A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 28 de abril de 2018

O PP NO GOBERNO E OS SEUS ALIADOS NO RÉXIME, CHAPOTEAN NO ALBAÑAL DO AUTORITARISMO

Carlos Dafonte

É nos tempos de crise sistémica, cando a renuncia ós principios que configuraron unha vida política faise máis difícil. Nesa circunstancia, na que se necesitan certezas para seguir adiante, é cando se volve ó pensamento que sempre se albergou aínda que por diferentes razóns, para non asustar a sectores da sociedade, para gañar enquisas e acada-lo máximo de votos, houbera que levar acabo determinadas transformacións de imaxe e de programa.

Nos tempos de calma, cando a economía camiña por sendeiros de crecemento, aínda que as bases do mesmo se sustenten en burbullas e o crédito bancario de difícil devolución, cando se poden repartir migallas ás clases explotadas que tarde ou cedo se recuperarán multiplicadas, para iso serven as leis e o control das institucións, cando uns valores ideolóxicos e o réxime que se axudou a crear, non se ven sometidos a unha crítica que o cuestione no seu conxunto, cando política e institucionalmente se vive na placidez do bipartidismo, ata se poden aplicar principios políticos nos que non cres, sobre os que tes serias dúbidas pola razón de que sempre se pensou, nas organizacións nas que se militou, que darlle demasiado poder ó pobo era un erro tremendo pois como dixo o mestre, sobre o que recaeu o poder omnímodo e ominoso durante corenta anos, “faga como eu, non se meta en política”.
O PP leva uns anos neste tempo de crise, dende o Goberno, ca complicidade dos que consideran que facelo responde a unha “política de Estado”, sacando a relucir os principios que configuraron o seu pensamento que se foi transferindo ó longo das organizacións que deron acubillo a un sector importante do franquismo, GODSA, Reforma Democrática, Alianza Popular e agora Partido Popular.
Foi nestas dúas últimas organizacións, froito da unión de diferentes sectores do franquismo, onde se considerou fundamental defende-la “obra do 18 de xullo”; A Federación de Alianza Popular, AP, como ten estudado o profesor universitario Del Rio Morillas, non foi obra exclusiva de Manuel Fraga, el representaba a unha parte do franquismo, os sectores “joseantonianos reformistas”, e foi dos últimos en chegar á Federación, aínda que se lle queira da-lo carácter de creador do proxecto; outros sectores do franquismo foron os que o puxeron en marcha, como o encabezado por Licinio de la Fuente que se autoproclamaba representante dos “falanxistas evolucionistas”, o mesmo que Silva Muñoz que pensaba representar ós católicos colaboracionistas co franquismo, ou López Rodó ós sectores tecnócratas, Martínez Esteruelas ó sectores máis “azuis” do funcionariado do Movemento Nacional, Fernández de la Mora, ós carlistas e tradicionalistas franquistas e Thomas de Carranza que dicía representar a todo o franquismo. Todos eles fundaron AP e máis tarde o PP.
Aínda que todos eles teñan desaparecido fisicamente, o franquismo sociolóxico, determinadas concepcións do réxime que gobernou este país durante corenta anos, seguen presentes e por moita propaganda que determinados medios de comunicación lle fagan ó PP, non é unha dereita democrática como pode existir na UE, é máis ben unha organización como a súa raíz, AP, da extrema dereita nacional-populista, así a cualifica o mencionado profesor, moi parecida ó Movemento Social Italiano de determinada época ou o NPD alemán.
E é agora, nos momentos de crise sistémica e de réxime, cando parece se pon en cuestión á monarquía e a propia unidade territorial, cando o PP renuncia a negociar calquera tipo de acordo e saca a lus os seus principios e os seus fundamentos que durante tempo tentaron acubillar trasmutándose nun “centro dereita democrático”. Represións e xuíces, cárcere para algúns dos infractores e aplicación de leis inaceptables nun estado democrático.
Pero o máis grave non é que o PP se quite a máscara e apareza como o que é, unha organización que algún xuíz cualificou de criminal, cuxa práctica política é a corrupción estrutural, a todos os niveis, que ten gañado eleccións vulnerando as leis electorais no tema da financiación, que se esconde detrás duns tribunais que son nomeados polas maiorías das Cortes e que é de supor actúen ó servizo de que facilitou o seu nomeamento, para non facer política como no caso de Cataluña. Xudicialízase a política e aínda que non se queira recoñecer, se deixa ban clara a inexistencia da separación de poderes.
Partido que ten metido ás institucións do estado e á sociedade nun verdadeiro albañal de moi difícil saída de seguir contando cos apoios para seguir ostentando o goberno. O grave e que medidas retrógradas como é a modificación do Código Penal mediante as Leis 1 e 2 no ano 2015, froito do “pacto de estado” entre o PP e PSOE, que afirmaban que a Lei 2 a que se refire ós delitos de terrorismo, só se ía aplicar para defendernos do islamismo máis radical, se poña o servizo para a acción de restrinxir ata límites inaceptables as liberdades de todo tipo. Hoxe, a causa do artigo 573, todo pode, e asi se está a facer, ser cualificado de terrorismo; calquera conflito de carácter social, como o levado a cabo en Burgos contra un proxecto de urbanización, ou máis recen en Murcia, con cortes de rúas e piquetes informativos poden ser asi cualificado; conflitos laborais con accións de corte de estradas e peche de empresas, ou mesmo, queimar un contenedor ou ter unha pelexa con gardas civís a altas horas da noite en días de festa, pode ser sancionado con 62 anos de cárcere, isa é a petición do fiscal para algún dos que se di participaron no incidente de Alsasua. Aplicando esta modificación do Código Penal que, repito foi aprobada co apoio do PSOE, se mete na cadea a cantantes, tuiteros e se persigue a xente que queima unha fotografía dos reis. Atopámonos nunha escalada de violencia autoritaria contra a sociedade á que hai que facer fronte.
Na modificación pola Lei 1 se establece a “cadea perpetua revisable” que é un eufemismo da cadea perpetua e vai contra o principio de que a cárcere, debe servir para a reinserción do condenado por delinquir e que por moito que se aplique, como se ve en países aínda máis duros, onde hai pena de morte, non se poñen fin ós crimes, non vai paraliza-lo delito, pois quen o comete nunca pensa que o poidan deter. Posiblemente sexa o paso necesario que antecede a que, como en determinados países do centro do sistema capitalista, a xestión de algúns centros penitenciarios sexan de carácter privado. Necesítase a cadea perpetua, é o máis rentable e o que garante o negocio.
E despois atopámonos ca Lei de Seguridade Cidadá, popularmente coñecida como “lei mordaza”, que segundo Amnistía Internacional, supón unha “restrición innecesaria e inxustificada dos dereitos á liberdade de xuntanza, expresión e información”.
É unha lei inaceptable pois xudicializa a política e utiliza, segundo expertos, tipos penais doutras épocas. Establécese ademais un Rexistro Central de Infraccións contra Seguridade Cidadá, artigo 43.1, a “efectos de aprecia-la reincidencia”, o que ata o de agora se facía cos antecedentes penais, pero que significaba que te sentaras diante dun xuíz. Se permiten os cacheos preventivos e 6 horas en comisaría senón te identificas. Pero o que considero máis grave e o art. 52, que regula “o valor probatorio das declaracións dos axentes da autoridade”; o que informen é base suficiente para unha multa o que de feito rompe a igualdade procesal. Todas estas medidas e outras que non comento para non facer longo o artigo, no fondo o que se quere non é defende-la sociedade, senón aumenta-lo poder represivo dos órganos de coerción estatais, que é a función que van a desenvolve-los estados unha vez que se transfiren as competencias ós burócratas antidemocráticos da Unión Europea, contra a poboación.
Pero si todo o anterior é moi grave o que me pareceu que excede este marco, son as declaracións realizadas hai uns días cando se lle preguntou á secretaria xeral do PP e Ministra de Defensa, señora Cospedal, polo “caso” da señora Cifuentes e o “master” que non fixo, e deu unha contestación que lembroume o título dunha coñecida película sobre a mafia, “Hay que defender lo nuestro y a los nuestros” afirmou con solemnidade. Anguita nun pequeno artigo nun xornal sinalou con agudeza que non afirmou ter que defender o seu programa, un proxecto determinado, unha ideoloxía máis ou menos conservadora ou reaccionaria, dixo “o noso” que non se sabe moi ben o que é, pode se-lo “negocio” e “os nosos” entre os que se atopan tod@s @s corrupt@s, das innumerables tramas que o seu partido ten abertas. Moi grave ese sentido patrimonial do país explicado con verbas propias da “mafia”.

En Galicia no mes de abril de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario