outro elemento clave para a hexemonía, a coerción sobre os que máis sofren a situación de crise, tentando que co medo ás medidas represivas, paralicen as mobilización e as protestas, que hai que recoñecer, perderon pulo nos últimos tempos.
Pero o poder non desbota o consenso social e traballa neste senso para que o Goberno e outras institucións e actores políticos como partidos, sindicatos e capitalistas avancen cara a un novo pacto social, un novo Pacto da Moncloa, cuxo texto, segundo parece, se esta redactando por un grupo ligado a unha fundación e a cuxa redacción se teñen incorporado “expertos” dos sindicatos, patronal e exministros de Traballo do Psoe. De ser certo o anterior habería que inicia-la denuncia, a mobilización social sobre o tema pois vai ser o único xeito de poder parar esta manobra que non vai saca-los traballadores da situación de crise, e que lles vai permitir òs poderosos gozar da paz social necesaria para seguir recuperando taxa de ganancia e consenso social a redor do réxime. Como é posible que as direccións burocráticas dos sindicatos non saquen a experiencia de que moitos anos de pactos ca patronal só fixeron depaupera-l@s traballador@s?

O proceso que se está a seguir en Cataluña por parte da burguesía, a pequena burguesía e aliados circunstanciais, desde o meu punto de vista non debilita o poder central do réxime, o reforza. Xa hai moitos anos un tribuno da extrema dereita dixo o de “prefiero una España roja a una España rota”, pois ben o PP con Rajoy á cabeza, comprende que a defensa da ”unidade de España” así en abstracto, elemento tamén fundamental do franquismo, amortizou ata o momento toda canta corrupción asole o seu partido, permitíndolle seguir a ser o partido con maior número de escanos no Congreso e maioría absoluta no Senado. E a unha parte importante da poboación do estado, por falla de explicación das organizacións que debían levala a cabo traballando constantemente na sociedade, parecen preferir “unha España corrupta, que é o horizonte de seguir co Pp, a unha España rota”, que é a dicotomía na que sitúa ó PP á sociedade para favorece os seus intereses electorais. Os pobos teñen dereito a decidir, os dereitos non son só individuais, tamén hai dereitos colectivos; os saharauis e os palestinos teñen dereito a formar un estado; cataláns, vascos e galegos tamén; somos nacións sen estado dentro doutro estado que se coñece como España, pero recoñecer ese dereito non quer dicir que se exerza dun xeito inmediato, ou non se exerce nunca.

En Galicia a maioría absoluta do Pp non é garante de estabilidade.
O que caracteriza a situación en Galicia ademais da fonda crise económica que golpea á clase traballadora e que puxo de manifesto hai uns días a “Enquisa de condicións de vida” elaborada polo INE, é a crise da posible alternancia ó goberno do Pp e de carecer dunha alternativa fronte as políticas neoliberais e de recortes no eido económico puladas desde a Unión Europea e aplicadas por Feijoo, e nas liberdades que o goberno de Rajoi esta a levar adiante.
Vexamos algúns datos desa enquisa. A taxa de risco de pobreza é do 19%; o 29,7% d@s galeg@s non teñen capacidade para enfrontarse a gastos imprevistos, máis do 6% ten moitas dificultades para chegara final de mes; o 45% non se pode permitir unha semá de vacacións fora de casa; o 5,3% retrásase no pago da vivenda principal; mentres os ingresos medios dos fogares galegos só aumentaron un 1,4% no resto do estado o fai o 2,4%; os ingresos medios anuais por persoa está por debaixo da media estatal.
En Galicia hai loitas d@s traballador@s, por salarios máis altos, para defende-los seus postos de traballo, contra a precarización, por unhas pensións e un salario mínimo que permita non caer na pobreza, en defensa da sanidade e ensino públicos con maior calidade, servizos vitais cada vez máis deturpados...pero moitas veces son loitas autónomas de determinados colectivos, espontáneas, ó marxe dos sindicatos oficiais e das organizacións políticas con maior peso electoral, o que me leva a analizar que está a pasar nestas organizacións para que en momentos cruciais para o país haxa unha ausencia das organizacións que a xente maioritariamente vota, no pulo dos conflitos enmarcandoos dentro do marco político actual e dando unha saída ó mesmo.
Vamos a analizar en primeiro lugar, aínda que dun xeito somero, as propostas das forzas que configuran o espazo político galego. Ímolo facer de menor a maior segundo a súa presenza parlamentar.
O BNG ten sufrido ó longo destes oito últimos anos importantes derrotas electorais que reflicten a súa perda orgánica e de presenza social; concrétanse nas dúas últimas eleccións ó Parlamento, ás Cortes Xerais e ós Concellos e Deputacións.
Dentro da organización se teñen producido abandonos de diferentes líderes e militantes, que foron referencia durante moitos anos da “marca BNG”. O debilitamento da organización e a discusión interna levounos ó abandono da rúa, da mobilización social e refuxiarse na estéril loita institucional; necesaria para modificar algúns aspectos que beneficien @s traballador@s, tamén para que sexa perceptible a túa presenza, pero para unha organización que di ser en Galicia a alternativa, supoño que ó réxime do 78, de ruptura, pouco vai facer só ca vía institucional.
O BNG debe coñecer, pois estivo gobernando desde a Xunta de Galicia, algo do que parece esquecerse, dos límites da acción institucional e como o aparello do estado burgués fai ineficaz calquera intento de ruptura desde o mesmo.
Pois ben desde hai uns días, o BNG aprobou na súa Asemblea unha proposta de avanzar cara a un “goberno nacionalista” e pregúntome, disposto a seguir os ditados neoliberais e imperialistas da UE? Aceptando que Galicia e o estado español sigan pertencendo ó euro ou sumándose a todos os que no mesmo consideramos que non podemos seguir pertencendo a unha estrutura ó servizo dun país, Alemaña e dunha clase, a oligarquía financeira?. Por que esa debe ser a cuestión fundamental a clarexar hoxe por parte do BNG, con que política se enche ese goberno nacionalista, todo o demais é un “brindis ó sol”, unha consigna máis como outras moitas que se fan chegar todos os días ós electores e que non van máis aló.
O BNG debe decatarse que na tremenda crise económica que asola Galicia, para tentar superala, que non é fácil dentro do sistema, necesítase a unidade, en primeiro lugar da clase obreira e en segundo dos outros sectores máis golpeados como os produtivos tradicionais e a pequena burguesía que levan anos, aínda que nos procesos electorais non se poña de manifesto, apreciando como a crise sérvelles ós intereses que o Pp representa a impor políticas antisociais facéndoas pasar por políticas anticrise, superadoras da mesma.

O Psoe atópase nun labirinto de difícil saída; ademais de estar inmerso na crise xeral do partido a nivel de estado, ten a súa particular ,sufriu o tan traído e levado “sorpasso”, acadou menos votantes que En Marea, xa non é a segunda forza no Parlamento e está rexido por unha xestora con problemas políticos importantes despois da dimisión do anterior secretario xeral; de non saír axiña da actual situación e de confirmarse o seu retroceso nas próximas eleccións, a alternancia nas políticas neoliberais, de perde-lo Pp a maioría absoluta, sería complicado levala adiante senón é nunha grande coalición á galega, e refírome o acordo Pp-Psoe. Aínda que é moito supoñer que nesa circunstancia En Marea e Bng, se mantiveran na actual posición anunciada de loita contra os recortes e contra as políticas neoliberais.
Moit@s traballador@s se preguntan para que serve o Psoe. Non para loitar contra as privatizacións de servizos públicos, na maioría de concellos onde gobernan foron eles quen os entregou a mans privadas, moitas veces ca axuda do BNG; tampouco para loitar contra a Europa do capital e o euro, son firmes defensores da mesma e non conciben outra Europa ó marxe da construción actual, nunca lles importou o impacto que esas políticas teñen sobre a clase obreira e sobre os sectores produtivos galegos; tampouco para democratiza-las institucións, moitos anos gobernando en Concellos e Deputacións e desde a propia Xunta e a opacidade e o oscurantismo e unha práctica cotiá e caldo de cultivo da corrupción; para reivindicar o traspaso de competencias que aínda non ten asumida a autonomía? reivindícanas cando o Pp goberna en Madrid, pero esquécenas cando o fan eles; tampouco amosan grande entusiasmo na defensa da cultura e a lingua galega.
O Psoe é en Galicia un factor de estabilidade dun réxime corrupto que hoxe se enfronta obxectivamente, a unha parte importante d@s traballador@s e o resto da sociedade e ou toma un camiño novo ou o Psoe pode quedar reducido en Galicia a ser comparsa pero nunca actor; pero dar ise xiro hoxe é imposible se non se da a nivel de estado, para facelo en Galicia penso se atopa incapacitado e ademais no llo permitirían.

En Marea puido ser moito pero de seguir polo camiño emprendido, se está a quedar en nada. Algúns a seguen considerando un “partido instrumental” que non sei moi ben o que significa pasado o período electoral; outr@s falan do “partido movemento”, que xa Roberto Laxe nun artigo neste mesmo blog, caracterizouno correctamente e remítome a súa lectura. En calquera caso que afiliados da organización cada un pense que se atopa nunha estrutura distinta, di moito do que acontece na mesma.
Pero o 17 de decembro na asemblea celebrada en Compostela, En Marea definiuse como un movemento político e social e parece que os seus dirixentes non están polo labor de afondar no que significa ser así definida e prefiren que En Marea xire todo a redor dun “lider” se eso é verdadeiramente Villares, e uns afiliados ós que de cando en vez se lles pregunta algunha cuestión para que respondan por internet, pero onde a militancia non ten control da organización, nin dos supostos dirixentes, nin do grupo parlamentar nin abordan a discusión de cuestións fundamentais..
E necesítase organización, eso é moi importante nestes momentos senón se quere perder o pulo acadado que lle permitiu ser a segunda forza no Parlamento; como organizar ás miles de persoas que se afiliaron, con que estruturas, en que territorio, si provincia, comarca, municipio, e con que programa, que non sexan as vaguedades dun programa electoral.
Organizar un movemento político social, no que van estar presentes, aínda que a afiliación sexa individual, persoas que militan en diferentes organizacións políticas, ademais de independentes, significa tamén ter a sensibilidade suficiente para que tod@s se poidan atopar cómodos en En Marea e para iso é necesario afrontar a cuestión prioritaria do Programa que é a argamasa que debe unir toda a heteroxeneidade presente en En Marea.
Ata o de agora En Marea sumiuse en debates sobre os diferentes voceiros, parlamentar, da organización, sen entrar nos debates fundamentais, como facer posible que todos @s afiliados se xunten, debatan os problemas que ten Galicia que son moitos e variados, e saia á sociedade a dar alternativas para solucionalos e a facer propostas de organización social que sea o xermolo do dobre poder fronte o poder onmnímodo do Pp. De iso se trata ,de senta-los alicerces para desde En Marea capitanear a creación da alternativa ó Pp e as políticas neoliberais e de recortes que desde a UE se pulan e que o partido de Feijoo e o Psoe aceptan. E ise traballo non se pode facer só desde o eido institucional e sen organizar @s militantes moi difícil levalo a cabo. Os órganos de dirección elixidos teñen unha responsabilidade grande no que está a pasar.
O tempo da elaboración dos “códigos éticos” e das “normas das eleccións de primarias” concluíron; agora hai que lanzarse a todo o territorio galego a facer política e situar a cada militante no campo orgánico no que as súas capacidades poidan prestarlle maior servizo á organización. De non facerse así pouco futuro lle espera a En Marea se verdadeiramente quere ser unha organización que sexa o nó non só para derrotar ó Pp, senón tamén ás políticas neoliberais e ó réxime do 78. En definitiva unha organización que traballa pola creba democrática.


En Galicia no mes de maio de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario