A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 27 de enero de 2019

GALICIA NECESITA UN CAMBIO URXENTE DE RUMBO. CONTA COS INSTRUMENTOS PARA LEVALO A CABO?



Carlos Dafonte.

            Hai uns anos, no pleno desenvolvemento da crise cíclica do capitalismo, aceptamos unha expresión que Beiras verbalizou, que indicaba unha situación da que os sectores da esquerda galega éramos conscientes dende antes do inicio da mesma: “Galicia atópase nunha situación de emerxencia económica -social” e como resultado desa diagnose, e conscientes importantes sectores d@s traballador@s galeg@s da necesidade de avanzar artellouse  unha alianza entre sectores da esquerda non nacionalista e nacionalistas de esquerda, que se formalizou na Alianza Galega de Esquerdas (AGE).
Ben pola razón de que se cavilara máis na hexemonía electoral que na social, o medo a determinadas críticas, ou outro tipo de razóns, AGE ficou como un grupo parlamentar e no deu o paso seguinte, constituírse nun movemento político, social e cultural organizado, e cando en Galicia se deron os pasos para facelo, En Marea, o éxito electoral tanto en Galicia como nas eleccións a Cortes foron importantes. Pero o pensamento pequeno burgués, moi hexemónico na nova organización, paralizou e rachou co que puido ser e non foi.
           

A Galicia real pouco ten que ver ca que Feijoo e o PP nos queren “vender”
A realidade socioeconómica de Galicia se ten agravado nestes anos, non só pola persistencia dunha crise que se fai cargar sobre as costas dos territorios dependentes do centro capitalista, tamén sobre @s traballador@s, e por non se ter dado toda unha serie de pasos, creación dunha banca pública por exemplo, pero sobre todo pola persistencia do votante galego de seguir confiando no PP, un partido corrupto, así o dixeron os tribunais, que ademais aplica unhas políticas económicas e sociais, onde ten transferidas as competencias, que só tentan beneficiar ó capital.
Os datos do Consello Económico e Social, que fixo público hai un tempo amosan que a situación de emerxencia da que falábamos, segue a agravarse por moitos intentos que a Xunta, o PP e determinados medios de comunicación, afirmen o contrario.
Por exemplo, a industria manufactureira que a comezo da crise representaba o  15 % do PIB galego, hoxe atópase por baixo do 13 % e varios centos de empresas galegas instaláronse no norte de Portugal, sen que a Xunta e o partido que a sostén, amose preocupación algunha sobre o tema.
Respecto @s traballador@s, no primeiro trimestre do ano 2008, Galicia contaba con 1.187.640 que tiñan contrato de 8 horas  e hoxe só 994.016 contan con ese tipo de contrato.
A construción perdeu neste tempo máis de 75.000 postos de traballo e só 3 actividades contan hoxe con máis man de obra empregada  que en 2008, a que depende das administracións públicas, as artísticas e recreativas e o sector da comunicacións.
Servizos fundamentais como son Sanidade, cux@s traballador@s atópanse constantemente levando a cabo mobilizacións na defensa dun servizo público e de calidade, e da cidadanía que o utilizan fronte as políticas de degradación da Xunta e o Ensino cuxa degradación e constante, por exemplo os contratados non cobran nas vacacións, como si estes períodos non foran fundamentais para organiza-lo traballo que esta por vir.
Seguimos a ter as pensións e salarios máis baixos do Estado, e un paro xuvenil dos máis elevados do Estado, o que non permite ademais da falla de postos de traballo, facer un proxecto de vida para moit@s mozas e mozos o que obrigou a máis de 60.000 a abandonar Galicia neste anos; cuestión que se reflicte na EPA.
Dende o 2008 en Galicia so recuperaron 2 de cada 10 postos de traballo perdidos pola crise; de seguir a este ritmo necesitaríamos 12 anos para recuperalos, pero os vaticinios para os próximos anos non son bos para @s traballador@s, as principais economías do planeta é posible que volvan entrar en recesión.
O saldo vexetativo no 2017 foi negativo en 13.522 persoas, e levamos unha serie moi prolongada de perdas anuais que a calquera goberno debíalle preocupar e tomar medidas efectivas para frea la sangría.
Banca e compañías de seguros perderon preto de 10.000 postos de traballo, neste período e por poñer outro exemplo no último ano perdéronse 470 explotacións gandeiras, o que vai repercutir na desertización dunha parte de Galicia; hoxe quedan 7.700 explotacións en toda Galicia.
A nivel de transporte seguimos como no 2008, pensando exclusivamente no AVE, como salvador, un transporte que non vai articula-lo territorio galego, que vai competir cos tres aeroportos, dous deles moi deficitarios, pero que serve de cortina de fume e esquecer a electrificación do que xa temos, a dobre vía e o tendido de novas liñas que permitan articula-lo territorio, o transporte de mercadorías con maior eficiencia, e comunica-lo interior das provincias máis desertizadas cos nos con máis pulo económico.

A crise tamén é política.
O Goberno do PP, é un goberno acabado, amortizado, sen ideas para tentar sacar a Galicia, dende as súas perspectivas neoliberais, das dificultades nas que se atopan os seus principais sectores produtivos, servizos fundamentais  e a maioría dos seus traballador@s.
A crise do PP é unha crise de goberno, da súa incapacidade de liderado como goberno, para presentar un programa claro e crear a ilusión na xente de que se pode saír dalgún xeito desta crise, cuestión por outra banda imposible dende o neoliberalismo, polo que atópase máis interesado en falar de Cataluña ou esconderse do xiro neofranquista que o PP a nivel de Estado esta a dar, liderado por Aznar, que utiliza como voceiro a “un tal Casado” que se confesa admirador de Reagan. Recomendo se estuden os numerosos traballos sobre a situación económica na que deixou Reagan ós EEUU, e a maioría dos seus traballador@s, despois de oito anos de mandato.
Pero tamén hai unha fonda crise na oposición, dende o primeiro ata o último dos partidos presentes no Parlamento Galego.
Admitindo que podo estar trabucado, en ningún deles atopo un proxecto de país para esta situación de crise, comezando porque ningún se atreve a falar da Unión Europea e a ter unha posición sobre a mesma como non sexan as xeneralidades de sempre, “hai que facer unha U.E. máis social” ou “debemos construír unha Europa dos traballadores” pero sen dicir que facemos con esta Europa da oligarquía, como nos enfrontamos a ela e as medidas que a cotío emanan das súas estruturas, como si as estruturas burguesas que serven intereses burgueses, se puideran cambiar traballando dende dentro das mesmas.
Cun Psoe ensimesmado nos seus problemas internos, en primeiro lugar pola crise que abre a vitoria de Sánchez nas primarias, aínda non pechada se analizamos ben os apoios que cada un dos candidatos tivo naqueles momentos, ata a derrota e a perda de Andalucía após de máis de tres décadas dun goberno decepcionante, ou a “sublevación”, resposta cun certo cabreo de baróns importantes que gobernan autonomías, diante do pacto, cuxo cumprimento é dubidoso, con Podemos, consideran lles pode restar votos, a causa da campaña que hai contra esta organización a todos os niveis e polo tanto, facer perde-los seus postos nas próximas eleccións autonómicas. En Galicia teño a impresión que o liderado do actual secretario xeral, non esta consolidado o que tamén é un elemento a ter en conta.
Por outra banda vexo o BNG completamente descolocado após do “procés” en Cataluña, e atoparse ca crúa realidade de que falar de soberanía para Galicia, desvinculada da loita de todas as nacións sen estado e pobos que compoñen o actual Estado, é ilusorio; o estado burgués ten os suficientes instrumentos para paralizar un proceso como o de Cataluña, sen non conta ca solidariedade do resto, da mobilización solidaria d@s traballador@s de todo o estado. É dicir levar ó limite a loita de clases e impor nun proceso constituínte, o dereito de autodeterminación, o que significa falando claro, poñer fin a este réxime. E o BNG nesta nova circunstancia, supoño vai preferir abandonar parte dos seus principios e apostar por ser un “conseguidor”, estratexia que se viu cos gobernos de Rodríguez Zapatero non levou a ningures; apoiaron ata Orzamentos Xerais cun marcado carácter antisocial pero @s traballadores galegos non obtiveron beneficio algún. Polo tanto coido se atopa nunha calexa sen saída. Hoxe Galicia dentro do campo do nacionalismo necesita a persoas co pensamento de Castelao, Antón Villar Ponte ou Suárez Picallo, que foron capaces de pactar con forzas en certa medida afastadas do seu pensamento, para acada-lo obxectivo común, declara-la república e defendela despois.
Estes días Villares, voceiro parlamentar e líder de En Marea, formula constantemente, diante da crise na que sumiu pola súa ineptitude á organización, que existe unha dicotomía entre o seu proxecto que e o de todas e todos, e os proxectos dos partidos, acercándose perigosamente a un discurso contra estes, que non benefician en absoluto os cambios necesarios nas estruturas en Galicia  do réxime.
En Marea comezou ben, en decembro de 2016 aprobouse que era un movemento político social, de afiliación individual, onde cada afiliado era un voto, e por ser movemento, non unha alianza de partidos, estes non tiñan ningún tipo de influenza como non fora a traveso daqueles afiliados que quixeran participar en En Marea. Pero axiña converten este movemento que creou unha grande expectativa nun “partido instrumental” e a converten nun verdadeiro instrumento de control dunha camarilla, que non tenta organiza-la afiliación, por comarcas, con comités, onde se discuta de política e o que permite ter un constante contacto ca poboación; desaproveitando estrutura-la afiliación parece querer converter este instrumento nun partido municipalista que só se alimente de candidaturas municipais que se teñan presentado nas pasadas eleccións.
Só con iso non se esta a xoga-lo papel que se debe ter neste momento político como primeiro partido da oposición, tentar gaña-la hexemonía social aparecendo como unha estrutura política a favor da quebra co réxime, republicana, federalista, cun programa claro alternativo ó programa neoliberal e polo tanto cunha posición nidia fronte a UE e o euro, sen que por iso esquezas as necesidades d@s traballador@s galegos e outras clases golpeadas pola crise; é dicir loitar polas reformas necesarias, que nunca se conseguirán sen mobilización, cuestión moi importante, tanto para acadalas como para ir creando a idea da necesidade do cambio, non só no Parlamento e na Xunta, tamén nas caducas estruturas deste réxime. E para xogar ese papel necesítase organización.
En conclusión, un partido, o PP e un goberno da Xunta paralizados, sen ideas, como o amosa que despois de sete anos do PP  no Goberno do Estado sen reclamar ningunha competencia, agora as reclame, e que so a incapacidade da oposición, dende a primeira ata a última das organizacións presentes no Parlamento galego, van permitir que ese partido cheo de casos de corrupción, teña posibilidades de seguir dominando as institucións galegas.

En Galicia no mes de xaneiro de 2019.



No hay comentarios:

Publicar un comentario