A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 24 de marzo de 2019

ESIXAMOS UN DEBATE SOBRE A NOSA PERTENZA A ESTA CONSTRUCIÓN OLIGÁQUICA DE EUROPA E Ó EURO NO LONGO PROCESO ELECTORAL


Carlos Dafonte

No mes de maio se vai renova-lo Parlamento Europeo; polo tanto haberá no estado español eleccións ó mesmo.
Nunha grande parte dos países que pertencen á UE, nestes últimos anos apareceron forzas políticas que tomaron posición contra a mesma, pero desde unha visión de extrema dereita; só en Grecia e Portugal forzas que podamos considerar de esquerdas polos seus programas, estaban en posicións críticas e Syriza en Grecia, modificou completamente o que viña afirmando despois das medidas tomadas polas institucións europeas como castigo polo referendo, e o PCP e o Bloco en Portugal, parece que o seu apoio o goberno, e o trato diferenciadoque lle deu a Portugal a UE, lles fixo esquecer o que afirmaban antes de conseguir que o programa máis neoliberal da historia do Partido Socialista, se modificara en parte o que trouxo algunhas conquistas para @s traballador@s. Supoño que efémeras, como todo o que se conquista baixo o capitalismo e máis baixo un capitalismo en crise.

En calquera caso, a derrota do pobo grego, o xeito brutal como se comportaron as institucións europeas e os partidos nos gobernos naquel entón, e o respaldo das forzas de oposición ós seus gobernos respectivos, engadiu un elemento máis para o temor das clase populares a unha saída popular e amordazou en parte a que as forzas progresistas e de esquerda europeas, formularan propostas de saída a actual situación na UE. A crise grega foi unha derrota en toda liña para a esquerda no seu conxunto.
Hoxe as forzas de ultradereita parece teñen chegado a un acordo sobre non falar do euro e a construción europea, e centrar máis as súas críticas sobre a política migratoria e as fronteiras, o que pode libera-las forzas progresistas e de esquerdas para formula-las súas propostas sen medo a que se lles acuse de coincidir ca extrema dereita. Aínda que sempre se utilizará.
No estado español, todas as forzas con presenza institucional, mudas respecto a que facer co euro e ca UE; e ata Vox na intervención que fixo nunha sá do Parlamento, rematouna entre outras cousas, dando vivas a Europa aplaudida pol@s presentes nunha grande parte, considerad@s euroesceptic@s. Estes euoesceptic@s queren unha Europa do capital, como non pode ser doutro xeito, coñecendo a súa procedencia, pero con certas limitacións por todos coñecidas, resultado das contradicións intercapitalistas en tempos de crise.
Estas cuestións nos teñen que facer ver que só hai dos xeitos de construír Europa, dende unha perspectiva capitalista, unha Europa oligárquica e imperialista, ou dende unha perspectiva socialista, construír unha Europa baseada na solidariedade dos pobos.

As repercusións da entrada na UE e na zona euro.
Hai economistas, analistas financeiros e grupos de estudo, que diante da crise económica ca que UE se atopa, incapaz de darlle unha solución que non beneficie máis que a unha minoría, e a proximidade das eleccións para configura-lo novo Parlamento, levaron a cabo determinados análise sobre o custo da moeda única, e quen foron verdadeiramente os beneficiados pola mesma. Asi por exemplo o “Centro de Políticas Europeas” da Fundación Ordnungspolitik de Friburgo, publicou os seus estudos sobre a creación do euro e quen se beneficiou e quen saíu perdendo; os seus resultados, por imaxinados, non deixan de ter importancia.
Dende 1999 cando se crea a moeda única, cada alemá obtivo un beneficio de 23.116 euros e cada español perdeu 5.000. A creación do euro tamén beneficia a determinados países, como Alemaña que ata o ano 2017 recibiu un impacto positivo de preto de 2 billóns de euros, en concreto 1.843.000 millóns de euros, ou Holanda que se beneficiou con 346.000 millóns de euros; cada holandés recibiu 21.003 euros de beneficio. Estas cantidades permitiron sobre todo a Alemaña reforzarse e consolidarse como a primeira potencia económica da U.E..
Estes dous países como non podía ser doutro xeito, tamén foron os maiores defensores das políticas de austeridade, con todo o que significan de rebaixa de salarios, dereitos e fiscalidade ó servizo dos poderos@s, e moi críticos cos países do sur, con España, Portugal Grecia e Italia. Dende 2010 a perda de prosperidade de España se pode cifrar en 224.000 millóns de euros.
No informe se destaca que a grande perdedora ca creación do euro é Italia, o que axuda a entende-las posturas do actual goberno contra a U.E.. Dende 1999, o seu PIB reduciuse en 4.325.000 millóns de euros, polo tanto máis de 4 billóns de euros, o que supón 73.605 euros menos para cada italian@. Despois atópanse os franceses con 59.990 euros menos, que tamén pode explica-las revoltas que no transcurso destes anos se produciron no país veciño; os portugueses con 40.604 e os belgas con 6.370 euros menos. O euro non beneficiou á Europa do sur.

Agás no Estado español, comezan a formularse diferentes propostas.

É necesario indicar que a maioría das propostas teñen en conta como “modificar a actual U.E e o euro”, partindo do actualmente construído. Eu que son partidario de que nada se pode facer sen construír sobre os escombros da actual, non teño unha formulación precisa, sobre como se desenvolvería a economía unha vez recuperada a moeda propia, a soberanía nacional e a capacidade de devalar a propia moeda; sei que a situación sería moi difícil pero cada vez máis difícil se vai facer de continuar nas circunstancias actuais e sen soberanía, aceptando decisións que outr@s toman no seu propio beneficio. O que teño claro e que non te permitirán marchar do euro e pertencer á UE; e tamén teño claro que si Alemaña cas transformacións que algúns propoñen, non segue a ser a potencia hexemónica, pode marcharse, cuestión que habería que avaliar.
Empezarei por falar das propostas do “Movemento pola Democracia en Europa 2025” (MiEM25), cuxa figura máis importante é o antigo Ministro de Economía de Syriza, Yanis Varoufakis, que levan anos preparados, para aproveita-la oportunidade das eleccións de 2019, e elaboraron o programa “New Deal para Europa” e despois dun movemento para atraer novas formacións, están dispostos a facer “listas transnacionais”, dispostas a defende-lo programa en calquera país. Non deixa de ser curioso que nun artigo do mentado economista en “Le Monde Diplomatique” cite dous artigos de Lenin sobre a migración, o primeiro de 1915 no que entre outras cousas di: “Pensamos que non se pode ser internacionalista e, á vez, estar a favor dunhas restricións así...Semellantes socialistas son, en realidade, chovinistas” ; do segundo de outubro de 1913 recolle esta longa cita: “Sen lugar a dúbidas, só a pobreza extrema pode obreiga-la xente a abandonar a súa terra de nacemento e os capitalistas explotan ós traballadores inmigrantes do xeito máis vergoñento. Pero só os reaccionarios poden negarse a ve-lo significado desta migración moderna das nacións. O capitalismo atrae ás masas de traballadores de todo o mundo. Racha cas barreiras e os prexuízos nacionais e une ós traballadores de todos os países”.
O MiEM25, ten claro que poñer atrancos á libre circulación de persoas é a resposta reaccionaria do capitalismo; non son os migrantes quen rouban os empregos @s traballadores locais, senón as políticas de austeridade dos gobernos. Formulan a necesidade de apropiarse das institucións creadas polo neoliberalismo non para destruílas, senón para poñelas ó servizo do maior número de persoas. O importante non é debater se a UE se pode reformar ou non, senón de dar a coñecer propostas do que se pode facer co marco legal actual. E formulan varias, como por exemplo redefinir-lo mal chamado Mecanismo Europeos de Estabilidade, como se pode reorienta-la política denominada de “expansión cuantitativa” do Banco Central Europeo, como financiaríamos sen novos impostos a transición ecolóxica ou unha campaña contra a pobreza.
Segundo o “New Deal para Europa”, se pode mellorar nun curto espazo de tempo a vida de millóns de europe@s, no propio marco das normas e das institucións actuais. Deixan para máis adiante, abrir un proceso constituínte que desemboque nunha Asemblea Europea, que modifique os acordos existentes.
A Francia Insumisa” e os seus candidatos, pensan doutro xeito: que hai que cuestionar e non obedecer os “tratados europeos”, Maastricht, en 1992; Ámsterdam 1997; Niza 2001 e Lisboa, 2007, que din é o que fai Alemaña co seu status de grande potencia. Segundo Francia Insumisa, se chegaran ó goberno ou formando parte dunha forza maior, o novo goberno de Francia proporá ós outros estados membros, a aprobación dun novo tratado que deixe sen efecto os anteriores e que refunde a UE, que conterá transformacións ecolóxicas e sociais; como pasar da agricultura produtivista a unha ecolóxica; levar a cabo a transición enerxética; o proteccionismo solidario europeo para determinados produtos producidos fora do ámbito da UE en función das condicións de produción, tanto económicas sociais e ecolóxicas. Apostar por poñer fin á austeridade orzamentaria e poñer en marcha unha fiscalidade para todos os membros. Poñer fin á privatización de servizos públicos e capacidade para nacionaliza-los que foron privatizados. Valorar dentro das débedas públicas cales se poden considerar “odiosas” e, entre outras moitas medidas, poñer fin á independencia do Banco Central Europeo.
Ata Joseph Stiglitz dende hai anos, publicou o seu libro sobre o euro no 2016, chega á conclusión de que ca creación do euro, “ o que buscan as empresas é interrompe-la regulación, ou mellor aínda, revocala. Pero o proxecto de deseño de “moeda única” estaba tan influído pola ideoloxía e os intereses que fracasou non só na súa aspiración económica, xerar prosperidade, senón tamén na súa ambición de unir máis ós países dende o punto de vista político”. E segue a afirmar cousas que levamos anos constatando e non necesitábamos para coñecelas o libro de Stglitz, “O euro a provocado o aumento das desigualdades, fixo que os países máis débiles o sexan mais aínda e os máis fortes se teñan reforzado: por exemplo, o PIB alemá pasou de ser 10,4 veces o de Grecia en 2007 a 15 veces no ano 2015. Pero a fenda aumentou tamén as desigualdades dentro dos países da eurozona, sobre todo nos que sufriron a crise. E aconteceu incluso en aqueles que estaban a conseguir reduci-las desigualdades antes da creación do euro”. Como corolario a estas posicións, considera que se debe dar ou ben unha “saída suave do euro a traveso dun divorcio amistoso” , ou a posta en marcha dun “euro flexible” , supoño que sin as rixideces que impón Alemaña á política monetaria.
Hai tamén economistas que propoñen, dadas as condicións que se teñen creado ca moeda única, a creación dun “parlamento da zona euro”, aínda que non teño claro como queren que funcione, nin as súas prerrogativas.

Sospeito que no estado español pasaremos sobre estes temas se afondar.

A campaña das xerais xa esta en marcha e os temas, aínda que a UE tome máis do 60% das decisión que despois temos que aplicar, non vai ocupar espazo algún, e as eleccións que lles seguen van ser tratadas, incluso as europeas, como unha segunda, ou terceira volta das eleccións de abril, e polo ritmo e contidos que leva esta precampaña, totalmente ó marxe dos intereses dos traballador@s asalariad@s.
Estamos en condicións os que pensamos doutro xeito de influír na campaña e obrigar a entrar no tema de Europa e o euro os que participen en actos da mesma? Moi dificil, pola razón da carencia de organización de persoas que pensando igual, non consideran que se poda levar adiante algo positivo neste senso.
E a UE e o euro, teñen grande influencia sobre as políticas dos gobernos e Parlamentos e Cortes, pero tamén sobre o teito de gasto de CCAA e Concellos, cas medidas de austeridade e os controis sobre o déficit e outras cuestións.
Hai unha realidade que non podemos obviar, como asegura Wolfgang Streek, “A gobernabilidade do capitalismo democrático tal como coñecémola dende os anos 60 desapareceu.(...) os Estados se meteron en formidables crises fiscais e a combinación con niveis enormes de desigualdade e formidables endebedamentos, deixou ós Estados sen ferramentas”. “A credibilidade das institucións esborrállase”. “No capitalismo sempre houbo crise. A novidade é que agora as crise se superpoñen ca seguinte e se reforzan mutuamente. Con un sistema financeiro fora de control, o matrimonio de posguerra entre capitalismo e democracia vai rumbo ó divorcio”. “Saír do euro será custoso a curto prazo, pero á larga sería incluso máis custoso seguir nil. A Europa do sur sae moi prexudicada do deseño da eurozoa: o euro é un réxime monetario para favorecer Alemaña e os seus exportadores. É un experimento de autodestrución: falta por ver cando se dan conta de iso países como Italia e España”. “Hai que renacionaliza-la política económica para ter algo de tracción”.
O debate debía ser intenso, a situación o demanda, os partidos políticos e organizacións sospeito non van estar á la altura das necesidades. A UE cas súas medidas de austeridade, afecta ó Goberno do Estado, ás Comunidades Autónomas e Concellos e Deputacións. En todos estes procesos electorais non se pode eludir o tema.

En Galicia no mes de marzo de 2019.


No hay comentarios:

Publicar un comentario