A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 6 de marzo de 2019

FRONTE Á CRISE DO RÉXIME, VOLVE O PSOE Ó REDIL E COMEZOU A DEMOLICIÓN DE PDEMOS.


Carlos Dafonte.

Estes día moita xente sentíase abraiada pola cadea de votacións á que van ter que facer fronte nos meses vindeiros á que se sumou as xerais de abril. Que está a acontecer se preguntan? A miña opinión é que un réxime en crise, incapaz de reconstruír un dos alicerces fundamentais do mesmo o “bipartidismo imperfecto”, que garantía gobernos cómodos ben por maiorías absolutas e que no caso de que un dos dous grandes partidos, os dous neoliberais no económico, un conservador e outro con certas políticas progresistas, non acadasen a maioría absoluta, podía contar cos nacionalismos periféricos para gobernar, isa etapa pechouse e a crise do réxime maniféstase tamén con todo un novo vigor en Andalucía onde o control das institucións se vai levar adiante por medio do que moit@s chaman o “trifascito”, que recupera para a política activa ó sector máis franquista do PP e restos do mesmo existentes na sociedade, co perigo evidente da súa consolidación.

E cal é o papel do Psoe en todo este proceso? Promover a súa volta ó redil do réxime, se nalgún momento saíuse, gañando un puñado de votos, para o que necesita ter certos trunfos nas mans. O seu plano ten varios fitos moi nidios que foi desenvolvendo ó longo destes meses; en primeiro lugar pactar con Podemos un programa que nunca tivo intención de levar adiante; a manobra de convocar eleccións despois da creba cos nacionalistas cataláns que non lle votaron os Orzamentos Xerais, é unha escusa, non tiña necesidade de facelo para aprobar medidas que aparecen no pacto; podía gobernar como fixo o PP a golpe de Decreto Lei; pero o pacto con Podemos cunha certa base social-reformista fronte ás políticas de austeridade, enfadaba a moit@s dos baróns, territoriais e dos que actúan na sombra; co pacto, e convocando as eleccións, lle permite gañar unha certa aureola de esquerda fronte o aberrante, por exemplo, pacto andaluz, ó tempo que lle resta votos o seu “aliado”. En segundo quebra-la súa ligazón cos indenpendentistas de Cataluña sen cuxos votos non tivera acadado a Presidencia do Goberno, o que tamén lle vai servir para arrastrar algúns votos, posto que en Cataluña pero sobre todo a nivel do resto do Estado, lle fai aparecer como o impulsor do diálogo que os “outros”, enrocados nas súas posicións, non foron quen de aceptar; o afasta do “trifascito” que queren ata poñer fin a Autonomía. En terceiro outro movemento que ten tamén a súa fondura, liderar na UE a política golpista de Trump en Venezuela, pechando así un dos seus flancos máis susceptible dunha crítica, polo labor de Zapatero a favor do entendemento. Unha nova estratexia que lle pode permitir, mediante toda unha serie de movementos tácticos, converterse no primeiro partido nas futuras Cortes.

COMEZOU A DEMOLICIÓN DE PODEMOS

Para esa nova estratexia a nivel de réxime, se necesita que Podemos non se atope moi por enriba dos 40 deputados nas Cortes. E atopo unha certa similitude entre os intentos de poñer fin ou enfebrece-la existencia do PCE de hai moitos anos, máis tarde de IU cuxa coordinación levaba adiante Julio Anguita, e a actual campaña que se esta a levar adiante contra Podemos; e menos virulenta pero Podemos tamén é máis feble, ideolóxica e organicamente que o PCE e IU, aínda que teña moitos máis votos e deputado@s.
Unha nova crise capitalista, que esta vez afectou dun xeito moi importante ó centro do sistema, puxo en evidencia a debilidade do réxime, a incapacidade dos principais actores do mesmo para prever os acontecementos, esa capacidade que Marx sinalaba como fundamental para facer política, o papel vergoñento dunha UE construída en beneficio da oligarquía, impoñendo políticas de austeridade contra os traballador@s para rescatala clase hexemónica, ó tempo que quedaba moi claro, para quen pensaban ata ise momento doutro xeito, que os Estados actúan ó servizo dos sectores minoritarios da sociedade, o capital financeiro, a quen se lle permitiu facer o que lle veu en gaña con tal de acadar en determinados terreos completamente desregulados, os beneficios que na economía, chamemos produtiva, non podían acadar; pero a falla de regulación leva á crise.
O resultado desta crise, e da toma dunha certa conciencia por parte de determinados sectores da sociedade do que estaba a acontecer, foi, como comentamos, a quebra do bipartidismo, a aparición de dúas novas organizacións no panorama das institucións, Podemos e Ciudadanos, a abdicación dun monarca que parecía descoñecer e non importarlle, a situación na que se atopaba a economía e como estaba a afectar esta situación @s traballador@s. Asi como unha certa ameaza para as políticas de austeridade e a fracción da clase hexemónica.
Se somos conscientes que en tempos de crise o capital se centraliza e se concentra máis que nos tempos en que non a hai, como resultado deste dobre proceso, sectores da burguesía e pequena burguesía de Cataluña, abriron un proceso de loita a favor de decidir o seu destino, que debilitou moito máis ó réxime, pois non foi capaz de transitar polo camiño do diálogo, deixou que a situación empodrecera durante anos, ata chegar á situación na que hoxe nos atopamos, resultado da represión e da intervención dirixida dende o executivo de determinados xuíces, nun proceso de endurecemento do réxime ca aprobación da chamada popularmente “lei mordaza”, ca intención de que a sentencia dos detidos e represariados como consecuencia de todo o proceso, e sobre todo dos que están a ser xulgados, verdadeiros presos políticos, sexa todo o amedrentadora posible, para mante-lo “río dentro do seu rego”, que non é outro que unha constitución que quedou obsoleta, pero serve determinados intereses minoritarios.

Podemos ten certa importancia pola razón de que entrou na política con moita forza, propondo toda unha serie de medidas que co seu paso polas institucións se foron diluíndo, ó que axudou por ser unha forza formada de aluvión, con grandes contradicións internas, sen unha ideoloxía definida, “nin de dereitas nin de esquerdas”, “dos de abaixo contra os de arriba”, “contra a casta”, que nun primeiro momento tivera un éxito importante, pero a política burguesa, sobre todo se hai un abandono, como é neste caso da rúa, aguza as contradicións ata chegar a crebas que son aproveitadas polo réxime para facer a Podemos máis feble, veremos na próxima cadea de eleccións ata onde. Considero que aquela forza que representaba o CAMBIO, con maiúsculas, deixou de selo como se amosou en Andalucía e cada vez máis aparece como unha forza subsidiaria do Psoe.

Podemos deixou ademais varios frontes abertos, dende o momento en que se converteu en partido, que me parece foi en Vistalegre II, que foron aproveitados moi ben por quen non quere que xogue un papel fundamental no panorama político: a xa mencionada indefinición ideolóxica; a carencia dun traballo a fondo no aspecto organizativo, a construción de organización é un tema fundamental, non chega só cun discurso; un liderado excluínte, pouco integrador das diferentes correntes que configuran o partido o que se debía cuidar moito dadas as diferencias internas existentes; uns debates internos inapropiados para tanto como teñen que discutir sobre a situación política tan complexa e integrar.

E vía unha certa similitude co acontecido con IU, pois naquel momento, cando esa organización afirmou xa non estar no pacto constitucional, só se cumpría o que interesaba ós poderosos, se iniciou unha tremenda campaña dende os medios controlados polas grandes empresas, con apoios internos como é o caso agora de Podemos. Errejón e outros, cumpren o papel que en determinado momento cumpriron Almeida, Sartorius, Guerreiro e outros actores, que xogaron a crebar a organización e aliáronse ca “cloaca común” que era aquel Psoe.

O Psoe “volve ó redil do réxime” do que nunca saíu, e a pesares de todas as declaracións que estes días escoitamos, aínda co risco de trabucarme, o poder non vería con moi malos ollos, que a saída das eleccións de abril fora un pacto Psoe-Ciudadanos que lles permitira formar Goberno, con algúns outros apoios de sectores minoritarios. Xa levaron adiante un, cando Ciudadanos “nunca ía apoiar a Rajoy”, ó que cualificaron de progresista. Supoño que agás o PP, as demais forzas políticas teñen que sentirse incómodas pactando con Vox. Aínda que ó mellor tamén trabúcome nesta afirmación.

En Galicia no mes de marzo de 2019.


No hay comentarios:

Publicar un comentario