A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 27 de febrero de 2019

UNHA PANTASMA PERCORRE O MUNDO, A "UBERIZACIÓN"...

Roberto Laxe
Ou así o pensan todos os impresionistas do Estado Español (e non só), que son lexión, que confunden relacións sociais coas súas formas xurídicas; e crense cos ollos pechados a bobada esa de que cambiando un nome cámbiase a forma de explotación e o sistema no que apoiase.
As teorías pos modernas

O modelo económico de explotación capitalista xurdido das cinzas da II Guerra comezou a dar síntomas de crises nos anos 60, manifestado no crack do 67 e sobre todo na chamada crise do petróleo dos 70. Unha crise económica tan profunda ten inevitablemente consecuencias sociais; e nese cadro estalaron o maio do 68, o outubro vermello do 69 en Italia, e todas as revolucións que se deron nos 70 (Vietnam, Chile, Portugal, Irán, Nicaragua,...), ademais da caída de ditaduras emblemáticas como a do Estado Español ou Grecia. O terremoto político económico levou por diante, primeiro a De Gaulle e despois ao presidente Nixon.
O modelo produtivo post II Guerra, o Estado do Benestar, era unha mestura de conquistas obreiras e concesións burguesas, que se caracterizaba por unha gran estabilidade no emprego e nuns servizos sociais igualitarios, xunto cunha política fiscal progresista. Este trípode conferíalle unha gran estabilidade ao sistema. As sacudidas do crack do 67 e a posterior crise do petróleo demostraron que ?nada dura para sempre?, e menos a estabilidade burguesa. Máis tarde ou cedo as crises axexan e estalan.
Os despedimentos e os peches de empresas comezaron a ser a norma en todos os países imperialistas, nos EEUU, en Gran Bretaña, en Francia, en Alemaña, en Italia, en Estado Español,... até chegar aos chamados “cintos do óxido”, só tapados hoxe por museos do aceiro, da minería ou do que se queira. Cidades outrora industriais como Detroit, Pittsburg, Sheffield, Lille, Bilbao, Gijon, Ferrol, ... ou a conca do Rhur, son pantasmas dese pasado obreiro.
As deslocalizacións comezáronse a suceder; montáronse maquilas en media América Latina. China, e despois toda Asia, convertéronse na fábrica do mundo... A clase obreira europea e norteamericana comezaron a perder peso social na economía capitalista, e con el retrocederon politicamente. Nos anos 60, premonitoriamente a este proceso, en Francia xurdiu unha corrente do pensamento ao redor dos chamados “novos filósofos”, Andre Glucksmann, Alain Touriane ou Bernard Henri Levy, que comezaron a teorizar a “sociedade post industrial”, “o adeus ao proletariado”.
Estas teorías engarzaron perfectamente co neoliberalismo que nos 70 e 80 comezou a hexemonizar o pensamento, non só da dereita, de onde procedían, senón de toda a esquerda, desde a vella socialdemocracia até amplos sectores do marxismo entraron polo aro do “adeus ao proletariado”. A clase obreira como suxeito social ía desaparecendo do horizonte da transformación social, e o empoderamiento individualista que a pos modernidade fomentaba, como versión “progresista” do neoliberalismo, comezou a substituír á visión colectiva, socializadora, da clase obreira a todos os niveis; desde o mundo do traballo até a familia, que volve ser no ideario pos moderno o que era para a igrexa católica, a célula básica da sociedade.
A restauración do capitalismo nos estados “obreiros” veu a certificar ese “adeus ao proletariado”, e Fukuyama escribiu o epitafio: “o fin da historia”. Os medios de comunicación puxéronse á tarefa de “matar o socialismo”, como cume do desclasamiento da sociedade comezada nos anos 60 polos “novos filósofos”. A chamada “uberización” das relacións laborais é o último fito desta corrente de pensamento.
A última fase do desclasamiento social
Desde que nos 60 dixésese “adeus ao proletariado”, a cada cambio na forma xurídica das relacións sociais de produción, púxoselle un nome. Foron as ETTs, o precariado, o “sector servizos” fronte á industria, onde se encadraban a traballadores / as que non son de servizos; foron as “multitudes” de Negri,... e agora a “uberización” da economía.
Todas estas teorías teñen dous fallos fundamentais ao servizo das políticas interclasistas de “radicalización da democracia”. Un, esquecen que o Estado do Benestar, e a estabilidade no traballo (así como as conquistas sociais que levan aparelladas), son unha excepcionalidade histórica e xeográfica. O Estado do Benestar é un fenómeno xurdido da gran devastación social que foi a IIª Guerra; antes non existía, e é fundamentalmente europeo. Antes desa destrución masiva de forzas produtivas (millóns de seres humanos mortos) todo era “uberización” da economía, só que a praza do pobo real onde o patrón contrataba, era a “praza do virtual” actual da aplicación informática pola que contrata. A “uberización” actual é o fin do camiño comezado nos anos 70/80 polo neoliberalismo, de destrución das conquistas obreiras e sociais da Post guerra.
Dous, confunden o cambio na forma xurídica das relacións sociais, co contido mesmo desa relación. Chámeselle como se lle chame, precariado, sector servizos, ETTs, “multitudes”, “uberización”,... o fondo segue sendo o mesmo, a maioría da poboación activa a nivel mundial (o 70% segundo a OIT) venden a súa forza a súa forza de traballo por un salario, a súa mercadoría é a súa capacidade de producir. Non venden o produto da súa forza de traballo por un prezo, é dicir unha mercancia, sexa un produto de artesania, sexa un ?carreira? de taxi, sexa o servizo dun avogado.
Esta diferenza é cualitativa posto que modifica os obxectivos e as esixencias dun e outro sector. Na súa loita pola cota de mercado, “os autónomos -non os falsos autónomos- teñen como reivindicacións as mesmas que calquera outro burgués (grande ou pequeno), reducir os custos de produción das mercadorías que, no seu caso e polo escaso papel que o traballo asalariado cumpre nos seus beneficios (en moitas ocasións o individuo autónomo traballa máis que ninguén), adoita traducirse na esixencia do abaratamento de mercadorías dominadas de forma monopolística por grandes consorcios ou nunha redución dos custos financeiros dos préstamos (baixadas de tipos de interese, créditos brandos, redución das cargas fiscais), que provoca choques cos gobernos e os consorcios” (A Alargada Sombra de Seattle, 2001, R. Laxe, Rebelión).
Antes de que as teorías pos modernas desclasaran á sociedade, a alianza entre a clase asalariada e os pequenos empresarios existía; todas as revolucións desde a de Outubro fanse baixo esta alianza entre os obreiros e obreiras con sectores pobres da sociedade, campesiños centralmente. Pero a diferenza de clase estaba clara; era unha alianza entre dúas clases que se recoñecían como tales. De feito, en ocasións esta alianza rompía con efectos nefastos para a revolución, posto que os sectores pobres, pequeno burgueses da sociedade, non teñen un proxecto social propio, ou apoian á clase obreira (á que en moitas ocasións desprezan) no camiño da liberación social, ou se converten na man de obra do capital (ao que odian) contra a clase obreira, sendo a base social do fascismo.
A consecuencia do desclasamiento brutal que a sociedade sufriu todos estes anos, atraso ao que colaboraron, e colaboran a intelectualidade que se autocalifica de marxista, o que era unha alianza consciente de clases sociais (clase obreira e pequena burguesa, autónomos, etc.), hoxe é un batiburrillo social informe, onde baixo o rótulo de “traballadores” inclúense a todos os que “traballan”. Desta maneira, calquera pequeno empresario que traballa, que saca adiante a súa empresa, aínda que non teña asalariados / as, ... considéraselle parte da “clase traballadora”. Os únicos que non o son, os especuladores, os grandes banqueiros, os grandes empresarios... a “oligarquía”. Un vello concepto que permitiu as políticas interclasistas ao longo de decenios: contra a “oligarquía” unidade anti oligárquica, que vén ser a tradución dentro dun estado da interclasista “unidade antiimperialista”.
A burguesía, sexa pequena, grande ou mediana, deixa de ser unha clase que se basea na propiedade privada dos medios de produción, distribución e financeiros (ou os seus xestores), para transformarse en dúas clases, unha a oligarquía, que é o inimigo de toda a sociedade, e os demais, asimilados aos e as asalariadas.
En conclusión
As consecuencias políticas desta teoría son máis que obvias; ao disolver as fronteiras de clase entre os asalariados / as e a pequena e mediana burguesía, considerándoos a todos “traballadores” fronte á gran oligarquía, disólvense as reivindicacións dos asalariados / as fronte aos seus patróns. Da mesma maneira que nunha fronte popular son os representantes da pequena burguesía os que impiden que a clase obreira poña á fronte as súas propias reivindicacións, ao servizo da “unidade” e a “transversalidade”, cando a clase obreira disólvese nese concepto abstracto de “traballadores” as súas reivindicacións desaparecen. Como na loita contra a “oligarquía” vaise a pensar en salarios ou xornada laboral, cando o que hai que defender, primeiro, é a empresa, o seu mercado que é o seu futuro?
Como o poder de despedir dun pequeno empresario é tan real como o do grande, está claro que os asalariados / as da pequena e mediana empresa non se van a enfrontar a eles, e se engarza coa ideoloxía dominante burguesa, na que se apoia ese pequeno empresario; a hexemonía nun movemento “transversal” (interclasista en termos marxistas) vai estar en mans das organizacións de pequeno burguesas (chamadas “sindicais”, pero en realidade patronais), onde propostas de colectivización da terra (gandeiros), de nacionalización de servizos públicos (transporte), etc., sóanlles a “comunismo”; e eles se algo non son, é “comunistas”.
O concepto de “uberización” hai que rexeitalo pois só vén botar máis leña ao lume do desclasamiento social. Só rompendo con el, a clase obreira poderá establecer alianzas con outras clases, ou sectores delas, sen rebaixar nadiña de nada as súas reivindicacións e alternativas sociais independentes. Calquera outra perspectiva convérteas en man de obra dunha desas fraccións do capitalismo, sexa a súa versión pequena, mediana ou grande. A visión de clase de calquera conflito social é incompatible co batiburrillo teórico introducido pola pos modernidade e o pos marxismo.

En Galiza no mes de febreiro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario