A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 12 de noviembre de 2019

PANORAMA POLÍTICO DESPOIS DAS ELECCIÓNS DO 10 DE NOVEMBRO. QUE FACER?.


Carlos Dafonte

(Rematei estas reflexións onte a noite; hoxe ás dúas da tarde Psoe e U.P, presentan o que pode ser un futuro goberno de coalición; aínda que poda parecer que non debía publicalas en Alternativa, coido que para @s que están a seguir os nosos razoamentos, pódenlles servir.)

Os resultados electorais producidos onte, é necesario explicalos desde a perspectiva da derrota histórica da esquerda acontecida hai 30 anos, estes días o capital a celebra e a lembra; derrota que significou a restauración do capitalismo en numerosos países onde a burguesía fora expropiada. Derrota nos países onde dicían avanzar cara ó socialismo, pero tamén derrota non só ideolóxica, moi importante nos países capitalistas, que permitiu situar ás forzas de esquerda fora de xogo, tamén no campo electoral. E cando na perspectiva do pensamento transformador, desde a teoría da praxe que dicía Gramsci, se fala de derrota histórica, se quere dicir que é o tipo de derrota a causa da cal toda unha xeración deixa de considerar que poda cambia-la súa vida a traveso da mobilización social. O que pode explicar que as campañas electorais se produzan nun clima de tranquilidade social e so onde a mobilización se leva a cabo, caso de Cataluña, onde a loita pola República e a independencia considérase un obxectivo posible, ou no País Vasco onde estes obxectivos atópanse latentes, os resultados se poden considerar fora do establecido para o resto do Estado.
Son varios os elementos que habería que considerar despois dos resultados electorais:


Primeiro. Amosan a grande equivocación do Psoe convocando novas eleccións, despois de negarse a acordo algún para chegar a un goberno ca presencia de Unidas Podemos. Como expresei nun anterior artigo, pensou cun sentido oportunista que ca sentencia do Supremo podería gañar algúns milleiros de votos e subir o número de representantes nas Cortes; as cifras din que fracasou estrepitosamente. Conseguiu outro obxectivo, desgastar ó que consideraba o seu “socio preferente”, potenciando a Más País, pero sen decatarse do que verdadeiramente podía acontecer, que non so perdeu o Psoe votos e deputados e senadores, senón que conseguiu que o Congreso apareza máis fraccionado que nunca e perder a maioría absoluta no Senado. Verdadeiramente un desastre electoral, aínda que sexa o partido máis votado e o que máis escanos acade.
Segundo, atopándose a economía en franca desaceleración e ca posibilidade real de entrar nunha nova crise, e importante calibrar aquelas forzas que estarían dispostas a aceptar as medidas emanadas do cartel da troika e hai que subliñar que unha enorme maioría dos escanos tanto do Congreso como do Senado, estarían dispostas a dar outra “volta de parafusa”, para de cumprirse o agoiro, tomar medidas moi radicais contra os dereitos d@s traballador@s, xubilad@s ou non, e funcionari@s, e dicir a aplica-la receita neoliberal; e si hai que rescatar de novo os bancos, aínda que non teñan pagado a débeda anterior ca sociedade, se lles rescata.
Terceiro. O avance do nacionalismo e do rexionalismo; senón me trabuco 36 votos soberanistas e 4 rexionalistas. Datos que poden, no caso de Cataluña, cun panorama electoral posiblemente moi próximo, dificultar os posibles apoios á investidura do candidato do Psoe. En calquera caso o nacionalismo non deixa de contar na vida política estatal, ó contrario, ten maior peso na mesma a non ser que se vaia o que se denomina “grande coalición”, e dicir o pacto entre o Psoe e o Pp.
Cuarto. A consolidación do neofranquismo que avanza dun xeito moi importante, presumiblemente restándolle votos a Ciudadanos. Que causas permiten este avance? Destacaría o avance do pensamento reaccionario a todos os niveis, a irresponsabilidade do Pp e Ciudadanos buscando o apoio de Vox para constituír gobernos nas Comunidades Autónomas e Axuntamentos e o tema de Cataluña, que desde Psoe e Pp non fixeron nada en absoluto, cando o podían facer, para abrir un diálogo cos partidos e institucións autonómicas do país; todo o fiaron a facer “pasar polo aro” a unha parte importante do pobo de Cataluña, a inexistencia dun referendo non permite coñecer cal é a proporción, pero os votos do día 10 indican que moi alta, o que permitiu que Vox fixera un discurso máis “tremendista” que a dereita, sobre a unidade da patria, que callou nunha parte importante do electorado.
E salientable o grande avance de Vox en Murcia, Andalucía, Madrid e Castela e León, lugares onde sosteñen ós gobernos do Pp e Ciudadanos. Nestas comunidades os segundo sofren importantes retrocesos. Os resultados nestas catro indican a grave responsabilidade de Pp e C's por darlle a Vox, para conseguir réditos políticos, a capacidade de transformarse de ser un partido neofranquista co que iso implica, nun partido máis do espectro político. Supoño que agora algunha xente comprenderá o chamado “cordón sanitario” que se utiliza en Europa para evitar, co consenso do resto dos partidos, que os que predican a mesmo discurso de Vox, que aparezan como “un máis” do arco parlamentar.
Hai un elemento que gostaríame destacar dentro do discurso dos neofranquistas, que é o de recupera-la soberanía; neste aspecto se comportaron na campaña como a “derechita cobarde” que eles denuncian; non se atreveron como fan os seus correligionarios por Europa a formular con claridade a saída da UE e o euro; cecais por medo a que os acusaran de coincidir ca extrema esquerda, ou a perder apoios económicos e mediáticos, pero é un elemento perigoso e que nutre o celeiro de votos de moitos partidos como o de Le Pen. @s traballador@s sobre todo en tempos de crise, da U.E só reciben políticas de austeridade e a construción da actual UE faise ó servizo dunha oligarquía e do imperialismo, de costas ós intereses dos pobos e d@s traballador@s. Que os grupos de esquerda non formulen este tema desde a súa perspectiva, que nada ten que ver ca perspectiva da extrema dereita, deixa un flanco aberto para que moitos traballadores se sintan representados por organizacións como Vox.

Que facer? Cal debe se-lo camiño nas circunstancias actuais para unha forza de esquerdas.
Desde o primeiro momento debo dicir que podo estar trabucado en todo o que a continuación vou expor. Creo que hai que rachar cos argumentos que establecen a priori que “o país” necesita un goberno estable e baseándose neste argumento, queren que se leven a cabo pactos que en certo sentido son de moi difícil concreción.
Pero antes quero deixar claro que a eso que se chama “país”, está constituído por intereses múltiples e polo tanto non hai unha política, no caso da economía, que satisfaga e beneficie a todos os intereses que se atopan en xogo. Son antagónicos os intereses das empresas multinacionais que os de simples traballadores que reciben un salario pouco maior do salario mínimo, e xa non digamos cos que se atopan parados, que son de longa duración e onde a maioría dos membros da familia non traballa; no caso dos empresarios un exército de reserva moi importante é beneficioso, no de quen forma parte do mesmo moi perxudicial.
Polo tanto hai que ser moi críticos con esa postura moi demagóxica de que a “clase política” non pode seguir defraudando ós electores e debe chegar a acordos. En primeiro lugar os políticos non configuran unha clase e si cumpren co seu papel, deben defende-los intereses de quen lles vota de acordo co programa e si unha organización di que hai que loitar contra o fraude fiscal, subir os impostos ós máis ricos, que son os que non sufriron a crise, loitar contra os paraísos fiscais e esixi--la devolución dos cartos prestados ós bancos, para con eses cartos levar adiante políticas sociais que beneficien á maioría e si dí que hai que abarata-los alugueres, etc, non pode pactar cun partido que vai face-lo contrario.
Polo tanto a saída deste bloqueo político, si o que se quere é estabilidade por catro anos, debe levarse a cabo entre os que pensan igual, e pensan a favor do que establece o “cartel da troika”; é dicir no caso que nos ocupa un pacto entre Psoe, Pp e C's, que coinciden na súa maioría nas receita económicas para tempos de crise e como amosaron nestes corenta anos de “democracia limitada”, si limitada pola razón de non terse producido ruptura plena co réxime franquista, as políticas económicas que levaron adiante e as outras tamén, cando se produciu a quenda no goberno e con maiorías nas Cortes, nunca deixaron sen efecto o aprobado polo anterior partido.
E un partido ou organización política de esquerdas, si hai algún no estado español despois da derrota histórica da que falaba ó principio, non debe entrar en pactos que, en tempos moi difíciles a nivel económico, non lle van a permitir levar a diante, non xa unha política revolucionaria, senón nin unha política minimamente reformista, e o seu labor debe ser a de preparar o programa da alternativa ó sistema político e ó réxime, iniciando unha presenza activa na rúa, explicando a complexidade da situación, agrupando forzas a redor do programa alternativo, recuperando militantes e espazos de compromiso, sendo conscientes que se vai a enfrontar a toda a maquinaria da oligarquía financeira e combater tamén a moit@s que sen pertencer, nin ter intereses comúns con ela, se deixan gañar polos instrumentos ideolóxicos da mesma.

En Galicia no mes de novembro de 2019


No hay comentarios:

Publicar un comentario